sábado, 28 de novembro de 2009

Statu quo

A caza do home non deu aínda resultados: Polis segue desaparecido, e eu vou deixando un estro de sms, chamadas a fixo e móbil, e visitas estériles ao seu felpudo.
E nada, salvo unha mensaxe sen vogais prometendo pasar por aquí un día destes.
Non hai que preocuparse, supoño: cando veu a última vez para traerme o serodio agasallo dos meus anos, ese libro que el cre que é dos que lle mudan a un a vida e ese disco que efectivamente é dos que a min ma mudaron, non me pareceu que lle pasase nada; algo contei aquí tamén do diagnóstico que fixo sobre o meu perímetro, causticamente: téñenme comparado con moitas cousas e persoas ao longo da vida, pero nunca até ese día ninguén me dixera que, con estas lorzas e esta barba máis e máis cana, me vou parecendo ao señor Ministro de Xustiza.
Á terceira cervexa puxémonos a buscar pola cociña algo que picar, coma outras veces, e logo apalancamos no salón vendo, baixo densas nubes do seu tabaco (agora rubio), a película que Polis escolleu.
Á cuarta, a conversación era tan fluída que só os exorcismos desde a tele interrompían a crónica de embargos e EREs, o panorama lingüístico e educativo, a danza de alakranas e alacráns, o informe dos seus lentes, a historia do acuario e eu que sei que máis.
Así que, cando marchou, nin el me contara a min nada do seu cesamento da convivencia con E., nin eu a el tampouco dos meus cafés cunha muller que, sendo nena, tivo unha vez uns chicles pegados no pelo.

6 comentarios:

mariajesusparadela dixo...

Pois eu alégrome moitísimo de que resolvera o dos chicles no pelo...ainda non sabe vostede cánto.
É bonito ver como a xente é coherente e sabe disculparse dos erros de neno e as compañas impropias...

Ra dixo...

Uno debería tener siempre el privilegio de contar en su inventario con alguien capaz de regalarTE un libro/disco/film apto para cambiarTE la vida. Como un pan debajo del brazo.

Bonito post, oiga.

Anonymous dixo...

Era X, esquecín asinar.

Anonymous dixo...

Faise imprescindible un post urxente sobre eses cafés, "que o saiba":P

Sun Iou Miou dixo...

Hm, eu diría que algo sucede a/con Polis.

Respecto á cuestión dos chicles, non hai nada que uns bons cafés non resolvan.

No da comparación, anda a botar vostede mitos por terra, querido Kaplan, co lanzal que me aparece na foto de/do perfil. `_^

Chousa da Alcandra dixo...

Joder, que ando eu chosco!. Ata que vin os comentarios pensaba que o que ela tiña no pelo eran clichés. E que como son elas tan complicadas con sus pelos...nunca se sabe!.
Que saia do statu quo a búsqueda.