Amosando publicacións coa etiqueta Meteoroloxía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Meteoroloxía. Amosar todas as publicacións

xoves, 2 de decembro de 2010

Neve

Como no conto do pastoriño e o lobo, despois de tantos anuncios porfín chegou a neve; cando onte me fun para a cama,  unha néboa londinense amortallaba a cidade e un post irónico sobre a falta de tino dos meteorólogos esperaba ser terminado pola tarde.
Cando me erguín esta mañá a neve refulxía ao sol, fermosamente, e o móbil esquecido no coche gardaba dúas mensaxes que lin por casualidade moito despois, co motor xa aceso e o portón do garaxe aberto para saír.
Por mor da nevarada, o director suspendía hoxe  as clases no meu instituto; polo mesmo motivo, a outra mensaxe indicaba que as eleccións sindicais se retrasaban unha semana.
Estou seguro de que o meu corazón ten acollido gozos moito maiores, pero teñan por seguro que o que sentín naquel momento, sentado diante do volante e co móbil aínda iluminado na man e a carpeta repleta de exames sen corrixir no asento do copiloto, merece sen dúbida un lugar de honra na relación de momentos sublimes da miña vida. Á espera do día que me poña coas memorias, fago constar aquí hoxe que os exames ficaron onde estaban, que deixei o coche ipso facto, e que a correr fun arriba pola cámara e ao rocho polas botas.
E é que Mouse Park, xélido na mañá xélida e vestido de branco coma unha noiva antiga e morta, estaba a agardar un fotógrafo.


domingo, 28 de febreiro de 2010

Eufemismos

Déixenme comezar dicindo que son consciente de que nunca hai unha cicloxénese explosiva a gosto de todos. A de onte a min indignoume particularmente porque, en vez de pasar o fin de semana con Calmo en Delfos, seguín civicamente as instrucións da Autoridade e pasei un Sábado practicamente monacal, dedicado a preparar aulas, ler, reenviar e-mails chorras e ver series na tele, para nada.
De cando en vez, estomballado no sofá, parecíame sentir fóra o fragor da tormenta perfecta, pero era unha ilusión: cando chegaba á xanela só vía a rutina perfecta dun día de choiva.
Ao serán, a mensaxe un pouco cebolleta de Calmo (Debiches vir xa che dixen que era un bluf) acaba por decidirme, e confírmolle a seguir que me espere hoxe para xantar, ese eufemismo.

venres, 26 de febreiro de 2010

Tormenta


Non me chames cicloxénese explosiva, que soa feo, nin moito menos Armagedon.
Mellor chámame Xynthia.

venres, 8 de xaneiro de 2010

Neve


 Efectivamente, non se enganaron as predicións e hoxe Ithaca amenceu así de branca.

 Arriba, con guindastres ao fondo, a Tinería; abaixo, os xardíns da Deputación desde a Muralla.



Arriba, Praza de Pío XII (Adro da Catedral); abaixo, a Praza Maior.


luns, 21 de decembro de 2009

Invernía

A frente siberiana que hoxe nos ía converter Ithaca na Terra da Raíña Maud pasou sen pena nin gloria. O día está frío e húmido, efectivamente, pero sen neve. Os meteorólogos, meus pobres, ultimamente non dan unha.
Sábado, inesperadamente, si que amenceu Ithaca cuberta de branco; coa nena aquí, temín unha horrible xornada de bolas de neve na Muralla, esvaramentos na rúa e mans coloradas, pero foi ao contrario: a señorita Kaplan pasou o finde pocha, laiándose da barriga e case sen comer.
Daquí só saímos a xantar na casa dos avós, e logo volta para o tobo, onde nun ambiente de apalancamento de sofá e xogos no ordenador, deberes de inglés, algunha vella peli polo medio e moitos moitos mecos, demos por fin acabado o belén, ese lugar ecléctico, abrupto, densamente poboado.
Como o anxo no estaba en condicións, á vista está que nos cumpriu improvisar un substituto.

