Amosando publicacións coa etiqueta Viciños. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Viciños. Amosar todas as publicacións

sábado, 28 de agosto de 2010

Roubo

Un dos meus viciños, que chamaremos A, avisou ao seu viciño de escaleira, que está pasando uns días fóra e a quen chamaremos B, de que entraran a roubar nun piso do noso edificio hai un par de noites; díxolle tamén que estivese tranquilo porque o piso roubado non fora o del.
Como B está de vacacións no mesmo lugar que o viciño C, non dubidou en contarlle onte pola mañá o caso do roubo en canto o viu na praia, pero infelizmente non soubo dicirlle en que piso entraron os ladróns ou se roubaran realmente.
Inmediatamente, o viciño C telefonoume a min, que lle vivo diante, para contarme o do roubo e que lle mirase na porta por se había algún indicio de que o perigo nos rondara; podo facilmente imaxinalo en traxe de baño rebuscando nerviosamente o móbil pola bolsa entre a crema bronceadora, os cueiros do neno e o tabaco, e logo aliviado de saber que esta vez os escollidos foron outros.
Non teño máis detalles do suceso, pero hoxe a comunidade amenceu en pé de guerra: por todas partes (ascensores, garaxes, portais) hai avisos de que se manteñan as portas fechadas, de que se estea alerta cos estraños e de que non se abra a descoñecidos.
Para ben ou para mal, a comunidade acaba de facerse adulta.

mércores, 10 de febreiro de 2010

Tobos e pixamas

Onte coñecín o tobo de enriba, o dos radicais, o dos arrincabañeiras: escrito estaba que tanta destrución e tanta iconoclastia non podía traer nada bon, e así, onte ao serán, descubrín que polos azulexos do meu baño corrían dúas interminables lágrimas até formaren no chan, xunto ao wc, unha lagoa digna da miña zozobra.
Subín, e en canto os viciños, vestidos xa tan cedo con pixamas de cetín, me abriron, descubrín que ao outro lado da porta había un mundo nada semellante ao de abaixo, asimétrico, con paredes fóra do seu lugar e portas onde non debera, luces indirectas e un baño de revista sen azulexos, coa cabina de hidromasaxe aínda embazada.
Mentres o viciño, o xuvenil señor Pixama, se desculpa polo incidente e promete que en canto seque o meu teito me enviarán un pintor, a señora Pixama, felina e silenciosamente, vai dun lado para outro como se vivise dentro da atmosfera protectora dun anuncio e aquilo meu non fose con ela; nas mans leva unha culler e un iogur desnatado e cheo de bífidus, por aquilo da regularidade.
Horas despois, de volta no meu baño, fago o posible por non mirar o círculo, que non lembra ningún continente. Que máis ben parece unha mexada.

luns, 18 de xaneiro de 2010

Enigma

Nunca quedan misterios sen resolver, e antes ou despois até os máis desconcertantes enigmas domésticos atopan resolución.
Os meus viciños da frente este fin de semana aínda non quitaran da porta a espléndida rodela de flores secas e purpurina cen por cen Pórtico con que hai un mes saudaran o Nadal.
Como explicar isto nunha parella nova, atraente, acomodada e á espera do primeiro fillo? Sería descoido, saudade, abandono, teimosía, olvido ou algún anovador rito natalicio? Que podería significar que a luz da porta deles levase acesa noite e día desde o Xoves?
Que a pechadura non estivese forzada e o felpudo seguise no seu complicaban a teoría do asalto con violencia pero non a dos accidentes domésticos, vai ti saber, así que cando nas profundidades do subconsciente a miña alma de porteira empezaba a rebelarse, hoxe mesmo batín no portal coa realidade máis optimista de todas.
Á comunidade chegou prematuramente un viciño novo; os flamantes pais facían prácticas de condución mentres el, alleo a todo, mesmo ao seu histórico primeiro paseo por Ithaca, durmía dentro do cuco.

