Que a volta ás aulas está perto non o indica só o calendario: desde hai varias noites indefectiblemente soño con voltar ás clases, e cando digo que soño con voltar ás clases enténdase que soño no significado máis amplo e freudiano do verbo soñar.
Amosando publicacións coa etiqueta Profesor atónito b>. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Profesor atónito b>. Amosar todas as publicacións
mércores, 27 de agosto de 2014
sábado, 29 de outubro de 2011
Claustro
Martes reuniuse o claustro e, sen grandes discusións nin polémicas, adoptou a decisión de que este curso non faremos actividades extraescolares en protesta contra os axustes da Consellaría; por contra, do referéndum convocado polo sindicato para esa mesma mañá nunca máis se soubo.
Votei a favor, pero son escéptico: non me parece que vaia haber, como algúns colegas argumentaban, ningunha reacción pola perda de ingresos de empresas de autobuses, museos e hoteis, nin polo descontento das familias de rapaces que xa non enviaremos a parques eólicos, toledos ou ribeiras sacras.
Pareceume ver a decepción nas caras dos docentes novos; ao saírmos, Cam puxo en palabras o que eu estaba pensando, que con axustes ou sen axustes a nós hai anos que non nos pillan de excursión nin fartos de viño malo.
martes, 27 de setembro de 2011
En folga
Unha vez máis, e xa perdín a conta estes últimos tempos, vou á folga.
Opóñome rotundamente aos recortes en educación: denuncio a non contratación do profesorado interino e substituto necesario e os apaños na distribución das asignaturas afíns, que frecuentemente acaban impartindo docentes doutras especialidades; protesto contra o aumento de horas lectivas e a atribución de funcións absurdas e impropias, como a de custodia; rexeito os ataques continuados ao ensino público co habitual desvío de fondos aos centros privados; acuso ás autoridades das diferentes administracións de poñeren intencionadamente en perigo os dous piares do noso benestar dos que máis orgullosos debemos sentirnos: a sanidade e a educación.
Non é unha cuestión de crise, senón de boa administración e de visión de futuro.
venres, 16 de setembro de 2011
Curso
Nada como a música para empezar o fin de semana, aínda que nos recorde que en poucas horas voltaremos ao traballo. A señorita Kaplan comezou hai uns días e eu tiven hoxe a presentación; de momento empezamos sen listados, sen libro de texto, sen demasiado entusiasmo e cun horario a imaxe e semellanza do do curso pasado. A novidade é a redución de profesorado e o descontento xeral do claustro, que apuntou xa a eliminación de actividades extraescolares e pospuxo decisións para unha nova reunión.
Xa veremos.
sábado, 29 de xaneiro de 2011
Sucedeu unha noite
Segundo as últimas noticias, ao parecer antonte só fomos á folga tres persoas no meu instituto.
Nin Erg nin Cam, nin moito menos Chicles no Pelo, que polo menos non viñeron onte con xustificacións nin pretextos de mal perdedor; quen si demandou a extremaunción foi E. no corredor de arriba, que veu coa conciencia avariada para dicir algo tan bobo como que estivera dándolle voltas e ao final, cando foi para a cama despois da película, decidiu que non folgaba e agora estaba arrepentida.
Nin Erg nin Cam, nin moito menos Chicles no Pelo, que polo menos non viñeron onte con xustificacións nin pretextos de mal perdedor; quen si demandou a extremaunción foi E. no corredor de arriba, que veu coa conciencia avariada para dicir algo tan bobo como que estivera dándolle voltas e ao final, cando foi para a cama despois da película, decidiu que non folgaba e agora estaba arrepentida.
O día para min foi moito máis caseiro que outra cousa: coa neveira ateigada de víveres como para resistir un asedio e sen necesidade de saír, acordei tarde porque me deitara moi tarde, almorcei cos xornais en liña e volvín para a cama a ler; puxen en orde a casa mentres no forno se asaban dúas patas esquerdas de atrás de (obviamente) dous coelliños diferentes que serviron de prólogo a unha tarde estomballada e sen cores: fóra, porque orballaba no día morriñento; dentro, porque a pasei en abeiros e vehículos inverosímiles xunto a Clark Gable e Claudette Colbert por unha América amable e en branco e negro.
