Amosando publicacións coa etiqueta cuestionarios. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta cuestionarios. Amosar todas as publicacións

xoves, 22 de setembro de 2011

Cando era pequeno...

Máis dunha vez teño pillado memes e preciosas ilustracións en  Librosfera, un estupendo blog sobre libros e bibliotecas que contén auténticos tesouros de todo tipo. Nesta ocasión escollo un meme (supoño que xa comezou a desbandada) que toma como pretexto e título Cando era pequeno...

...un compañeiro e eu escapamos da escola para ver as feras dun circo que se instalara nun solar enfrente. Ao voltarmos o portalón estaba pechado e unha señora que pasaba, aínda que nos viu co mandilón posto e a carteira na man, pensou que estábamos perdidos e levounos ao cuartel da policía municipal, onde nos botamos a chorar como dous descosidos. Tanta pena lle debemos dar ao garda que nos levou á casa que polo camiño nos comprou un xelado a cada un.
A aventura acabou ben: miña mai conta que levou tal susto ao abrir a porta e verme enzoufado de chocolate e collido da man do municipal que nin sequera me castigou.

...quería ser arqueólogo e ir escavar tumbas a Exipto. As miñas primeiras prácticas foron no solar do antigo cemiterio, onde hoxe se erguen o Gran Hotel, a Biblioteca e a casa da tía C.  Ao saírmos da escola aproveitábamos que meu avó se entretiña falando cos amigos para meternos entre os muros derrubados e pillar tesouros como anacos de mármore e cravos enferruxados. O día que atopamos un cráneo desdentado entre uns cachotes o xogo perdeu a graza e non voltamos máis. Xúroo.

...había poucos libros na casa, e sempre estaba relendo as mesmas cousas. O record absoluto teno A illa misteriosa de Xulio Verne, que lin nada menos que dez veces. As cousas melloraron cando me fixen socio da Biblioteca Pública aos doce anos e se ampliou a dieta.

...meu avó vivía connosco e os domingos en canto acordaba ía meterme na cama del. Un día atopeino coa boca aberta, e tan quieto estaba que pensei que estaba morto. Como non era cuestión de alvorotar a todos sen motivo, collín un espello pequeno do bolso da miña mai e achegueillo ao nariz, supoño que o vira facer no cine ou na tele. Repentinamente, daquela o avó abriu os ollos e os dous acabamos berrando co susto.

...íamos miña irmá e mais eu á misa cos avós paternos e a miña avoa sempre nos daba un peso para botarmos na cesta da colecta. A min aquilo non me parecía xusto, así que dentro do peto cambiaba de moeda e botaba unha peseta sen que ninguén se enteirase.

Teño moita curiosidade por saber que historias nos van contar Zeltia, Aldabra, Noe Pastor, Paideleo, X de Esmelle, JorgeSigrid de Thule e Chousa de Cando eles eran pequenos... pero se agora de adultos non queren respostar tampouco vai pasar nada

domingo, 15 de agosto de 2010

Meme literario

Hai tempo que teño arquivado un cuestionario literario ou libresco que atopei no blog Librosfera; a diferenza da maioría dos que circulan pola blogosfera, este é tan orixinal que contén preguntas tomadas de libros infantís dos de toda a vida, é certo que descontextualizadas aínda que se indique a procedencia. Nada mellor para servilo que dentro das actualizacións en conserva, mentres todo o mundo anda por aí.

1. Frank L. Baum: O mago de Oz; o Espantallo a Dorothy: Pódese saber quen es e onde vas?
Son un blogueiro que actualiza o seu blog; tamén son un pai, e dentro duns minutos, cando acabe con isto, irei preparar a merenda da miña filla.

2. Michael Ende: Momo; Momo aos nenos: E iso é divertido?
Segundo os días, pero o da merenda en xeral si, sobre todo se estamos nun parque ou vendo os debuxos.

3. Michael Ende: Momo; home gris a homes grises: Que é unha vida humana?
Unha oportunidade única que algúns aproveitan e outros non.

