martes, 30 de novembro de 2010

sábado, 27 de novembro de 2010

In dreams

Aí fóra, na mañá, as árbores aparecen aterecidas, as casas acordan lentamente baixo os tellados brancos, e a xente que pasa móvese lentamente baixo un sol pálido que durará pouco. Almorzando, con dedos fríos pasei as follas dun libro que me prestaron e volvín correndo á cama.
Un día máis esquecín poñer as fabas a mollo e un día máis teño exames por corrixir. Os Polis están pechados por enfermidade e eu agradézolles non ter que saír á noite siberiana. Descartando pasar o ferro a unhas camisas, perigan a ducha, o xersei que planeara comprar hoxe, e até ir xantar á dos meus pais.
A dous pasos da hibernación convertido definitivamente en marmota, pregúntome se namorarme outra vez non facilitaría un pouco as cousas.
É Roy Orbison, In dreams, quen mo aconsella.

mércores, 24 de novembro de 2010

Substitucións

Seguir as sangrentas peripecias de Dexter, o bon psicópata, acabou por converterse nun auténtico desafío á miña paciencia por causas totalmente alleas á serie, que se deixa ver aínda que con moito menos entusiasmo do que esperaba.
Canta teimosía cómpre para sentar cada tarde diante do portátil, cruzando os dedos para que o capítulo traia a dobraxe  sincronizada  co movemento de labios dos actores, encomendándose a un santo ventureiro para que o tempo de visión cubra o que dura o episodio, para que os minutos sexan efectivamente de 60 segundos auténticos; por se fose pouco, os altofalantes do ordenata fallan, así que os meus ouvidos, que desde logo non son os máis agudos a este lado do Pecos, perden moito do que non deberían perder.
Pero a esmagadora dúbida, que Hamlet formulou moito máis elegantemente, rematou: tal e como estaba combinado, Domingo pasou Polis para traer a solución embrullada en papel do Carrefour; traía ademais consigo dramáticas historias de crise inmobiliaria que disolveu en burbullas de cervexa e ondas de fume de cigarro, e outras novidades no panorama cardíaco que explicaban os cambios na vestimenta, a reaparición da mosca no seu queixo e, posiblemente, os altos niveis de dopamina en sangue e aquel estro de endorfinas que ía deixando ao paso: despois de nos escornarmos con amabilidade (naturalmente pagarei eu, que para iso celebro anos) o vindeiro Sábado volverei ter o gusto de coñecer un novo señor Polis, acto este que por certo empeza a se converter en rutina.
Para daquela unha nova familia adoptada, esta vez os Soprano que Polis traía ao completo baixo o brazo en sobria caixa de cartón, estará instalada a corpo de rei na miña casa e nas miñas tardes, mentres Dexter, definitivamente, goes home.

domingo, 21 de novembro de 2010

sábado, 20 de novembro de 2010

Mal día

O día comezou mal: no garaxe, ao ir para o traballo, a columna de marras moveuse do seu sitio e rabuñoume cunha aresta a impecable porta do acompañante.
Dá igual se a ferida na chapa non é gran cousa: cos coches novos pasa como coa virxindade, que ou se ten ou non se ten, e, por moitas voltas que se lle dea, agora este coche xa non é novo.

Ás catro, cos pratos aínda sobre a mesa e dubidando se poñerme a monear na butaca mentres os ñus corrían no Masai Mara, entran sucesivamente tres chamadas: miña irmá con noticias dos nosos pais, que virán á noite e hei de ser eu que quen os vaia recoller á estación porque a súa relixión lles prohibe coller un taxi; a seguir chama Teddy, que desembarca aquí Venres para xantarmos xuntos e a quen un pouco tenso houben de marcar minuciosamente os parámetros da visita, porque pola tarde hei de ir buscar a nena; por último, quen  chama é Polis; hai séculos que non nos vemos e escolle precisamente esta noite para traerme o agasallo dos meus anos en troques dun convite que hoxe é imposible porque teño que esperar polos meus pais, e Venres despois do traballo tampoco pode ser, porque é cando xanto con Teddy e logo á tarde ir pola señorita Kaplan, que estará comigo o finde. Polis rosma un pouco, por se dá aberto algunha fenda, pero porfín acepta que lle dea cita para o Domingo á noitiña, como no dentista.

