Amosando publicacións coa etiqueta Aniversarios. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Aniversarios. Amosar todas as publicacións

xoves, 8 de decembro de 2016

Parabéns, mamá

Un destes días, a miña mai cumpriu 77 anos. Sabemos que naceu a finais de novembro ou primeiros de decembro do 39; o día nunca o tivemos claro porque a miña mai nunca celebrou o seu cumpreanos, e porque ela sempre di que entre o día que naceu e a data que figura no carné transcorreu case unha semana.
Así pois, sen que felicitala chegase a ser casus belli como podía ser felicitar a meu pai, a efeméride sempre nos pasou sen pena nin gloria: algún ano sorprendíanos cunha daquelas deliciosas tortas de noces que xa non fai, e outros era algún de nós o que se acordaba de darlle os parabéns e saía escaldado porque xa fora tres días antes ou aínda sería unha semana despois.
Este ano, sen embargo, a miña irmá acertou (probablemente, porque coa miña mai nunca se sabe) levando a súa caixa de bombóns sen azúcar, por aquilo da diabetes, e a miña mai emocionouse: está sobretodo orgullosa de que, con 77 anos, non só pode levar a súa casa e coidar dela mesma senón tamén coidar dun marido con alzheimer.
Tamén nós todos, os fillos e as netas, estamos orgullosos. Parabéns, mamá.

domingo, 6 de novembro de 2016

51

Por razóns de axenda, a celebración este ano estendeuse unha semana, co que máis que un aniversario a cousa pareceu un xubileo.
Onte foi a gran paparota de clausura, sen beicon pero igualmente hipercalórica, na casa da miña irmá porque tamén meu cuñado facía anos un día destes. Deixando a un lado o material funxible intercambiado (tés, bolachas holandesas de manteiga, cervexas artesás, xenebra), destacarei a olivetti portátil, agasallo da miña sobriña, que a ver se porfín non choro máis por aquela que me roubaron e que ningún ordenador compensou despois, a dicir da miña irmá, que sempre foi moi lista.
Xusto unha semana antes, Venres desembarcara aquí con dúas bolsas de creatividade; nunha delas, un surtido de delicatessen digno dun pachá, con viño, paté, olivas e o maravilloso aceite de Quiroga que por agora (e non o beicon de Walter White) é o centro dos meus almorzos. 
Da outra bolsa saíu un gaiteiro negro, ou mellor dito: un boneco do piloto da resistencia FN-2187 cun traxe de gaiteiro minuciosamente cosido por Venres durante semanas coas súas propias mans, e ao que non falta de nada, desde a monteira e a capa ás polainas e cirolas de veludo negro; ao parecer, baixo a aparencia de gaiteiro, Finn conserva a equipamenta de stormtrooper. Coñecendo a súa reputación, receo que o día menos pensado acabe infiltrándose no cuarto da señorita Kaplan, onde hai anos vexeta a Nancy azafata.

domingo, 5 de febreiro de 2012

Dejà vu

Sen dúbida porque en tempos de tribulación non cómpren as mudanzas, onte a festa de cumpreanos de Polis foi practicamente un calco da de hai dous anos, un completo dejà vu que esta mañá, cando recén acordado comecei a pensar como contalo aquí, até me tentou copiar aquel post, darlle un par de retoques e publicalo.
Unha vez máis estaban a procuradora dos tribunais, agora embarazada de sete meses pero con tal airbag que algúns tememos que rompese augas aquela mesma noite, o pediatra facéndolle olliños á futura clienta, o funcionario de xustiza con moita pluma, o perruqueiro novamente en paro, tres avogados, un deles o pai do nasciturus, e as acostumadas toneladas de comida de catering, os oceanos de cava e a torta riquísima de nata e morangos, nesta ocasión cun 47 desafiante chantado no centro.
Pero nin rastro do Funerario co seu traxe de raia diplomática; quen si estaba era Colacao, aquel divertimento adolescente de Polis, máis alto e máis medrado fisicamente despois dun lustro sen velo, que veu saudarme con desgana, mostrando unha cuarta dos calzóns por riba dun pantalón sen medo á gravidade.
Polis, fuxidío e máis frío que a noite durante a primeira parte da cea, só resucitou en parte cando o debate sobre a caza a Garzón e os chistes sobre o xenrísimo caldearon a mesa e espantaron a Colacao, que pediu permiso para ir xogar coa wii, coma un neno boíño, mentres os demais discutían cousas de maiores.
Entre prato e prato, a Deus puxen por testimuña de que non me iría daquela casa sen saber que me perdera neste último par de meses, pero o interrogatorio non ía ser nada fácil: como se o tivesen ensaiado, sempre aparecía un terceiro ou un cuarto cando Polis se erguía a por copas ou a fumar ou a levar bandexas á cociña. A única maneira, desde logo nada elegante, foi encerrarme con el no baño e esperar que se abrise, lentamente, coma un molusco e puxese en palabras o que xa supuña: se a vida fose cine, Manuel Bandera sería Polis e o que pasou practicamente cabería nunha copla.

