Amosando publicacións coa etiqueta Camiño. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Camiño. Amosar todas as publicacións

xoves, 18 de maio de 2006

Camiño primitivo

Sen saber mui ben como nen por que, argallamos os superviventes do ano pasado retomarmos a camiñada, esta vez por outro lado; temos mala sorte cos camaradas escollidos: a Mer, apesar do ioga ou xustamente por el, dana-se-lle o lombo a semana pasada; e a Ti xorde-lle unha bocha nun pé un dia antes do esperável.
Asi que, con Cris e Vapin, boto a andar polo primitivo camiño que leva de Astúrias a Compostela, e que, pasando por diante da casa dos meus pais, atravesa a cidade de Ithaca e máis abaixo o seu manso rio para dar no vello lazareto.
Tan cedo nesta mañá de festivo, a vella Ithaca parece máis medieval do que nunca nas ruelas viciñas da Catedral: cheira a mexo dos bebedores da noite anterior, e ainda cruzamos algun deles que vai marcando o itinerário por recantos anegados ou vomita sobre a erva; asoman tamén ás portas de bordeis coma covachas as putas tristes e olleirosas, como fan hai séculos para tentar os peregrinos ao paso.
Dos case vinte kilómetros que virian até San Romao, pouco que contar salvo léguas de asfalto, e unha total soedade que de cando en vez esmagava o ruído dun tractor e os cans que ladravan contra nós que camiñávamos.
Tamén un inesperado encontro co pasado: Seoane, a 7 kilómetros de Ithaca, do outro lado do rio e entre as árvores, o lugar onde se foi esconder meu avó nunha noite de 1936, facendo por salvar a vida.

martes, 25 de outubro de 2005

Vapin, fotógrafo


Nun xesto inequivocamente ateniense, encargo a Vapin os livros de inglés en canto descubro que lle descontan un 10%, que nos bebemos ao meiodia de hoxe en forma de cervexa. Elegantemente, nen eu pregunto nen el me conta nada encol dos seus problemas cardíaco-amorosos, pero por contra desliza-me no peto do comando o disco coas fotos do Camiño.
Non son mui boas, di, e mete-lle unha nova viaxe á prata da empanada, pero valen como recordo, asi que non fagas coma sempre.
Cando mo aclara, prometo-lle que non serei mordaz, e non o son. As fotos parecen daguerrotipos, imaxes cunha pátina de décadas: as cores distorsionadas, as roupas pesadas das exposicións de Rejlander, as nódoas sobre as figuras como unha nevarada de partículas brancas, os tons sépia, azulados, grises.
Os pioneiros asoman en cada unha das tomas: a igrexa de Portomarin ainda non fora trasladada pedra a pedra cando nos retratamos diante dela; diante dos Mercedários, Vapin e Cris parecen comentar as últimas notícias da morte do Arquiduque; Nican, evidentemente asfixiada polo corsé, posa para Nadar diante dun carvallo centenário; se non fose polas vestes, Vapin e eu pareceríamos dous amigos de von Gloeden de visita en Taormina; e, cando chegamos ao Obradoiro, parece que está no sólio ainda o cardeal Payá.