Á hora da cea chamou Polis para recordarme non só que está vivo tras a enchente de fumées e robalizas senón que ademais cumpre 46 tacos a semana que vén e está disposto a celebralo; dime que está medio de baixa, recén operado dun absceso de pus e, sen que ninguén mentase sogas en casas de enforcados nin nada semellante, pasamos a metade dos 56 minutos telefónicos falando das nosas popas respectivas, e o resto xurándolle que o Mércores ás dez da noite estarei sen falta chantado no seu felpudo.
Etiquetas:
Avarías,
Cam,
Chicles no Pelo,
Cine,
Clark Gable,
Claudette Colbert,
Erg,
Polis,
Profesor atónito,
Rutinas
martes, 21 de decembro de 2010
Sorteo
Os días anteriores ás vacacións son terribles, está cientificamente demostrado; quen tivese a menor dúbida só tería que asomarse ao meu instituto estas últimas mañás, e iso que os días cincentos e fríos mantiveron algo a raia o entusiasmo dos adolescentes que, aínda así, bulían polos corredores a deshora, chimpaban entre eles e escornábanse como túzaros no patio, e resistíanse a entrar nas aulas como se os foren enviar a un campo de exterminio.
Tomando café, o meu lapsus de hoxe na biblioteca (esquecín o contrasinal de acceso ao programa de préstamo, ese que levo marcando todos os días lectivos desde hai tres cursos, e tiven que ir á procura de Erg) deu pé a que cada un mostrase o seu grao de carbonización laboral e docente, e que en resumidas contas vén significar que ningún se ve dentro de dúas décadas pastoreando os fillos (os netos talvez) destes a quen hoxe tentamos ensinar a diferenciar un suxeito dun predicado.
Non sei se foi Chicles no pelo ou Cam quen saíndo se acordou de que mañá, quizás, o Gordo nos retire.
Pero vai ser que non, como sempre ocorre.
luns, 11 de outubro de 2010
Historia
Vin a semana pasada na prensa que os alumnos británicos consideraban que Buzz Lightyear, o máis valente astronauta dos debuxos animados, foi o primeiro home que pisou a superficie lunar.
Tamén vin a semana pasada, pero en directo, como unha aula enteira de 2º de ESO non sabía dicir nada sobre Napoleón, salvo un, a quen lle parecía que fora presidente dos Estados Unidos, e outro que o remachou coa lapidaria frase de hai moitos séculos.
Etiquetas:
Debuxos animados,
Napoleón,
Prensa,
Profesor atónito
martes, 21 de setembro de 2010
Horario
Non lembro ter comezado ningún curso con tan pouquiñas ganas.
Tampouco axuda, desde logo, o estraño horario que me coubo en sorte: entro tres días á primeira hora e saio catro á última, co estómago ferozmente revoltado pola fame; todos os días no meu horario hai ocos vacíos aquí e alí, como nun pan ben levedado ou nun queixo emmental, pero o Martes entre a primeira clase e as seguintes a parcela é como para levantar un Carrefour.
Imposible cambiar nada, nin sequera para empeoralo: se hai unha cousa inmutable neste mundo, esa é o horario que me gobernará a vida os próximos dez meses; nel todo está tan firmemente atado que até sinto non ser paranoico para estar certo de que unha man negra moveu os fíos.
Imposible cambiar nada, nin sequera para empeoralo: se hai unha cousa inmutable neste mundo, esa é o horario que me gobernará a vida os próximos dez meses; nel todo está tan firmemente atado que até sinto non ser paranoico para estar certo de que unha man negra moveu os fíos.
luns, 21 de xuño de 2010
Brevemente
2. Seguindo a tradición, afogo nun mar de exames mentres dou grazas á divindade ou á evolución que me fixeron inmune ao fuchibou, o que me permite adicarme sen remorsos ao labor de corrixir, ese pracer do intelecto.
3. Escolmo dun dos exames a seguinte frase que ilustra o significado de dúas locucións latinas: Xuro per capita da miña mai que meu pai non é a vox populi da nosa casa. Non se pode negar que é desacougante; a autora, unha alumna de 4º de ESO, non.
