Amosando publicacións coa etiqueta Señorita Kaplan. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Señorita Kaplan. Amosar todas as publicacións

sábado, 30 de decembro de 2023

Balance

 Evocando aquel Cosmopolitan daqueloutra vida miña, este que termina será o ano en que puxen os audífonos (en nada sairei a ver que conflito ten o esquerdo co meu ouvido), o da operación do túnel carpiano da dereita e a longa baixa consecuente, o das tres tatuaxes, o das colaxes, o do noivado da señorita Kaplan, o das viaxes a Málaga polo ano novo e a Tenerife en agosto, o de ensinar portugués logo de 33 anos, e o do décimo primeiro (e derradeiro) trienio.

mércores, 13 de setembro de 2017

Enigmas, callos e torres

Case unha semana despois, aínda non subín ao feis as fotos das torres da Catedral. A razón é esa especie de desgana que lle entra a un cando ten que dar explicacións, xustificarse porque a culpa lle pesa: non avisei a Herg para subirmos felizmente coa señorita Kaplan a contemplar o mundo a 50 metros de altura, tal como acordáramos a principios do verán.
É máis, nin sequera levei comigo á señorita Kaplan na escalada, pero a ela pouco lle importará, liada como anda coas amigas nunha espiral de verbenas, cumpreanos e tardes de chincho na praia.
No meu descargo podo alegar que Venres me desembarcou no tobo o xoves á tarde e que xa o venres pola mañá, almorzando para ir ao instituto, estaba eu a preguntarme como entreter a este home sen propoñerlle pasarmos a tarde toda metidos na cama, a voltas cos nosos xoguetes.
A primeira idea, visitar Santalla de Bóveda, era factible pero non solucionaba o problema: as visitas son unicamente de mañá; aínda así fomos, a correr tolamente por entre aqueles campos en que a seca deixou a sua pegada amarela, para entrarmos no enigma das aves silenciosas e a pia verde e baleira entre columnas escuálidas.
Se alguén pensa que despois de xantarmos os callos do Cotá e outras cousas gorentosas do menú, Venres estaba pola sesta saiba que está desencamiñado: agardamos pacientemente no adro a que se formase un grupo suficiente, escoitamos amables instrucións previas da guía, recoñecemos non padecermos do corazón nin termos claustrofobia ou vertixe, e demos en subir polas estreitas escaleiras de caracol, primeiro dunha torre, despois da outra. 
Ao saírmos á balaustrada, comprobamos o tamaño colosal das estatuas dos Evanxelistas e a Fé xunto aos cales pasamos para acometer a segunda torre; á pregunta de alguén, a guía indicou o que xa supuñamos: que non se pode camiñar sobre o tellado nin subir á torre das campás, así que nos contentamos con retratar os catro puntos cardinais desde a balconada superior da torre sur: o claustro e o campanario, os tellados da cidade, o val do Miño, o adarve da muralla, os liques nas vellas pedras da catedral e, ao lonxe, a cordilleira dos Ancares coroada de muíños de vento.




luns, 28 de novembro de 2016

De venres a sábado

A señorita Kaplan empeza a ter unha axenda comparable á dunha primeira ministra, e entre exames e traballos, clases de música e ensaios de clarinete, e demais vida social (de cumpreanos a ceas de bacharelato), navegamos polo calendario coma un Titánic por un mar inzado de icebergs.
Despois de dous findes sen vérmonos, vén venres e marcha sábado deixando atrás 30 horas de vertixinosa actividade na que non houbo inauguracións de pantanos nin botaduras de fragatas, pero case: un xantar moi desexado por ela no self-service do último centro comercial de Delfos (e antecedente dos que agoiro frecuentes de aquí a dous anos, cando a teñamos estudando na universidade), unha volta polas tendas do centro  comercial en pleno black friday, a acostumada viaxe de Delfos a Íthaca cantando a pleno pulmón éxitos dos 70, a preparación da nosa cea, un capítulo da serie que agora seguimos, e o xantar do cumpreanos de miña irmá (que a señorita Kaplan xurou non perder por nada do mundo).
Aproveitando que a nena estaba aquí (e como notei pouca colaboración por parte de Venres) subimos do rocho do garaxe, lenta, traballosa e desde logo prematuramente, a árbore de nadal: xa armada, coas luces e ornamentos instalados, exactamente como a gardamos en xaneiro pasado cando a cousa acabou; empurrando entre risas e apuros a plataforma con rodiñas polo medio dos coches aparcados, temendo que algún viciño nos sorprendese naquela procesión un pouco ridícula, receei se non teriamos pasado menos traballos desmontándoa e montándoa de novo, como Deus manda, pero á vista do éxito (non rompeu ningunha bóla, só a estrela do remate estaba un pouco esmorecida) escrito está que se acaba de inaugurar unha nova tradición nesta casa.

domingo, 6 de novembro de 2016

51

Por razóns de axenda, a celebración este ano estendeuse unha semana, co que máis que un aniversario a cousa pareceu un xubileo.
Onte foi a gran paparota de clausura, sen beicon pero igualmente hipercalórica, na casa da miña irmá porque tamén meu cuñado facía anos un día destes. Deixando a un lado o material funxible intercambiado (tés, bolachas holandesas de manteiga, cervexas artesás, xenebra), destacarei a olivetti portátil, agasallo da miña sobriña, que a ver se porfín non choro máis por aquela que me roubaron e que ningún ordenador compensou despois, a dicir da miña irmá, que sempre foi moi lista.
Xusto unha semana antes, Venres desembarcara aquí con dúas bolsas de creatividade; nunha delas, un surtido de delicatessen digno dun pachá, con viño, paté, olivas e o maravilloso aceite de Quiroga que por agora (e non o beicon de Walter White) é o centro dos meus almorzos. 
Da outra bolsa saíu un gaiteiro negro, ou mellor dito: un boneco do piloto da resistencia FN-2187 cun traxe de gaiteiro minuciosamente cosido por Venres durante semanas coas súas propias mans, e ao que non falta de nada, desde a monteira e a capa ás polainas e cirolas de veludo negro; ao parecer, baixo a aparencia de gaiteiro, Finn conserva a equipamenta de stormtrooper. Coñecendo a súa reputación, receo que o día menos pensado acabe infiltrándose no cuarto da señorita Kaplan, onde hai anos vexeta a Nancy azafata.

domingo, 23 de outubro de 2016

Kilómetros

8.00: O deber inescusable de carácter privado que teño marcado para as 12 permíteme durmir unha horiña máis. A casa está fría, principalmente despois da ducha. Tras o almorzo fumo dous cigarros; o último nin o termino: é a estúpida obsesión de non dar chegado. Antes das nove pillo o coche e poño rumbo a un xulgado nun punto equidistante entre Delfos e Manderley.

10.00: Asumindo que vou demasiado cedo, paro de camiño a tomar outro café e a comprar tabaco nunha tenda-estanco; o exceso de café e unha muller que tende roupa no aparcamento fanme a entrar de novo para comprobar que aínda sobreviven as espeluznantes placas turcas en retretes de posguerra; tal é así que volvo ao coche co estómago revolto.

12.00: A procuradora explícanos na porta do xulgado que a avogada non vai vir por culpa dunha endodoncia, e que a súa señoría tampouco estará presente porque en realidade non estamos citados; ao parecer, aténdennos de favor. O escaneado do convenio que mandamos é tan tenue que case non se le e hai que presentalo en papel para que a xuíza non o rexeite. Recoñecemos o documento e asinamos os poderes; o trámite non leva nin dez minutos.

12.15: Saímos do xulgado e camiñamos devagar ao sol, sen rumbo, entre persoas que se moven en todas direccións, algunhas cargando bolsas porque veñen do mercado. A carpeta de plástico vacía onde ía o convenio pasa das miñas mans ás dela, e sucesivamente viaxará entre as nosas mans durante case unha hora, coma un símbolo. Xa sentados nun banco, os vagos reproches, as réplicas e as contrarréplicas, esa inútil contabilidade dos miles de horas que ela pasou en consultas de pediatras e dentistas, en ensaios, en adestramentos e partidos, en cumpreanos, os miles de kilómetros que viaxei eu todos estes anos para recoller a nena en fins de semana alternos e insignificantes, esmorecen lentamente e, cos ollos húmidos, acabamos por nos centrarmos no que verdadeiramente importa, esa nena espléndida da que nos sentimos orgullosos. 

14.45: Espero por Venres fumando na entrada do centro comercial, despois de comprar algunha roupa de inverno e perderme varias veces. Mentres xantamos (bastante escasamente) nunha estraña pulpería ultramoderna, tan típica e enxebremente galega que até se esqueceron da lingua, cóntolle a aventura do xulgado e, moi por riba, o demais. El cóntame do cumpre que lle toca esta semana e organizamos algo para o serán do domingo.

17.00: Con bastante retraso sobre o previsto, saio para Manderley a recoller a señorita Kaplan, que espera xa coa maleta feita, a mochila cargada de libros e deberes cos que compartiremos o fin de semana e moitas ganas de me poñer ao día. En canto arrinca o coche, a señorita Kaplan empeza a súa disertación, que xa non parará practicamente até vermos asomar o sky line de Ithaca.

