Amosando publicacións coa etiqueta Caza e pesca. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Caza e pesca. Amosar todas as publicacións

sábado, 16 de outubro de 2010

Bolboretas

O Martes pasado, que era último día do Sanfro e festivo, foi o que elixiu Teddy para xantarmos na grella proletaria de sempre, a do polígono. Cando chegamos no seu coche vímola pechada, como eu supuña: nun día así o polígono é un ermo; obreiros e camioneiros están de festa, comen o polbo coa familia e pasean entre barracas e vendedores de bolsos e falsos calzóns de marca.
Só con esforzo dei convencido a Teddy de que non atoparíamos onde comer nin onde deixar o coche, e que o mellor ía ser tirar para o centro comercial, alí ao pé, onde case había máis persoal que clientes.
Axiña comprendín, esperando polos gorentosos ravioli en mollo de améndoas que demoraron unha eternidade, que o xantar era unha trampa: Teddy, encantado de terse coñecido e seguro de que eu non podía fuxir, disertou máis de dúas horas sobre o seu periplo estival polas paisaxes e paisanaxes de Cataluña. Para cando empecei a decatarme de que Deni non saía naquela peli, Teddy xa falaba a cada pouco de bolboretas na barriga e ansias de respirar mentres debullaba vibrantes encontros sexuais en dunas, apartamentos e até na cabina dun tráiler con rodas da altura de homes, o soño porfín cumprido.
Odieino cordialmente entre grolos de cervexa, anacos de feta e inútiles intentos de meter, aínda que fose de esguello, algunha noticia da miña existencia.
Catro días máis tarde, cando xa eu me estaba a preguntar polos efectos que acabaría tendo no planeta semellante aletexar abdominal de bolboretas, Teddy aínda imprimía metáforas pero o tema ocupou sensiblemente menos espazo: o que demorou Deni en voltar do wc no bar falsamente antigo onde os tres matamos a tarde do Sábado; pareceume pillar daquela que Teddy tanteara a Deni e que non houbera escena, que están dispostos a se daren un descanso ou algo, por ver está en que condicións ou como porque case non pillei o que Teddy me bisbaba, no balbordo do local que interfire as palabras, moi pendente eu do que sucedía por riba do seu ombro, se Deni voltaba ou non do wc para recomezarmos coas chorradas, do cine de serie B ás españoladas de cando o destape. 
Outra parella que naufraga, outro dejà vu.
Aínda tomamos unhas cañas alí ao lado, pola praza, falando de política lingüística e de Dexter, mentres Deni atendía ao fútbol da tele coma un autista, ou berraba entusiasmado cos paisanos se había gol.
Fóra, a noite caía, moi lentamente.

luns, 9 de agosto de 2010

Mércores

Porfín quedamos tras días de mensaxes que non ían a ningures porque o home ten a axenda chea ao parecer, así que finalmente chama e acordamos que nos atoparemos nada menos que no Obradoiro; Calmo é tan encantador falando por teléfono, con aqueles saúdos tan ben fraguados, que tal isto, que tal aquilo, que como sempre me fai sentir un túzaro.
Calmo di: a ver, que tes pensado? e a min alvorotaríaseme o galiñeiro de non estar en pleno café na casa dos meus pais; en lugar diso, digo tranquilamente que podemos xantar xuntos ao día seguinte, e el do outro lado da liña pon en palabras o que penso, e repetiraas o Mércores mentres avanzamos ao sol ardente entre peregrinos, estatuas humanas, músicos ambulantes, turistas xubilados, barbudos nórdicos con petate, cristiáns adolescentes e vendedores de todo, camiño dun restaurante perto da súa casa, onde eu deixara aparcado o coche.
Afortunadamente, a comida foi lixeira e o cuarto estaba fresco e umbroso; cando acabamos a primeira vez Calmo ergueuse a poñer música barroca e, mentres os corpos esmorecidos secaban sobre o leito, falamos de Estambul, da triste política galega e de esfumiados proxectos para o curso que vén.
Cando acabamos a segunda vez aquilo era un forno.
Ao saír da ducha Calmo propuxo que viaxemos non sei onde para unha exposición ou algo, talvez un concerto; non lle atendo moito o que me di porque non dou atopado a miña roupa entre a que hai estrada polo cuarto, e porque sei que non nos veremos até finais de Setembro, empezado o curso, así que mentres abotono a camisa o único que lle confirmo é que xa se irá vendo, que xa nos chamaremos.