4. Erg e Cam rin a esgalla cando llelo conto; Erg dime despois que mañá ao serán teñen o último ensaio, que bailarán un foxtrot, que Polis até alugou un frac na Coruña para ir coma un príncipe, e que eu non poderei meterme no local para axexar aínda que tivese máis disfraces que Mortadelo.
5. O ciclo termina, unha vez máis, e este ano estou probablemente máis canso que nunca, como sempre. En poucos días entregareime á inactividade total até a aventura turca.
Etiquetas:
Cam,
Erg,
Profesor atónito,
Seurat ilustrou,
Vacacións
xoves, 3 de xuño de 2010
Being Bean
Esta viñeta de Kiko da Silva, inicialmente publicada na revista Retranca e posteriormente no boletín do ENDL dun colexio de Tui, disque provocou unha reacción en cadea con demasiada aparencia de censura. Dramatis personae: un pai iracundo, un director obtuso e hamletiano, un mestre comprometido e pertinaz, e por último a santa inspección no seu papel de cerbero da ortodoxia e defensora de ás veces non se sabe ben o que.
Etiquetas:
Abominables,
Censura,
da Silva,
Lingua,
Nós,
Profesor atónito,
Viñetas
sábado, 22 de maio de 2010
Santa Rita, Rita, Rita...
Estes días dixéronme dúas cousas relativas ao meu traballo: a primeira, que Santa Rita, padroeira de imposibles, tamén o é dos funcionarios; polo menos dos funcionarios da administración local, pero aos sindicatos iso dálles igual e convocan e apoloxizan e protestan na data da súa santa como se estivésemos no nacionalcatolicismo (que ao mellor o estamos).
A segunda, dita através de contundentes argumentos que van directamente á carteira e á nómina, é que o meu traballo vale menos pois me/nos van rebaixar o soldo, ninguén sabe aínda até onde, por facer o mesmo, e aquí non pasa nada.
Que non vaia á folga convocada para Xuño non significa que non me indigne o fácil camiño do medio que toman estes para tentaren salvar os mobles; así e todo, fago titánicos esforzos para non emitir sentencias cebolletas sobre este mar de expolios e recortes tras tanto alegre despilfarro, cousas como que xa o dicía eu ou que estaba visto ou, como diría miña mai, que de noites de moito rir veñen mañás de moito chorar.
A segunda, dita através de contundentes argumentos que van directamente á carteira e á nómina, é que o meu traballo vale menos pois me/nos van rebaixar o soldo, ninguén sabe aínda até onde, por facer o mesmo, e aquí non pasa nada.
Que non vaia á folga convocada para Xuño non significa que non me indigne o fácil camiño do medio que toman estes para tentaren salvar os mobles; así e todo, fago titánicos esforzos para non emitir sentencias cebolletas sobre este mar de expolios e recortes tras tanto alegre despilfarro, cousas como que xa o dicía eu ou que estaba visto ou, como diría miña mai, que de noites de moito rir veñen mañás de moito chorar.
Etiquetas:
Aforismos,
Cartos,
Crise,
Profesor atónito,
Santoral
sábado, 8 de maio de 2010
Sangría
Un simple e-mail procedente da dirección ten o claustro alporizado nos últimos días; non é un e-mail calquera: non trae información sindical nin oferta material didáctico nin anuncia exposicións ou convocatorias.
O e-mail recolle con austeridade espartana a vida social do meu centro mostrando unha ferocidade recaudatoria para obsequios que non sei se indigna máis pola minuciosidade dos tramos contributivos ou pola imposible escapatoria á sangría: as xubilacións cotizan a 12'00 €, os casamentos a 10'00 €, os traslados a 8'00 € e os nacementos a 5'00 €.
Non hai que facer moitas contas para comprender que a xubilación, o traslado, as dúas bodas e mais o bebé que trouxeron estes meses me van deixar a carteira conmocionada e certo mal sabor de boca.
Conspiro polos departamentos botándolle leña ao lume e xurando non me deixar desplumar máis indo ao xantar-homenaxe previsto para Xuño e aínda non presupostado; non son o único que renega da sangría: mentres tomamos café no recreo, Erg até me pide en matrimonio por ver se o ano que vén recuperamos algo do que investimos este.