luns, 30 de maio de 2005

Compostela

Entre Sábado e Domingo, os tres que restábamos da Irmandade inicial acadamos Compostela, e desde onte os nosos corpos e os nosos espíritos andan disociados; á satisfacción dos software pola tarefa cumprida retrúcalle o tributo de maniotas e bochas nos pés que o tal Camiño cobrará aínda varios días.
O final do curso, e principalmente a expectativa laboral de Vapin para os fins de semana vindeiros, complicaban que a peregrinaxe se estendese máis aló de Maio; por iso botamos toda a carne no caldeiro: 30 kilómetros Sábado (entre Boente e Amenal), e outros 15 kilómetros Domingo (até Santiago), todos aduviados con idas e voltas pola estrada para mover os coches, e separados pola noite: cea n'O 16 da Rúa de San Pedro, pelotazo lixeiro na terraza das Crechas, e pernocta nun hoteliño con encanto en Pedrouzo.
Dixéranme, e confírmoo, que o Camiño empeoraba ao se achegar á meta: con certeza, peregrinar Domingo por bosques de eucaliptos, sobre aquela destrución das cortizas desprendidas, todo aquel faramallo de follas pardas tentando suprir a erva inexistente, fíxome pensar en apocalipses que o campo de concentración do Mons Gaudium e o ferrancho que o coroa culminaban. Primeira vez que camiñei entre aqueles barracóns para peregrinos, e última, probablemente.
Naquel momento Vapin puxo o turbo, meteu marcha, e Cris e eu deixamos de velo até a Catedral: morría se non chegaba a tempo da misa de peregrinos ás 12; non pasou nada, pero máis me tería prestado que entrásemos os tres xuntos na cidade, San Pedro abaixo, pola Porta do Camiño.
Eu, de todos xeitos, ía remoendo, e sabía que tamén Vapin remoía as confidencias susurradas porque Cris durmía no cuarto do lado, tras unha parede de papel.
Remoerei aínda: non volverei a Íthaca até Venres, e necesito tempo para dixerir algunhas cousas; ningún desencontro, tan só a novidade.

xoves, 12 de maio de 2005

Agonia

Á vista da noite pasada, creo saber que sente o que está a piques de morrer: a febre subiu a 39º, e deixei de distinguir o soño da vixília; dor por todo o corpo, angústia ao comprobar que as horas non corrian, e suor.
Pola mañá mudei as sabas e marchei á médica. Diagnóstico: amigdalite aguda purulenta, horriveis palavras, principalmente a última, que requeren antibiótico, repouso e unha serenidade que non sei donde tirar. O certo é que por segunda vez este curso volvo estar sen voz, que hei de recobrar en cinco dias, sempre e cando os gánglios inflamados os permitan. Á vista destes dous avultamentos na garganta, creo tamén saber de primeira mao o significado da expresión teño-os aqui.
Para daren o pésame, telefonaron Ilu e Vapin, que recoñeceu que non estou en condicións para facer Sábado os 15 kilómetros do Camiño, dado o que me custa percorrer o corredor da miña casa. Confirmo-lle que o meu obxectivo imediato é reunir as forzas precisas para ir-me a Ithaca o antes posível, ainda que non sei cando vai ser.
Á hora de xantar apareceu Ambece co cesto da merenda: en lugar do queixo, o pastel e o xerriño de mel, traía para o lobo un tupper cunha crema rosada, porque a cenória é depurativa, costela asada e uns iogures.
Agradecin-lle que comese comigo, ainda que non era necesário traer nada porque non me escasean os víveres. Como un buda, fixo-me sentar no sofá, cubriu-me as pernas cunha manta, e foi colocando as ofrendas ante min, sobre a mesa baixa. E asi xantamos.
En canto marchou, a febre levou-me para a cama.

luns, 2 de maio de 2005

Sosego

Volvo do traballo para a casa e apaño unha molleira histórica. Sen embargo, ao tirar de min a roupa húmida, ao enxugar o pelo, recóllome en min dalgún xeito e percibo a casa-tobo como un lugar de sosego; pode ser ilusión, pero valoro o silencio e a paz como se antes nunca existisen. Seguramente por iso, a leituga desmaiada do frigorífico deu unha boa salada, e mesmo acordei facer café-café, ainda que teña que botar a metade polo vertedeiro, e non café de pós. Soa neste momento a doce voz de sombra de Edith Piaf: nunha branca cunca con xirasois xunto ao portátil arrefece o terceiro café, que non tomarei por medo á noite.
No móbil, nengunha comunicación masculina; tan só Ambece, que me agradece o regalo, e me empraza mañá para combinarmos unha cea.
No corpo, principalmente nos pés, resíduos da camiñada do sábado; a diferenza de Vapin, non sinto molestia nengunha nas íngoas, que polo momento deberon virar insensibles. Por fortuna para elas e para todos.
Na memoria (principalmente despois de falar con Ilu esta mañá), a fría humidade no interior de Vilar de Donas, e tamén a calor húmida baixo as duchas do albergue xunto a Vapin (principalmente despois de pensalo moitas veces esta noite).