sábado, 3 de outubro de 2009

Festa

Supoño que o bendito santo vela pola cidade en que naceu, e que iso inclúe as xestións pertinentes para que chova cando e como é debido.
Certo que os campos necesitaban auga, certo que Mouse Park daba pena con aqueles cauces secos e aquelas tonas verdes, pero tampouco era necesario que desabasen os ceos precisamente o día antes de comezaren oficialmente as festas do patrón, porque non son formas.
Tampouco ninguén ía poñerlle en dúbida a Froilán que era el quen mandaba a choiva, pero en fin, que estábamos a comprar os churros antes dun preguiceiro retorno á casa desde a feira cando comezaron as pingas a pintar puntos nas beirarrúas e no asfalto resequido e, corazonadas, pedinlle á señorita Kaplan agarrar ben os gorilas albinos que nos tocaran na tómbola e tirarmos para a casa a golpe de churro, por se as moscas; mesmo ela, que é novata meteoroloxicamente falando, comprobara ao serán como as bocas de esgotos das Cortiñas de San Román cheiraban a peido, aviso inequívoco de trevón para os de Ithaca.
Agora a nena está a durmir no seu cuarto e o diluvio segue a caer fóra: antes de se deitar, ceando, lembrou os barraqueiros, os vendedores negros de pulseiras e esculturas, a señora das améndoas e o algodón, a tómbola dos gorilas brancos, a noria en que montamos hoxe á tarde, os cabaliños de madeira en que xa montaba eu de cativo, as estatuas humanas, os peruanos das frautas de pan, o home das xerras de barro, o das caricaturas, a barraca do saltón, as polbeiras e que sei eu que máis cousas expostas á choiva baixo as árbores.

venres, 28 de agosto de 2009

De faros, molleiras e afonías

Case tan mudo coma o blogue estivo quen lles escribe tras a molleira do pasado Luns.
Efectivamente, fun a Brigantia coa señorita Kaplan e dous obxectivos: cumprir a miña promesa de levala a visitar a Torre (si, e tamén subirmos alá arriba) e recoller a Haddock e a filla para traelos connosco a Ithaca; ao paso, visitamos unha exposición de bodegóns, outra dunha Galiza virtual en que até fixemos de tiraboleiros, e por último comprobamos en propia pel como o mar da punta Herminia e o do cabo Sunion non poden ser máis diferentes: o día puxera mala cara en Ithaca, pero en Brigantia o vento e a chuvia que batían no Faro, na Caracola e nos paraugas xaponoides das dúas nenas leváronnos, prematuramente, ao Outono.
Non é preciso explicar quen de entre os catro ía máis desprotexido e exposto; tampouco, que ao chegar ao pé de Breogán nin siquera a min me facía graza o de ser consecuente coa estación, ou que o bon das sandalias é que a auga sae delas tan ben como entra; antes das seis, a proposta do retorno a Ithaca aprobábase por aclamación, e os catro, mollados coma catro pitos, corríamos á procura dunha paraxe de autobús que nos levase até o meu coche.

luns, 17 de agosto de 2009

Ánimos


Esta é unha foto das Ánimas que tirei o outro día na igrexa de San Francisco, na Comarca, en cuxa penumbra ardían tan ricamente ao fresco; non miren así tan a fito que non estou entre elas, quero deixalo ben claro, aínda que neste momento a cidade ao outro lado da miña xanela se abrasa ao sol coma a boca dun forno.
Unha sesta, polo amor de Deus, necesito unha sesta!

domingo, 8 de febreiro de 2009

Alerta

Mañá outra vez toca fin do mundo.
Protección Civil prevé precipitacións que poderán acumular ata 40 litros por metro cadrado en 12 horas, e refachos de compoñente sudoeste de máis de 100 quilómetros á hora, co que se recomenda evitar os desprazamentos, retirar obxectos que poidan caer á rúa desde balcóns, fiestras e tellados, e afastarse de edificios en ruína ou construción, árbores e paneis publicitarios.
Estaremos, pois, en alerta laranxa e as aulas están suspendidas, co que me erguerei máis tarde pero non tanto como para non saír a comprar unhas cousas nas rebaixas se non me desgraza algunha tella voadora e o vento non me leva consigo: hei de renovar o fondo de armario e inxectar algo de liquidez nunha economía glacial, case meteorolóxica.
Despois do xantar tomarei café aquí cun Teddy en plena migración, desafiando o temporal.
(O que me recorda que mañá teño que comprar café, ir á famacia e comprar pastas).

venres, 6 de febreiro de 2009

De re domestica

Tal e como predixeron os meteorólogos, e por enésima vez este Inverno, Ithaca amenceu hoxe nevada.
A nova fronte, anunciada case como a apocalipse que acabará o que Klaus deixou a medias, vacíame a axenda e, sen visita da Señorita Kaplan, ponme diante un panorama doméstico e solitario: cómpreme limpar a casa, desde logo; montar unha estante que o outro día comprei para organizar o rocho; procesar a montaña de roupa que agarda no cestón; recortar os gomos aos bonsais; e ver algo do cine que estas últimas semanas me foi entrando polas comportas do tera a un ritmo inconstante de miles de fotogramas por minuto.
E é que, a estas alturas, no seu profundo estómago de cetáceo cibernético dormen xa máis estrelas que as que hai no firmamento.

