venres, 27 de marzo de 2009

Eurovisión


Á forza de repartila, compartila e alternala, a señorita Kaplan está convencida de que, tal e como un ano pasa o Nadal comigo e ao seguinte con súa mai en Manderley, tamén toca facer o mesmo con outros eventos.
Entón, xa que o ano pasado estivo en Manderley co do Chikilicuatre, está claro que este o pasará, apalancada comigo, no noso sofá. E eu xa lle prometín solemnemente por teléfono que mañá mesmo me poñía a preparar o festival deste ano como se fose unha oposición.

xoves, 26 de marzo de 2009

martes, 24 de marzo de 2009

Rosebud

Á medida que pasan as semanas, e meu pobre tío se dilúe nelas con verdadeira teimosía, vese como o único que vai restando son episodios que a miña tía comeza cun sempre e a seguir conta en pretérito imperfecto: sempre ían pasear por Punta Herminia, sempre compraban a carne en tal sitio, sempre xogaban á brisca pola tarde se chovía, sempre pensaban en volver a Ithaca.
Miña mai remóntase moito máis atrás, e conta que meu tío sempre conseguía aceite no estraperlo, que sempre lle daba dous ou tres pesos para acabar o mes ou que sempre lle gustaba almorzar na cama os Domingos.
A escena é lenta sobre o café, e a min lémbrame non sei que escena dalgunha novela de Azorín en que tamén se fala sobre un morto recente. Miña tía e meu primo viñeron a Ithaca aproveitando o bon tempo para visitar a sepultura polo día do santo; meu primo sabe que hai que superar todo isto antes ou despois, as arañeiras e os fantasmas, seguramente conta con certo humor que meu tío, que sempre fora xordo, recuperou o ouvido un par de semanas antes de morrer; e o máis soprendente de todo, que meu tío, que sempre fora contable, pasou case dous días facendo contas mentalmente, sumando e restando e demais mentres besbellaba números de non se sabe que; logo, conta meu primo, entrou en agonía e morreu ao amencer.
Sinto a señorita Kaplan cazolear na sala co cibercadelo. Ocórrenseme dúas cousas mentres miña mai e miña tía volven á carga e meu primo cala e se fai outra cafeteira. A primeira é que teño que contar isto no blogue; a segunda é de mal agoiro: póñenseme os pelos de punta só de pensar que podo pasar os dous últimos días da miña vida facendo mentalmente, poño por caso, análises sintácticas, perdido entre obxectos directos, circunstanciais e atributos antes de entrar en agonía e morrer.

mércores, 18 de marzo de 2009

Galegos

Esta mañá varias cousas se conxuraron para mellorarme o humor: para empezar, o incendio matinal que se repite cada amencer destes días, cando o sol me entra na casa mentres almorzo; despois, que hoxe ao serán volta a señorita Kaplan a Ithaca, e que por diante temos catro magníficos e primaverais días libres.
Sen dúbida todo iso está ben, pero falta que os xornais me traian a noticia definitiva: descubrir que, como no anuncio, eu non son tonto.
Ou así o cre a RAE, que suprimirá da nova edición do seu dicionario tan lamentable acepción, aínda que non deixarei de ser tatexo, vento do noroeste, lagarta de río, libeliña, ave palmípeda e dispositivo que nivela a cana de azucre antes de moída, entre outras cousas de manduca e farra ás que tamén me asocian, coma o caldo galego, o touciño galego, a gaita galega, o nabo galego e mais a trompa galega.
E cando me reúna cos meus amigos, coa miña familia, ou mesmo cando estea na aula cos meus alumnos, seguirei formando esa merenda de negros ou de tolos que evoca o horrible termo gallegada.
Iso si, cando me sente a unha mesa para xantar cos meus paisanos cómpreme levar un molete comigo, e, por sermos de pouco fiar, non sacarei nunca a man do peto da carteira, por se acaso.
Non é para morrer de gosto se así nos ven, se así lles parecemos?