19.45: Instalada a nena, rodeada de todo o que a fai feliz (o móbil, a wifi, a tele, un libro, as zapatillas) saio a toda présa para o ensaio: co Tamborileiro abrimos a temporada de Nadal.

    sábado, 15 de outubro de 2016

    Fin de festa

    Rematou o Sampailán deste ano, e rematou con cambio de tempo: fixo aparición a choiva e, claro indicativo de que aquilo do san Miguel rematou, teño as mans frías.
    Polo demais, cumpriuse con (case) todo o ritual indíxena, como manda a tradición: houbo paparota familiar con polbo e rudo viño da casa, nun sitio enxebremente decorado a base de nasas, chantos e gaitas; meu pai, apertando e collendo do brazo a meu cuñado para que o levase até a mesa, recreou en technicolor a escena bíblica: pódese dicir que por unhas racións de polbo, que ademais paguei eu, cedín a miña primoxenitura.
    A señorita Kaplan recaudou o seu bon diñeiro e, con bastante présa por gastalo, descubriu esas máquinas comecartos con plataformas que avanzan e retroceden cheas de moedas que van caendo; o botín non compensou o investimento: un reloxio dixital que non funciona, un chaveiro cun coello de penuxe e un chifro para patos.
    Para o fin de festa, en lugar dos Haddock esta vez viñeron Venres e tres dos seus amigos de Delfos: Pirata, Bertamiráns e o Reverendo, que, sorpresas da vida, foi alumno meu en Ithaca no Cretácico Superior, cando os dinosaurios campaban polas Cortiñas de San Román e a el, que non tiña nin sombra de barba, xa lle empezaban os rapaces a alvorotar o galiñeiro; así o conta mentres rillamos como podemos o correoso entrecosto da cea, que se desangra repulsivamente nos pratos deles.
    Logo dun infame licor café moi pasado de octanos botámonos á rúa: propuxen ir a aquel local anteriormente coñecido como o Emo, onde (regandixas da lei) aínda se pode fumar, e entre isto e atoparmos nel algúns coñecidos aos que non volvera ver en décadas, sería como pillar un bucle temporal e regresarmos a 1995, salvo porque agora xa non valen as pesetas, o local está inzado de hipsters, e o móbil de Pirata, que xurou que de Ithaca non marchaba sen botar un ferrete, non lle daba abasto cos asubíos.

    luns, 8 de agosto de 2016

    Suceso

    Hoxe, despois do xantar, fomos ao supermercado a señorita Kaplan e mais eu para comprar catro iogures gregos, un tarro de margarina, dúas tiras de costela, tres pexegos amarelos e medio melón.
    É certo que este acto é banal e dá ben pouca materia para facer un post; pero cando íamos pagar sucedeu algo verdadeiramente extraordinario.
    Unha das dúas señoras que estaban diante de nós na caixa pagou e marchou, esquecendo unhas cebolas. Cando a outra se decatou saíu atrás dela chamándoa e axitando a bolsa das cebolas, pero en vez de dirixirse á porta lanzouse en tromba contra o cristal, que non rompeu. Aí rolaron as cebolas fóra da bolsa e a señora, moi lentamente, xirou como para preguntar que pasara e caeu; matouse, dixo unha voz de muller, e correron alí as caixeiras e as clientas a socorrer a pobre, e alguén que non fun eu chamou ao 112 para que viñese unha ambulancia.
    Horas despois seguimos conmocionados; a señorita Kaplan xura que viu curvarse o escaparate.

    domingo, 17 de xullo de 2016

    Non prometo nada

    Este blog non termina de estar morto.
    En ocasións sinto saudades daqueles tempos en que o actualizaba case con necesidade, como se come ou se bebe, un pouco como para sobrevivir, e daquela decido resucitar o blog, reincidir e perpetrar un novo post; despois vén a desidia, a procrastinación, o que sexa, e aquela boa idea deixa de me parecer tan boa idea e queda abandonada, un par de liñas sen título na listaxe de entradas, ou mesmo nin iso: un simple remorso que dura algunhas horas ou algúns días e logo desaparece.
    Entre tantas reaparicións correu o tempo e o mundo seguiu xirando. A señorita Kaplan cumpriu os 16 co comezo do verán e as súas constantes vitais son as dunha adolescente de manual: para alén do acne e as curvas cada vez máis definidas, confírmano os constantes asubíos do móbil e algunha que outra gadoupada con que lle asoma o carácter. Meu pai volveuse un cativo malcriado A enfermidade volveu a meu pai un cativo malcriado que tiraniza a miña mai e até non hai moito nos botaba aos fillos da casa con malos modos; aínda así, o final do parte e o seu regreso á cociña con aires de león acurralado marcan incuestionablemente cada día o final da visita.
    A Polis véxoo pouco, ou polo menos pouco en tres dimensións: o seu facebook e o meu whatsapp inzado de paparotas, praias interminables e armaduras de centurión certifícanme que está máis vivo socialmente que nunca. 
    E finalmente están a harmonía e a paz, o acougo que non pide nada a cambio. Finalmente está Venres.

