Amosando publicacións coa etiqueta Kaplan fotógrafo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Kaplan fotógrafo. Amosar todas as publicacións

mércores, 13 de setembro de 2017

Enigmas, callos e torres

Case unha semana despois, aínda non subín ao feis as fotos das torres da Catedral. A razón é esa especie de desgana que lle entra a un cando ten que dar explicacións, xustificarse porque a culpa lle pesa: non avisei a Herg para subirmos felizmente coa señorita Kaplan a contemplar o mundo a 50 metros de altura, tal como acordáramos a principios do verán.
É máis, nin sequera levei comigo á señorita Kaplan na escalada, pero a ela pouco lle importará, liada como anda coas amigas nunha espiral de verbenas, cumpreanos e tardes de chincho na praia.
No meu descargo podo alegar que Venres me desembarcou no tobo o xoves á tarde e que xa o venres pola mañá, almorzando para ir ao instituto, estaba eu a preguntarme como entreter a este home sen propoñerlle pasarmos a tarde toda metidos na cama, a voltas cos nosos xoguetes.
A primeira idea, visitar Santalla de Bóveda, era factible pero non solucionaba o problema: as visitas son unicamente de mañá; aínda así fomos, a correr tolamente por entre aqueles campos en que a seca deixou a sua pegada amarela, para entrarmos no enigma das aves silenciosas e a pia verde e baleira entre columnas escuálidas.
Se alguén pensa que despois de xantarmos os callos do Cotá e outras cousas gorentosas do menú, Venres estaba pola sesta saiba que está desencamiñado: agardamos pacientemente no adro a que se formase un grupo suficiente, escoitamos amables instrucións previas da guía, recoñecemos non padecermos do corazón nin termos claustrofobia ou vertixe, e demos en subir polas estreitas escaleiras de caracol, primeiro dunha torre, despois da outra. 
Ao saírmos á balaustrada, comprobamos o tamaño colosal das estatuas dos Evanxelistas e a Fé xunto aos cales pasamos para acometer a segunda torre; á pregunta de alguén, a guía indicou o que xa supuñamos: que non se pode camiñar sobre o tellado nin subir á torre das campás, así que nos contentamos con retratar os catro puntos cardinais desde a balconada superior da torre sur: o claustro e o campanario, os tellados da cidade, o val do Miño, o adarve da muralla, os liques nas vellas pedras da catedral e, ao lonxe, a cordilleira dos Ancares coroada de muíños de vento.




xoves, 6 de abril de 2017

San Lázaro

Celébrase o domingo anterior ao de Ramos.
En Ithaca o bairro á outra beira do río, antigo lazareto xunto á vella ponte romana, faille tamén a súa festa e conta miña mai que nela descubriu o que eran os antollos do embarazo por como lle prestaron aquel domingo as rosquillas do santo, a ela que nunca foi lambona; seis meses máis tarde nacín eu, e a relación entre aquel ímpeto rosquilleiro materno e a miña glicemia actual parece probable.
Medio século despois, é Venres quen rilla ferozmente non as rosquillas do santo senón gorentosos melindres, e non ás beiras do Miño senón ás beiras do río de Sarria, que non ten nome, como ben me ensina mentres camiñamos entre coches antigos e postos de cousas vellas: é a Feira Anual dos Anticuarios e vimos por mirar algo, aínda que sei que non comprarei nada; son pouco amigo de levar antigüidades á casa, a diferenza de Venres, que decorou o seu salón cunha roca e unha panoplia de fusos colgados na parede, e recentemente cunha cadeira de respaldo alto en que a gata adormecida parece agardar polo Tsar de Todas as Rusias.
Máis alá da cuestión estética, os mobles antigos tráenme á cabeza os seus propietarios e unha idea de interinidade inaceptable; das camas (co seu historial de mortes, partos, coitos e pesadelos), xa nin falar.
Vexo nalgúns postos fermosas composicións de pratos e botellas con flores e limóns; loce o sol da mañá mentres pasamos a vista sobre a louza e o cristal, sobre os amadeos de prata, as cuberterías e as paisaxes azuis e rosas da porcelana inglesa, sobre os sifóns e os sucios botellíns de cervexas e as latas de pimentón e os potes de ferro, sobre últimas ceas que había en todos os comedores e retratos de familia de Afonso XIII, sobre os frascos de medicamentos e os vinilos, sobre as inescusables máquinas de escribir ou de coser.