martes, 17 de marzo de 2009

Unforgetable

Happy Birthday, Mr. Cole



(O preto da suntuosa voz de veludo cumpriría hoxe 90 anos. Non hai por que non celebralo)

sábado, 14 de marzo de 2009

Chegou


Da furia demoledora dos vendavais aos que este Inverno levamos sobrevivido, dos diluvios que duraron días e días, daqueles pós e aqueles trollos, das crueis xeadas nocturnas pousadas ás mañás nas pólas irtas, da desesperante invernía de finísimos orvallos, das néboas mestas que pesaban ao ir a traballar coma o recordo de malos soños, dos fríos que nos cortaron a pel e os folgos, daquelas neves falsamente puras, de soles doentes e esmorecidos que case non se deixaron ver e logo morrían en solpores rubros, do correr infatigable dos meses, rodeada de cantos de paxaros e flores coma estas está a nacer, un ano máis.
Bendita sexa!

xoves, 12 de marzo de 2009

Breves

  1. O 2 de Abril actúa aquí Serrat e acabo de comprar dúas entradas non moi boas; unha delas é para min e a outra para Herg, que quedou coas ganas a outra vez. Espero que un xesto de amizade cunha compañeira de traballo non se confunda co que non é; entre outras cousas, porque hai anos aprendín que mellor é un non cagar onde come.
  2. Se antes aínda me facía graza, agora empeza a fartarme que cada vez que falo de Haddock (onte comentei na casa dos meus pais que falamos por teléfono, e que máis ou menos está decidido que nos visitarán el e a súa filla na ponte da semana que vén) a miña mai pregunte se volveron e a seguir se laie do mona e simpática que era ela. Probablemente despois meu pai dirá que el é un túzaro. Probablemente eu despois non direi nada.
  3. Seguramente fun algo duro na entrada que dediquei a Pradolongo: películas coma ela fanse a moreas noutras filmografías e ninguén di nada. O problema está en que eu creo que para o pouco que hai no noso cine (e na nosa literatura, e na nosa música, e na nosa) deberíamos tentar atinxir coas mans as estrelas.
  4. Hoxe non fun traballar; tiña un imprevisto programado desde que hai uns días descubrín que non daría corrixido aquela montaña en tempo e forma se non facía algo. E fíxeno: onte á noite quedei traballando até que os ollos me caeron sobre os exames e o boli vermello fixo corpo coa miña falanxe. Polo demais, hoxe non fixen nada especial: acordei tardísimo, lin na cama, reguei e recortei algo os gomos dos bonsais, comín unha pizza caducada e pasei o resto do día a dar voltas pola casa, atónito pola luz do sol que me entraba polas ventás.

mércores, 11 de marzo de 2009

A ver se me acordo


Un día destes, a ver se me acordo, contarei aquí que o meu primeiro destino foi Valdeorras, a comarca en que por certo se ambienta Pradolongo.
Podería así contar que me deron a titoría dun grupo onde todos eran punkies, que unha noite os profes do instituto nos fomos bañar no Sil ao pé da ponte de Petín, fartos de godello despois dunha cea, e que outra vez fomos apañar cereixas ao Bierzo e acabei xunto a un de matemáticas e un de automoción visitando a primeira e única barra americana que pisei na vida.
Que pechábamos os locais onde confraternizábamos cos operarios das louseiras, e que víamos amencer de camiño á casa sen por iso deixarmos de dar a clase das nove. Que Olivia de Popeye, Fesore e eu compartíamos piso, un mausoleo desolado ao que daba arrepíos voltar, e tan frío que ás veces abríamos a xanela para quecelo se a caldeira non tiraba. Que no armario do inhóspito cuarto de invitados curábamos chourizos, queixos e androllas, e que así e todo viña xente durmir á casa.
Podería contar que se queríamos ir ao cine cumpríanos ir a Ponferrada nun 127 prestado; que me sorprendían a roxa terra das Médulas refulxindo ao solpor e o voo das cegoñas contra o ceo azul; que se escollín aquela praza para as prácticas foi por ser a máis achegada aonde vivía a miña moza daquel tempo; que en Valdeorras fixen amigos que o seguen sendo apesar de nos vermos tan pouco, e que decorreron tantos anos e o mundo mudou tanto que agora resulta inconcibible pensar que era normal fumar nas aulas, que non houbese teléfono na casa, e que para comprar o meu primeiro ordenador, case con manivela incorporada, tivese que destinarlle o soldo de dous meses.
Prometo que igual o conto. Un día destes, a ver se me acordo.

luns, 9 de marzo de 2009

Círculo

Coñecín onte ao serán os viciños de enriba, os renovadores, os radicais, os arrincabañeiras.
Pasaron, máis que a se presentaren, a preguntaren cousas como cal é o piso do presidente, onde están os contadores ou que axencia nos administra.
En xeral, responden ao retrato robot dos habitantes deste portal: unha parella de recén casados a quen o escintilar da alianza delata na penumbra da escaleira, home e muller novos e polo de agora sen fillos, que compran a primeira vivenda, na que meterán os primeiros aforros conxuntos e os primeiros mobles procedentes dos agasallos e da lista de bodas dun casamento que culminou nun todo-incluído do que aínda gardan excelentes lembranzas e unha colección de fotos ilusionadas.
Así son e así as gardarán os que viven enfrente, os de embaixo, os do lado e as outras parellas coas que me cruzo no portal ou falo do tempo no ascensor: non sendo a solitaria señora maior do ático e a solitaria pseudo-Laura que non sei onde vive, é como se o círculo se cerrase á volta do solitario señor do cuarto, que nin se chama Dufayel nin ten os ósos de cristal nin queima os días pintando un mesmo cadro de Renoir.

domingo, 8 de marzo de 2009

Mamíferos

Bronca con Polis onte á noite nos viños; en realidade, bronca non, porque Polis é dos que inchan, e só por facer unhas risas con Encantador e recordar, moitos días despois, frente á barra dun bar, a tarde remota en que o levei a comprar o agasallo do bebé de Mirinda, e este homón de 44 anos que sabe disolver sociedades anónimas e mercantís, que asesora en litixios e repite leis coma un loro, mentres esperábamos pola dependenta, xuro que confundiu un sacaleite que había nun expositor cun extractor de vómitos (lácteos) infantil, algo talvez moi práctico pero que non se vende nas tendas.
Talvez non debín preguntar daquela, pero logo non houbo remedio (un saca...que?) e así Polis deu de fociños coa natureza, coa parte máis evidentemente animal que hai en nós, e aínda ben o fixo para escrupuloso que é.
De onte non teño claro aínda se o que a Polis sentou coma un tiro foi que eu contase o episodio facendo comandita con Encantador, ou que o contase imitando, copa en man, ao Condemorrr.

sábado, 7 de marzo de 2009

Pradolongo

Porfín vin Pradolongo (en copia non pirata), e levo horas remoendo se amablemente deixala correr, calando que se trata dun edén onde os bos son inevitablemente bos e os malos inevitablemente malos, ou aínda peores, onde se pode marcar unha liña que separe o ben do mal sen medo a errar, e onde a psicoloxía das personaxes ten unha profundidade e unha variedade de matices digna de Barrio Sésamo.
A fotografía e a banda sonora son desde logo excelentes, as paisaxes sublimes, atinado o emprego do dialecto oriental, pero os mozos protagonistas actúan forzados e imposibles: fan o que se lles manda, obedientes e adestrados, sen sentir. As escenas de sexo son trapalleiras, puerís e inverosímiles, como pensadas para reforzar a idea de que esta non é unha película para o Xabarín, onde queira que se atope. Que resta? A paisaxe e a banda sonora.
Se entendemos que normalizar o cine galego é facer películas, daquela estamos normalizando o noso cine.
Se entendemos que normalizar o cine galego é facer un bon cine, daquela estamos aínda empezando camiño. (E, vostedes perdoarán, queda moito por andar)

venres, 6 de marzo de 2009

Gatos


Definitivamente, perdín a paciencia e o interese polo Zafón abandonado na mesa de noite baixo unha capa de pó, e non sei ben como acabei lendo o libro de Mankell que lle trouxeron os Reis á nena.
Por suposto, nada de asasinatos (iso virá agora, co seguinte): disfrutei, aínda que é verdade que as peripecias de Lukas na procura do seu gato pluviófilo me puxeron un pouco cardíaco; ao mellor porque tamén eu tiven unha vez unha gata completamente negra que de día se me adormecía no colo mentres víamos a tele ou corrixía (eu), e de noite patrullaba a casa coma unha centinela.