Pola noite meus pais chegaron con retraso; durante hora e media paseei polo vestíbulo da estación para non arrefecer, coa única compaña duns poucos viaxeiros e as súas maletas, o home que pulía o chan cunha máquina, e un grupo de patibularios que socializaba á volta dun cartón de viño. Cando chegou o bus aínda houben de escoitar unha bronca por ter deixado tan lonxe o coche; se ademais chegan a dicir algo da porta, xuro que saímos nos sucesos.

martes, 16 de novembro de 2010

Eu xa tomo pastillas contra a dor allea, e ti?



Se ademais queres receitalas aos amigos e coñecidos, podes entrando aquí.

domingo, 14 de novembro de 2010

Un sábado familiar

Onte Sábado foi un día moi familiar, mesmo sen estaren meus pais, que empezan a parecerse ao tío Matt de Fraggle Rock, aquel que enviaba postais desde os lugares máis dispares do mundo exterior; con crise ou sen crise, eles atopan sempre billetes para illas, roteiros da terceira idade ou balnearios, e cando regresan emborráchannos con crónicas interminables de bufés, reencontros con coñecidos doutras viaxes, compras e visitas a monumentos inverosímiles (acueduto de Granada, murallas de Mérida, Giralda de Toledo).
Mentres facemos acopio de paciencia, pois en  tres días estarán de volta, miña irmá e eu visitamos as tías na residencia: atopámolas sentadas no salón da televisión, onde un mar de vellos matan as horas que restan para o xantar; as tías emociónanse ao vernos, e todos nos miran cando saímos para o cuarto; arriba, á volta da mesa redonda, falamos de cousas triviais que complican os fallos no sonotone da tía G. e a dureza de ouvido que comparto coa tía O., de maneira que a miña irmá acaba facendo de moderadora e intérprete, e todos berramos como na tele, repetindo frases sobre a saúde e a comida que lles dan e as nenas e os meus pais e o ben que elas están alí, mentres elas poñen cara de non as teren todas consigo.
Despedímonos no vestíbulo; deixámolas na corrente que se dirixe ao comedor e onde vemos un pouco de todo: de chándales a boinas ancestrais, de loitos rigorosos a cardados imposibles, de muletas a andadores; é a hora do xantar e arrecende deliciosamente alí a carne asada e verdura.
Sen que no coche fagamos referencia ao nó que os dous levamos no estómago, déixome invitar á da miña irmá: hai carne á pedra, que meu cuñado coloca con coidado sobre a mesa do comedor; todos están entusiasmados con esta comida, pero eu fago imposibles para non ollar o prato de carne crúa e sanguinolenta da que collemos as talladas que asaremos; logo, coa cadela estomballada aos nosos pés, na sobremesa prolongada capuccino tras capuccino, a miña irmá e eu puxémonos a pescar da memoria escolar común non só pobres almas cándidas senón tamén auténticos fillos de puta.

sábado, 13 de novembro de 2010

Berlanga (1921-2010)


Traio dúas noticias: unha mala e outra boa.
A mala é que hoxe morreu a ternura. A boa, que o Alén (se o hai) cada vez se vai volvendo máis interesante.