mércores, 1 de marzo de 2017

Quixen contar

Non vale a pena xustificarse: non esperen a socorrida escusa do que saíu por tabaco e non voltou en décadas (que empreguei algunha vez) nin a do fallo tecnolóxico multiorgánico ou a do secuestro (que tamén empreguei). 
Nada tiveron que ver Mr. Trump (un día destes talvez lles contarei que traballo cun fanático deste home e da súa política, e como nos anima os cafés) nin as sucesivas vagas víricas que tiveron a ben instalárseme no corpo desde que o ano comezou.
Quixen contar pero non contei como levei comigo os miasmas a Madrid naquela escapadiña de primeiros de xaneiro, como foron tomando posicións a medida que o tren avanzaba, como iniciaron o avance esa primeira noite amparándose na contaminación e no frío mentres polo Barrio de Maravillas (aka Malasaña) Venres e eu andábamos á procura dun lugar onde cearmos, e como finalmente perdemos unha tarde enteira por culpa da miña febre e da teimosía fiel de Venres por seguirme a agonía desde a outra cama, en vez de termos saído a percorrer esa Gran Vía semidesocupada de tránsito ou esas exposicións que eran o verdadeiro motivo da escapada.
Quixen  contar pero non contei que fomos ao teatro, dúas veces en dous días: un Alcalde de Zalamea sublime, mesmo a aquela altura do galiñeiro e coa visibilidade reducida dos exoplanetas, e un Ricardo III modernizado con baúis e gabardinas, que vimos xa en palco, como dúas señoronas de Serrano, a dicir de Amadrid, que nos esperaba á saída para culminarmos o meu exterminio cunha cea a base de tandoori masala e samosa de pito nun indio alí ao lado.
Quixen contar pero non contei que, como sospeito que Venres desfruta máis das tendas que dos museos, e dos espazos abertos que das exposicións do que for, polo ben da convivencia acabei aceptando unha longa camiñada invernal polo Retiro, onde retratou pavóns, fontes, anxos caídos, cipreses e, naturalmente, a nós mesmos en selfies que, coma a miña febrícula, non remataban nunca.
Quixen contar pero non contei canto amo esa cidade que sofre e odia Amadrid; porque non vivo aquí, repite o seu mantra na cervexaría de sempre, porque non teño que sufrir o tráfico nin as bichas para todo nin a porcaría das rúas nin o risco continuo de ser atracado nin a contaminación, porque non teño que percorrer distancias enormes para chegar á casa nin hei de estar pendente dos horarios dos transportes ou de cando pecha o metro.
Quixen contar todo isto e máis pero, cando me dei de conta, xa estaba outra vez a voltas coa equipaxe.

martes, 1 de novembro de 2016

Anxiños



Hai máis de 140 anos, Santiaguito, Gaspar e María Altagracia; Rosita e Francisco morreron antes de cumprir os 6 e hoxe están enterrados no cemiterio de San Amaro.
Dicía a miña avoa que os nenos moitas veces morrían pronto, así que era mellor non encariñarse demasiado con eles.


domingo, 30 de outubro de 2016

Defuntos

Parque (antes cemiterio) de Bonaval
Como todos os anos, e coa anticipación de todos os anos, fomos ao cemiterio levar flores aos defuntiños da familia: os avós dunha parte e doutra parte, o bisavó, o tío P., a tía O.,  e até aquela nena medio parente que morreu hai seis décadas e, ao non haber panteón dispoñible, acabou quedando entre os nosos. Mesmo o tío H., que panteisticamente vaga arredor do caneiro no seu río, tivo a súa oración e o seu ramiño de flores, totalmente alleo ás preocupacións que a Curia e o mesmo Papa provocaron estes días na miña mai; custa facerlle entender que a ocorrencia de prohibiren aventar as cinzas dos mortos non ten efectos retroactivos, e que non todo o que di Roma ten por que ir á misa.
O certo é que recea que, cando chegue o momento, o cura se poña chulo e se negue a facerlle a meu pai un funeral como é debido, ou que para evitalo nos toque ir á procura dun panteón caritativo en que depositar as cinzas, un pouco o que ocorreu coa nena medio parente que morreu hai seis décadas.