venres, 29 de abril de 2005

Espera

No Ciberália de Ithaca, á espera de Vapin.
Mañá faremos a etapa correspondente do Camiño; xa só restamos tres na nosa Comunidade do Anel: Vapin, Cris e eu; como muito, pode ser que mañá Nican saia a recoller-nos en Palas, pero ainda é un mistério; o que si está claro desde onte (provavelmente desde muito antes para ela) é que xa non seguirá camiñando canda nós. Deu-se por vencida.
Cando chegue Vapin e remate de consultar o que lle cumpra, iremos ao lado tomar as nosas birras reglamentárias, e daquela organizaremos o de mañá, talvez algunha outra cousa; brevemente: ás 8'30 iremos ao concerto de Mahler, pero despois eu voltarei cedo á casa dos pais porque necesito dormir. Despois de xantar, sorprendentemente, moneei coma un vello diante da televisión; acordei minutos despois, só na sala: miña mai saíra nos bicos dos pés para traer-me unha manta.
Asumo que estou sobrepasado polos recentes acontecementos, e non me refiro ao avance do Exército Vermello sobre Berlin: necesito unha calma que só lograrei camiñando, rindo e falando con persoas que me coñecen ben e nada me exixan, lonxe da miña casa convertida en refúxio, lonxe de Atenas. Certamente, empezo a perceber a imensidade dos dous meses que me restan ali.


Ora ben: onte Melómano e eu fixemos os deveres. Non haberá sétima convocatória.

luns, 18 de abril de 2005

Insomne

Regreso a Atenas ben cedo na tarde do Domingo; paso pola casa tan só para deixar unhas cousas e meter na mochila algunha roupa limpa con que me mudar ao dia seguinte; tamén para revisar o correo electrónico e a situación desta blo. E baixo ao trote para a casa de Melómano.
Houbo sorte, e o café non quedou unha vez máis na cafeteira, ainda que fose a custo do meu dormir (señor, xa non teño 20 anos!); baleiramos as cuncas a compás de Ravel, e posivelmente a este mesmo compás demos comezo sen muita cerimónia o noso própio concerto de viola de gamba, e o serao caía sobre nós até que o cansazo nos rendeu, sobretodo a min, que cargaba os kilómetros da véspera.
Melómano liou algun dos seus, e dormiu. Pero eu, seguramente polo café tardio, percorrin case cada un dos pasos do Sábado: volvin a Barbadelo, á ponte de Belesar, e sorria cos sorrisos e as parvadas de Vapin, como unha colexiala idiota; deitado xunto a Melómano, insomne, impregnado no seu cheiro e no cheiro seminal dos dous, achei que só conseguia lembrar a conversa banal de Vapin, e que nada me interesaba a vacia verborrea pre-doutoral sobre polifonia medieval que Melómano me estivera lendo.
Decididamente, os anos pasan para o hardware, pero o software permanece incólume.

luns, 11 de abril de 2005

Nós

Escribo sobre a mesa dunha terraza, nos Cantóns. Vai un frio polar, pero o sol é radiante, como cómpre os Domingos para que a xente pasee arriba e abaixo polas Cortiñas de San Román; todo mui burgués, claro, a saída da misa e esas cousas, pero para min é un pracer recuperado que hoxe, sen embargo, non comparto coa miña filla: ten febre.
Onte volvin a Manderley, só para visitá-la, ou iso pensaba eu, porque finalmente me vin obrigado a xantar con elas, co que iso supón: estrañas conversacións, case monólogos, e estraños consellos sobre vendas imobiliárias en Atenas.
Todo mui forzado e presidido permanentemente pola desconfianza. Devezo por saír canto antes, e ás tres e meia estou xa rumo a Ithaca como se me perseguisen todos os demos. Paro no Cerne de Galiza a mexar a prol do vento, e aproveito para chamar a Vapin, con quen quedo ao serao, antes de irmos á Cova.
Será un encontro breve e doce en que planificamos camiñada para o próximo Sábado e presto testimuño sobre as turbuléncias da semana pasada; Vapin conta-me que, cando saíron da casa de Ti, Constanza exixia as miñas desculpas apoiada nunha farola, algunha das que agora podo ver desde onde escribo. Conta-me que el lle respondeu que eu nunca o faria, mentres me pon unha mao no pescozo e se achega a min para besbellar non te agóbies polo que diga unha nena pequena.
Na Cova non está Constanza, pero asi e todo a tertúlia acada un alto nivel internacional mercé á boda e os catro funerais: a americana, o papa, o príncipe e o xenro, que non morreu pero como se tal. En relación ao de Gales, deosto á defunta e coincido con H. en que é unha loucura que non outorgasen capitulacións, un dos meus temas predilectos, ao que me entrego con verdadeira fruición mentres roemos a pitanza.
Tomando un chocolate con Ti (en lugar de irmos de copas cos outros) parece-me que os nós da miña vida non son insalváveis, que Robinson seguirá adiante desatando neles, e asi pouco a pouco a quente espesa beberaxe atempera o meu espírito nesta fria noite de Abril.

