sábado, 7 de novembro de 2009

O Protocolo Pandemia

Como temos algún caso confirmado de gripe A, e como para finais deste mes se espera o punto álxido dos contaxios, no meu instituto aprobouse o chamado Protocolo Pandemia, nome que parece collido dunha peli da guerra fría, e que encollería o ánimo de calquera de non ser porque non estamos dispostos a nos contaxiar tamén de medo.
Pasamos lista cada mañá ao entrar, e entregamos a notificación das presuntas baixas a un coordenador de pandemias que se encarga de investigalas e confirmalas.
Sobre a mesa do profesor hai días apareceu un misterioso frasco de solución alcólica, e agora sabemos para que: obrigatoriamente, os alumnos han de facer as súas ablucións ao entraren pola mañá, ao viren do patio e do retrete e, especialmente, antes de iren e sempre que voltaren da aula de informática, porque de todos é sabido que os teclados son o paraíso de bacterias e virus patóxenos sen conto.
No protocolo nada se di das bebidas e os bocatas compartidos ou do material emprestado; tampouco do contacto físico nin dos bicos, que proliferan como sempre: haberá amor máis grande que contaxiar ou ser contaxiado pola persoa amada?
Non sei, pero do que estou seguro é de que este Inverno e os seus ingredientes darán para moitas historias, verdadeira ou falsas, e durante anos.
Ao tempo.

2 comentarios:

mariajesusparadela dixo...

E van ser ben bonitas, por certo.

Sun Iou Miou dixo...

Sobre todo se non morremos desta, claro. `_^

(É verdade, mete medo o título.)