A idea, se ben se mira, non é mala pero non hai que tomala á lixeira, así que quedamos en que Luns lle darei a resposta.
Etiquetas:
Agasallos,
Cartos,
Ecos de saciedade,
Erg,
Profesor atónito
mércores, 7 de abril de 2010
Colofón
Veño de terminar un curso, e perante Deus xuro que non me pillan noutro no que me resta de sexenio: foron tres horas seguidas durante oito días repartidos ao longo dun mes da miña vida os que pasei alí encerrado, cunha morea de mestras gritonas e petardas, idénticas a aquelas súas antecesoras que me ensinaron a ler e berraban comigo cando viña cos deberes sen facer e me poñían contas con decimais e copias en castigo, do mesmo xeito que farán estas aos seus alumnos nas modernas escolas que tentamos virar 2.0 empezando pola biblioteca.
Hoxe, colofón do curso, foi tamén unha das piores sesións, cunha seño fisicamente idéntica a Nelly Olesson en versión alternativa; dos tópicos que dixo naquel horror non lembro nada porque colocaba tan mal os pronomes e tiña a voz tan aguda que aos cinco minutos desconectei dela para concentrarme no mellor que podía ofrecer: o seu vestido azul lindamente decorado cun friso de casas de fachadas e tellados colorados e ocres, con árbores inexplicables cargadas de froitos redondos e multicolores; xiraba á volta do van da seño unha orla de nuves brancas e sobre elas, pracidamente durmidos, había grandes gatos ou acaso ratos xigantes de longas caudas (lamento non ser máis preciso coa fauna pero todo era demasiado naif).
Desde as alturas do peito, chovían margaridas lentamente sobre os tellados, as casas, as nuves, os gatos e a mesma saia da seño.
Hoxe, colofón do curso, foi tamén unha das piores sesións, cunha seño fisicamente idéntica a Nelly Olesson en versión alternativa; dos tópicos que dixo naquel horror non lembro nada porque colocaba tan mal os pronomes e tiña a voz tan aguda que aos cinco minutos desconectei dela para concentrarme no mellor que podía ofrecer: o seu vestido azul lindamente decorado cun friso de casas de fachadas e tellados colorados e ocres, con árbores inexplicables cargadas de froitos redondos e multicolores; xiraba á volta do van da seño unha orla de nuves brancas e sobre elas, pracidamente durmidos, había grandes gatos ou acaso ratos xigantes de longas caudas (lamento non ser máis preciso coa fauna pero todo era demasiado naif).
Desde as alturas do peito, chovían margaridas lentamente sobre os tellados, as casas, as nuves, os gatos e a mesma saia da seño.
Ao parecer, nuns poucos días estará o diploma e con el as miñas cen horas conseguidas.
sábado, 13 de marzo de 2010
Semana
Ao paso que levamos, a miña ignorancia en materia musical vai ter remedio: visita a visita, e orgasmo a orgasmo, un vai percorrendo da man de Calmo o amplo panorama da música sinfónica.
Nesta ocasión, despois de xantarmos un gorentoso codillo asado nun mesón alí ao lado, a cama de Calmo navegou entre os compases de La Bohème con nós dentro.
Luns: Por fin me repintaron o teito do baño. Á primeira hora da tarde veu o xefe taxar a obra e reñerme por non estar na casa pola mañá, algo que seica lle supuxo reorganizar o planning semanal e poñer en perigo toda a civilización occidental. Media hora despois un inmigrante de bronce, manso e silencioso, entraba coa esqueira e os caldeiros. Cando marchou el aínda volveu o patrón para que lle asinase o conforme, e máis tarde os viciños a comprobaren que todo estaba en orde; tamén meus pais pasaron revista á cúpula de volta do Círculo, e mesmo a miña sobriña, que veu pedir unha película.
Con tanta visita mirando o alto máis parecía aquilo a UNESCO que un humilde retrete restaurado
Martes: Asa Larsson é a Stieg o que Cameron é a Marujita; desde hoxe Aurora boreal acompáñame cada noite até que adormezo.
Mércores: Rexeito rotundamente unha viaxe a París; se cando era un docente novo viaxei de excursión cos meus alumnos por media España, non iría con eles agora máis aló da Biblioteca do instituto. Para vivir pesadelos, persecucións e aventuras variadas quero mellor ir ao cine.