sábado, 17 de abril de 2010

Enterro

Semanas e semanas sen vernos, e acabamos coincidindo nun enterro a trinta kilómetros da cidade: o protagonista do acto fora colega de Polis na facultade e estaba casado cunha colega miña do traballo, co cal se demostra, máis que a teoría dos seis pasos, a de que Ithaca é só unha aldea un pouco grande e o rompeondas de toda a provincia.
Cando cheguei ao tanatorio, Polis xa estaba alí, con gafas de sol e enfundado nun traxe marengo, coma un modelo de Emidio Tucci; alegrouse de veme, axudoume na composición de lugar, volveu entrar comigo para dar pésames e mans á viúva e a unha morea de descoñecidos e, por último, evitando no posible sermos confundidos por parentes do defunto, saímos de novo á tarde soleada pero ventosa.
Consecuente até o fin, Polis non é dos que abandonan un enterro a medias, así que montei no batmóbil e deixei que me levase por entre as grandes árbores á pequena igrexa onde pronto traerían o cadáver; para cando chegou o cadaleito ao adro eu xa sabía case todo do finado e a doenza que acabara con el, pero case nada da vida actual do meu amigo, que parece correr entre EREs temporais, funerais e bachatas.
Abrín fogo con isto último, a academia, e se ben non o negou (como negalo, se lle falei de Erg, a súa parella de baile) púxoselle a cara de cando lle pillaban unha chuleta na escola e comezou a xustificarse cigarro tras cigarro ao pé do carballo aquel, mentres a igrexa se ateigaba e das cumbias pasábamos a Encantador, o manipulador, o argallante, coas súas mentiras e infidelidades que, unha vez máis a praga do noso tempo, un sms equivocado, acabaría delatando.
Desde aquela bailo para non acabar toleando, dixo aproximadamente Polis nunha frase peliculeira coa que afirmaba o celibato e a castidade que lle reinan hai moitos meses, ese deserto en que se converteron o tatami e o cuarto orientalizante de Polis.
Repentinamente ocorréuseme como pasarmos moi agradablemente un serán ventoso e desapracible de Mércores, e até notei como a idea me empezaba a encher de chumbo o baixo ventre. Mirei a Polis tirar o cigarro contra as herbas do muro do cemiterio e, cando lle ía falar, a misa terminou e a xente deu en saír da igrexa.
Só preguntei se despois tiña aulas de baile; si, respondeu el, e hoxe toca merengue.

venres, 22 de xaneiro de 2010

Reciclaxe

Mércores combinara xantar co Teddy. Adoitamos ir a unha grella do polígono que reúne boas condicións de aparcamento e prezo, que está ben situada para os dous, e onde a comida é boa; a min particularmente gústame o movemento de obreiros, camioneiros, viaxantes e executivos que hai no local, toda esa constante maquinaria de alimentar por quendas que parece que non se vai deter nunca; a muller que atende as mesas e toma nota trátanos cunha familiaridade moi agradable, e aí estamos nós, mentres uns toman o café e o solesombra do acabaren e outros aínda aparcan fóra porque non xantaron, escollendo os champiñóns con xamón e o churrasco con patacas. Bebemos auga, pero eu, ademais, quixen unha copa de tinto.
A conversación, que empeza na folga, desemboca media hora máis tarde no sexo, sen que en realidade a ningún dos dous acabe por importarnos se alguén escoita, algo ao que empezo a acostumarme desde que vexo a Calmo falar en público da súa zona inguinal ou do que sucede na súa cama como se estivese a dar unha clase.
Teddy é máis discreto: cun lacónico con Deni o de sempre, ben despacha a miña pregunta de cortesía, céntrase no grego e o alxeriano adquiridos ultimamente vía internet, e até me contaxia un pouco do seu entusiasmo por coñecer xente, desa curiosidade que lle digo que estou a perder como se levase ao lombo un saco de area furado. Despois, na casa fago café e fálolle de Calmo: de Rigoletto na cama, de como un arnés non é unha rebequita, de que cousas non se deben facer en lugares públicos, dalgunhas aventuras Delfos adiante, de que hortalizas cómpre ter na casa ou de por que aínda non vin a película que todo o mundo xa viu.
Cando Teddy se foi e eu me deitei para ler sobre a cama que unha vez máis non desfixemos, comprendín que está en marcha entre nós dous un proceso de reorganización e reciclaxe. A amizade, algo moito máis sólido, é a meta.