martes, 22 de marzo de 2005

Tributos

O meu corpo, maltreito desde Domingo, segue pagando un tributo de maniotas; ademais, farto das guedellas molladas pola choiva esmagadora, onte fun á perruqueria e acabei de vez con elas, pero esta vez, quen cobrou o tributo foi a Primavera no seu dia.
Seguen as tardes tranquilas xunto a Vapin na sua casa: dulcísima cordialidade dos que están xuntos á vontade.
Cando descobriu os arquivos desta blogue, pedin a Vapin que por favor non os abrise porque non tiñan interese, pero houbo daquela unha sombra que cruzou rapidísima entre os dous, e eu recuei en segundos e expliquei-lle todo.
Penso agora, mentres isto escrevo, que, se hai pouquísimas áreas das nosas vidas pasadas ou presentes que o outro descoñeza, e isto inclui os tempos de bonanza e os de tribulación, as nobrezas e as misérias, as épocas de guerra e as de paz, tampouco teño motivos para ocultar ao meu mellor amigo o que este blogo contén.

luns, 21 de marzo de 2005

Imprevistos programados

Xa en Ithaca desde o Venres, e naturalmente comezaron a suceder cousas.
Para empezar, a etapa de Camiño prevista para Sábado houbo de ser removida ao Domingo pola elocuente razón de saír a noite anterior até horas imposíveis: na Cova primeiro, con Ti, Vapin, Constanza e Xoán; logo en Emo (onde todo é sempre de xoguete, comento eu máis tarde: as tapas, as cadeiras e as camareiras); a seguir, de novo na Cova (en que dá a impresión de vivermos nela ou algo asi) a mendigar algo de comer; e por último, mui mui tarde xa, noutro lugar do Campocastelo, os corpos castigados reclaman lenitivos de chocolate e carajillos.
Para daquela, a miña decisión de non ir camiñar co dia estaba xa tomada.
Vapin marchara pronto, pero a migración nocturna foi mui grata, en boa medida grazas á auséncia de Estridente, e á grande descoberta da tempada, Xoán-sen-costela. Sen ela, sen H., parece outro, capaz, sorprendente, dono dun humor finísimo: a estas alturas da película estuda Direito na Coruña porque non está disposto á xubilación, á acomodación, ao ben-pasar.
Só por escuitar-lle dicer iso mereceria, non sei, talvez un poema épico, ou un cantar de corda como Mambru.
Tamén sabe navegar, pero o inaudito é que nunca fala de si nen do que fai, como se non tivese importáncia.
O Domingo, nas encostas que levan a Samos, lembro as suas palavras sobre o malo que é acomodar-se; penso daquela nos meus pais, tan prematuramente retirados da verbena, derrotados, resignados ao paso do tempo, por própia vontade.
Nunca, digo para min; eu nunca, e parece que renace a enerxia en min, e que as miñas se transforman en botas de sete léguas.
Camiñando penso outras muitas cousas, e fervorosamente analizo o falado o Sábado con Vapin, para evitar sismos e outros desastres naturais.
Cheguei á casa del co portátil, como estaba previsto e, tamén como estaba previsto, falamos de todo e copiamos programas; pero desencadearon-se imprevistos programados muito antes: cousas agradáveis, esta vez inesperadas, e que, pola premura con que temos que saír para atoparmos na Cova toda a caterva ficarán aprazadas, quizá para Luns.
Trata-se do que permanece sempre entre os dous: que naceu, viveu, transformou-se, dá a impresión de que morre ás veces pero en realidade non morre, tan só se aletarga durante longas temporadas tras as cais resurxe cunha forza incontrolável, como os torrentes e as fervenzas, e daquela asolaga-nos, eleva-nos ao ceo, tamén nos afoga mui brevemente.
E a continuación sempre nos fai caír no profundo: inexplicavelmente, deixamos de ver-nos, de chamar-nos, de andar xuntos até. Por pouco tempo: Macer, sen saber sequer o perto que estaba da verdade, ten comentado algunha vez sobre esta nosa interdependéncia.
Sempre volvemos.
Pero Macer nen é amiga nen amante; non resistiu o tempo, e agora pasa xunto a nós procurando non ver nen ser vista, igual que os bandidos.
E Vapin, amigo sempre, como sempre regresa.

luns, 14 de marzo de 2005

On the road

Sábado retomamos o Camiño, agora a segunda parte da primeira etapa, desde o Alto do Poio a Triacastela, que quedara pendente pola neve. A mesma que atopamos esta vez, e que deixou pegada nas maniotas que ainda hoxe sinto nas pernas e até os cadris.
Foi unha etapa máis dura por ter que andar boa parte dela sobre unha capa en que nos afundiamos por riba dos nocellos e, en ocasións, até os xoellos. Pero tamén máis formosa, máis auténtica, se queremos dicé-lo asi, ainda que Nican non as tivo todas consigo: pasou-no mal, e chegou a propor quedar de canguro da miña filla a próxima vez.
Vapin foi o meu compañeiro os muitos kilómetros en que, sen queré-lo nós, as outras duas ficaban rezagadas: tempo para falarmos precisamente de Estridente, Constanza e alguns dos que serian comensais na festa de cumpreanos aquela mesma noite na casa de Ti.
Involuntariamente pola nosa parte, compartimos roteiro cunha horda de adolescentes cos pantalóns caídos e os móbiles na mao. Adiantaban-nos en grupiños de tres ou catro.
Paramos ao pé dun castiñeiro xigantesco, á espera de Nican e sua irmá: talvez porque nos ouviron, e talvez non, dous mozos saíron de súpeto do lameiro ao lado, axustando os pantalóns.
E estes?, pregunta Vapin cando pasaron, camiño abaixo; Ou mexada, ou palla, digo eu, ti que opinas?; Palla non, pero unha mexada vale.
E ali mesmo, á sombra e abrigo do castiñeiro, os chorros dos dous cruzaron-se brillando ao sol.

xoves, 10 de febreiro de 2005

Reaxustes

Mudanza de planos para este fin de semana.
A miña ex trabucou, sen dúvida involuntariamente, todo canto lle dixen en matéria de calendário, e este meiodia mensaxea-me unha confirmación inesperada: virán a Atenas este Sábado, non o seguinte, de maneira que a segunda etapa do Camiño até Triacastela fica en suspenso.
Chamo a Nican para presentar a demisión, e a meia tarde chega unha mensa de Vapin a suxerir-me trasladarmos a camiñada para o Sábado 19; chamo-o imediatemente: conta-me que fixeron concílio de peregrinos, e que a peregrinaxe fora suspendida sine die. Que como ían facer a etapa sen ir eu con eles. Que xa recuperaremos o retraso na Semana Santa.
Enternecido e cheo de gratitude, digo-lle que xa lle-lo compensarei.