    sábado, 14 de novembro de 2015

    De cans e de gatos

    Nós somos máis de gatos.
    Lapidaria e contundente, digna de figurar en bronce nun frontispicio ou como epitafio se o verbo fose en pretérito, tal é a resposta o recordatorio via wasap da señorita Kaplan á foto que lle envío da nova mascota de Herg. O cachorro ten mes e medio e xa apunta maneiras: a foto móstrao vitorioso tras un dos seus primeiros combates; a vítima, o guepardo de trapo que eu mesmo lle regalei hai un par de días, non tivo a menor oportunidade e caeu no segundo asalto, segundo Herg me conta.
    Estamos mergullados no alegre balbordo dunha cea da coral, rillando con abnegación un polbo demasiado duro entre cachelos gorentosos, e pasamos revista á nova vida da miña amiga: Herg xubilouse hai dous meses e eu fago esforzos para non volverlle dicir unha vez máis todo o que a boto en falta cada día no traballo. 
    Non é unha máis entre aqueles que en ceas tan animadas coma esta se agasallou cun reloxo ou un cadro dun pintor local e moitas palmadiñas no lombo antes de desapareceren para sempre (algunha vez até felizmente, digámolo todo). Herg non. Así que envolvo a saudade en pantrigo e nas tellas da sobremesa e trágoa, acompañándoa con viño ou café, mentres me fala das súas clases de canto, do difícil que lle está sendo vender a casa que repinta e retoca pero nin por esas, daquel piso que visitou xunto ao Parque e rexeitou porque era inmenso para ela soa. Vaia, para nós os dous, corrixe.
    Nun momento dado alguén reclama atención; no móbil que sostén le a terrible noticia dos atentados de París, e durante uns poucos segundos esténdese o silencio por riba da louza e o mantel manchado, pairando no ánimo de todos. Unha voz propón que cantemos, e o Rodaballo e o barco de Xamaica cargado de ron abriron o repertorio de rigor, mentres, moi lonxe de alí, o corazón de Europa se desangraba.

    mércores, 21 de agosto de 2013

    Recapitulación

    Seis meses tampouco son para tanto. 
    Para me xustificar podería como outras veces alegar secuestro, doenza invalidante, fallos no sistema, perda do contrasinal, comportamento hostil por parte do gran irmán, amnesia, que sei eu, ou simplemente dicir que un dia calquera deixei de entrar aquí como aquel que foi comprar tabaco e non voltou até vinte anos despois porque cada vez lle era máis difícil explicar unha ausencia duns poucos días.
    Necesitei distanciarme un pouco dos blogues para entender que despois de tantos anos todo isto non era unha carga senón un costume, como comer ou ducharse, e para que cada vez que se me ocorría fuxir cara adiante abrindo novos blogues neste ou noutro lugar, ou creando estériles contas aquí e acolá, a evidencia do absurdo me mordese nos dedos e me remordese a conciencia.
    Seis meses é o que necesitou a señorita Kaplan para pasar de xurar que nunca tería un móbil a consideralo o obxecto máis precioso deste mundo; a min cumpríronme menos para comprender que se mal se me daban as matemáticas de neno, agora tampouco se me dan ben as profesoras de matemáticas. Haddock e a muller non o tiveron tan claro, e a unha época maravillosa sucedeu o caos e houbo separación e reconciliación e agora paz e despois vaia Deus saber que máis. Polis está en dique seco, cun brazo ao colo, varias costelas rotas, algún dente menos e a firme convicción de que, aínda con dúas copas máis, cun coche mellor e máis caro non lle tería pasado nada. Varrín da miña vida algúns elementos tóxicos, e a toxicidade afable do tabaco voltou a ela con moita máis frecuencia que nas longas sobremesas con Tere Holmes. Saqueei foto a foto dúas cidades, e entre novelas e pelis, zarzuelas e gregorianos, fun definitivamente a máis enterros que bodas, sen que por iso ver rapar as barbas dos meus viciños me faga pór as miñas a mollo, por moito que me avellenten, din algúns, ao estaren xa case totalmente brancas.
    Polo demais, abdicaron reis e coroáronse príncipes, un papa sucedeu a outro papa, e aquí, escándalo a escámdalo, parece que nos vamos acostumando á pestilencia da cloaca mentres uns e outros se rin da nosa intelixencia, tenden cortinas de fume, roen nos nosos dereitos, acaban co patrimonio de todos e até se ofenden cando lles pedimos a demisión.  

    martes, 8 de xaneiro de 2013

    Os Reis

    A señorita Kaplan marca o calendario: como o pasado era ano par foi un vello pirado (se era o Apalpador ou Santa Claus aínda está por ver) o que nos trouxo os presentes o día de Nadal; e como este é impar e a nena está con súa mai, na mañá de Reis non hai baixo a árbore nin celofán nin papeis de cores, nin máis sorpresa que algunha penuxe facendo compaña á planta carnívora con que me agasallou a miña sobriña, non sei se con algunha intención oculta.Fixen tempo dando voltas pola casa; preparei o almorzo, seguro de que o teléfono había de soar a medio da torrada ou pillándome coas mans na mandarina; decidinme a chamar eu e, cando finalmente o teléfono deixou de comunicar, resultou que a nena saíra á procura dos agasallos na casa da súa avoa.
    Dubidando se meterme na ducha (basta facelo para que chame, pensei), acabei voltando para a cama a ler aquela pequena maravilla, e nin por esas: o teléfono permaneceu mudo e impasible. De xeito que a mañá de Reis decorreu sen máis Reis que os do viciño a colgar da súa ventá, xeados baixo a néboa; horas despois na de miña irmá, no tradicional xantar que despide as festas, asomou O Outro unha vez máis pola tele, que xa perdemos a conta: miña mai di que o atopa desmellorado e fofo, o que acorda clamores antimonárquicos e pouco elegantes solicitudes de abdicación mentres roemos no leitonciño asado e bebemos do godello.
    Á tarde, cando xa empezaba a pensar que vería a súa foto nos sucesos, a señorita Kaplan chamou porfín para enumerar como de pasada os libros recibidos e rapidamente describir con minuciosidade de inventario os xerseis, as blusas, a saia vintage (xuro que tal dixo) e a preciosa maleta que desde a semana próxima nos vai acompañar in itinere.
    Dous días despois creo que hai unha relación directa entre a idade da nena e o tempo que tardou en coller o teléfono para contarme os seus Reis; a esta teoría, confésoo, non é alleo o repunante de Polis, que está convencido de que dentro de dous anos, o próximo que for impar, a señorita Kaplan non vai chamar até o día seguinte.

    luns, 31 de decembro de 2012

    2013

    Podo dicilo alto e claro, que non me vou equivocar: por moitas voltas que lle dea, este que termina foi un ano gris que deixou atrás un saldo raquítico e non só no banco, que tamén. Por primeira vez en moitos anos tiven que facer equilibrios repensando algunha compra, reducir a hipoteca sen contar co colchón da extra de Nadal, e pactar entre a familia os agasallos para que, máis que nunca, fose principalmente a intención o que contaba.
    Tras a morte da tía O., da familia de meu pai resta un remol de intrigas e cobizas á galega digno dun serial televisivo, mentres a tía G., moi avellentada, avanza polos corredores da residencia co seu andador novo, e a meu pai algunha vez aínda hai que asegurarlle que a tía O. morreu hai oito meses.
    Contra o que parecía, e apesar da teima con que reincido no de sempre, na miña vida non entrou ninguén novo que non habite en páxinas ou fotogramas, cunha soa excepción: a nova señora Haddock, que rescatou o meu amigo daquela serodia e crispante adultescencia e fai del hoxe un home traquilo e feliz. Ila coñecer hai un mes na Comarca, e descubrir que os tópicos nesta ocasión fallaban, foi o mellor dos augurios.
    Cando reparo na señorita Kaplan, que aos doce anos e medio renega das mudanzas de primas e amigas como dunha enfermidade vergoñenta sen comprender que ela xa anda nas mesmas, ás veces miro ao ceo e aguanto as ganas de preguntarlle que fixo coa miña filla, onde a ten agachada. Pero outras, as máis delas, sigo recoñecendo a meniña aquela que se me viña meter na cama os domingos dicindo que era unha toupiña.
    A semana pasada, cando estiveron aquí os Haddock coa filla de 15 anos e as dúas nenas tardaron en encaixar aínda que despois o conseguiron, e eu dixen que sería desexable que fosen amigas por se algún día se podían axudar unha á outra, Haddock retrucou en broma: Si, ao acabaren a carreira poden compartir apartamento cando traballen de caixeiras nalgún supermercado de Düsseldorf.
    Polo si ou polo non, e á vista do que din os xornais, empezarei por desexar a todos un feliz 2013 (iso si, en alemán, e aínda que as badaladas e os fogos de artificio soen aquí como descargas de artillaría prusiana).

    venres, 3 de agosto de 2012

    Agosto

    Este blog está en barbeito e eu deixo correr os días entre procrastinacións, preguizas e abandonos, moi deste tempo; érgome cedo para almorzar pero paso as mañás na cama: cando non persigo criminais en serie polas rúas de Londres avanzo coas lexións de Roma, emperador tras emperador, ou navego as procelosas augas de Extramunde.
    Antes de xantar dou unha volta polo centro, apostando contra min mesmo a que non atoparei un só coñecido neste deserto, e aplícome a facer recortes coma o elo na cadea de transmisión que somos todos: da libraría despedinme até Nadal comprando onte o último de Camilleri; renegociando os seguros do coche e a casa aforrarei á volta de trescentos eurazos, o que non compensa a extra suprimida pero alegra o ánimo.
    Polas tardes, o desafío estes días é rematar a limpeza dos cristais que restan, pero martes houbo non sei que conxunción astral, e o visionario que hai en min alviscou que, movendo a mesa do estudio contra a parede, podía haber espazo para unha nova estante en que colocar canto libro hai arrumado por toda a casa. Agora o estudio está patas arriba, como se houbese mudanza ou entrasen os ladróns, e xa non sei se deixalo todo como estaba, ou abrir a man e gastar os cartos aforrados dos seguros nunhas cortinas e na libraría nova.
    Por fortuna, a señorita Kaplan, que chama cada serán para comentar os (pobres) resultados de España nas Olimpiadas e contar como lle vai no curso de vela e na súa cada vez máis complexa vida social, pasa a quincena con súa mai.