martes, 3 de marzo de 2009

Balance

Agora que pasou todo e iniciamos o regreso á caverna, parece mentira que non nos désemos de conta do equivocados que estábamos hai catro anos. Quixemos crer que nos liberábamos tras décadas coa vontade e os votos comprados con pan e circo, e festas para vellos con moita empanada.
Daquela, os galegos foron votar en masa contra un presidente decrépito a quen moitos dos seus propios votantes terían xubilado pola idade e deterioro físico; a ineptitude que desvelou o afundimento do Prestige e a desastrosa política belicista e servil do goberno central que desembocara no talante un ano antes, fixeron o resto. Aínda así, foi pouco: a maioría absoluta estivo pendente dun fío até a reconto do voto emigrante, e o bipartito naceu sen que a moitos nos importase outra cousa que desaloxar aquel partido e ventilar as institucións.
Como sucede coas parellas, que cando rompen a todo o mundo lle parece que fora unha relación imposible e sen futuro, agora lembramos que cada socio ía ao seu, nunha Xunta bicéfala e descoordenada que até disputou en público se era Galiza ou Galicia o que se gobernaba.
Con visións tan diferentes non é de estrañar que só houbese xestión e administración, pero pouca política e moito continuísmo, como se en realidade nos gobernasen interinos e o desastre anterior non existise.
En catro anos non só non nos deron símbolos novos para soñar, senón que aviveceron os vellos símbolos contra os que nos revoltáramos; anécdotas, pero iso é o que perdura dos catro anos e eu, que defendín o bipartito, non as dou tirado da cabeza: a Cidade da Cultura, a guerra das bandeiras nas tomas de posesión, as galescolas en Vicepresidencia por non encaixaren en Educación, o himno aflamencado, o baixocero da normalización lingüística, a volta do panem et circenses doutrora, con retornos televisivos e merendolas para vellos. Non é que non houbese logros; é que tampouco se viron.
Pouco lle custou ao candidato a reconquista: coa crise fungando aí fóra e dando oídos a acusacións de corrupción e despilfarro, un país que sistematicamente votaba dereitas cada vez que votaba, mobilizouse para botar do goberno aqueles que desgobernaban. Cunha participación do 70%, a maior nunca vista aquí, a vitoria dos conservadores foi rotunda e incuestionable: non só recuperaron a maioría, tamén aumentaron o número e a porcentaxe de votos, varreron nas sete cidades, no voto urbano, nas áreas máis poboadas, nos feudos de esquerdas, nos votantes de todas as idades...
Se lembramos que tamén se dispararon os votos nulos e as abstencións como castigo a socialistas e nacionalistas, a visión que obtemos da paisaxe despois da batalla resulta abafante e desoladora.

luns, 2 de marzo de 2009

Lacrimosa


A outra vez víraa de cativo, coa miña irmá, nun cine desaparecido de Ithaca, e xa non lembraba que fose tan lacrimosa.
Pero Sábado á noite no sofá do salón, coa señorita Kaplan encaixada nas costelas, foi como se rompesen os muros dalgún encoro: os dous acabamos chorando sen disimulo, como billas abertas, e tanto himpamos e tanta risa nos deu, que non dábamos escoitado o que se falaba no faio dos frades nin a escolla de Marcelino, que se non era ben un tsunami de bágoas.

Indo para o sobre, a nena aínda se laiaba de non querer Marcelino meterse a frade, como frei Porta; ou a garda civil, suxería eu.

domingo, 1 de marzo de 2009