martes, 24 de marzo de 2009

Rosebud

Á medida que pasan as semanas, e meu pobre tío se dilúe nelas con verdadeira teimosía, vese como o único que vai restando son episodios que a miña tía comeza cun sempre e a seguir conta en pretérito imperfecto: sempre ían pasear por Punta Herminia, sempre compraban a carne en tal sitio, sempre xogaban á brisca pola tarde se chovía, sempre pensaban en volver a Ithaca.
Miña mai remóntase moito máis atrás, e conta que meu tío sempre conseguía aceite no estraperlo, que sempre lle daba dous ou tres pesos para acabar o mes ou que sempre lle gustaba almorzar na cama os Domingos.
A escena é lenta sobre o café, e a min lémbrame non sei que escena dalgunha novela de Azorín en que tamén se fala sobre un morto recente. Miña tía e meu primo viñeron a Ithaca aproveitando o bon tempo para visitar a sepultura polo día do santo; meu primo sabe que hai que superar todo isto antes ou despois, as arañeiras e os fantasmas, seguramente conta con certo humor que meu tío, que sempre fora xordo, recuperou o ouvido un par de semanas antes de morrer; e o máis soprendente de todo, que meu tío, que sempre fora contable, pasou case dous días facendo contas mentalmente, sumando e restando e demais mentres besbellaba números de non se sabe que; logo, conta meu primo, entrou en agonía e morreu ao amencer.
Sinto a señorita Kaplan cazolear na sala co cibercadelo. Ocórrenseme dúas cousas mentres miña mai e miña tía volven á carga e meu primo cala e se fai outra cafeteira. A primeira é que teño que contar isto no blogue; a segunda é de mal agoiro: póñenseme os pelos de punta só de pensar que podo pasar os dous últimos días da miña vida facendo mentalmente, poño por caso, análises sintácticas, perdido entre obxectos directos, circunstanciais e atributos antes de entrar en agonía e morrer.

4 comentarios:

mariajesusparadela dixo...

Non teña pena:Eu quéroo.
(subxecto :eu; verbo: quero; obxecto directo: o). Se lembra a miña análise na hora da morte e lembra tamén cant@s llo terán dito,morrerá ben acompañado¿non sí?
(Peor pode ser o meu, que me poñerei a facer abdominais dous ou tres días...con maniotas e todo)

Sun Iou Miou dixo...

Mi ma, Kaplan, non quisera eu tampouco unha morte desas, por exemplo, cantando unha e outra vez a cancionciña da tal serie... entón si que me ía tocar morrer soa, nin os cans ían querer me acompañar.

(Fermoso texto, por certo. A morte, seica, insufla vida.)

bueno dixo...

talvez seu tio estivesse fazendo as contas da herenca que vai deixar para voce... rosebud me lembra o citizen kane, sempre. um abraco bem apertado e obrigado pelas fiéis visitas semanais.

peke dixo...

Si, fermoso texto.