    mércores, 18 de xullo de 2012

    Nada

    Marchou a señorita Kaplan, despois dunha semana aquí, pero voltará o Sábado; no intervalo aproveito para lavar cortinas e liberar cristais e xanelas da cotra anual que, por dicilo finamente, os vela e recobre coma unha pátina; o branco gato persa dos viciños, estomballado baixo a calor, revira de cando en vez a cabeza como se vixiase o meu traballo; ao pouco, aborrece, despreguízase e marcha.
    Abafado e sen público, aborrezo, despreguízome e marcho tamén eu, seguro de que a prima de risco ha de seguir polas nuves por moitos cristais que limpe, por moitas cortinas que lave.

    mércores, 16 de novembro de 2011

    Voto

    As cousas están como están, e mentres me entran pola xanela os lemas de campaña que uns ou outros berran pola megafonía mentres agardan o cambio do semáfono (se parece absurdo que alguén mude o sentido do voto tras ver a propaganda nas caixas de correo do portal ou pegada nos muros, pensar que o vai facer por escoitar a berros unha consigna en plena rúa non sei xa o que pode parecer) cerro os sobres que conteñen o meu voto para este Domingo fatal.
    A señorita Kaplan chamou onte ao serán para asesorarme, pero non fixo falta: seguindo a Ignacio de Loyola, nestes tempos de tribulación en que non cómpre mudanza, votarei ao mesmo partido ao que levo votando toda a vida, o único que me garante o apoio incondicional á miña lingua e probablemente o que menos se lixou con corruptelas e mercadeos.
    Meu pai di que non entende de política, que el vota aos socialistas porque herdou o voto de seu pai, que xa lles votaba na República; miña mai anda atrás de min co feixe de sobres e papeletas que lle chegaron por correo para que lle explique como votar ao PSOE pero excluíndo a Pepe Blanco; a miña sobriña afirma que case seguro non irá votar; o meu cuñado para estas cousas é unha esfinxe; a miña irmá di que está farta de ZP, de leires e bibianas, pero que uns lle parecen rancios e os outros (por favor!) demasiado radicais; a señorita Kaplan conta que súa mai, salomonicamente, votará BNG para o Congreso e PSOE para o Senado porque ten medo do cataclismo que anuncian as enquisas.
    E eu, meus queridos, confeso que máis dunha vez pensei facer caso á señora da foto (que pillei aquí), e escribir ben clariño FRANZ KAFKA co rotulador gordo e vermello sobre as dúas papeletas, pero non o farei porque, para alén de indignado, descorazonado e amargado, sinto que o voto antisistema de momento non vai comigo.
    Aínda que ao paso que vamos, quen sabe, poden facer apostas. 

    mércores, 12 de outubro de 2011

    Crónica sanfroilaneira

    Ao final non puido ser e non tivemos convidados: a cubana segue á espera da autorización para saír da illa, e a véspera da viaxe aquí do pai e a filla, a morte do pai de Salce puxo os plans patas arriba e a Haddock na tesitura de acudir a dar os pésames a unha familia que o odia e facerse cargo da nena nos devires do velatorio.
    Quen si veu, faltaría máis, foi a señorita Kaplan, que gastou parte do recadado á familia en pulseiras de cunchas subsaharianas e en montar, como cada ano, na barraca das seis dimensións.
    Xantamos o polbo co resto da familia, como manda a tradición: ben apretadiños na multitude de comensais nativos e forasteiros, falando a berros para facérmonos entender no ruído ambiente, e cocéndonos lentamente porque a calor, dentro e fóra da caseta, era tamén subsahariana apesar dos ventiladores.
    Tomando esa purrela que nos poñen por café de pucheiro, vemos entrar a Polis nunha nube de avogados e procuradores; saudámolo ao pasar, pero el non se conforma e fai levantar unha fila de cadeiras para achegarse e repartir bicos nos dous lados da mesa entre a miña mai, a miña irmá, a miña sobriña e a miña filla, saúda formalmente a meu pai e fai que lle presente a meu cuñado; dime que non sei o que perdín non indo ao concerto de Luz, e para demostralo tira de móbil e pídelle a miña sobriña que lle busque as fotos porque está sen gafas: non hai dúbida, todos comprobamos que son el e o Funerario, un a cada lado de Luz, sorrindo tan tranquilos como se os tres fosen colegas de toda a vida.
    Polis ten corda para horas, pero chaman por el desde a mesa da xudicatura e marcha, volvendo levantar sen remorso a fila de comedores de polbo mentres me fai xurar que pola noite levarei a nena ao concerto de Los Diablos.
    O que non sucedeu porque ela non quixo: o frío do serán non axudaba precisamente, pero a señorita Kaplan empezou a facer corpo co sofá a media tarde, primeiro xogando á wii e logo comprobando que xa non teme a repulsiva Bruxa Mala do Oeste como a outra vez, con catro anos, en que tapaba os ollos sempre que a Bruxa aparecía e aínda así despois tivo pesadelos.