mércores, 24 de outubro de 2007

Montaña

Visito a Teddy na lexendaria vila onde traballa.
O coche avanza moi lentamente montaña arriba, entre a néboa, engulindo sen elegancia todas as curvas que Teddy me describiu a véspera e outras mil máis; a néboa é tan densa que non vexo máis alá das luces dos que me adiantan. Repentinamente, nunha volta, a néboa racha e desaparece, e podo contemplar unha beleza agreste que até me emociona: ningunha presenza humana en centos de kilómetros arredor de vales, corgas, montes e fragas, como non sexa a propia estrada que vou pisando.
Cando chego, Teddy está a clasificar fotos no ordenador; é a primeira vez que o visito no seu tobo de montaña, unha casa de dous andares, con teitos baixos e paredes macizas, compacta, fría, con pouco encanto. Nótase ao percorrer os cuartos invadidos polo silencio e o aire fresco da mañá que o inquilino pára pouco nela; aínda máis, co seu proxecto de instalarse en Ithaca, Teddy dime que xa só ordena e limpa o indispensable.
Vemos as fotos das vacacións en Portugal, que el comenta aos poucos: hai praias enormes, furgonetas de refrescos, monumentos, casas modernistas, bater das ondas contra as rochas, arrastradas e milagrosas plantas sobre as dunas, vilas decimonónicas, monumentos, solpores, postiños de carapaus, eléctricos, monumentos, pero o cursor detense unha e outra vez nas mesmas fotos: Dani adormecido no coche, Dani sobre un penedo, Dani fumando, Dani a camiñar na praia nudista, Dani abrazado a unha estatua, Dani mexando nunha duna, Dani mirando un mapa, Dani.
Imos para o dormitorio e facemos a cama entre os dous; despímonos con rapidez e Teddy ten a xentileza de entrar el primeiro na cama para caldeala algo, o que lle agradezo, porque sinto tanto frío que mesmo se podería cortar un cristal cos meus mamilos. Aí obteño caricias e risos, as dúas cousas que vin buscar á súa montaña neste día de Outono, das que Teddy me fornece xenerosamente mentres os corpos se acoplan sen que o edredón esvare, e os dous nos prometemos infidelidade eterna.
Teremos que facer que dure.

mércores, 11 de outubro de 2006

Retsina

Con muito retraso por problemas de axenda de un ou outro, afinal onte á noite demos conta do botin que Polis trouxera do seu periplo mediterráneo, e que coa globalización ben puido comprar aqui sen ter que vir cargando por vários aeroportos coas botellas de nefasto retsina, os botellóns de ouzo e as latas de dolmadákia e brando feta, que acompañaron a mousaka precociñada e a música dos bouzukis.
Pronto fomos tres: o neno do colacao provou o retsina e dixo que lle sabia a esperma (non foi esta exactamente a sua expresión), asi que pasou rapidamente ao ouzo con xelo e rapidamente se puxo en órbita mentres as fotos de Polis nas illas esvaravan pola pantalla do portátil.
Non sei se foi o alcol, o esmagador dos sirtákis, a teima por fuxir do visionado, ou a mesma urxéncia de Colacao que (souben-o despois) tiña que fichar na casa, o caso é que Polis e el esqueceron pudores e viandas e entraron en acción ali mesmo, xunto á mousaka triste e o retsina seminal e o ouzo lácteo sobre a mesa de wengue.
Tampouco sei se no fondo o desexava ou foi por non ficar a beber só no salón do trono que fun tras deles para o dormitório xaponés.
Horas despois, mentres explicava a sonorización das xordas intervocálicas no romance, sentia ainda na boca un leve sabor a esperma.
Perdón, a retsina.

