Amosando publicacións coa etiqueta Europa. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Europa. Amosar todas as publicacións

mércores, 18 de maio de 2011

Quero ser coma el

Atopo por aí unha entrevista no diario Público a José Luís Sampedro, un dos que nos chaman a revoltarnos até lograrmos unha democracia efectiva. Como non admirar este home lúcido, honesto e rebelde que ergue a voz contra un sistema caduco e enfermo, e que entre outras cousas afirma denuncia:

Que fai Europa nestes momentos? Nada. Non estamos xa en mans dos financeiros senón nas de tres ou catro grandes empresas de valoración da confianza. Que fixeron os gobernos? Suprimiron os paraísos fiscais? Corrixiron a conduta dos bancos? Non! Os bancos que crearon a crise en 2008 hai tempo que se repuxeron tranquilamente e anuncian os seus beneficios mentres os parados seguen parados. Chámense como se chamen, todos os gobernos actúan obedecendo aos intereses do capital.

sábado, 12 de xuño de 2010

Conciencia europea

Outro vídeo, directamente desde a miña arca de correo electrónico ás conciencias de todos os europeos de ben: a intervención de Daniel Cohn-Bendit no Parlamento Europeo sobre a axuda económica a Grecia.
Quen mo manda tamén escribiu: Xa que os medios de masas non o difunden, para que estamos nós?

luns, 9 de novembro de 2009

20 anos


Pasaron 20 anos, como de case todo.
Tamén daquela noite en que celebramos a caída do muro, non en Berlín e rodeados de alemáns, senón rodeados de alemáns no máis ruinoso e desconxuntado andar de Alfama, onde vivía unha das miñas colegas alemás de turma.
A loira chamábase Kirsten, e a historia pillounos tan sen previo aviso que alí non había máis que viño maduro e cervexa para brindar diante da tele en branco e negro, mentres o teléfono non deixaba de soar e pola porta aberta seguía a entrar xente, como no camarote dos Marx.
Naquela sala húmida e balorenta en que M. e eu estábamos por primeira vez, e da que sacábamos os mobles anticuados, repartíndoos por cuartos e escaleiras para facer sitio, europeos dos catro puntos cardinais, franceses, italianos, suízos, polacos, británicos, belgas, dicíamos adeus a aquela Europa absurda e traumatizada dos nosos avós e dos nosos pais, e dábamos a benvinda aínda non sabíamos a que.
Quero pensar, pero non estou seguro e probablemente non foi nin daquela nin alí, que esa noite e nesa húmida e balorenta sala ateigada de xente entusiasmada, biquei por primeira vez a M.
E pasaron 20 anos, como de case todo.

sábado, 6 de xuño de 2009

Reflexión

 Así estou hoxe eu, debaténdome entre o deber e o desencanto: a Europa na que creo non ten nada que ver coa que vexo nos medios de comunicación, nos discursos dos políticos, nese parlamento etéreo e bizantino en que vexetan o seu retiro dourado dinosaurios e vellas glorias.
Que irei votar é seguro, porque está comigo a señorita Kaplan e non quero que unha cousa sexa predicar e outra dar trigo; pero se votarei en branco ou aos de sempre está aínda por decidir.
A miña xornada de reflexión aboia, pois, entre a apatía e a náusea.

martes, 22 de xullo de 2008

Criminais

Felicitémonos porque, polo visto, para Serbia estar en Europa é algo máis do que organizar un festival de Eurovisión.
Seguindo o costume de non honrar os xenocidas citándolles o nome, só nos resta lembrar que outro verdugo tan feroz e sanguinario está aínda agochado.

luns, 16 de xuño de 2008

Xornada

A ver: se os nosos señores eurodeputados veñen de aprobar unha xornada laboral de 65 horas que nos fai recuar en dereitos laborais por riba dun século de loitas obreiras e sindicalismo, que serán capaces de aprobar agora para faceren da vella Europa un lugar económica e socialmente máis competitivo?
Será talvez a legalización e regularización das actividades lúdico-formativas para menores en empresas con (escasa) remuneración, esas que unha manda de progres idealistas e incompetentes coma min tan mal chamamos explotación laboral infantil?

sábado, 12 de abril de 2008

Vellos

Escoito na radio que Italia se está a converter nun dos países con máis vellos do planeta; tamén que as cifras de vellos pillados in fraganti mentres roubaban nos supermercados se dispararon na última década porque moitos deles han de sobrevivir con menos de 500€ ao mes.
Por iso rouban comida.
Nas grandes superficies din que os vellos que pillan o que rouban é latas e pacotes pequenos, sempre os máis baratos ou os que están en oferta.
Así, explican os xerentes dos supermercados ao xornalista, os vellos tentan aplacar a conciencia para non sentiren remorsos.

