O quinto día, cansos, decidimos baixar o ritmo e adicar a mañá a explorar a zona de Monastiraki á procura do correo; despois, visitar algún monumento, talvez unha igrexa bizantina, e facer as compras. No meu caso, este asunto era bastante sinxelo mercé a aquela lexendaria tacañaría dos Kaplan que me permite voltar sen sobrepeso na bagaxe e coa honra sempre a salvo.
Hai moitos anos que non traio recordos nin agasallos das miñas viaxes, como non sexa á miña filla, á miña sobriña ou, naturalmente, a min mesmo.
Nin sequera a Polis, que sempre se lembra de me traer algo.
Teddy, por contra, devecía por comprar agasallos, principalmente a Deni, a quen por forza debe querer moito xa que non houbo día que non o chamase ou lle mandase algunha mensaxe, algún postal, algunha foto vía móbil de si mesmo ou de nós os dous, como para que Deni comprobase o fraternal da nosa amizade e que, efectivamente, no noso cuarto de hotel reinaba unha castidade case monacal.
Nikos recomendáranos a véspera visitar certo museo de cerámica popular que hai xunto ás ruínas da Biblioteca de Hadriano, na mesma praza de Monastiraki onde campan os vendedores de froita, camisolas e gorros; o museo non ten máis interese que albergar nunha antiga mesquita cuberta por unha cúpula, que conserva intactos o mihrab e algunha decoración islámica.
Como resulta que os camiños do Señor son inescrutables, a nosa procura desesperada dunha estafeta acabou levándonos a visitar dúas preciosas igrexiñas bizantinas: primeiro a de Panagia Kapnikarea, en plena rúa Ermou, e despois de xantar, xunto á catedral ortodoxa na que non entramos, a vella catedral medieval, a Mikrí Mitropolí.
4 comentarios:
Haber, osea, que nada de sexo. Una lástima la castidad en Atenas.
Ó final o mellor é o que non estaba previsto...
Feliz noso día.
Menos mal que baixaron o ritmo.
Polo menos comer comeron (comida de comer, digo, pero non sei se me explico).
Ás veces está ben perderse, dentro duns límites...
Publicar un comentario