domingo, 19 de febreiro de 2006

Balance

Como a película era lenta e alemana, e isto para Pólis era demasiado xunto nunha noite de Venres, O Afundimento encallou até a mañá seguinte tras entrar nunha zona de baixios, e a nosa conversa floriu nunha atmosfera idónea de fume de tabaco e música susurrada desde a televisión.
Cando quitou os zapatos e se serviu outro whisky apesar de xa non haver xelo, comprendin que Pólis quedava a durmir; cando se tendeu no sofá en que eu estava, e puxo a cabeza sobre o meu regazo, o que comprendin foi que esa noite nengun dos dous ía dormir só.
Para daquela estávamos en pleno balance. Pólis enumerou os lugares visitados con Tádsio no último ano, con observacións á marxe mui do seu gosto: sexo outdoors en case todas as capitais de Europa, pero fai-me rir sorprendido cando me conta as aventuras polos cuartos escuros do Soho, como lla zugou a Tádsio entre os arbustos do Foro, á sombra do Arco de Tito, ou que non puideron repetir a fazaña de Lord Byron (e que eu unha vez lle contara hai mil anos) baixo a Ponte de Rialto por mor dos turistas.
A miña vez serve para fixar números: sexo rápido con tres ou catro descoñecidos dos que non conservo o nome (se é que mo dixeron); Ginger Paul e o rapaz turco en Irlanda; Melómano e Vapin, pero deste non digo o nome, porque Pólis o coñece, senón que lle chamo outro-que-si-pero-non, e logo cito duas mulleres, Alice e Zara, o que fai que Pólis fale de pelo e pluma, de carne e peixe, e rosme o sabido e vello argumento contra os bisexuais que xa nen me imuta.
Pólis repasa e conta polos dedos: se me inclúo eu, resulta que o ano pasado fodiches con once, ousexa, un equipo de fútbol.
Pólis, que segue coa cabeza no meu regazo, incorpora-se para un bico; e agora que?, di el; agora estou en dique seco, respondo, e deixo-o seguir.
Un pouco despois, cando xa non hai volta atrás, apagamos as luces do salón e tiramos para a cama.

luns, 25 de xullo de 2005

Ginger Paul


Chegou S'abado ao meiodia, como estaba previsto, e non era preciso descrevermos a cor da camiseta ou o xeito da mochila para darmo-nos reconhecido no and'en: pouca xente vinha de Dublin, pero nengunha con aquel cabelo a arder coma o lume, my ginger haired boy, que baixaba do autobus, aborrecido da dist'ancia e famento.
Con case todo fechado, salvo as rebaixas, e nada que comer na village, entramos nun fast-food de O'Connell, e a toda a pr'esa marchamos para a casa: non sa'imos m'ais do apartamento at'e Domingo, cando Paul marchou e volvemos comer polo centro, esta vez nun pub, como recompensa despois de tanto esforzo.
Encerrados durante horas cos nosos xoguetes, xogamos corpo a corpo os xogos que quixemos. Os que logo, unha e outra vez en vinte horas, renovamos, reinventamos, alteramos, refixemos, confundimos, mesturamos, agregamos, repetimos, imitamos, terminamos... e, pracenteiramente, volvemos comezar...

Para a lembranza, fica o fulgor 'igneo do cabelo de Paul, de todo o pelo do seu corpo, coma unha brasa inextingu'ivel a alampar sobre a minha cama.