sábado, 31 de outubro de 2009

Comunidade

 Xoves houbo reunión de viciños.
A presidencia da comunidade caeu a dous andares do meu, discutimos derramas e redución de cotas pola baixada do fuel, como nenos boíños deixamos que o administrador nos levase da man polo labirinto das contas, e até houbo quen grallou alto e forte porque a da limpeza non nos limpa.
Eu, que nunca dou calado, chilrei dúas ou tres veces, pero só cando a nova directiva estivo elixida, por se acaso.
Desde o meu poleiro ao final da sala víase ben a desbandada: se na do ano pasado se acabaron as cadeiras e algúns quedaron de pé xunto á porta, na deste ano sobraban sitios apesar de asistiren, como se fosen ao teatro, varias parellas de brillantes alianzas e poucos anos. A crise ao parecer non causou estragos: de momento non só non se puxeron vivendas á venda nin hai recibos impagados, senón que até me crucei no ascensor con embarazadas diferentes da que xunto a min trinaba por unha arañeira do portal que, segundo ela, leva alí desde a Primavera.
O desencanto e a rutina instaláronse tanto entre nós que xa non parecemos encantados de nos termos coñecido. Pronto só irán (ou iremos) ás reunións uns poucos; aínda máis á medida que os nacementos vaian mudando a fisiognomía da comunidade.
E aí empezará a normalidade.

mércores, 5 de agosto de 2009

Obras e avarías


Ultimamente, sobretodo desde que se instalaron os que me viven enriba, pola cambota escoa ás veces un cheiriño delator a pementos fritos, a churrasco ou a sardiñas asadas, depende do día, que pronto enche a cociña toda.
Desde logo, non é un privilexio exclusivo; ao parecer, a nosa comunidade chega a estes estremos de compartirmos os efluvios culinarios, e logo todo son comentarios e conspiracións e ameazas ao promotor cando os viciños coincidimos no ascensor ou no portal, pero ao final ninguén fai nada, e das reunións marchamos pitando que empeza o fútbol ou que teño os nenos sós ou que mañá entro cedo.
Acabouse: esta mesma mañá o meu cuñado cortou e selou forever and ever o tubo que umbilicalmente unía as miñas ás demais pituitarias viciñas; lástima non lle ter tirado unha foto cos lentes protectores postos e unha pistola de escuma de poliuretano, que non uns nardos, apoiada na cadeira, digno émulo dos sicarios de Darth Vader.
O balance da escaramuza lembra a ruína do Partenón: presiden agora a cociña dous buratos no falso teito polos que tranquilamente collería a señorita Kaplan se lle dese por agocharse; houbo que recoller ademais cascallos de escaiola de varios tamaños e formas, arrumados ou non nun recanto, e unha grosa pátina de finísimo pó branco recubría os mobles da cociña, os azulexos das paredes e até o meu cuñado, que parecía o home das neves.
O máis grave é, sen dúbida, a tea de araña debuxada sobre o cristal negro da vitrocerámica rota; o causante do desperfecto foi, segundo o meu cuñado, a mala sorte. A mala sorte e un pedazo de xeso que se descolgou inesperadamente, engade. E zas.
Así que desde hoxe estou pendente das visitas dun perito do seguro e dun escaiolista que, por mor das vacacións de Agosto, virán non se sabe cando.
De momento as comidas, a base de asados e saladas, sen dúbida serán sanísimas.

