venres, 31 de xullo de 2009

Ecuador

Esa noite non vimos a Nikos, pero Teddy desde a habitación do hotel falou con el durante horas, permítaseme a hipérbole, mentres eu me duchaba e me vestía, reorganizaba a roupa na maleta, descargaba as fotos da cámara ao pendrive, entraba clandestinamente neste blogue co pretexto de mirar as noticias e o correo, facía zapping polas cadeas da televisión, retomaba a lectura de Millenium e por último, vestido e aínda así deitado sobre os cobertores, adormecía baixo a novela e o ruxerruxe da BBC e a conversación inacabable.
As veces que abrín os ollos Teddy movíase polo cuarto todo o que o cabo do teléfono lle permitía, ás veces deténdose a falar co mando da tele ou o desodorante na man.
Cando acordei Teddy aínda estaba alí, xa vestido, preguntándome que facíamos.
Sobre o mantel de cadros do búlgaro da rúa Nikiforou, un local algo menos que restaurante onde xa ceáramos outra noite, á entrada dunha rúa escura próxima ao hotel, diante dunhas frías cervexas tracias e uns pratos de kebab, french chips e salchichas nacionais, organizamos os tres días que restaban.
É curioso como se asume que o tempo non dá de si, e que todos aqueles proxectos irrenunciables cando empezamos a viaxe certamente non se van realizar, polo menos nesta ocasión: adeus a Meteora cos seus mosteiros e paisaxes, adeus ao lindo e pintoresco Mikrolímano, ao canal de Corinto, a Micenas co seu círculo de tumbas, adeus a Olimpia e Epidauro, e adeus até a algunhas outras visitas irrenunciables na propia Atenas.
Para o día seguinte Teddy e eu programamos a visita a Kerameikos, na Cidade; para Mércores a visita a Delfos; e finalmente a escapada ao cabo Sunion, única con vistas ao mar, quedou marcada para o Xoves.
Volvendo para o hotel, cansos e pode que un pouco tocados pola cervexa macedonia, tamén acordamos facerlle a Nikos un agasallo, que ben o merecía.

3 comentarios:

mariajesusparadela dixo...

Mire que ir ver mundo e poñerse a durmir...debía andar ben canso.

peke dixo...

Con ese tipo de comida, que tal vai a liña?

Sun Iou Miou dixo...

Que sensación esa de que sempre queda algo por ver, algo por facer, algo por apalpar... ser insaciable o noso... para ben, diso estou convencida.