luns, 27 de decembro de 2004

Encontros

Sucede cada ano, e este tamén. Ithaca está ateigada de amigos, de coñecidos, de antigas noivas, de fantasmas encerrados en armarios e de sombras doutras épocas que un vai atopando, inesperadamente, ao xirar unha esquina, ao saír dunha tenda, ao entrar nun café, ou como esta mesma mañá, ao entrar nun banco.
Alí estaba A., pertencente á categoría "Sombras": apenas tres intensos encontros nocturnos no interior do coche, moi espaciados nos anos, e entre eles atopármonos pola rúa, descubrir que temos amigos comúns e que andábamos de copas polas mesmas zonas. Chegamos a saudarnos naquela altura con franca naturalidade, como veciños ou colegas do traballo.
Esta mañá non me recoñeceu; en realidade, tampouco me viu. Bastou que nos cruzásemos no BSCH (un lugar estraño para unha erección) e chegou a evocación de feroces manobras no asento traseiro do meu coche unha noite distante, os dous nus, e a sorpresa case aterradora dos poldros que, imperturbables, nos axexaban através dos vidros embazados.

Ningún comentario: