martes, 3 de marzo de 2009

Balance

Agora que pasou todo e iniciamos o regreso á caverna, parece mentira que non nos désemos de conta do equivocados que estábamos hai catro anos. Quixemos crer que nos liberábamos tras décadas coa vontade e os votos comprados con pan e circo, e festas para vellos con moita empanada.
Daquela, os galegos foron votar en masa contra un presidente decrépito a quen moitos dos seus propios votantes terían xubilado pola idade e deterioro físico; a ineptitude que desvelou o afundimento do Prestige e a desastrosa política belicista e servil do goberno central que desembocara no talante un ano antes, fixeron o resto. Aínda así, foi pouco: a maioría absoluta estivo pendente dun fío até a reconto do voto emigrante, e o bipartito naceu sen que a moitos nos importase outra cousa que desaloxar aquel partido e ventilar as institucións.
Como sucede coas parellas, que cando rompen a todo o mundo lle parece que fora unha relación imposible e sen futuro, agora lembramos que cada socio ía ao seu, nunha Xunta bicéfala e descoordenada que até disputou en público se era Galiza ou Galicia o que se gobernaba.
Con visións tan diferentes non é de estrañar que só houbese xestión e administración, pero pouca política e moito continuísmo, como se en realidade nos gobernasen interinos e o desastre anterior non existise.
En catro anos non só non nos deron símbolos novos para soñar, senón que aviveceron os vellos símbolos contra os que nos revoltáramos; anécdotas, pero iso é o que perdura dos catro anos e eu, que defendín o bipartito, non as dou tirado da cabeza: a Cidade da Cultura, a guerra das bandeiras nas tomas de posesión, as galescolas en Vicepresidencia por non encaixaren en Educación, o himno aflamencado, o baixocero da normalización lingüística, a volta do panem et circenses doutrora, con retornos televisivos e merendolas para vellos. Non é que non houbese logros; é que tampouco se viron.
Pouco lle custou ao candidato a reconquista: coa crise fungando aí fóra e dando oídos a acusacións de corrupción e despilfarro, un país que sistematicamente votaba dereitas cada vez que votaba, mobilizouse para botar do goberno aqueles que desgobernaban. Cunha participación do 70%, a maior nunca vista aquí, a vitoria dos conservadores foi rotunda e incuestionable: non só recuperaron a maioría, tamén aumentaron o número e a porcentaxe de votos, varreron nas sete cidades, no voto urbano, nas áreas máis poboadas, nos feudos de esquerdas, nos votantes de todas as idades...
Se lembramos que tamén se dispararon os votos nulos e as abstencións como castigo a socialistas e nacionalistas, a visión que obtemos da paisaxe despois da batalla resulta abafante e desoladora.

4 comentarios:

mariajesusparadela dixo...

Señor kaplan: na miña Paradela amada, o bipartito está a facer as cousas ben. E, ainda que noto o desánimo en xente coma vostede, penso que podemos sair das cavernas o día que deixemos de ser tan íntegros (os de esquerdas) que sancionesmos sempre os erros, mentras a dereita perdona todo unha e outra vez. Demasiado castigo para erros tan vanais¿non cré?. Voltarán. Xa son vella, pero quero velos outra vez mandando.

Anonymous dixo...

Que dios nos coja confesaos
Perry

peke dixo...

Nunca falo de política, pero este descalabro víase vir.

Sun Iou Miou dixo...

E aínda ben non votei en branco como pensaba, senón destas horas non había penitencia que me chegase, por riba da cruz e o castigo. Sálvanos que polo de agora non se implantou a cadea perpetua.