sábado, 17 de decembro de 2011

Pange lingua

Ten razón Zeltia cando se pregunta nos comentarios onde estaba ela para non enteirarse de que agora estou a cantar nun coro; o certo é que non quixen contar nada aquí até que o asunto callase, por se ao final me daban unha patada no cu (ou tres couces na garganta, como disque deu o infanzón ao Lopo jograr daquela cantiga de maldizer).
Tampouco contei nada na casa, con excepción da señorita Kaplan, e a reacción ao sabéreno foi como se descubrisen que a pobre velliña que pide esmola nas Cortiñas de San Román ten unha fortuna en accións ou que o señor do terceiro falsifica billetes de banco.
Agora a todos lles parece que se vía vir, pero se non chega a ser por Herg, que me falou de que faltaban voces masculinas no coro e unha tarde de hai un mes me pediu que a acompañase a un ensaio, eu non tería caído do cabalo nin andaría agora descoidando este blog (que fixo hai unha semana sete anos sen pena nin gloria); nin aturando a miña sobriña, que desde que me viu co smoking posto teima en que lle diga a cada momento Chámome Bond, James Bond; nin respondéndolle á miña irmá como á miña conciencia que se pode cantar o Pange lingua nunha catedral ou a Bar Mitzvah nunha sinagoga sen deixar por iso de ser un ateo recalcitrante, que o caso é cantar; nin enchendo a cabeciña con panxoliñas e gregorianos.
Para Herg, que é profesora de música, e para a señorita Kaplan, que desde pequena estuda solfexo e clarinete, todo é moi sinxelo, pero a min, que son un completo leigo, cómpreme aprender de memoria os cantos e a as músicas porque non sei ler as partituras.
Pero o caso é cantar.

luns, 7 de novembro de 2011

Pola rúa dos 46

Desde venres transito xa pola rúa dos 46 e inaugúroa, esquecendo a dieta, cun gorentoso e abundante cocido para media familia (a outra media, meus pais, toman estes días as augas nalgún remoto balneario estremeño): hai que recoñecelo, de miña mai herdei a falta de calibre nas doses, e o Domingo retornaron os comensais para dar conta dos restos, e nin por esas: no conxelador orellas e fociños agardan a súa oportunidade encerrados nun tupper, e a marea de copas e pratos vai voltando progresivamente ao acubillo orixinal.
Mentres, seguen chegando desorientadas mensaxes de felicitación pasadas de data e algunha sorpresa vía sms. A señorita Kaplan agasalloume cun dos seus preciosos debuxos, a miña irmá cun cactus para substituír o bonsai defunto, e a miña sobriña cun apetecible foie-grass que aínda non decidín se podo ou non podo comer, por aquilo da dieta.
E eu, de min e  para min, tres cousas: un libro do meu matrimonio favorito, un par de zapatos de inverno, e aproximadamente un metro cadrado da casa na que vivo.

domingo, 11 de setembro de 2011

11-S

Pasaban poucos minutos das tres da tarde e íamos tomar o café. Xantáramos como cada día no porche e, despois de recoller os cacharros, a miña muller poñía a cafeteira ao lume.
A nena ten catorce meses e está no meu colo ou pode que a leve collida polos brazos mentres persegue unha vez máis ao pobre pato Saturnino, a mascota furibunda que cagaba por todos os recantos e acabaríamos papando sen remorso na cea de Noiteboa.
De repente, a miña sogra saíu da casa deles e empezou a dar voces pola horta; tan repentinamente como saíra desapareceu, e a nena e eu fomos polo caminiño de grava a ver que pasara: non morrera ningún coñecido nin fallara a neveira nin volvera casar a Ordóñez nin entrara outra vez o raposo no galiñeiro. No telediario vimos como ardía unha das Torres; pouco despois, un segundo avión batía contra a outra e chegaban noticias dun terceiro que se esnafrara contra o Pentágono. Senteime coa nena xunto ao meu sogro; veu a miña muller, baixou a miña cuñada, chegou unha viciña, a miña sogra deixou de dar voltas pola casa.
Todos sentamos á volta daquela mesa sen recoller, atónitos, atentos ás noticias mentres o pato Saturnino, indiferente, deixaba un dos seus agasallos na porta da cociña.

luns, 29 de agosto de 2011

Recta final

A semana pasada celebrei os catro anos neste tobo cambiando de seguro de vida, o que me supón un incrible aforro de 350 eurazos nun seguro a cobrar polo banco no caso de eu morrer, e que portanto non vou desfrutar. Diante da diferenza, a directora da oficina acabou recoñecendo que, a fin de contas, eles son un banco e non poden competir cunha compañía de seguros que se dedica a iso, zapateiro aos teus zapatos, e canceloume a renovación anual sen poñer obxeccións.
Pero para o novo seguro cumpriume respostar un cuestionario telefónico de saúde enumerado por unha amable voz feminina. Nunca imaxinei que houbese tantas enfermidades, algunhas das cales nin sei a que órgano afectan; tampouco me sucedeu nunca que unha descoñecida me preguntase ao minuto de empezarmos a conversar se teño hemorroides, fimose ou algunha enfermidade nos órganos reprodutivos.
Está claro que silenciei os meus asuntos de tensión e glicose á falta dun diagnóstico firme, pero máis por  indecisión á hora da resposta do que por intención de fraude, xúroo.
A este respecto, a dieta vai erosionando lentamente a montaña de azucre, e os niveis que me miden unha mañá si e unha mañá non na farmacia seguen altos pero menos. Afástase o fantasma da DM, e eu sigo mirando para outro lado para non ver a pinga de sangue que me mana do meimiño; despois, recibo as felicitacións da boticaria e as acólitas, pago tres euros e corro á casa a almorzar coa señorita Kaplan, que aínda ten as sabas pegadas.

luns, 18 de xullo de 2011

75 anos

Mañá, 19 de Xullo, a fotografía que Agustí Centelles tirou deste garda de asalto enfrentándose aos sublevados no Carrer Diputació de Barcelona, cumpre 75 anos.
O local é hoxe unha farmacia rodeada de tendas e cafeterías, pero nas pedras da fachada os impactos das balas seguen aínda presentes de maneira indeleble.
Impresionoume esta fotomontaxe, que atopei google adiante; nunca foi máis certo que unha imaxe  vale máis que mil palabras.

xoves, 23 de xuño de 2011

Once anos

A señorita Kaplan está de aniversario:
Once son os que cumpre, como sempre  en pleno fragor do final de curso (chamou onte para contarme das súas notas, case inmellorables), nas vésperas do san Xoán (lembramos tamén cando hai dous anos fomos á verbena que nos plantaran ao pé da casa e comemos cadansúa sardiña e bailamos ao son da pachanga), e en pleno debate sobre as vacacións (organizar as axendas para que viaxe a Venecia comigo e a Londres con súa mai o mesmo mes non é tarefa doada),
Cómpre aproveitar o momento: a señorita Kaplan medra aparentemente máis rápido que nunca; segue a ser a nena de sempre, pero os cambios e as mudanzas comezaron e avisan sen dúbida posible de que a adolescencia se achega xa para instalarse.
Un ano máis, meu amor, feliz aniversario.

domingo, 12 de decembro de 2010

Seis anos



Vía A Collection a Day

Este blogo cumpre seis anos e un día: con 1.037 postaxes e 4.113 comentarios a día de hoxe, non fai falta que diga que se mantén en pleno vigor, que non precisa vitaminas nin máis estímulos que os comentarios dos amigos fieis que por aquí asoman, e que segue vizosa aquela teimosía por contar cousas insignificantes que polo visto aínda interesan a moitos.
Non sei que fai que un blogo acabe, pero este parece que ten corda dabondo.

xoves, 4 de novembro de 2010

Os 45


En Maio de 1962 o presidente Kennedy cumpría 45 anos, e á celebración no Madison Square Garden de Nova York asistiron máis de 15.000 persoas, unha entre as cales fixo esquecer a moitos dos presentes o motivo daquela festa cando, vestindo un axustado modelo cor de pel no que escintilaban segundo as crónicas da época até 2.500 cristais, cantou un máis que tórrido Happy birthday, Mr President desde o estrado.
Hoxe, 48 anos e medio máis tarde, quen cumpre os 45 son eu; á celebración, esta mañá na cafetería de todas as mañás, asistiron catro persoas que tomaron o café de todas as mañás acompañado do seu cruasán de xoguete, e outra que ademais almorzou un bocata de tortilla; afortunadamente, ningunha delas me cantou nada.