Xoves: Como este ano non son titor teño a sorte de entrevistarme con poucos pais, pero algún aparece, principalmente agora que estamos con exames e coa segunda avaliación á vista. Hoxe, unha mamá que veu para coñecerme marchou toda contenta: ao parecer non son ningún ogro e a nena (a quen, por aquilo de aclarar as cousas, non dei pescado aínda) estaba rematadamente trabucada. Un alivio para todos.
Etiquetas:
Calmo,
Manducas,
Obras,
Profesor atónito,
Tobos
luns, 1 de febreiro de 2010
Plantilla
Se unha mañá calquera unha colega do traballo comenta no café que ten por fin lista a plantilla despois dunha semana de probas, asegúrate de a que se está a referir antes de preguntarlle en público se tamén ela ten un blog.
Evitarás sorpresas, e esa cara que se lle pon a un ás veces cando non dá procesado información.
Evitarás sorpresas, e esa cara que se lle pon a un ás veces cando non dá procesado información.
sábado, 7 de novembro de 2009
O Protocolo Pandemia
Como temos algún caso confirmado de gripe A, e como para finais deste mes se espera o punto álxido dos contaxios, no meu instituto aprobouse o chamado Protocolo Pandemia, nome que parece collido dunha peli da guerra fría, e que encollería o ánimo de calquera de non ser porque non estamos dispostos a nos contaxiar tamén de medo.
Pasamos lista cada mañá ao entrar, e entregamos a notificación das presuntas baixas a un coordenador de pandemias que se encarga de investigalas e confirmalas.
Sobre a mesa do profesor hai días apareceu un misterioso frasco de solución alcólica, e agora sabemos para que: obrigatoriamente, os alumnos han de facer as súas ablucións ao entraren pola mañá, ao viren do patio e do retrete e, especialmente, antes de iren e sempre que voltaren da aula de informática, porque de todos é sabido que os teclados son o paraíso de bacterias e virus patóxenos sen conto.
No protocolo nada se di das bebidas e os bocatas compartidos ou do material emprestado; tampouco do contacto físico nin dos bicos, que proliferan como sempre: haberá amor máis grande que contaxiar ou ser contaxiado pola persoa amada?
Non sei, pero do que estou seguro é de que este Inverno e os seus ingredientes darán para moitas historias, verdadeira ou falsas, e durante anos.
Pasamos lista cada mañá ao entrar, e entregamos a notificación das presuntas baixas a un coordenador de pandemias que se encarga de investigalas e confirmalas.
Sobre a mesa do profesor hai días apareceu un misterioso frasco de solución alcólica, e agora sabemos para que: obrigatoriamente, os alumnos han de facer as súas ablucións ao entraren pola mañá, ao viren do patio e do retrete e, especialmente, antes de iren e sempre que voltaren da aula de informática, porque de todos é sabido que os teclados son o paraíso de bacterias e virus patóxenos sen conto.
No protocolo nada se di das bebidas e os bocatas compartidos ou do material emprestado; tampouco do contacto físico nin dos bicos, que proliferan como sempre: haberá amor máis grande que contaxiar ou ser contaxiado pola persoa amada?
Non sei, pero do que estou seguro é de que este Inverno e os seus ingredientes darán para moitas historias, verdadeira ou falsas, e durante anos.
Ao tempo.
mércores, 2 de setembro de 2009
Ferro
Matemático: cada vez que teño que corrixir exames até os labores tradicionalmente máis odiados se me tornan actividades produtivas e moi agradables. Se onte foi limpar os cristais de toda a casa, hoxe foi pasar o ferro á roupa e mesmo a un pixama da señorita Kaplan que requiriu minuciosidade de ourive, desacostumado como estou a aviar esta roupa diminuta .
Caída a folla do calendario e co mes-luns aquí instalado a corpo de rei, na mesa de traballo os exames xa fermentan, as avaliacións agardan, retornan os amigos, teño que comprar agasallos de boda, señor como odio a secadora, non dou localizado os amigos, irei sen gravata á boda pero necesito unha camisa nova, non puxemos libro en bacharelato, sigo sen ter claro o do acuario, e o agasallo do neno, cómpre podar o bonsai, mañá han de estar as notas, quen me dera a min estar en Xullo.
sábado, 13 de xuño de 2009
Exames
É un feito cientificamente demostrado que os exames se reproducen sobre as mesas dos docentes en determinadas circustancias.