    domingo, 11 de setembro de 2011

    11-S

    Pasaban poucos minutos das tres da tarde e íamos tomar o café. Xantáramos como cada día no porche e, despois de recoller os cacharros, a miña muller poñía a cafeteira ao lume.
    A nena ten catorce meses e está no meu colo ou pode que a leve collida polos brazos mentres persegue unha vez máis ao pobre pato Saturnino, a mascota furibunda que cagaba por todos os recantos e acabaríamos papando sen remorso na cea de Noiteboa.
    De repente, a miña sogra saíu da casa deles e empezou a dar voces pola horta; tan repentinamente como saíra desapareceu, e a nena e eu fomos polo caminiño de grava a ver que pasara: non morrera ningún coñecido nin fallara a neveira nin volvera casar a Ordóñez nin entrara outra vez o raposo no galiñeiro. No telediario vimos como ardía unha das Torres; pouco despois, un segundo avión batía contra a outra e chegaban noticias dun terceiro que se esnafrara contra o Pentágono. Senteime coa nena xunto ao meu sogro; veu a miña muller, baixou a miña cuñada, chegou unha viciña, a miña sogra deixou de dar voltas pola casa.
    Todos sentamos á volta daquela mesa sen recoller, atónitos, atentos ás noticias mentres o pato Saturnino, indiferente, deixaba un dos seus agasallos na porta da cociña.

    xoves, 1 de setembro de 2011

    Paseando a Miss Kaplan

    Se por ela fose pasaríamos a maior parte do día estomballados no sofá do salón diante do altarciño doméstico, con interminables partidas de wii, os vídeos de Cosmos de Carl Sagan, os capítulos de Friends e algunhas pelis, a ser posible de misterio.
    Aínda que o anterior non está nada mal, principalmente en días morriñentos ou chuviosos, está claro que facer corpo co sofá non é plan, de xeito que o proceloso espazo que vai do parchís coa miña mai na sobremesa á cea dos dous aquí cómpre amoblalo convenientemente con tardes de cine, visitas á parentela, expedicións ao supermercado, camiñadas pola muralla ou por Mouse Park e algunha outra cousa.
    Talvez como docente non debería dicilo, pero aborréceme poñer a nena a localizar adverbios, formar plurais ou identificar hiatos, aínda que o outro día mentres ceábamos me gañou 18 céntimos xogando a acertar as capitais de Europa; ao que me nego en redondo é a poñerlle contas, principalmente porque creo que as fai mellor e máis rápido ca min.
    De cando en vez fugámonos e facemos expedicións. O outro día fomos até o pedregal de Irimia, berce primario e demostrado do río Miño, que se ve nacer, entre rochas e grellas para churrasco, como un regato inverosímil ou mexada de burra, valería dicir, que a estrada corta antes de desaparecer da vista entre a vexetación.
    Visitamos tamén a adormecida vila de Meira e por último o nacemento principal do Miño, a lagoa de Fonmiñá, que se nos presentou, apesar de certas obras de acondicionamento e posta en valor, elegante e umbrosa, chea de misterio.
    A escapada de onte ao castro de Viladonga resultou sen embargo accidentada: primeiro foi que non atopábamos a pista que leva ao xacemento e museo, e fixemos tantos kilómetros estrada arriba e abaixo que ben daríamos chegado a calquera outro castro dentro ou fóra do país; despois, mentres estábamos dentro do museo premendo botóns na maqueta e tirando fotos de aras e de peixes gravados en laxes, veu a trevoada, e o diluvio consecuente impediunos chegar ao coche no aparcamento, canto máis gavear polas lombas e os muros do castro á intemperie.
    Chegou Setembro e aínda non fomos nin ao castelo de Pambre nin á praia das Catedrais.

