mércores, 24 de novembro de 2010

Substitucións

Seguir as sangrentas peripecias de Dexter, o bon psicópata, acabou por converterse nun auténtico desafío á miña paciencia por causas totalmente alleas á serie, que se deixa ver aínda que con moito menos entusiasmo do que esperaba.
Canta teimosía cómpre para sentar cada tarde diante do portátil, cruzando os dedos para que o capítulo traia a dobraxe  sincronizada  co movemento de labios dos actores, encomendándose a un santo ventureiro para que o tempo de visión cubra o que dura o episodio, para que os minutos sexan efectivamente de 60 segundos auténticos; por se fose pouco, os altofalantes do ordenata fallan, así que os meus ouvidos, que desde logo non son os máis agudos a este lado do Pecos, perden moito do que non deberían perder.
Pero a esmagadora dúbida, que Hamlet formulou moito máis elegantemente, rematou: tal e como estaba combinado, Domingo pasou Polis para traer a solución embrullada en papel do Carrefour; traía ademais consigo dramáticas historias de crise inmobiliaria que disolveu en burbullas de cervexa e ondas de fume de cigarro, e outras novidades no panorama cardíaco que explicaban os cambios na vestimenta, a reaparición da mosca no seu queixo e, posiblemente, os altos niveis de dopamina en sangue e aquel estro de endorfinas que ía deixando ao paso: despois de nos escornarmos con amabilidade (naturalmente pagarei eu, que para iso celebro anos) o vindeiro Sábado volverei ter o gusto de coñecer un novo señor Polis, acto este que por certo empeza a se converter en rutina.
Para daquela unha nova familia adoptada, esta vez os Soprano que Polis traía ao completo baixo o brazo en sobria caixa de cartón, estará instalada a corpo de rei na miña casa e nas miñas tardes, mentres Dexter, definitivamente, goes home.

11 comentarios:

Raposo dixo...

Hai moito que non gusto das series, todas son excesivamente longas.

Ra dixo...

Altamente recomendable.

rula dixo...

Pois si, boísima, pra min máis que unha serie son pequenas xoias de cine negro.

zeltia dixo...

Vaia! Kaplan,
imos facendo -nisto das series- percorridos parecidos,

mire se non

mariajesusparadela dixo...

Mentras o disfrute, tanto ten con qué serie sexa.

migramundo dixo...

Polo que leo, algúns coincidimos, sorprendemente. Acabo de empezar cos Soprano, e debo decir que aínda que é boa e tan momentos fantásticos, non me cubre o valeiro emocional que me deixou The Wire. Espero ser quen de chegar ao final das seis tempadas. (Por certo, á caixa de marras sóbralle un abultado anaco).
Saúdos.

zeltia dixo...

A min tamén me encantou "the wire"
pero, claro, son cousas diferentes.
E como non temos elixir, que o podemos ter todo...

:)

vostede que dí, Kaplan?

Natàlia Tàrraco dixo...

"Sopranos" a lume o humo del cigarro de Poli el del bareto cabaret, te atrapa y te desvanece, como dopado de série buena, por no decir la mejor. Mejor que Dexter, seguro, que me quedé "embafada" (harta) de tanto ingenio de matarife dilecto y psicópata. !Ah! pero los titulares de Dexter para mi son antológicos; masticando, el nylon en los dientes, el huevo frito estallado...ritmo, música e imagen sólo para los títulos, un arte.
Bicooos.

Chousa da Alcandra dixo...

Eu so vexo a Arguiñano facendo empanadas de xoubas con algas!. Manda carallo! (so a él llo permito, e pq llo pediu Romay, que senón...)

Aldabra dixo...

Entre serie e serie vaise pasando a vida. Gustaríame que lera esta pequena entrada, e que mentras te lía recordeina, é do blog da miña filla.
Biquiños e boa fin de semana.

zeltia dixo...

¿Qué entrada?