venres, 3 de agosto de 2012

Agosto

Este blog está en barbeito e eu deixo correr os días entre procrastinacións, preguizas e abandonos, moi deste tempo; érgome cedo para almorzar pero paso as mañás na cama: cando non persigo criminais en serie polas rúas de Londres avanzo coas lexións de Roma, emperador tras emperador, ou navego as procelosas augas de Extramunde.
Antes de xantar dou unha volta polo centro, apostando contra min mesmo a que non atoparei un só coñecido neste deserto, e aplícome a facer recortes coma o elo na cadea de transmisión que somos todos: da libraría despedinme até Nadal comprando onte o último de Camilleri; renegociando os seguros do coche e a casa aforrarei á volta de trescentos eurazos, o que non compensa a extra suprimida pero alegra o ánimo.
Polas tardes, o desafío estes días é rematar a limpeza dos cristais que restan, pero martes houbo non sei que conxunción astral, e o visionario que hai en min alviscou que, movendo a mesa do estudio contra a parede, podía haber espazo para unha nova estante en que colocar canto libro hai arrumado por toda a casa. Agora o estudio está patas arriba, como se houbese mudanza ou entrasen os ladróns, e xa non sei se deixalo todo como estaba, ou abrir a man e gastar os cartos aforrados dos seguros nunhas cortinas e na libraría nova.
Por fortuna, a señorita Kaplan, que chama cada serán para comentar os (pobres) resultados de España nas Olimpiadas e contar como lle vai no curso de vela e na súa cada vez máis complexa vida social, pasa a quincena con súa mai.

Ningún comentario: