luns, 27 de decembro de 2004

Vacacións

En Ithaca desde o pasado xoves, e sen acceso a ordenador, polo que non dei entrado aquí até hoxe.

O máis evidente, o frío nas rúas (a madrugada do Domingo, camiñando pola Praza Maior con Ti, baixo a neve: "cando daría porque a miña filla estivese aquí e mañá puidese ver isto"), e a calor extrema na casa dos meus pais, como sempre.
A cear en Noiteboa, e a xantar e cear en Nadal viñeron irmá, cuñado e sobriña, pero ou eles me abafaron ou o que me abafou foi ter tanta xente na casa, non sei, pero o Sábado á noite necesitei escapar: con Vapin dúas guinnes no de sempre, e unha chamada ao seu móbil convocounos no Campo Castelo, no lugar en que parecen estar sempre os amigos de Cesp, o irmán de Vapin. Hoxe só algúns: Ti, Estridente, e outra que me dixo o nome varias veces pero que non dei aprendido.
Puxéronse a falar con Vapin da Cea do Amigo Invisible (ultimamente prolifera este tipo de ceas, ao que parece), pondo en común as sospeitas e indagacións sobre os autores anónimos dos regalos, que basicamente consistiron en lencería vermella, pero tamén había un dildo XXL, que por certo lle tocou a quen seguramente ben o agradeceu: Estridente.
Bebemos todos moito, pero eu mantívenme fiel á cervexa, agora loira; alguén subitamente propuxo facermos unha queimada, que se desbotou por saír a prezo de ouro, e todos seguimos bebendo, até aparecer a botella de vodka vermello circulando entre os vasos.

Unha das conversas, que eu seguín de lonxe porque ninguén ma propagaba, xirou á volta da próxima e ao parecer inevitable ruptura do irmán de Vapin con J. Do que escoitei puiden ir construíndo o puzzle, tamén os cualificativos: ciumento, egoísta, exhibicionista, maleducado, radical, tío de esquerdas, intolerante.
O que ningún deles sabe (nin Vapin tampouco) é que desde finais de Outubro eu, que non fun a ningunha das súas ceas de aniversario e amigos invisibles en que me parece que debeu suceder algunha escena entre os dous, eu, digo, sei que isto ía suceder, que o final da relación estaba chegando.
Hoxe parezo ser eu o Amigo Invisible de J. en Ithaca, e tamén ao que parece, o único que aquí lamentará a súa marcha.

Ningún comentario: