sábado, 10 de setembro de 2005

Rocho

Disque cando Carter axexou por vez primeira na tumba de Tutankamon, as suas palavras foron: Vexo cousas maravillosas.
No noso caso non sucedeu asi, senón ao contrário; as palavras de T. na porta do faiado foron: Vexo cousas horrorosas. O cal non foi impedimento para que, evitando mirar o Cristo do recanto, ela e Ti desen na rebusca polo armário e as caixas.
Non se trata de roubar nada, tan só de fedellar un pouco, dixera Ti meia hora antes, sentada no meu salón e agarrando unha copa; Vapin intercedeu: a ver se vai haver algun álbum de fotos vellas, ou unhas películas como as de Madronita Andreu? Anda, di que si, porfi, porfi.
Sen te-las todas comigo fomos aló, e aos poucos minutos a procura do Santo Graal polo meu rocho deu os primeiros froitos; nada do que se esperaba: nen fotos nen películas, pero Ti estivo o resto da noite a asar-se baixo o gorro de peles dunha gran duquesa rusa, T. escolleu un rosário con doas de cristal que reconverteu en colar, e Vapin baixou cuns anteollos redondos, con montura como de carei e lentes grosos de cus de botella, que lle deron unha mirada acuosa, até que empezou a marear-se e houvo de quitá-los.
Sen embargo, o arrepio viñera cando T. abriu un bolso de veludo negro, e, embrullada nun papel de seda, atopou dentro unha longa trenza loira.
Un mistério que non demos descrifrado, pero xa vos contarei...

3 comentarios:

Peke dixo...

¿E non vos dá reparo remexer en propiedades alleas?

Kaplan dixo...

xa dixen que non as tiña todas comigo... agora sinto-me culpável!

Moraima dixo...

Culpable si pero remexer remexestes.
Culpable síntome eu que levo dende onte que non fago outra cousa que ler o teu blog. Teño de saír ao mundo por hoxe xa está ben kaplan.