xoves, 8 de setembro de 2016

Segovia

Calquera que visita por unhas horas unha cidade (poñamos por caso Segovia), en canto chega (café mediante ou non) probablemente dirixirá os pasos ao centro histórico, á cerna, onde os grupos de turistas se expanden polas estreitas rúas e bloquean a entrada aos monumentos; así fixen eu a primeira vez que fun a Segovia, un frío Xoves Santo de hai dezanove anos, ansioso por fotografar o Acueduto e as torres de conto do Alcázar.
Sen embargo, escrito estaba que non volvería ocorrer.
Antoine, atormentado sempre na cidade polos horarios dos buses e as combinacións do metro, resultou ser por contra un andarín a proba de infartos. Indicios xa mos foi dando polo camiño, ao poñer nome desde o ómnibus aos montes que se vían na distancia (Cuelgamuros, Alto del León, La Maliciosa, Siete Picos, La Peineta, Montón de Trigo, La Bola del Mundo), testemuñas das súas antigas camiñadas pola serra. 
Así que a visita a Segovia foi de fóra a dentro: desde a necrópole xudía de El Pinarillo, ao outro lado do Clamores, coas tumbas antropomorfas escavadas na rocha viva e cubertas de frouma, fomos abeirando a cidade desde abaixo a través dun verxel inesperado. Tras detérmonos para fotografar o Alcázar e recuperar folgos no campo de San Marcos, case onde o Clamores se une ao Eresma, visitei nos Carmelitas a tumba de San Xoán da Cruz. O opulento sepulcro de mármore e bronce en que xacen os restos do humilde entre os humildes nada ten que ver coa pobre sepultura orixinal que se pode ver nun recanto da capela; só as palabras Vuélvete paloma no pano do altar e os feos gravados coas caras de San Juan e Santa Teresa evocan algo de verdade; escapo de alí cando un grupo de cristiáns con guitarras se poñen a ensaiar para dar testemuño da súa fe.
A marcha campo a través rodeando a cidade, esta vez abeirando o Eresma, prosegue tras a visita á Vera Cruz, a igrexa octogonal dos templarios chantada no medio do secarral amarelo e ardente; sen pararmos máis que para fumar e beber nalgunha fonte, subimos á cidade e entramos nela pola Porta de Santiago, desfalecidos, suados e guiados por unha fame canina.
O prato do día no comedor subterráneo dun bar, e un excelente tinto, fíxonos outra vez humanos e devolveunos a curiosidade suficiente para visitar a Catedral; antes de entrar, comprei unha menina, turistiqueira pero bonita, para a colección de Venres.
Por suposto, seguimos sen discusión o consello da que vendía os billetes (a dixestión, a calor da sobremesa, a altura, os centos de chanzos pola escaleira estreita) e non subimos á torre; limitámonos a camiñar polas naves luminosas e case vacías, e o claustro gótico.
Despois, no lento periplo de regreso ao autobús, pasamos xunto a fermosas igrexas románicas con adro porticado, camiñamos polas estreitas ruelas da xudaría, chegamos ao Alcázar sen entrarmos nel, fotografamos preciosas casas de pallabarro con portas de arco, admiramos o Acueduto e, como despedida, tomamos unhas cañas nun bar aberto na propia muralla medieval.
Cansos e satisfeitos por canto atesourábamos na retina e na memoria da cámara, retornamos para Madrid cando o sol se poñía. Pero antes Segovia aínda nos reservaba unha sorpresa, inexplicable e surrealista: a beirarrúa estaba estrada de selos de Franco; bastaba seguilos, como no conto, para chegar á paraxe do autobús.

martes, 6 de setembro de 2016

Panteón

No Panteón de Homes Ilustres conxelouse o tempo nalgún momento indeterminado do século pasado.
O lugar é triste e frío, literal e metaforicamente. A temperatura agradécea o corpo do paseante que entra do forno en que se torra Madrid, pero a frialdade do símbolo cae ao pouco sobre o ánimo co peso daqueles mármores impolutos e un empeza a preguntarse se Antoine non tería razón, e en vez de aquí non debería estar nunha terraza tomando unha caña.
Ningunha emoción: por fóra, o edificio é a simple vista unha mala copia do camposanto renacentista de Pisa, como xa anticipaba o campanile solitario que lle fai xogo; por dentro parece o corredor dun colexio de curas. e aquí e acolá van saíndo ao paso os monumentos funerarios duns cantos políticos e militares decimonónicos que hoxe só están no rueiro de Madrid e nos libros de historia: Cánovas, Sagasta, Canalejas, Dato...
Non hai lugar máis morto (dito sexa sen segundas) en todo Madrid; comparado con este, o Panteón Real do Escorial é unha festa; o balbordo dos turistas fai que un se sinta como no metro en hora punta.
Aquí, por non haber, non hai nin gardas, nin guías, nin can que lle ladre.
Coincido cunha parella que, abrumada coma min por aquela grandeza inerme, tira tamén fotos dos mausoleos e vaga solitaria polo corredor e entre os canteiros de buxo e rosas do patio, minuciosamente traballados, como se a única vida existente naquel panteón imposible e inconcluso non puidese descontrolarse baixo ningún concepto.