luns, 7 de febreiro de 2005

Camiño

Por fin.
Sábado comezamos o Camiño de Santiago. Xa sei que non é nengunha fazaña un tramo de pouco máis de dez kilómetros, por muita neve que atopásemos, pero tamén é certo que a nosa non era a Comunidade do AnelO Cebreiro, Liñares, o alto de San Roque, Hospital da Condesa (que haberá dentro da cápsula de memória dunha cámara dixital que atopou Vapin no campanário?), Padornelo e, por último, o alto do Poio, ao que demos chegados con algunha penalidade, a meio da nevarada que se nos botou encima.
Despois de relear kilómetros, na Cova, a véspera, acordamos facer a metade do previsto .
Por iso saímos tarde de Ithaca (10'30 é tarde, certamente); no coche de Nican seguimos pola autovia á sua irmá, e meia hora despois da partida comezamos a ver manchas brancas nas montañas. Manchas cada vez máis estensas, até que ao pór o pé na terra do Cebreiro sentimos o renxer do xeo baixo as botas .
Hai feira: mentres as irmás deixar un dos coches no final da etapa, Vapin, Mer e eu vagamos entre os postos de roupa e de froita, de pan e de ferramentas.
Desistimos de entrar onde o gado.
Entramos nun bar: almorzamos café e roscón, e lemos El Progreso. Mer conta cousas de hipotecas e mudanzas, e anúncia que pronto deixará o apartamento; igual me interesa, digo eu, e dou en contar a bonita história do meu regreso a Ithaca, o traslado, unha casa para a miña filla, etc. Mer alegra-se, pero Vapin, que o sabe desde o serao anterior, non parece desde logo entusiasmado.
Recoñezo que estudo as reaccións dos meus amigos; meus pais ainda non sospeitan nada destes cálculos e previsións, talvez mui prematuros, e asi espero evitar presións; pero cos meus amigos é diferente: comprendo que haxa intereses creados, e sigo a ser mui curioso.
Sen ser capcioso, recoñezo que ás veces nace en min o entomólogo que levo dentro.
Tamén que non por esperadas deixan de sorprender-me algunhas cousas: Duas veces preguntado Vapin que lle parece que me instale en Ithaca o próximo outono, e as duas apañou-se para non responder.
Nican, cando Fesore e Xa llo comentan, ri-se con desgana e pon cara de xa-está-este-a-facer-das-suas, como se eu gardase os livros na neveira ou tivese unha boa constrictor na bañeira.

O xantar foi provavelmente o mellor do fin de semana, tanto pola comida como pola conversación. No Cebreiro, na hospederia: viño con gasosa para acompañar os ovos con chourizo e xamón, e patacas fritas; logo cafetiño de pucheiro e tarta de queixo con castañas.

Neva pola tarde, camiño de Ithaca, e a invernia acaba de decidir-me: non sairei nen hoxe nen mañá, ficarei na casa dos pais co Padre Brown, a ler o xornal, a facer crucigramas atrasados, a ver algunha cousa na tele.

domingo, 12 de setembro de 2004

Na Praza Maior

A unha menos cuarto, e estou sentado na Praza Maior, nun dos bancos á sombra que rodean o templete onde xogan muitos nenos. Nos outros bancos hai vellos sentados , e desde o meu podo ouvir a sua conversa. Penso sen cre-lo moito que algun dia serei coma eles, tamén aqui sentado, e acordo-me do meu avó, de cando me traía á Alameda a escuitar os concertos da banda, igual que agora fago eu coa miña filla.
Afectivamente regresei a Ithaca; tan só me falta regresar fisicamente, algo que intentarei este inverno, solicitando o traslado para aqui por primeira vez . O meu entusiasmo por Ithaca aumentou proporcionalmente ao meu desencanto por Atenas, onde me sinto só e isolado coma un Robinson, e onde tentarei combater o vacio o curso próximo estudando História na Faculdade (desde a semana pasada estou xa matriculado) e estabelecendo unha disciplina doméstica se non férrea si estricta.
Entre os obxectivos previstos para este inverno, ademais do traballo e os estudos de História, está a mellora na forma física. Para lográ-lo devo sen dúvida mellorar a dieta (acabar con estas comidas lamentáveis e reducir o consumo de alcol), deixar de fumar dunha vez e facer algo de exercício.
Espero aceitar a oferta de Ilu e Ambece para irmos camiñar de cando en vez. Onte mesmo, con Nican e a sua irmá, acordei que faríamos o Camiño de Santiago desde o Cebreiro: etapas bisemanais (pola nena) en que Nican nos levaria e nos recolleria. Polo que temos falado, tamén Vapin e Mer se apontan, ainda que evidentemente hai muito que organizar e tratar neste asunto.
Necesito facer cousas: seria lamentável que a única bagaxe destes últimos dous anos sexa tan só a miña ruptura matrimonial.