venres, 22 de febreiro de 2008

Kosovo

Ao día seguinte de declarar Kosovo a súa independencia, o presentador das noticias explicaba que por agora non está claro se o novo país se chamará Kósovo ou Kosovo, que a posición do acento depende de cal sexa a minoría étnica que o pronuncie.
Ao escoitalo mentres ceaba, por unha desas estrañas asociacións do subconsciente, acordeime de que curiosamente tamén a nosa terra ten dous nomes, ideoloxicamente falando.
Por fortuna, a cousa só durou uns segundos, e seguín a cear sen preocuparme dos meus propios serbios (os que foren).

domingo, 4 de febreiro de 2007

Pamuk

Hai nada especulávamos aqui alegremente sobre os motivos polos que nos exiliaríamos do noso própio país. Unha vez máis, a realidade vén a nós para dar-nos unha bofetada e poñer-nos no noso sítio: Orhan Pamuk, o recente Nobel de Literatura turco, abandona o seu país, a sua amada Stambul, por muito tempo, e as poderosísimas razóns da sua decisión están explicadas aqui.
A nós, no noso torpe exercício de onanismo, nunca se nos ocorreu que puidese ser o noso própio país o que non quixese saber nada de nós.

martes, 14 de marzo de 2006

Xustiza

A lentitude da xustiza humana converte-a con frecuéncia en inxustiza.
Non citarei tampouco o nome do tirano por non honrá-lo, ainda que sexa escrevendo ao lado o substantivo vergoña.
E é agora cando se especula coa hipótese do suicídio, do asasinato, da conspiración, da neglixéncia médica: non lembro que houvese a preocupación que hai agora pola morte dun só home cando este mesmo causou coa sua demagóxia, o seu ódio étnico, a sua visión oportunista da realidade, a morte de miles de homes e mulleres e nenos.
Naquela altura, nunca a vella Europa estivera tan lonxe de nós nas miñas aulas e no meu corazón.
Lembremos o que dician os xornais: A tan só 3 horas do noso país, a Xugoslávia parece calquer país africano.
Señor: pode haver unha inxustiza maior?
Non sei. Deus, se existir, responda.

xoves, 17 de febreiro de 2005

Dúvidas e tesouros

Quen ten un amigo ten un tesouro, por certo, ainda que chegue con retraso.
Cando, despois de semanas de dúvidas agónicas e esquizofrénia partidária,teño porfin decidido que votarei no referéndum do Domingo, chega unha mensa de Vapin na sua língua materna, que non traduzo por non alterar a rima:"¡El 20 de Febrero, NO a Zapatero! Pásalo".
Por se non estivese seguro, Vapin resolveu canto en min houber de incerteza; incluso o que se plebiscita. E eu que pensaba que era un proxecto de Constitución para esta vella e bronca Europa...
Detesto cando Vapin se pon joseantoniano, pero hai que valorar tamén en canto vale a pulcritude de non invadir a xornada de reflexión; a xente de orde non anda abouxando nen ladrando o seu rancor polas esquinas, como fixemos outros.
O tempora, o mores!

A mensa aclaratória chegou mentres estaba a ver un pequeno tesouro; como pagamento ao lote de DVDs que lle deixei para piratear, P., o home de Ilu, manda-me cópia da película de películas de Madronita Andreu, que habia tempo eu procuraba.
Confeso que fiquei absorto, encantado diante das imaxes, como quen axexa por unha porta entreaberta ou espia os viciños através dunha xanela indiscreta, con mortos pero sen crimes.
Sen dúvida, sigo a ser un voyeur.

venres, 11 de febreiro de 2005

Indecisión

Seguro que como muitos, pero desde hai semanas debato-me nunha indecisión estomagante, inaudita, sobre que hei de votar no referéndum do dia 20.
Tampouco estou mui convencido perante os acontecementos de mañá: que veña a miña filla é magnífico; que a traia a sua mai, razoável; que vaiamos pasar boa parte da tarde os tres xuntos, cada vez máis mala idea.
Un runrun roe-me interiormente desde onte, que non acougan nen o desexo de estar coa nena nen os lavores domésticos.
(Robinson acondiciona a sua illa).
Non é unha premonición de desastre, tan só a evidéncia dun deserto terrivelmente ermo entre os dous que pretendemos ao parecer ignorar.
Talvez as feridas non cerraron abondo, e esta estupidez de mañá de levarmos xuntos a nena a unha exposición me suporá un mal dia.
Quizá non sexa outra cousa que a tristeza do lume extinto, das borrallas nun lar agora vacio, e máis nada.
Iso que en diante se pode chamar normalidade.