sábado, 3 de setembro de 2016

Escenas matritenses

A cura para o kaukokaipuu estaba en Segovia e, unha vez máis, en Madrid: nas rúas e prazas ateigadas, nos museos ateigados, nos bares ateigados e, en contraste, no vacío e desolado Panteón de Homes Ilustres, perfecta alegoría deste noso país, e ao que só vai un ex profeso, nunca por casualidade.
Pola mañá visitáramos no Prado a exposición do Bosco; esperei por Antoine ao pé da estatua de Goya, coas nosas entradas previamente compradas  por internet no peto e contemplando atónito a interminable bicha que cercaba o museo. Daquela souben de certo que sería unha exposición máis que para ver para dicir que fora vista, para dicir que estivéramos nela; e efectivamente, máis que dos cadros podo falar dos apuros para velos, das fatigas para nos irmos achegando desde os lados ao centro deles, cóbado con cóbado cos outros cen que os cercaban, de como para ver cumpría asomarse sobre un ombro ou baixo un sovaco de quen estaba diante, furtivamente. Por suposto, tirar fotos estaba prohibido e só se permitía na instalación mutimedia do piso superior, pero por moi espectacular que fose (e foino, certamente), non era igual: alí non había cadros, só alucinación e sombras chinescas.
A satisfacción do deber cumprido e a frustración de non telo cumprido adecuadamente presidiu a nosa mesa nunha tasca da calle de Argumosa, onde ao aliño das boas ensaladas achegamos valores de glicose, colesterol e triglicéridos, e un diagnóstico: de Antoine xa non se dirá máis que ronca coma un aserradeiro nuclear senón que ten apnea grave do sono, e un novo compañeiro de cama en forma de respirador, ao que polo de agora non se dá acostumado.
E supoño que nos cafés, máis por curiosidade que por necrofilia, surxiu o do Panteón. Antoine, que xa estivera alí en tempos prehistóricos, dixo que non volvía nin farto de viño malo pero púxome, aproximadamente, en camiño.
E, como nun bucle espacio-temporal, retrocedín máis de cen anos.

venres, 19 de agosto de 2016

54 horas

A señorita Kaplan voltou con súa mai e eu, unha vez máis, atopei unha silva chamada Venres e quedei en Delfos 54 horas: de Santa Atanasia a San Xacinto, pasando por Santa María e por San Roque, que alí este ano foi festivo. O pretexto era a visita aos tellados da Catedral, algo aprazado tantas veces que empezaba a parecer un imposible e a converterme a min nun bicho raro.
De resto houbo case de todo: un día ceamos nun xaponés completamente vacío e o outro preparou Venres para min un gorentoso revolto de gambas con canto achou naquela neveira revolta e ateigada, como de refuxio antiatómico; un día xantamos churrasco na longa mesa compartida dunha taberna ao pé do manicomio e o outro zorza e aquela estraña ensaladilla con gambóns nun bar cheo de phalaenopsis e deseño pola rúa de San Pedro.
As dúas primeiras noites fixemos cos amigos de Venres o acostumado viacrucis por antros e locais da zona vella; o novo día acompañounos á casa, borrachos como adolescentes, atesourando unha colección de etiquetas moi bonitas pero completamente absurdas; a gata Magui, adoecida polo abandono, miañou ao nos ver entrar e nunca máis se soubo. 
Se algo compensa en parte estas noitadas de cervexa, licorcafé e tabaco son os brunchs a base de café, melón e ibuprofeno por conta do voluntarioso Venres, que vai e vén en calzóns traendo cousas da cociña. Hai dous temas recorrentes: a moza que abriu a cabeza ou por esvarar bailando ou por ter subido a unha mesa para bailar nela a primeira noite, e o choque nun cruce do ensanche que vimos en directo a segunda noite.Tamén falamos do alcume que me vai quedando: Padre, máis que esperable tendo en conta que son unha década máis vello que os máis vellos dos amigos de Venres, e que cando subimos aos tellados da Catedral só esta era máis vella ca min.
E así foi como chegamos á tarde do martes e aos lexendarios tellados; cumpriunos gabear Torre da Carraca arriba e pastoreáronnos de aquí para acolá entre pináculos e andamios, facendo fotos compulsivamente mentres de fondo a paciente voz da guía nos inculcaba que cousa era a carraca que dá nome á torre, cando rematarán as obras na outra torre, cales son a da Vela e a do Tesouro, por que aquela cruz se chama dos Farrapos ou que é un Agnus Dei.
A Berenguela daba solemnemente as seis cando baixamos, e un novo rabaño ocupou o noso lugar; a visita seguiu polo claustro onde repousa, muda, a vella Berenguela, polo anodino panteón real, polo museo onde a escasa luz non deu atenuado o fulgor dourado dos tellados de Compostela.