F'ora, o dil'uvio arreciaba contra os vidros, e os feros corvos do Shannon, aterecidos nos tellados, espreitaban en sil'encio baixo a choiva.

martes, 19 de xullo de 2005

Triangulo

Con poucas horas de diferenza, chegan por e-mail duas invitaci'ons para o pr'oximo week-end, as duas inesperadas, opostas, contradit'orias, inconcili'ables.
Tenhen a sua orixe en Dublin, na estranha noite do S'abado nas entranhas de The George.
Era unha vez no Temple Bar un bret'on, un irland'es e un galego, que de madrugada cansaron de bailar, e sa'iron a fumar...
A cantarela puido seguir cos tres a demostrar a propiedade transitiva, mais perante a magnitude do labor e a hora que era, deu o tranglomanglo neles, non ficaron sen'on dous: un que agora espera vir e mais outro que me chama a Dublin a visit'alo.
Cada un deles 'obvia e 'odia ao outro nas respectivas mensaxes.
E agora son eu quen os 'odia, quen os vai obviar aos dous.

domingo, 17 de xullo de 2005

Soulaiman

Dublin est'a ateigado de estranxeiros, que caminhan ao meu paso e fan ferver prazas e ruas, que cobren as terrazas dos locais de todas as cores e todas as nacionalidades, que van e venhen das rebaixas. Sentan derreados nos bancos en canto queda sitio, ou se deitan sobre a herba de St. Patrick's Yard. O d'ia corre lentamente.
Pasan das 5 e 'e tarde para xantar.
St. Stephen's Green.
Ando 'a procura dun sitinho 'a sombra, levando dous pretzel e unha cola que venho de comprar, pero ainda me 'e preciso dar unhas voltas antes de que me faga un oco no seu banco, un banco 'a sombra diante dun lago de augas verdinhentas e paradas, e ao p'e da farola en que ten encadeada a bici. Tam'en el est'a a comer: dunha bolsa de pl'astico saca, e abre, unha lata pequena de arenques e pan de pita.
Seguramente m'ais do 80% dos que hoxe percorreron as ruelas e pontellas deste parque, ou sentaron nos seus bancos, tinhan cabelos loiros, pel branca r'ubia do sol, e ollos claros. Pois ben, o home que at'e hai poucos minutos estivo tendido sobre a minha cama, era, etnicamente, o que menos caberia esperar para unha tarde de S'abado dublinesa.
Xantamos 'a par, entre miradas e sorrisos pouco e pouco m'ais frecuentes, m'ais seguros. Rematamos e ofreceume un cigarro, longo e fino, de sabor adocicado; acendemos e present'amonos: Soulaiman, dixo el, e de'monos as mans mentres el estend'ia un branqu'isimo sorriso de dentes grandes a destacar na pel escura.
Volv'ia para o traballo 'as 8, as'i que cumpr'ia irmos para o hotel.
Agora, mentres Souleiman vai caminho do restaurante en que traballa, no cuarto sobrevoa ainda o xemido, case un ganido breve, abrupto, de cando exaculaba.

luns, 13 de xuño de 2005

Alicia

Non foi como nos tempos da historia con Macer: non houbo regreso furtivo de madrugada á casa dos meus pais polas rúas de Ithaca aínda escura.
Pero si a mesma clandestinidade: houbo nocturnidade, premeditación e aleivosía en pasar con Alicia ao outro lado do espello, ou iso ela teimou en transmitirme cando ben amencido, e co dia entrando, me fixo erguer de onda ela e marchar da rúa do Santo.
Todo para que M non sospeitase: debía quedar ben claro que se Alicia marchou das copas tras a cea foi por estar cansa, e que se o Sombreireiro marchou con ela foi para acompañala polas ruelas de Ithaca, e que se foi o Sombreireiro quen a acompañou e non o Coello é porque este pobre xa o coméramos durante a cea.
Todo isto cumpría deixármolo ben claro, supoño que para que a boa M non se esforzase en sumar dous mais dous, e obter como resultado que o pasado non sempre desaparece entre as follas do calendario, que moitas veces retorna coa forma dunha visita inesperada que invita un vello amigo a cear tras descubrir que escribe unha bitácora.
Por suposto, M seguiu coa copa e os amigos mentres Alicia e Kaplan marchaban para a casa: avivecía o lume antigo con leños novos, e as voces e os risos ecoaron até que os bicos os selaron polas Cortiñas de San Román arriba, polo Burgo Novo abaixo, e cantas parellas furtivas en noites coma esa se levarán bicado en vinte séculos, a percorrer este camiño.
Ao atravesarmos a porta do cuarto pasamos ao outro lado do espello, como dixen, pero apenas houbo vagar para ver como era o novo cuarto: as cousas desenvolvéronse con rapidez e tino, e en segundos (tras a rápida expedición de Alicia através do espello ao cuarto de M, para procurar neles), xa a luz da rúa que entraba reverberaba na láctea pel dela: nesa noite sen Lúa, dúas lúas branquísimas oscilaron con fereza sobre min.
Adormecemos entrelazados, en silencio. E houbo noite e mañá, dia primeiro.

xoves, 7 de abril de 2005

Cita

O certo é que esquecera por completo que intercambiáramos os números de móbil, e supoño que por iso non lle recoñecin a voz á primeira: Encantador e falangueiro, primeiro son voltas a cousas sen importáncia, como nos foi no instituto esta mañá, como é que tiña apagado o móbil, e cando empeza xa a impacientar-me co interrogatório, Melómano pregunta se teño algo que facer pola tarde.
Suxiro atoparmo-nos nalgun café do centro, pero non damos co adecuado e equidistante, asi que Melómano di que acabaremos antes se vou para a sua casa. A memória recobra, nun intre, o salón minúsculo e o tartán que decora as sabas, antes de que aceite, sen te-las todas comigo, e el repite o nome do escritor en que vive, o número e o andar da casa.
Di tamén que a letra é B, de Billie. Os dous rimos, brevemente.
Corro cos pratos para a máquina, poño as botas e marcho para alá; de camiño, teño que acordar-me de entrar nunha farmácia.

mércores, 6 de abril de 2005

Melómano

Onte á noite, sen cear nin cousa parecida, canso de postear, de corrixir exames pendentes, de facer relacións de méritos, e de ver ringleiras por televisión, fuxín da casa (un pouco de min mesmo) e fun dar nun deses novos vellos pubs irlandeses que proliferan en Atenas.
Había ben pouca xente, como correspondía a un Martes, e tras dar dúas voltas ao xornal abro a porta da conversa ao meu viciño de mesa. Ao pouco xa el se mudara para a miña e estábamos en fluída comunicación, que avanzaba directamente ao moi perigoso terreo persoal: os dous profes (mais el de música), os dous da mesma idade, os dous divorciados, e bastante sós como el ben cedo declarou, forzándome con iso a declarar a miña parte, os dous de fóra de Atenas e esperando un destino que a el lle nega a sorte e a min, por contra, non.
Tres pintas e tres cestos de patacas fritas despois éramos inseparables e sabíamos un do outro unha chea de cousas que apenas lembro, pero o que si perdura é o recordo do seu amor pola música clásica e que para Xullo estará en Dublín, nun curso do Trinity College.
A coincidencia seguía sendo abraiante, porque polas mesmas datas, e se a burocracia non atravanca, tamén eu irei a Eire.
No relativo á música, a coincidencia era mínima: preferín calar, e tan só comentei que a semana pasada comprara, porfín e nunha arroutada, A flauta máxica, o que naturalmente a el lle pareceu xenial. Para daquela había xa outros vasos baleiros e mediados de Guinnes sobre a mesa doutro novo vello pub irlandés de Atenas.
Non esperamos a fechar: tomamos bourbon na súa casa, un apartamento diminuto, meticulosamente organizado, ateigado de vinilos e cedés que me mostrou con moita paciencia miña e moita devoción del. Ao chegarmos preguntara que música prefería; a que escoitabas cando saíches, dixen eu. Premeu e recoñecín a gelida manina, e seguiu soando La Bohème mentres revistábamos discos e a luz acendía brillos no corazón dourado escuro dos vasos sen xelo.
Cando xa Puccini abouxaba no cerebro e pesaba nas pálpebras propuxen cambiar de música; pon a que queiras, dixo, e erguinme a rebuscar na estante: Billie Holliday.
Empezando Cheek to cheek, V. veuse a min, e apertábame mainiño desde atrás. Ao contacto da súa pel na miña, sentín a baixada do sangue e como a pirola se me enchía de chumbo, como a miña carne puxaba contra a roupa.
Heaven, I'm in heaven, and my heart beats so that I can't hardly speak...