venres, 12 de novembro de 2010

Sáhara

O noso Goberno hai un par de días rachou as vestes e reaxiu indignado á insinuación de ter sabido previamente que o campamento saharaui ía ser atacado.
A situación agora non é moito mellor: a flamante ministra saíu a dicir que lamenta pero non condena a violencia desatada por Marrocos sobre un territorio que ocupa ilegalmente hai 35 anos; aquí non valen nin as expulsións de xornalistas para evitar testemuños incómodos nin a morte dun saharaui con nacionalidade española por nacer antes da descolonización nin as noticias espeluznantes de violacións dos dereitos humanos que burlan a censura. Marrocos segue a ser un viciño estratéxico apesar de que, ou precisamente porque, reina nel un tirano medieval a quen se lle consente todo.
Ao parecer, non convén encabuxar o régulo con conflitos e escrúpulos morais porque temos pescadores que pescan nas súas augas, porque aí están Ceuta e Melilla, porque nos ha de controlar a inmigración ilegal, e principalmente porque ha de servir de paraventos contra Al-Qaeda e o integrismo, esas forzas que parece que só se poden combater cos procedementos medievais cos que Mohamed VI, o autócrata, rexe o seu reino.
Que mala sorte a vosa, meus pobres saharauis, que sodes moeda de cambio; nin árabes nin cristiáns levantan ou levantarán a voz para vos defender, e (oxalá me equivoque) o voso destino, coma unha ferida infectada e molesta, seguirá pasando de xeración en xeración sen resolverse.

xoves, 11 de novembro de 2010

Outono

Non contei aínda que a semana pasada, antes de que os vendavais dos anos e o climatolóxico puxesen patas arriba algunhas cousas, estiven na terra de Teddy para visitalo e coñecer a súa amiga MB, que é dona dunha fermosa casa (que bos momentos temos pasado neste xardín, comentou Teddy, non sei se xunto ao estanque das carpas ou ao pé dos bambús ou baixo a parra coa follateira de ouro).
Se o día apenas deu para pór o pé na mesma Celanova, por contra as circunstancias convertéronnos en improvisados porteadores de cadros e, tras unha visita ao esquecible santuario kitch da Armada e un xantar amigable, asomeime con eles á fermosísima igrexa de San Pedro da Mezquita (abaixo), cos agnus dei e as figuras animais de ferocidade pétrea, co cemiterio florido recén pasado o día de Todos os Santos.
Paseamos porfín pola adormecida e morriñenta Vilanova, mentres o solpor caía sobre a torre e os tellados, e acabamos conversando os tres ao pé do lume nunha lareira antiga e restaurada en que ardían ramiñas de figueira.



sábado, 6 de novembro de 2010

xoves, 4 de novembro de 2010

Os 45


En Maio de 1962 o presidente Kennedy cumpría 45 anos, e á celebración no Madison Square Garden de Nova York asistiron máis de 15.000 persoas, unha entre as cales fixo esquecer a moitos dos presentes o motivo daquela festa cando, vestindo un axustado modelo cor de pel no que escintilaban segundo as crónicas da época até 2.500 cristais, cantou un máis que tórrido Happy birthday, Mr President desde o estrado.
Hoxe, 48 anos e medio máis tarde, quen cumpre os 45 son eu; á celebración, esta mañá na cafetería de todas as mañás, asistiron catro persoas que tomaron o café de todas as mañás acompañado do seu cruasán de xoguete, e outra que ademais almorzou un bocata de tortilla; afortunadamente, ningunha delas me cantou nada.

luns, 1 de novembro de 2010

A dama e a Morte

Comeza Novembro co habitual labirinto das pequenas liturxias imprescindibles: retrasamos unha hora os reloxios (aínda algún haberá pola casa coa hora vella), levamos flores ao cemiterio apesar da alerta por ventos fortes e choiva, pensamos en magostos e viño novo, escoitamos as aventuras da señorita Kaplan no Samaín da escola, lembramos os mortiños familiares, miramos con resignación o calendario, a tiro de catro días para outro lastro, e entre libros e pelis buscamos con que celebrar o inicio deste bendito mes.
A curtametraxe, moi laureada no seu día, axuda a reflectir sobre o dereito a morrer dignamente.
Por moito que algúns teimen en negalo, non hai nada máis natural nesta vida que morrer; médicos, pacientes e familias alíanse para gañar batallas, unha e outra vez, pero habitualmente esquecen que a guerra está perdida de antemán e que a mellor saída é sempre aquí a rendición digna, incruenta e sen sufrimento.
A que desexo para min e para os que eu quero.