xoves, 28 de xullo de 2016

Sicilia (e III): Agrigento

A visita ao Val dos Templos no sul da illa tivo bastante de épico: ómnibus que non saían de onde se esperaba, case dúas horas por unha estrada en obras, e aquela lexendaria desorganización latina gobernando unha estación de autobuses, a de Agrigento, sen billeteiras, con retretes pechados, camareiros amargados e condutores berróns a poñeren a proba a paciencia dos viaxeiros. 
Lambendo algunha que outra ferida no amor propio e xa coas roupas pegadas ao corpo, Venres e eu entramos no recinto, moi semellante ao cabo a tantos outros visitados antes: como en Pompeia, Delfos ou Mérida, o sol cae a chumbo sobre nós e sobre a terra requeimada en que medran adelfas, agaves e oliveiras seculares; botei de menos inicialmente o coro das chicharras, pero só foi un instante, o tempo que nos levou chegar á primeira vexetación, e entón xa non nos abandonaría, desesperado, abouxante, interminable.
Di o folleto que nos deron ao entrarmos que o nome do lugar é equívoco xa que máis do que nun val as construcións se asentan nunha crista nas montañas que rodeaban polo sul a cidade; non nos advirten, por contra, de que o xacemento é enorme. Miramos o plano e lemos en voz alta os nomes dos templos, que en italiano resplandecen e resoan: Santuario delle Divinità Ctone, tempio di Castore e Polluce, tempio di Giove, tempio di Ercole, tempio della Concordia, tempio de Giunone.  Ao lado de cada un, Venres desprega o ritual do selfie ao que me someto resignado; quid pro quo: Venres mira sen protestar como roubo coa cámara columnas, rebentadas tumbas paleocristiás, colosos en ruínas, fermosos Ícaros caídos e até unhas cabras pacendo ao pé dunha sobreira.

martes, 26 de xullo de 2016

domingo, 24 de xullo de 2016

Sicilia (I)

Á vista do que nos preguntan desde que chegamos, o verdadeiro interés dos nosos amigos e parentes non está no que puidemos ver en Sicilia senón na calor que debemos pasar e, sobretodo, en se tivemos retrasos ou cancelacións por culpa da compañía aérea.
Tentei contar como a nosa primeira visita en Palermo foi ás plateas e salóns do Teatro Massimo, levados por esa teima de Venres de visitar edificios nos que o esplendor se mide a golpe de capiteis corintios sobredourados, arañas de bohemia e boatos principescos; foron inevitables os selfies no palco onde Michael Corleone asistiu á tráxica representación ao final da terceira parte d'O Padriño e nas escaleiras en que todo termina após o tiroteo. Dentro polo menos estariades ao fresco, respostan os amigos, máis dispostos a ouviren como efectivamente se nos pegaba a camisola ao corpo e luciamos espléndidos camachos nas axilas polo labirinto de vias, piazzas e corsos á procura dos esplendores bizantinos da Cappella Palatina, a Catedral ou o Orto Botanico, en que por certo estaban á nosa espera todos os mosquitos da illa.
Un por outro e a casa sen varrer: o caso é que por algunha razón non iamos debidamente informados; o dicionario de italiano para turistas que Venres comprou para a ocasión quedoulle na casa, a min quedoume a guía do trotamundos, e o bañador de 5'00 euriños que comprei resultou completamente innecesario porque, vergoña dá contalo, Palermo non ten praia, segundo nos explicou pacientemente a recepcionista do hotel; a frustración de Venres, cargado de entusiasmo e cremas solares factor 30 de Mercadona, subiría a niveis alarmantes cando ao día seguinte visitamos Cefalù e, cos dourados mosaicos do seu Duomo refulxíndonos aínda nas retinas, exploramos a pequena vila costeira e gozamos da praia desde o bar por non levarmos nin cremas nin bañador. 
De pouco valeron a cervexas frías: Venres perdía o ollar no horizonte, alén dos bañistas e os patíns de auga.

Praia de Cefalù, escenario da desesperación de Venres

martes, 18 de agosto de 2015

domingo, 3 de agosto de 2014

Hospital

A Sagrada Familia que visitei pola mañá e o Hospital de la Santa Creu i Sant Pau que visitarei pola tarde distan uns cinco centos metros nos que a avenida Gaudí se estira preguizosamente baixo os grandes tilos a esta hora dun Sábado de primeiros de Agosto; o turismo diminúe ao paso que avanzo, así como as tendas de souvenirs ceden lugar a bancos e oficinas, e así como van baixando os prezos nos taboleiros das cada vez máis escasamente ocupadas terrazas, até a avenida se transformar pouco a pouco nunha tranquila rúa con poucos coches pola que os viciños sacan tranquilamente os cans a pasearen.
Para recompoñerme e coller forzas, sento na terraza do camareiro cos ollos de Ricardo Darín: pido unha xerra de cervexa, unha estupenda ensalada, unha peituga de polo á pementa, e un café con xeo por toda sobremesa; leo as mensaxes do grupo de wassap que se amorearon durante a mañá (é certo que escriben como notarios), escoito unha conversa sobre precariedade laboral desde a mesa do lado, pago os 13'55 euros da conta e dispóñome a entrar no complexo do hospital, un pouco máis arriba.
Vaia por diante que o lugar é fermosísimo: escoito sen demasiada atención as instrucións da moza que vende as entradas, confiando máis no folleto con plano que me entrega, ansiando entrar, pero pronto se pega a min a melancolía (talvez xa nos primeiros pasos que resoan no vacío do túnel de acceso) que me vai acompañar no paseo polos pavillóns e o xardín. Pode que sexa a tarde morriñenta en que se agoira a trevoada que desabará despois, pode que o silencio que apenas rompen os pasos ao morderen na grava do terreo, pode que me habituase xa ás multitudes e os relativamente poucos visitantes que cruzo aumenten esta sensación de soedade. O certo é que a exuberancia daquelas formas neogóticas, os tellados multicolores, os azulexos decorativos que recobren torretas e cúpulas, as gárgolas, as lanternas, agullas e figuras aladas que rematan os edificios, as flores de pedra e os mosaicos que decoran as fachadas non deixan de destilaren unha tristeza que, aínda que non me dá vencido, percibo a cada paso.
Sen doentes agora, e aínda en proceso de restauro, o lugar segue impregnado da súa esencia de sufrimento, e hai que esforzarse para que os ollos da imaxinación non vexan as filas de camas que ocuparon o pavillón San Rafael, ou as cadeiras de rodas alineadas ao sol ao pé das das laranxeiras e as matas de lavanda xunto ás que acabo de pasar, ou as batas brancas do persoal apresado indo e vindo da Administración, ou os familiares que esperan a hora da visita diante do Pavillón Montserrat.
A evidencia dun século de dor aínda está gravada en cada rostro pétreo que nos mira pasar mentres agora os turistas facemos fotos do recinto, camiñamos descalzos sobre a capa de sal que cubre o chan dunha exposición de xardinaría xaponesa, e seguimos adiante, acompañados pola melancolía.

xoves, 31 de xullo de 2014

Barcelona

Sen máis novidade no voo que o desacougo das instrucións da aeromoza aos pasaxeiros de xunto á xanela de emerxencia para o caso en que esta se fixese real, e a falta das razoables (e caras) cousas de comer que ofrece o folleto, e que me cómpre substituir por unha cola light e unha bolsa de patacas fritas (tamén caras), chegamos a destino. A folga de trens de cercanías aféctame moito menos que a avaría na maleta, que me fai cargar con ela polas salas do aeroporto, e máis tarde por andéns, estacións de metro, prazas, beirarrúas e corredores de hotel até deixala, exausta ela e exausto eu, sobre a cama onde durmirei as próximas cinco noites.
O cuarto está ben; sen excesos, como indicaban as fotos e o prezo, pero son talvez austeros demais a estreita cama dunha praza e a dureza case basáltica do colchón. Non hai alfombra no chan nin máis toallas que as dúas imprescindibles (unha nota indica que por cada toalla extra se cobrarán catro euros), pero asombrosamente tampouco hai (nin haberá, respostan en recepción) xabón de mans no lavabo, aínda que si os consabidos tubiños de xel e champú na ducha.
En menos de media hora a equipaxe está desfeita e eu, duchado e libre, camiño Rambla abaixo: hai todo tipo de xente que vende todo tipo de cousas, camareiros que ofrecen sitio nas súas terrazas, músicos, policías, curiosos parados diante do teatro, estatuas humanas (unha dama antiga, un vaqueiro, unha bolboreta, un alien); hai un grupo de mariñeiros, rusos ou polacos, recén desembarcados cos que a xente, principalmente grupos de raparigas, se quere facer fotos, a estatua de Colón ao fondo, e ao que eles, pacientemente, acceden.
Rambla arriba a situación non cambia: a multitude que camiña polas Ramblas non será menor nin agora nin despois, dá igual a que hora pase, dá igual se é de día ou de noite, cando ademais as putas se ofrecen ao viandante solitario. Na Boquería (que May nos seus wasaps me louvara tanto) a aglomeración non é menor: admiro brevemente e en fuga as montañas coloridas de froitas, tan ben colocadas, pero un mercado é un mercado, por moito que aquí instalasen baretos para alivio de guiris, e neste coma en todos cheira a peixe e a carne e sangue de animal morto.
Tampouco é diferente en Praza Cataluña, onde as pombas se arremuiñan entre os paseantes. Diante da Catedral grupos de xubilados bailan sardanas: como non coñezo os costumes dos nativos tampouco sei se isto substitúe o tai-chi doutros lugares. Hai máis acougo nas rúas estreitas do Barrio Gótico (Bisbe, Comptes, Paradis, Pietat, plaça del Rei) onde roubo coa cámara estrañas torres octogonais, gárgolas, lápidas de esquecidas tumbas adosadas ás paredes, algunha fachada modernista e bonitos chapiteis calados. Un cantor ambulante destroza a conciencia a Ave María de Shubert, e a súa voz de tenor resoa nas ruelas como se lle estivesen extraendo o bazo cunhas pinzas de depilar.
A cea é un prato combinado (ensalada e luras fritas) nun bar completamente vacío chamado Tarantino e enteiramente a el consagrado nos carteis que cobren as paredes, os manteis individuais de papel, a camisola da moza que despacha, e até o contrasinal do wifi, nada menos que killbill. A comida simplemente nin fu nin fa, e aínda que entreteño os meus temores mandando wasaps aos catro puntos cardinais, finalmente nin Chicote irrompe no local nin saio del intoxicado.

mércores, 23 de xullo de 2014

Sigo

SIGO ás voltas coas fotos: eliminando as malas; subindo ao Tumblr case todas as que me parecen boas, máis coa intención de salvalas de eventuais e xa coñecidas catástrofes do que de exhibilas; colgando algunha no muro do feisbu; remitindo tamén a del a Amadrid: a do ascensor da Fundación Mapfre e que non era, esta non, de Cartier-Bresson, xa quixéramos.