venres, 21 de xaneiro de 2005

Hóspede e Anfitrión

Chega Pólis ás 19 horas do dia 19 a Atenas, e vou-no recoller unhas ruas máis abaixo da casa, porque se perdeu; cando chego está a fumar e a falar polo móbil. Vimos no seu coche até aqui; en canto entra no piso podo ver como lle cámbia a cara; iso gosta-me. Bicamo-nos contra a porta unha vez a fechamos. Ensino-lle o resto do apartamento, terminando polo salón; só entra a luz das farolas.
Abrazamo-nos e bicamo-nos ansiosamente na cociña, apoiado el no mesado de pedra, contra o lavapratos e o forno. Bicos desvergoñados e húmidos, como hai xa tempo non, e pouco a pouco comezan a mans a acariciar por todas partes, e os vultos entre as pernas acaban por se faceren mui evidentes.
Os dous sen camisa.
En certo momento soa o móbil del e Pólis pon-se a falar. Despois de bastantes minutos da sua conversación, para non me aburrir, para xogar un pouco como antano, paso-lle os dedos polo peito, o ventre, e lentamente sobrepaso o elástico do chándal e toco-lla; aparto a goma para deixá-la ao descoberto: ten-a branda agora, estiro-lle o prepúcio, descasulo-a, xogo un tempiño con ela mentres Pólis se deixa tocar, sorri para min, bebe de cando en vez da sua cervexa, e segue a falar por teléfono.
Terminamos na cama: corremo-nos os dous e hai que duchar-se para saír; metemo-nos xuntos na duche e axudamo-nos co xel mutuamente. Gosta-me.

Tomamos uns cortos polo centro e levo-o a cear nun mesón que normalmente é estupendo, pero que hoxe non toca: non nos dan unha boa mesa, e a comida que nos serven non parece ter o sabor doutras veces. Temo que Pólis diga que mellor teria sido irmos a un chino, pero non o di, felizmente.
Entramos nun local a tomar café, camiño da casa. Hai bastante xente, o ambiente está cargado, e nun recanto da última sala Pólis volve sacar o tema da sua última relación: segue sen comprender o comportamento do seu ex... (ex que?, ex amigo?, ex persoa? como o debo chamar? di-me, como?); repite muitas veces que non lle gustaba nen polo físico nen pola maneira de ser; tamén di que ainda hai muitas cousas del na sua casa, roupa, e que nen sequer lle devolveu as chaves. Sen embargo, segundo Pólis, o peor de todo, o que máis o está a magoar é que nen lle mandou un postal polo Nadal.
Recoñezo que isto tamén a min me partiria o corazón.
Sen dúvida...
Dali a pouco, o que bebemos xa non son cafés, e o termos que madrugar ao dia seguinte non parece xa tan dramático: multiplican-se os chupitos de Ballantines e noto unha eufória cada vez maior que se apodera de min e daquela zona en que reside o meu eixe de gravidade; isto quere dicer que me empeza a aburrir tanta necrofília e tanto remilgo, e que, sen podé-lo evitar, me estou empalmando.
Digo-llo asi, e marchamos para a casa.
Tanto me gusta que me empalmo de novo e teño que dicer-lle o que hai, para que me bote unha man; en canto isto sucede e me tranquilizo, poñemo-nos a durmir como os dous nenos boíños que somos.

domingo, 2 de xaneiro de 2005

Retorno


Estou de novo en Atenas, nunha casa polar que os acumuladores non dan quentado, e padecendo unha invencível desídia que me impide, por exemplo, achegar-me á arvore de nadal defunta para, por exemplo, desmontá-la.

