Do recén inaugurado Museo da Acrópole que Teddy e eu visitamos pola tarde direi que é inmenso, espectacular e suntuoso.
Algunha vez, sen embargo, disque a alfaia desmerece e perde valor se o estoxo é demasiado caro ou elegante ou requintado.
Pode que sexa o caso.
Paréceme lembrar o vello edificio de arriba coma un almacén no que o visitante paseaba abafado entre figuras amoreadas, sen luz natural nin espazo; aquí dá a impresión de os visitantes atenderen máis ao edificio e outros xogos que ás pezas que lles saen ao paso nas salas e corredores interminables, e entre as que destaca, máis que as cinco cariátides orixinais, o espazo reservado á sexta; máis que os anacos do friso de Fidias, os reivindicativos vaciados dos mármores de Elgin; máis que os restos conservados no adro de acceso, o chan de cristal que os cobre en parte, mollado tras a trevoada, polo que camiñamos con cautela.
Ao entrar informáronnos de que o billete custa un euro, disque até finais de ano, e de que non se poden tirar fotos de ningún xeito salvo na terraza e no terceiro andar, o dos mármores do Partenón ou o que resta deles..
Cando despois o comentamos, a Nikos pareceulle esta restrición un simple marketing.
Reconstrución do frontón, co friso ao fondo; disque as pezas máis claras son en realidade vaciados dos orixinais conservados noutros museos fóra de Grecia.
Advertencia: dicir que as de enriba parecen fotos dunha carnicería ou relacionalas con Jack the Ripper, como eu fixen, pode ser considerado blasfemia.
Disque tamén nos seráns luminosos, a silueta do Partenón e a Acrópole se reflicte nas vidreiras do Museo como nun inmenso espello. Foi imposible comprobalo nun serán morriñento e de chumbo coma este.
2 comentarios:
¡Cómo me gustou ver mundo con vostede, despois de unha mañá de traballo agotadora!
Agora, que está de vacacións ¿Por qué non ven xantar conmigo un día?
Ten que me avisar con dous días, para que axuste as miñas actividades e prepare un xantar digno de vostede (supoño que será carnívoro, porque a carne é o que mellor preparo).E, se o fai, non traiga viño: teño eu un que llevanta a paletilla...
Vai haber que blasfemar, logo con vostede. Non sei por que, malia o traballo atrasado que me agarda para lelo, teño a sensación (para ben) de que me vai aforrar unha viaxe a Grecia, ou quizá non, quen sabe? Nos museos pódese entrar con moto?
Publicar un comentario