SIGO coa teima das viaxes, que refreo porque non son rico e porque ademais a señorita Kaplan virá pasar uns días comigo, a repoñerse da súa escapada pirenaica. As mensaxes de May celebrando o nomadismo que me reina tampouco axudan: son como botar leña ao lume, e á primeira de cambio xa estou dándolle voltas a rutas posibles e lugares aos que regresar ou aos que ir por primeira vez. Estou como adoecido.

SIGO lamentando de cando en vez ter deixado de actualizar este blog: non é que non tivese nada que contar, senón máis ben que non quería contar algunhas cousas que ocorreron (xente que desapareceu da circulación e algún traumatismo anímico de menor calado). Polo demais, é a consabida imaxe, que varias veces teño traído aquí, daquel que un bon día sae a comprar tabaco e non regresa até despois de trinta anos por non saber como explicarse.
Como explicalo.

mércores, 18 de setembro de 2013

Madrid e saudade

Recibo onte unha mensaxe de Amadrid; á hora en que lla leo el probablemente estea xa en destino mentres eu trago quina organizando fotocopias, procurando un atlas, mapamundi ou algo, e tentando mellorar o horario deste curso. 
Outras cousas non serán posibles sen maxia: os recortes que negan arriba varreron dous profesores do meu instituto e a min póñenme a estudar os planetas, os ríos e cordilleiras de Europa, o relevo de Asia, para non aumentar o desastre de ter que impartir unha asignatura que non é a miña.
E, mentres, segue a saudade polos días pasados en Madrid hai unha semana (dez anos e medio desde a vez anterior, os que median entre a exposición de Vermeer e a de Pisarro), que parecen agora distantes, case doutra vida.
Ás oito da mañá, que é cando onte e hoxe pechaba a porta do tobo para ir ao traballo, hai unha semana acordábanme os martelos neumáticos e toda a maquinaria infernal con que os operarios furaban e batían na obra de diante do meu cuarto; pouco despois, duchado, vestido e ben almorzado, abríanseme as mañás e, apesar do feirón de visitantes a encheren corredores e salas dos tres grandes museos, mellorábame o humor camiñar só entre meninas, retratos rexios, paisaxes impresionistas, cristos lacerados, belezas cubistas e naturezas mortas, da mesma maneira que tras o xantar con Amadrid se me abrirían as tardes e me melloraba o humor seguir o meu amigo por novos e vellos cafés, entre outras cousas felicitándonos por seren outros os que paguen o 2020 e esbardallando co ridículo relaxing cup of café con leche por prazas coloridas con todas as razas, por bares proletarios onde xantarmos o prato do día, polo nomenclátor urbano máis sonoro (calles del Pez, de la Madera, de la Luna) e polo Matadero, en cuxa Cineteca estivemos para ver unha película patrocinada por un sindicato da competencia. 
Unha das mañás, inesperadamente, o diluvio reemprazou os ceos velazqueños, e os obreiros meus viciños tiraron de impermeables verdes e amarelos, pero a min, que son dos que miran o tempo polo calendario, cumpriume correr Alcalá adiante en sandalias e sen paraugas á procura dun dos irmáns pequenos, moito máis solitario e silencioso, e o seu tesouro case descoñecido de goyas e zurbaráns. 
Agora, mentres escribo este post tamén serodio, á miña esquerda e estendidos sobre a mesa seguen o metrobús con dúas viaxes sen gastar, as entradas inútil e cobizosamente gardadas, un feixe de planos de museos, a programación da cineteca, a tarxeta da creperie bretona en que Amadrid e eu ceamos galettes a última noite, un tique da consigna da estación, e a cámara de fotos en cuxo ventre dormen varias ducias de imaxes que aínda non descarguei.