Levo en Atenas case 18 horas, e apenas fixen outra cousa que dar voltas pola casa e dormir. É tempo, pois, de facer balance, especialmente de termo-nos en conta que hai máis de unha semana que non escrevo aqui. Motivo? Nada de abandono, tan só falta de acceso á Rede, algo que asumo como mal menor. Calquer cousa antes de presentar-me nun ciber para tratar de organizar ideas en meio dun feixe de mozos a xogaren guerras virtuais. E pedir-lle a Vapin que me deixe traballar no seu ordenador seria delatar a existéncia desta bitácora e, imaxino, aniquilar unha amizade.

O dia 30 fun de Ithaca a Delfos, e máis aló ainda, até o mar, despois. A parada na cidade santa foi para ver o caravaggio da exposición que pronto concluirá, e que, como non fose o cadro, mostraba infinidade de cousas que non me interesaron, e diante das que pasei con muita lixeireza e nengun remorso.
O cadro si.
Se está vivo o propósito de contemplar todos os cadros de Michelangelo Merisi, sexa cal fose o lugar en que estean, daquela como non hei de percorrer os 100 kilómetros que me separan de Delfos para ver O Prendemento de Cristo que normalmente está en Odessa?
Máxime se ademais devo pasar inescusavelmente, como cada 30 de Decembro.
Tamén como cada 30 de Decembro, o azar fai que acabe baixando os pantalóns xunto (ou mellor será dicer "diante") dun descoñecido; docking.

luns, 27 de decembro de 2004

Encontros

Sucede cada ano, e este tamén. Ithaca está ateigada de amigos, de coñecidos, de antigas noivas, de fantasmas encerrados en armarios e de sombras doutras épocas que un vai atopando, inesperadamente, ao xirar unha esquina, ao saír dunha tenda, ao entrar nun café, ou como esta mesma mañá, ao entrar nun banco.
Alí estaba A., pertencente á categoría "Sombras": apenas tres intensos encontros nocturnos no interior do coche, moi espaciados nos anos, e entre eles atopármonos pola rúa, descubrir que temos amigos comúns e que andábamos de copas polas mesmas zonas. Chegamos a saudarnos naquela altura con franca naturalidade, como veciños ou colegas do traballo.
Esta mañá non me recoñeceu; en realidade, tampouco me viu. Bastou que nos cruzásemos no BSCH (un lugar estraño para unha erección) e chegou a evocación de feroces manobras no asento traseiro do meu coche unha noite distante, os dous nus, e a sorpresa case aterradora dos poldros que, imperturbables, nos axexaban através dos vidros embazados.

martes, 21 de decembro de 2004

Vésperas

Son vésperas, si, vésperas de Nadal.
Espécie de túnel apresurado, cheo de luces, en que hai que tolear un pouco para non tolear de todo.
E seguen a chegar postais, hoxe a de P., desde Ithaca. E pola mañá, no traballo, convite no segundo recreo, un pouco fúnebre; na mesa da Sala, cruasáns, polvoróns e caramelos, e as cuncas de café bocabaixo, á espera dun café que se acabou pronto e cuxos reforzos non chegaban; e arredor da mesa unha parte do claustro tratando de facer bromas que non saían; e enchendo a Sala, por riba da mesa e entre nós, un siléncio por momentos embarazoso.
Todo, en definitiva, un pouco fúnebre.

Pola tarde vou ao garaxe a meter no coche a primeira entrega da equipaxe que levarei a Ithaca. En vez de un panetone hai dous panetoni, pero eu só paguei un; o outro, xunto cunha mancha branca no forro negro da porta que limparei mañá, pertencen a Mário.

Por último, proxectos para as vacacións: esta mesma noite, sen prórroga, darei remate a Nada de Carmen Laforet; esperan A vida que nos mata , de López, e Anxos e demos, de Dan Brown; o primeiro, por curiosidade, o segundo, como quen toma un laxante, que non só de boa literatura vive o home.
Para que conste.