No meu caso non as hai mellores: coa repentina suba das temperaturas, co sol que os agarima unha vez que a néboa levanta pola mañá, coa sensación de que está todo o peixe vendido e as vacacións xa se tocan coa punta dos dedos, o monte de exames non só non desce senón que inexplicablemente aumenta, coma as tentacións e os malos pensamentos e os desexos impuros.
Renego de min, que nunca aprenderei a poñer exames curtos e rápidos de corrixir, sota, cabalo, rei, e vía. Paso o boli, vermello, sobre os folios como un arado por un campo en barbeito e fantaseo con aquela lenda dos profesores que guindan cos exames a un corredor e dan a nota máis alta ao que máis lonxe chega; podería dicir que os perdín, que mos roubaron do coche cos cedés de Ana Kiro e uns klínex, que alguén mos levou da barra do bar cando almorzaba, que fixen limpeza e os tirei por despiste; podería poñerme enfermo, sufrir un accidente, unha apoplexía, unha insolación, a gripe... para que os corrixa outro.
Prometo que me flaxelarei despois como castigo, pero polo de agora só podo coller outra vez o boli e seguir arando neste ermo.
xoves, 30 de abril de 2009
Catacumbas
Non me resisto a poñela.
A portada de Retranca axuda con enxeño a aliviar un trago que non por esperado se fai menos amargo: o flamante presidente da Xunta, entre as súas primeiras medidas, anuncia, significativamente na emblemática emisora da dereita máis rancia e montesía, o envío aos centros dunha circular con instrucións para garantir a «liberdade para elixir o idioma tanto ao profesorado como ao alumnado».
Ao parecer é tal a importancia da medida que nin sequera emana do conselleiro do ramo, senón do propio presidente; e é tanta a súa urxencia, que non pode esperar ao curso próximo nin á emisión da propia circular, senón que debe anunciarse pola radio, probablemente para levar a tranquilidade ás familias de tantos nenos e profesores perseguidos que sofren en silencio o acoso lingüístico, que até agora só na clandestinidade podían falar castellano.
Coma os mártires nas catacumbas.
mércores, 11 de marzo de 2009
A ver se me acordo
Podería así contar que me deron a titoría dun grupo onde todos eran punkies, que unha noite os profes do instituto nos fomos bañar no Sil ao pé da ponte de Petín, fartos de godello despois dunha cea, e que outra vez fomos apañar cereixas ao Bierzo e acabei xunto a un de matemáticas e un de automoción visitando a primeira e única barra americana que pisei na vida.
Que pechábamos os locais onde confraternizábamos cos operarios das louseiras, e que víamos amencer de camiño á casa sen por iso deixarmos de dar a clase das nove. Que Olivia de Popeye, Fesore e eu compartíamos piso, un mausoleo desolado ao que daba arrepíos voltar, e tan frío que ás veces abríamos a xanela para quecelo se a caldeira non tiraba. Que no armario do inhóspito cuarto de invitados curábamos chourizos, queixos e androllas, e que así e todo viña xente durmir á casa.
Podería contar que se queríamos ir ao cine cumpríanos ir a Ponferrada nun 127 prestado; que me sorprendían a roxa terra das Médulas refulxindo ao solpor e o voo das cegoñas contra o ceo azul; que se escollín aquela praza para as prácticas foi por ser a máis achegada aonde vivía a miña moza daquel tempo; que en Valdeorras fixen amigos que o seguen sendo apesar de nos vermos tan pouco, e que decorreron tantos anos e o mundo mudou tanto que agora resulta inconcibible pensar que era normal fumar nas aulas, que non houbese teléfono na casa, e que para comprar o meu primeiro ordenador, case con manivela incorporada, tivese que destinarlle o soldo de dous meses.
Prometo que igual o conto. Un día destes, a ver se me acordo.
Etiquetas:
Fesore,
Profesor atónito,
Tempus fugit,
Tobos
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)