martes, 22 de xuño de 2010

Dez


 A nena hoxe fai dez anos, e o orgullo case non me colle a min no peito.
Parabéns, meu amoriño, e que todo vaia como até agora: que a vida che dea canto desexes, que nunca desapareza esa curiosidade fulgurante dos teus ollos, e que o mundo que máis amo siga sendo como ti o ves.

venres, 11 de decembro de 2009

Cinco!


Señoras e señores, rapaces e raparigas:
Este blogue cumpre 5 anos.
E aínda que para a Rede entrou na difícil idade en que, como dicía o outro, máis que cumprir anos na realidade o que fai Robinson é durar en Ithaca, a verdade verdadeira é que nunca gozou de tanta saúde, acougo e madurez (neuras á parte) como agora.
Grazas, meus visitantes e partidarios, por non deixardes de vir.

mércores, 11 de novembro de 2009

Once do once

Hoxe, día de San Martiño, cúmprense vinte e catro meses desde que deixei de fumar (ou, o que vén sendo o mesmo, 14.620 cigarros non fumados e 1.827 eurazos gastados en cousas evidentemente ben máis sólidas que o fume).



(Pero ás veces canto te boto de menos, cabrón!)

mércores, 4 de novembro de 2009

Dous catros

Ninguén mo vai acreditar, pero prometo que esquecín que hoxe tiña unha cita con dous catros.
Alzheimer, os anos que non perdoan? Por acaso o subconsciente, esa teima de pensar que o que non se afronta non sucede? Todo o que sei é que me erguín como cada día, e que fun para o traballo cargadiño de frases nominais e poemas épicos. Como á tarde había sesión continua, arranxamos xantar de bocatas de tortilla e cocacolas light, sobremesa de preavaliacións e posterior merenda claustral, con protocolo antipandemia incluído.
Só cando emprendín camiño a Ithaca, e no asento do lado o móbil deu en trinar a ducia de avisos sms, lembrei que algo grave me ocorrera hoxe.
Polos cravos de Cristo, que feo é este número!

xoves, 11 de decembro de 2008

Catro


Os que cumpre Ithaca.

martes, 4 de novembro de 2008

Soños

Hoxe, primeiro martes despois do primeiro luns do mes de Novembro (e casualmente día 4), os americanos elixen Presidente.
Tamén hoxe, 4 de Novembro (e casualmente martes), o número 43 escólleme coma un proxéctil certeiro, que non me mata aínda que si me fire un pouco máis.

De calquera xeito, a madurez non nos vai impedir seguir soñando:

xoves, 13 de decembro de 2007

E la nave va...

Este blogue cumpre o primeiro trienio.
Cun lastro de 529 entradas e 2.971 comentarios, unha pasaxe exigua pero teimosamente fiel, un timoneiro máis ben desidioso e trapalleiro, tras unha travesía algo accidentada de Atenas a Ithaca (tres tobos, dúas hipotecas, dous ordenadores, máis de 20.000 cigarros), e un historial de abandonos, mudanzas, encerramentos por vacacións e lock-out diversos.
Eppur si muove...!

domingo, 5 de novembro de 2006

Final

Hai que asumi-lo: teño por diante unha longa travesia. Cómpre gardar axiña os 41 na mochila, dar sebo ás botas, recobrir a pel dunha couraza flexível e resistente, converter o tobo en bunker, desbotar propósitos de emenda e perdón dos pecados, romper fios e cadeas (tamén as finas membranas invisíveis), airear os cuartos e acender as luces.
Cómpre quebrar os soños e atender ás realidades certas, evidentes, polas que o mundo existe e vale a pena viver. Cómpre, pois, abandonar os lastros, deixar de andar en círculos e mirar desde agora para adiante.

luns, 17 de xullo de 2006

Pola memória

Un dia coma este, hai 70 anos, empezou para o meu país a maior traxédia da sua história.
Hoxe queremos viver en paz, pero non sermos cómplices da mentira, a ignoráncia, a ocultación e o siléncio.
É mester recuperarmos a nosa memória histórica: até que a última foxa comun dos montes, os campos e os páramos de España non sexa aberta, e mentres o último morto siga sen nome e sen história, toda paz será indigna e imposível.