    martes, 16 de agosto de 2011

    Últimos días

    Non se trataba só de visitar museos e igrexas barrocas, aínda que os visitamos, nin de levar a nena a un percurso sentimental por ese capítulo da miña biografía, aínda que unha tarde fomos á Cidade Universitaria, que nos recibiu case deserta e fantasmal, coas citas de Sócrates e Cesário Verde da súa estación de metro.
    A idea era ir vendo, sen enchentes nin agobios, alternando os interiores rezumantes de historia e arte cos espazos ao ar libre: corremos por entre os espantosos martirios e as crucifixións sanguinolentas do palacio das Janelas Verdes até a serenidade dos Paineis de São Vicente e as estrañas criaturas do Bosco, pero tamén sentamos baixo o espectacular cipreste e a araucaria xigantesca do Príncipe Real; descubrimos que poucos lisboetas saben onde está o Museu do Chiado, moito menos o que contén, e tiramos fotos dos tellados de toda a cidade desde o Castelo, onde lle quitamos un ano á nena para que entrase gratis; por ir, até fomos de boda: na visita á Sé, a señorita Kaplan estaba máis interesada no traxe da noiva, nos perendengues e toucados das invitadas e na pouca destreza do oficiante, que na maciza arquitectura do templo, e alí ao fresco pasamos media cerimonia.
    Tamén cometemos loucuras: que me pasou pola cabeza cando visitamos a Estrela, tan pertiño de onde eu vivira outrora, é algo que me terei que facer mirar, pero aquel día aceptei a suxestión (ou o desafío) de subirmos aos impecables tellados de pedra branca da basílica. É certo que a vista é espectacular, que o sistema eléctrico recén instalado mantén a raia as malditas pombas, que alí non había máis visitantes ca nós, pero tamén o é que era a segunda vez en tres días que subía (e baixaba) unha estreita e angustiosa escaleira de caracol, que en canto saín á luz a vertixe me cravou aos muros e balaustradas do exterior, e que, ao mirar ao interior desde a cúpula e ver os remates dos altares moitos metros por baixo dos meus pés, me neguei a seguir á nena, que corría e chimpaba pola balconada interior como se estivese no seu elemento.
    Aí souben, como antes en Belém, que un xa non está para segundo que cousas: logo, na visita ao Castelo renunciei a toda escalada e só me limitei a seguir desde abaixo os pinchacarneiros entusiasmados da señorita Kaplan por almeas e torreóns.
    Talvez por compensar tanta inmobilidade de cadros e esculturas, para un dos últimos días deixamos a visita ao oceanario, diante de cuxa inmensa cristaleira a nena tentou mil veces fotografar os peixes-lúa, e do que saímos un pouco abafados, desexosos de luz solar, tras procurarmos polos tanques e batermos na penumbra con outras familias as temibles moreas, as medusas xelatinosas e os coloridos cardumes de peixiños tropicais nadando entre anémonas.
    E non só: despois de vermos un anuncio do Zoolóxico no metro, e de confesar eu non ter ido nunca nin ao circo nin ao zoo, a señorita Kaplan, moi experimentada na materia, decidiu resolver o último Sábado á tarde unha incongruencia que non lle collía na cabeza; e alá fomos, eu cargado de aprensión por temor a ver animais famélicos e encerrados en espazos mínimos, sucios e mal coidados, como sucedía coas feras dos circos que pasaban por Ithaca cando eu era un neno, e que corríamos a ver á saída da escola: aborrecidas e baixo nubes de moscas, dentro das sucias gaiolas de remolque.
    Aquí non había nada diso; supoño que o colorín dos patrocinios e o merchandising agachará miserias dalgún tipo, pero se é así nós non as vimos nos espazos kitch pero sen reixas dos elefantes, as xirafas, os búfalos e os okapis, nin no reptilario (ben é verdade que por el pasamos rapidiño), nin na zona de aves ou no cemiterio de mascotas, ateigado e dun sentimentalismo máis ben cutre.

    martes, 2 de agosto de 2011

    Primeiro día

    A escapada lisboeta comezou cun madrugón atroz, que só en parte e dificilmente poderían compensar as miñas arengas e apelos ao heroísmo: para voar ás oito da mañá cumpría que nos erguésemos cando menos ás 5.00, habida conta que necesitábamos unha hora para chegar ao aeroporto e dúas máis de antelación ao se tratar dun voo internacional.
    Total para nada: o noso avión era diminuto, sen aeromozas nin máis aló dunha ducia de asentos, non todos ocupados, así que pasamos os controis policiais nun tempo record e esperamos o embarque vagando como zombis polas salas e corredores vacíos, cos ollos cheos de sono.
    Aquel avión tan pequeno non lle gustou nada á señorita Kaplan; tampouco a min, ao mellor por lembrarme aquelas avionetas que nas vellas películas de Tarzán sempre se esnafraban na selva, cousa que non comentei por razóns obvias; por facer algo, púxenme a devorar os sandwiches de queixo plastificados que nos deran nunha caixiña de cartón, e que a nena se negou de plano a probar.
    Unha hora e media despois, sentados nun bus ateigado de adolescentes nórdicos e equipaxes de variadas formas e tamaños, mentres a señorita Kaplan se resistía a retrasar unha hora o seu reloxio (total, por uns poucos días...), atravesábamos as barriadas aínda adormecidas baixo o sol recente. Pronto apareceron os primeiros lugares coñecidos, que corrían ao noso pasar tan grandes e nítidos como os recordaba: o Campo Grande, o predio da Biblioteca Nacional, Entrecampos, as preciosas mansións e palacetes modernistas da Avenida da República, o Campo Pequeno, os monumentos ao Duque de Saldanha e ao Marqués de Pombal... 
    Vinte anos despois, estaba de novo a camiñar polas calzadas de Lisboa, primeiro baixo as sombras dos plátanos e as tilias da Avenida e, unha vez rexistrados no hotel e liberados das maletas, á volta das fontes do Rossio, pola Rua Augusta, xunto ao Cais das Colunas, baixo as arcadas do Terreiro do Paço; de cando en vez ralentizaba o paso, admirándome de ver agora a miña filla camiñando ao meu lado, moi atenta a todo o que ía vendo na mañá soleada e ventosa.