luns, 9 de marzo de 2009

Círculo

Coñecín onte ao serán os viciños de enriba, os renovadores, os radicais, os arrincabañeiras.
Pasaron, máis que a se presentaren, a preguntaren cousas como cal é o piso do presidente, onde están os contadores ou que axencia nos administra.
En xeral, responden ao retrato robot dos habitantes deste portal: unha parella de recén casados a quen o escintilar da alianza delata na penumbra da escaleira, home e muller novos e polo de agora sen fillos, que compran a primeira vivenda, na que meterán os primeiros aforros conxuntos e os primeiros mobles procedentes dos agasallos e da lista de bodas dun casamento que culminou nun todo-incluído do que aínda gardan excelentes lembranzas e unha colección de fotos ilusionadas.
Así son e así as gardarán os que viven enfrente, os de embaixo, os do lado e as outras parellas coas que me cruzo no portal ou falo do tempo no ascensor: non sendo a solitaria señora maior do ático e a solitaria pseudo-Laura que non sei onde vive, é como se o círculo se cerrase á volta do solitario señor do cuarto, que nin se chama Dufayel nin ten os ósos de cristal nin queima os días pintando un mesmo cadro de Renoir.

sábado, 31 de xaneiro de 2009

Zona cero

Ser o decano deste portal (e vicedecano desta nosa comunidade) tivo os seus privilexios e regalías: aturei ruídos, pó, plásticos polas escaleiras, obreiros por todas partes, vibracións de trades e arrastrar de mobles, ascensores non operativos, caixas e plásticos por todos lados, máis obreiros, cortes de luz e auga a cada pouco, e unha interminable sucesión de penalidades que pouco a pouco compensou a alegría da novidade.
Pero o pasado Mércores volveu o pesadelo: o último piso que restaba por vender en toda a comunidade, xustamente o que hai enriba do meu, está en obras, e eu levo xa catro días cos nervos como cordas de guitarra, mentres os operarios se ensañan coas paredes e arrancan as bañeiras e furan e baten e deus saberá que máis botan abaixo.

Hoxe a zona cero semella estar en calma pero Luns, sen dúbida, retornarán os combates e eu volverei lamentar non ter gas no tobo.

domingo, 1 de xullo de 2007

Funeral

A segunda invitación chegou onte á noite.
A casualidade quere que mentres vexo The Queen, unha comisión de viciños coa inefable Pepe Blanco á frente chame á porta para contarme que ao señor do A lle deu unha cousa pola mañá e que morreu na Residencia pola tarde, que o funeral será o Luns, e que andan recadando fondos polos pisos para mandar unha coroa.
Dígolles que irei ao funeral e que me apunten para as flores, e volvo para o salón a terminar a película; daquela lembro que o Xoves pasado subín co pobre señor A, que se queixou do tempo e, mentres esperábamos polo ascensor, de que as plantas do portal estaban secas, que era mellor poñer unhas de plástico, que non había que regalas e que duraban para sempre.Vaites...

mércores, 8 de novembro de 2006

Morralla

Hai dous ou tres meses que vive no piso do lado un home delgado, cargado de ouro e vestido con roupa impecável de marca, con quen coincido algunha vez no portal ou no ascensor e con quen intercámbio frases banais mentres intento sobreviver á nuve aromática que desprende o home máis perfumado a esta beira da realidade.
Na nosa planta, no piso D, vive cun pequinés o clon de José Blanco: unha muller madura idéntica a el como un ovo se parece a outro ovo. Hoxe coincidin con ela no portal e, cando pensei que me ía falar dun tripartito deu en interrogar-me sobre Patrick Süskind, o do perfume, ao tempo que o can me repasa as botas. Queria saber se tamén sinto a música a desoras, se escuito discusións ou berros, se vexo xente estraña a saír e entrar, se me fixei en todas esas colombianas que ten aí metidas, finalmente se asinarei un escrito da comunidade para que esa morralla de negros se largue daqui.
Chegamos á nosa planta cando lle digo á Pepeblanco que é a primeira notícia que teño de todo o que me di, que non ouvin música a desoras nen ruídos nen discusións nen vin xente estraña a saír e entrar nen muito menos colombianas ou mulleres de calquer nacionalidade, e que portanto non asinarei nengun papel.
Ao volver-me, ainda lle escuito dicer ti verás, e a seguir o bater seco da porta a fechar-se.
O máis sorprendente é que, por primeira vez, precisamente agora me atuase.