xoves, 4 de setembro de 2008

Inri

Setembro, mes-luns, comezou de mala maneira: as trevoadas da semana pasada e o seu caudal de choiva repentina e implacable sacáronme o coche da estrada e agora complícanme a vida ao facerme depender dos meus colegas para ir e vir a exames e avaliacións.
Con todo, non é iso o pior, nin a factura que está aínda por chegar e non pagarán nin a choiva nin os trevóns: o pior, desde logo, vai ser certo alerón empoleirado no novo portón traseiro, tremolando atrás, coma un inri clamoroso e macarra. Uf!

luns, 17 de decembro de 2007

Frío



Así se vía hoxe o mundo (esa parte del que chaman Mouse Park) con 4 graos baixo cero.

venres, 7 de decembro de 2007

De pós e pés

Se o outro ten un primo físico que lle fai desconfiar do cambio climático, eu teño un cuñado castellano que me fai acreditar nel a pies justillos, como el mesmo diría.
Por riba do que se conta por aí da aparición de doenzas tropicais onde nunca antes se tiñan visto, dos osos que xa non hibernan, da supervivencia de mosquitos e moscas fóra de temporada, ou das plantas que botan flores cando non corresponde, o meu cuñado desvélanos durante o xantar unha evidencia indiscutible.
A estas alturas de Decembro aínda está a usar os pós desodorizantes para os pés, afirma, como se estivese nos tórridos días do pleno Agosto.

domingo, 22 de xullo de 2007

Un Outono estival

Ser consecuente é unha lata: empezo a fartarme de atravesar de sandalias e manga curta, pero con paraugas e carne de galiña, este Outono estival, tan só por coherencia, e por serlle fiel a un calendario absurdo.
A miña filla ao lado vai dicindo Non te enfades co tempo papá, mentres sobe a carapucha e abotoa até arriba o impermeable.

domingo, 20 de maio de 2007

Temperatura

De acordo que a Primavera é de seu volúbel, pero en catro días de Maio viñéronnos visitar cos seus rigores Agosto e Novembro.
Se isto non é cousa do cambio climático de marras, baixe Deus a velo.

xoves, 21 de setembro de 2006

Gordon

Gordon, o temporal, parece a estas alturas un brozas que non ten media hóstia.
E eu esta mañá acabo de erguer-me emprendedor e feliz porque a señora conselleira ordenou suspender as aulas por culpa de Gordon. O sorprendente do caso é que as aulas ainda non empezaron, pero a alegria é a mesma.
En canto acabe o café con leite e me duche porei-me coas mazás.
O que non atopo por nengun sítio é aquel número de móbil.

mércores, 20 de setembro de 2006

Conta atrás

Á espera de que nos leve consigo o apocalíptico Gordon, chegan, no dia cálido en que o Verao remata, unha mensaxe de Ambece desde o seu Sul e unha chamada de teléfono de Ilu desde Atenas; elas duas, co montiño de mazás expósitas, establecen os vértices dun dia aciago: fan-me entrega esta mañá do horário que rexerá os meus dias e semanas nos vindeiros meses, e que é ás miñas preferéncias o que unha foto ao seu negativo, e cando no xantar espero atopar vellas mimocas de miña mai o único que escuito é un diálogo sen trégua sobre colchóns, imigrantes e a sorprendente notícia do divórcio dos viciños do 1ºD.
No café tampouco hai mellor sorte: Vapin narra pormenores escatolóxicos e Ti fala con Estridente dunha saia de tafetán para fin de ano; cando, camiño da miña casa, paso pola de Polis, o forno tampouco está para bolos: unha estúpida petición de habeas corpus complica-lle a tarde ao meu amigo diante do ordenador mentres Colacao, que nen mira para min cando entro, ve no salón unha peli superintelectual e megaprofunda.
Pola miña rua abaixo, contrito, vou-me preguntando que hei de facer coas ditosas mazás gorentosas que enchen a miña cociña co seu arrecendo; as opcións parecen ser tres (descartada a compota), e cando me vou decidindo por tomar eu a iniciativa e enviar unha mensa á propietária do pomar, Ilu comeza a falar-me por móbil daquel saudoso lugar en que vivin cinco anos e que agora xa non me é alleo: tamén me fala do vello casarón cheo de aulas, da Rua do Paseo onde unha coñecida lle deu recordos para min, dos cafés arredor da Catedral...
Botando de menos un cigarro, sento nun banco cando apago o móbil, e penso que se puidese dar para atrás ao relóxio agora non estaria ali sentado baixo un pradairo, mirando para unha cagada de can que alguén pisou xunto ao banco, na antiquísima cidade de Ithaca, o meu berce.

Para cando subo no ascensor da miña casa, a decisión está tomada: mañá de mañá, se a meteoroloxia o permite, o que farei será tarta de mazá e non compota.

mércores, 15 de marzo de 2006

Calor

Abraiante, rotunda, espléndida, como sempre impontual, acode á nosa cita.
Non é necesário dicer o seu nome: está nas mimosas que sobreviveron á acción destrutora do Inverno, nas floriñas esparexidas ao pé das murallas de Ithaca, nos gomos verde claro das pólas de cada árvore.
Está no meu nariz, no meu corazón; tamén na excitación presente máis do que nunca ao Sul do meu ecuador, como unha resposta do sangue á chamada primitiva e orixinal.
En definitiva, no apetito sexual case feroz.

Está nos amigos que vou atopando polas ruas, sen casaco nen abrigo; está nas terrazas abeiradas aos bares de costume, na xente que enche as prazas, no calendário que agoira exames e unha avaliación que se toca xa coa ponta dos dedos.
Tamén nas vacacións de fin de trimestre, nos proxectos, contraditórios, subitamente recobrados para esas vacacións:
mentres Vapin recupera a vella idea de irmos a Londres nos festivos, un Pólis desencantado dunha lua cada vez máis minguante oferece-me o ouro e o mouro se vou con el a Marrakech.
Hamletizo-me durante uns dias: desloco-me mentalmente da medina aos megalitos de Stonehenge, deambulo entre dúvidas por Camden mentres os muecins chaman á oración no serao púrpura do Venres Santo, e digo para min non, e tamén digo non máis outra vez.
Esta noite negarei-me a Pólis, ainda que o porco que ceemos no chinés se torne máis ágri que doce e non se poida comer.
Na noite de San Patrício negarei-me a Vapin, ainda que a cervexa se volva tan negra e tan amarga que deixe de ser cervexa.

domingo, 30 de outubro de 2005

Dilúvio

Da tarde ventosa e do dilúvio, da luz parda que matiza os coches e os peóns baixo os paraugas, da desolación dun Sábado novamente outonizo, o que máis, chega Zara á miña casa; ven coberta cun chuvasqueiro azul e non trai paraugas, e ao tirar-lle as katiuskas noto os calcetins mollados, os pés frios que hai que reanimar.
Como estava previsto, Zidane e seu pai, o marido-graduado, van na costa: visitan parentes e viúvas de vivos e mortos até o dia seguinte, Domingo, en que regresen.
Para nós non é mester muita demora: imos para a cama sen apenas preámbulos, con naturalidade, e logro por primeira vez espreitar nu aquel corpo que se dá e se deixa manipular, docilmente, estrañando o pudor.
Enlouquezo cando Zara se abre cos dedos; pasa a ver que hai dentro, parece dicer, anda, pasa a ver que hai...

xoves, 25 de agosto de 2005

Choiva

Ou iso devera ser este orvallo que apenas molla coches e ruas, traendo lembranzas de cousas máis definidas e necesárias. De todos xeitos, ben chegada a auga que apagará os montes e limpará (espero) muitas cousas.
Polo si ou polo non, aproveito o amago atmosférico e enclaustro-me no tobo ainda desorganizado: non sairei esta noite, canso e resacoso despois das duas anteriores en que fixemos cambalear as reservas de cervexa e patacas fritas da Cova. Ademais, sinto-me alleo: contribui a nova casa, pero tamén ter estado lonxe de persoas, costumes e lugares en que me recoñezo, e que novamente, co final do Verao e a chegada do mes-luns, voltarán.
Propósitos para os vindeiros dias: oficiar de árbitro entre T. e sua prima Mer, evitando que me atravese algun dardo enveleñado; visitar a Maite en Brigántia (seguramente despois dos exames); facer a memória do de Limerick (serán duas patadas, ou mellor unha e meia); secuestrar a Vapin para que poña unha pouca de orde no trangallo informático do novo covil; e esquivar a festa na casa de Polis, habida conta a alérxia que me provocou a celebración do Dia do Emigrante nos últimos anos (para compensar-llo será mester convidá-lo á rabada e o tinto de costume na Casa Grande de costume).


Reformular o que hai con Zara ficará pendente, talvez, para a semana próxima. Mentres, cruzarei os dedos para que non telefone.