martes, 10 de setembro de 2013

Post serodio sobre o Porto

Á forza de ilo deixando, este post nace serodio pero nace, e cando se publique eu andarei perdendo os pasos entre cadros impresionistas e bocatas de calamares.
Xa contei que ao Porto fun por facer un curso; direi agora que dos dous tipos de cursos que un pode padecer ao longo da vida (os homologados pola consellería e útiles porque dan puntos e créditos, ese material do que están feitos traslados, sexenios e cátedras, cursos sempre tediosos, insulsos, inacabables; e os outros), o que fun facer ao Porto en Agosto era destes últimos, e a el marchei sen máis pena que o custo da matrícula e con toda a gloria de quen sabe que vai de vacacións. E en Portugal. E aínda máis no Porto, até daquela a cidade dos trasbordos, dos acordares atónitos ao atravesar o tren a ponte de María Pia, das expedicións fugaces a comprar libros, das sandes a pé de bus, a medio camiño indo ou vindo de Lisboa ou de Coimbra para Ithaca.

venres, 24 de agosto de 2012

Seimeiras do Queixoiro

Tampouco periplos lexendarios.
Teddy non tiña o forno sentimental para bolos e a señorita Kaplan, nunha desas ás que nos empeza a ter acostumados, afirmou que prefería descansar e coller forzas para o instituto, con tal énfase que máis parecía que a fósemos enviar á Lexión Estranxeira.
Así que, se descontamos a escapada de Xullo a Atenas para xantar con Ilu e as visitas virtuais a Cicely, Alaska, man a man coa nena cada día despois de cearmos,o único que quedou no fondo do cesto son as dúas visitas a Teddy na súa montaña: a primeira, con merenda campestre incluída a base de empanada de zamburiñas e tortilla de patacas, á Cortevella, onde nas beiras do recén nacido Eo e á sombra dos castiñeiros cumprimentamos aqueles amigos manchegos de Teddy; da segunda visita, ás soas con Teddy esta vez pola vila e logo polas beiras do Queixoiro até as seimeiras, que é como aquí chaman ás fervenzas, voltei marabillado e trouxen comigo un pequeno cargamento léxico da flora e a fauna, algunhas novidades intercambiadas co meu anfitriónque non veñen agora ao caso, uns poucos planos de futuro aínda moi difusos, e unha colección de corredoiras, e carpazas ou queirugas en flor, de uces montesías e vellos troncos afogados polo musgo, de humildísimas chantaxes, de felgos espectaculares, de trobos e de acivros que, se queren, podemos compartir.

venres, 9 de decembro de 2011

Carta

Querido Teddy:

Chegáronme as fotos que me mandaches, e chegaron ben. A única obxección son eu, que nalgunhas (case todas) parezo subnormal, principalmente esa en que estou sentado xunto á estraña máquina (que demos era, unha debulladora, un muíño, que?)  á porta daquela casa de Burón, pero enfín, haberá que asumir que é defecto do modelo. As miñas aínda non as descarguei, e seguen na cámara; cando as baixe (teño que facer un post xa!) mándoche as que non coincidan coas que tiraches ti.
Tamén me chegou a túa postal de Chaves, tan cariñosa e saudosa: non imaxinas canto agradezo eses detalles teus, eu, que son tan túzaro para estas cousas.
Repartín a lotaría. Por se non nos vemos antes e non che podo dar o recibo, anúncioche que xogas cinco eurazos ao número xx.xxx, que non é o que xogamos no Instituto, así que tes máis posibilidades de morder algo, porque nunca nunca nunca nos tocou nada (nin reintegro nin pedrea nin can que nos ladrase). É algo lexendario e xa hai un equipo da tele que está preparando un programa sobre o asunto, coa Milá á frente.
Sobre o coro: mañá espero ir comprar uns pantalóns de tergal (?) negros para o uniforme; a chaqueta póñena eles e a pajarita regálama un dos baixos, que é pequeniño e di que lle sobra esta porque é demasiado grande para a súa talla e parece que lle vai saír voando (textual); a encargada do vestiario alarmouse toda cando lle preguntei se valía que levase un pantalón negro e novo pero vaqueiro (total, como me tapan as sopranos), e dixo que de ningún modo; agora o alarmado son eu, porque a última vez que puxen un deses pantalóns de tea (non sei nin como chamalo, vese que me falta clase) foi o remoto día que casei.
Por outra parte, agradezo non ter que levar uns pantalóns onde antes habitou un señor descoñecido, vivo ou morto; debe ser que, como só teño unha irmá, me falta o costume de herdar a roupa doutros.
O xoves cantamos naquela igrexa que che dixen: saíu estupendamente e, aínda que sigo encantado con estes mesteres cantores, resulta cada vez máis evidente que a miña voz non é de tenor senón de baixo porque non dou chegado ás alturas dos tenores; tanto é así que o que tiña ao lado se deu de conta e o comentou despois, cando todos tomábamos unhas tazas, así que a semana próxima parece que o director me vai facer outra proba para ver se me cambian de corda. Mentres, síntome coma o pitiño á espera do sexador que o defina. 

Polo demais, todo ben, coa mesa ateigada de exames por corrixir e unhas ganas tolas de vacacións.

Recibe un bico cariñoso, etc.