Zara chama onte para saber como estaban as mazás e eu invítoa á compota, e ela aparece a unha hora absurda: despois do traballo e mentres Zidane vai na academia de inglés. A compota está pasada de azúcar e pica na gorxa ao tragar, non valen disimulos, así que Zara rise de min con ese riso azul de todas as veces, e traio da cociña unha libra de chocolate, para compensar, e ela di que nos imos poñer coma dous pipotes, que bendito chocolate que compensa outras carencias, e ponse a contar máis anacos daquela historia da muller perdida no labirinto.
Miro para o televisor aceso e sen voz: o último que vexo antes de deixarme arrastrar aló por ela é unha imaxe de Arthur Miller nun documental.
Despois Zara marchou, a correr, alisando a roupa, e eu aínda seguín no salón até que o sono me foi vencendo. Vin mapaches, morcegos, momias, abellas, as catro amigas e até o Castelo dos Windsor antes de descubrir no espello do baño quen era o Minotauro.