4. Robert L. Stevenson: A illa do tesouro; John Silver a Jim: Cres que un morto está morto para sempre, ou cres que pode resucitar?
Iso depende; a min ensináronme que os mortos morrían para sempre, pero neste país en que vivimos a experiencia dinos que é máis ben ao contrario; se ben non resucitan, tampouco acaban de morrer de todo.

5. Miquel Rayó: O tesouro do Capitán Nemo; Marisa ao protagonista: Que buscas?
Normalmente non busco, atopo; pero hai cousas, e a felidade é unha delas, que se agachan tanto que até dubido se existirán ou se buscalas merecerá realmente a pena.

6. Astrid Lindgren: Pipi Calzaslargas; Tommy a Pippi: Que é o que non consentirías?
Que os nenos sufran abusos e abandono; que sempre acaben pagando os pratos rotos dos adultos; que os nenos deixen de ser nenos antes de tempo.

7. Lewis Carroll: Alicia no País das Maravillas; o Gato de Chesire a Alicia: Cáeche simpática a Raíña?
Nunca fomos presentados, pero observo que me gusta máis cando ten a boca cerrada.

8.Lewis Carroll: Alicia no País das Maravillas; o rato a Alicia: Gústanche os cans?
Gustan, pero á vista do meu historial e algúns recentes acontecementos prefiro non afondar na resposta.

9. Daniel Nesquens: 17 cuentos e dous pingüíns; Marta a papá: Por que o oito vai despois do sete?
Son pésimo en matemáticas, pero supoño que porque é conformista e pouco ambicioso.

10. Roald Dahl: Matilda; Truchbull a Wilfres: Teño 8 cocos, 8 monos e 8 nenos. Cantos imbéciles teño en total?
Máis matemáticas? Eu creo que nove (oito mais eu).

11. Roald Dahl: As bruxas; Neno á avoa: Atopaches algunha vez unha bruxa?
Si, sen ir máis lonxe o outro día a miña tía C. cando botaba sapos pola boca na casa das tías O. e G.

12. James Barrie: Peter Pan; Peter aos nenos: Credes nas fadas?
O certo é que non, nin sequera de neno. Os fados, por contra, gústanme moito.

13. James Barrie: Peter Pan; Wendy a Peter: Sabes o que é un bico?
Unha cousa que, segundo os casos, pode levar igualmente á felicidade e á traxedia.

14. Michael Ende: Momo; Momo ao mestre Hora: Que é o tempo de verdade?
Un veneno escaso e mortal sen o que non podemos vivir.

15. Henning Mankell: O can que corría cara a unha estrela; Joel a si mesmo: Ser adulto é isto, facer e dicir cousas que non entenden os nenos?
Tan certo como que ser neno é facer e dicir cousas que non entenden os adultos.

16. Lewis Carroll: Alicia no país das Maravillas; Alicia a si misma: De que serve un libro se non trae estampas nin diálogos?
Non hai libro que non sirva para algo, aínda que sexa para o contrario do que esperaba o autor que o escribiu; e algo que non debemos esquecer: por moitos diálogos e estampas que teña un libro (ou un blog, que para o caso é o mesmo), se é malo dificilmente vai mellorar.

venres, 23 de novembro de 2007

Test das 8 cousas

A 38 días do ano novo parece que cómpre ir facendo balance para cebar a neura, e de camiño dar satisfacción aos que me ensarillaron no meme das oito cousas, as que máis marcaron este ano:

1. Casa: Está claro, instalarme aquí implica o final da etapa nómada e o inicio do sedentarismo; hai tempo que deixei de ser un depredador, polo que un destes días será mester que descubra aínda máis a agricultura e o comercio, eclosione o neolítico e dea comezo a nova civilización.

2. Distanciamento: Os que seguen esta blogue xa o terán notado, seguro. Varios nomes clásicos desapareceron dela máis ou menos bruscamente, dunha maneira similar a como os seus propietarios desapareceron da miña vida, da miña cama, e nalgún caso mesmo do meu móbil.
Nisto de vivir é importante aprender que un nunca se baña dúas veces no mesmo río de nomes, ese que pasa e sempre queda.

3. Viaxes: Este terá sido o menos viaxeiro ou viaxado, probablemente en décadas; non quero facer moito reconto por non acabar argallando unha escapada ás tolas ou algo peor, pero estou certo de que, coas excepcións da Comarca e Celanova, nunca estiven este ano a máis de cen quilómetros de Ithaca. Algo haberá que facer o próximo, está claro.

4. Tabaco: O que a ministra coa súa exigua lei non conseguiu parece que vai camiño de logralo a banca con esta hipoteca que me oprime, me comprime e me reprime; tras 12 días sen fumar teño 28'80€ máis no petiño, e tan pouca memoria de que algunha vez fumei, que até concibo esperanzas de que desta a cousa vaia adiante. Vaise vendo.

5. Lecturas: Sinto envexa cando escoito ou leo ne rede o que contan os grandes lectores que frecuento; eu, por contra, cada vez máis inconstante ou máis preguizoso ou máis repunante, arrumo libros na mesa de noite, no sofá do estudio, aquí ao lado do ordenador, libros que volven para a biblioteca cando vence o prazo ou que simplemente fermentan enchéndose de pó con só 10, 20 páxinas lidas. O último stop, a catástrofe da Moure.

6. Películas: Se consulto o caderniño de marras conto 83 vistas no que vai de ano, de Blade runner a Harry Potter, en cor e en branco e negro, en VHS ou DVD, compradas, prestadas ou alugadas, canónicas ou pirateadas, infantís ou para adultos, pero ningunha delas foi vista en cine (o certo é que xa non sei canto custa unha entrada).

7. Sexo: Baixou moito o número de parellas, que este ano ademais foron exclusivamente masculinas, pero subiu o de encontros, e en xeral a súa intensidade e interés. Se fago reconto (aquí non hai xa caderniño de marras), lembro só 4 varóns coñecidos biblicamente este ano, un deles Teddy, o primeiro do ranking, aquel que agora me enche a cabeciña moitos días e a cama moitas noites.

8. Natureza: Tal vez por Teddy, que coñece os nomes e os segredos de árbores e arbustos, e fala dos froitos e enxertos e árbores primixenias que me vai mostrando nas camiñadas pola súa montaña, vou reparando en que existe unha natureza real e viva, alén das fotos e as pinturas, do simple léxico vacío que ensinan os libros de texto, do mundo campesiño de fame e traballo do que fuxiron os meus avós hai máis de 80 anos, ao viren para a cidade.
Na madurez inicio, pois, a reconciliación coa natureza.

domingo, 29 de xullo de 2007

Octo-meme

Recibín de Peke hai algúns días a invitación para responder a un teste algo excéntrico, que consiste en escribir, xunto coas regras de xogo, oito cousas de min mesmo que non se saiban, así como invitar outros oito a que respondan; sobre isto, escollan os meus amigos blogueiros e visitantes se responden ou non. Á súa vontade.
  1. Son un auténtico inútil en todo o que teña que ver coa bricolaxe e os traballos manuais; admiro os fontaneiros, alvaneis, electricistas cando os vexo traballar, improvisar unha solución a un problema, cortar, soldar, unir, manexar as ferramentas para construír ou reparar algo na seguridade de eu non ser quen a facelo. Anos de fracasos me levan xa a renunciar directamente a todo intento.
  2. Se o anterior é bastante coñecido entre os meus coñecidos, o que vou contar agora é, máis que un segredo, un segredo vergoñento: non teño as mínimas nocións de cálculo; non só falo de todo aquilo que nos ensinaban na escola sobre as lousas necesarias para cubrir un chan de tanto por tanto, ou o que tardan dous trens en cruzarse tendo en conta velocidades e distancia do punto de partida, ou os litros precisos para encher unha bañeira á que inexplicablemente alguén fixo furados no fondo.
  3. Todo iso tería tal vez un pase; pero eu refírome a algo máis dramático: tampouco sei operar con decimais. Temín secretamente a chegada do euro; agora sei que podo sobrevivir cunha calculadora á man; volvo temer agora, sen embargo, o día en que a miña filla veña con aquelas diabólicas contas que me amargaron a infancia; ese día, supoño, caerá para ela un mito.
  4. Despois desta confesión non será mester explicar que fun un estudante irregular: nunca tiven demasiados problemas nas linguas, a literatura ou a historia, pero fun sempre cambaleando nas matemáticas ou na física, entre outras cousas porque como non as daba entendido tampouco as estudaba. Era posible verme entre libros sobre a guerra civil a véspera dun exame de álxebra, por exemplo; logo sucedía que o profesor era compasivo, que algún amigo me explicaba as catro cousas indispensables para a repesca ou que o dedo de deus me sinalaba, non sei, e acababa aprobando.
  5. Non deixo nunca de lembralo cando poño as notas dos meus alumnos: tal vez por iso suspendo poucos, pero esta é outra historia.
  6. Sigo sendo tímido, pero até despois da adolescencia a miña timidez era case patolóxica: falar con estraños, entrar onde houbese máis xente ou saír ao encerado poñíanme a cara e as orellas en estado de ignición e acababa tatexando.
  7. Un vello profesor de matemáticas que xa fora profesor de meu pai, cando terminaba de ditarnos os problemas advertía que o último en resolvelos sairía á lousa; e engadía: señor Kaplan, estou pensando en usté, vaia preparándose. Daquela volvíame incandescente e xa non daba xa pé con bóla.
  8. Sigo sendo tímido e irregular, o que nunca se interpuxo demasiado na miña vida: tiven e teño grandes amizades, amei e fun amado, sufrín alegrías e decepcións das que sobrevivo creo que sen acomodarme demasiado, sen perder de todo esa sensación de cambio e provisionalidade de cando era rapaz e o tempo corría devagar. Agora afronto a madurez coa mesma decisión que outras etapas anteriores e sen sentirme por dentro moi diferente; en realidade, sinto curiosidade perante o futuro.

venres, 21 de xullo de 2006

Egocentrismo

En dias de tan pouca actividade, nada mellor para encher o tempo e reforzar o ego que un deses testes que periodicamente percorren o blogomillo, en concreto un que pesquei da blog do Nadador, e ao que espero se sometan os blogueiros aludidos. Velaqui vai:

Que hora é?: As seis menos vinte e tres.
1. Nome Completo: Kaplan, para servir a vde. (deixemo-lo asi).
1. Alcumes? papá, profe, neno, tio, señor, mira, oes, fillo...
2. Por quen che puxeron o nome? Por meu pai.
4. Signo Zodiacal: Escorpión (sinto-o, non puiden escoller).
5. Tatuaxes: Nengun (no software hai centos, pero non se ven).
6. Amaches tanto a alguén como para chorar? Por suposto que si.
7. Estiveches nun choque de coches? 2 veces, unha delas guiava eu.
9. O vaso, meio cheo ou meio vacio? Depende do vaso e o momento.
10. Cor favorita de roupa interior: Dá-me igual se é discreta.
11. Número favorito: O 7, no seu defecto o 4.
12. Cor favorita: Azul.
13. Supersticioso? Manias teño, como calquer.
14. Tipo de música de preferéncia: Jazz e blues, sobretodo.
16. Flor: A lavanda. E receando muito direi tamén o íris.
17. Última visita ao hospital? Hai 6 anos, cando nasceu a miña filla.
18. Como te ves en dez anos? Teño embazada a bola de cristal.
19. Que cambiarías da tua vida? Muitas cousas, como todos.
20. O primeiro que pensas ao espertar: Que grande é esta cama...
21. Que hai na parede da teu cuarto? Láminas de Van Gogh e Chagall.
22. Persoa que talvez non conteste este post: Alícia.
23. Persoa que seguro responde: X, Cláudio, Nona e Neofisiologus.
24. Quen che gustaria que respondese? Eles, por exemplo.
25. Que dirias a alguén e non te atreves? Non me atrevo...
26. Deporte favorito: Viver, o que requer maior resisténcia.
27. Tímido ou extrovertido? Extrovertidamente tímido.
29. Gusta-che ler? Si, claro.
30. Falas algun idioma? Non sempre o que a ocasión requer.
31. Pasatempo favorito: O encrucillado branco de El País.
32. Praia ou montaña? Montaña, dado que ódio a praia.
33. Coleccionas algo: Pequenas histórias inverosímeis.
34. Tes algunha fóbia? As arañas, todo o mundo o sabe.
35. Cando foi a última vez que choraches? Non hai muito.
36. Gusta-che a tua letra? Si, claro, é a miña letra.
37. O pan gusta-che con que? Con todo, pero está-me vedado.
38. Sendo outro, serias teu amigo? Tardaria en coller-me cariño pero si.
39. Tes un diario de vida? Esta blog é unha prova irrefutável.
40. Es sarcástico? Pouca cousa, o necesário e saudável.
41. Saltarías en bungee (puenting)? Non.
42. Cereal preferido? O que foi moído, amasado e cocido: o pan.
43. Desatas os zapatos ao sacá-los? Para atá-los cando os poño.
44. Cres que es forte? Non: son teimudo, iso si, e paciente.
45. O teu xelado favorito? Mataria polo de tiramisu.
46. Canto calzas? Un 44.
47. Roxo ou Rosa? Vermello en todo caso.
48. O que menos che gusta de ti? Son ciclotímico, está todo dito.
49. A quen estrañas muito? Á miña filla.
51. A cor de pantalón e zapatos que tes postos? Estou descalzo e sen pantalón.
52. O último que comiches hoxe? Froita, un pexego.
53. Que estás a escuitar neste momento? Música.
54. A última persoa coa que falaches por teléfono? Tere Holmes.
55. Trago favorito? Cinzano bianco con xelo e limón.
56. Deporte favorito para ver por tv? Nengun deporte.
57. Comida favorita? As de Inverno (callos, cocido, legumes, esas).
58. Película de terror ou final feliz? O zómbi e a vampira casan, son felices e comen perdices.
59. Última película no cine? Asterix e os vinkingos, coa nena.
60. Dia Favorito do ano?
Nengun especialmente.
61. Inverno ou verao? Un inverno seco e frio.
62. Bicos ou abrazos? Abrazos, pero os bicos tampouco están mal.
63. Postre preferido? As filloas da miña mai.
64. Onde é o máis lonxe que estiveches da tua casa? México.
65. Estiveches namorado algunha vez? Creo que si, non o xuraria.
66. Arrependeches-te algunha vez dalgo? Case todas as semanas.
67. Cor de ollos preferida: Indiferente.
68. Nome de rapaz e rapaza favorito: O dos rapaces e rapazas favoritos.
69. Fumas? Recoñezo que si.
70. Condóns de laranxa ou limón? Incoloros, insaboros e inodoros.
71. Sexo con amor ou sexo con morbo? Sexo.
72. Usas algunha muletilla? A ver... si, vamos a ver... a ver a ver...
73. Tes algo pendente de facer? O resto da miña vida.
74. Un momento especial na tua vida: Cando nasceu a miña filla.
75. Es feliz? Razoavelmente, creo que o teño sido.
76. Que hora é agora? As seis e dezaoito.

luns, 30 de maio de 2005

Testimuño

Atopo nas Balas un desafio, que aceito sen falta, e como unha declaración de princípios; temo de todos xeitos non estar á altura das expectativas, porque hai muito que a preguiza me fomenta o gosto polas vellas películas, dando-me sempre pretextos para afastar-me das máis novas.
Vamos, pois:
  1. Cantos filmes teño na casa: Muitas, tanto en DVD como en VHS; a última vez que me deu por facer reconto pasaban de 200.
  2. Último filme que merquei: Million dollar baby (no manta) e A ventá indiscreta (propoño-me ter algun dia todas as de Hitchcock, as boas e as menos boas, non sei por que).
  3. Último filme visto no cinema: Robots (coa miña filla, por razóns óbvias).
  4. Último filme visto, pero non no cinema: como xa contei, A paixón de Cristo.
  5. Cinco filmes de entre os meus favoritos: Sempre diria estes, pero citaria muitos máis; e son: Smoke, Remando al viento, Que verde era o meu val!, Matar un reiseñor e (concordando plenamente con Cesare) Léolo.
  6. Persoas que me encantarian contestasen tamén a isto: Peke, Xanfarin, Teo, Regueifeiro, Aurora e, por que non, Melómano (ademais das que enumerou Cesare).