|
Parque (antes cemiterio) de Bonaval |
Como todos os anos, e coa anticipación de todos os anos, fomos ao cemiterio levar flores aos defuntiños da familia: os avós dunha parte e doutra parte, o bisavó,
o tío P., a tía O., e até aquela nena medio parente que morreu hai seis décadas e, ao non haber panteón dispoñible, acabou quedando entre os nosos. Mesmo
o tío H., que panteisticamente vaga arredor do caneiro no seu río, tivo a súa oración e o seu ramiño de flores, totalmente alleo ás preocupacións que a Curia e o mesmo Papa
provocaron estes días na miña mai; custa facerlle entender que a ocorrencia de prohibiren aventar as cinzas dos mortos non ten efectos retroactivos, e que non todo o que di Roma ten por que ir á misa.
O certo é que recea que, cando chegue o momento, o cura se poña chulo e se negue a facerlle a meu pai un funeral como é debido, ou que para evitalo nos toque ir á procura dun panteón caritativo en que depositar as cinzas, un pouco o que ocorreu coa nena medio parente que morreu hai seis décadas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario