Amosando publicacións coa etiqueta Bolaño. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Bolaño. Amosar todas as publicacións

xoves, 28 de outubro de 2010

Detectives

Normalmente non releo: hai demasiados peixes no mar e a vida é breve.
Pero a semana pasada, a emisión dun documental sobre o imprescindible Roberto Bolaño que coincidiu co final dun mal libro doutra presunta raíña sueca da novela negra, catrocentas fétidas páxinas que significativamente avalaban revistas como AR e Yodona, mudou a norma.
Que me fixo levar da Biblioteca Pública tal fraude para a casa é algo que me terei que facer mirar, desde logo, pero cando andaba á procura dalgún remedio con que tirar da boca o mal sabor da cousa sueca, o documental da tele deume a idea de reler Los detectives salvajes (hai moito menos que lin 2666, como xa contei aquí), e poñerme de novo a buscar ombro con ombro cos real-visceralistas a Cesárea Tinajero polo deserto de Sonora.
Agora desde Ithaca como hai once anos e medio, no Verán do ano en que casamos, a busquei desde os parques e biergärten de Munich, de Ratisbona e Würzburg, e desde as salas de espera do aeroporto de Frankfurt mentres agardábamos o noso voo.

martes, 15 de xullo de 2008

Bolaño

Roberto Bolaño, no discurso de aceptación do R. Gallegos de Novela concedido a Los detectives salvajes, fala de si mesmo e da súa xeración:

...porque fuimos estúpidos y generosos, como son los jóvenes, que todo lo entregan y no piden nada a cambio, y ahora de esos jóvenes ya no queda nada, los que no murieron en Bolivia murieron en Argentina o en Perú, y los que sobrevivieron se fueron a morir a Chile o a México, y a los que no mataron allí los mataron después en Nicaragua, en Colombia, en El Salvador. Toda Latinoamérica está sembrada con los huesos de estos jóvenes olvidados.
Non é a primeira vez que nos lembramos del aquí, pero xusto é facérmolo esta noite, cando se cumpren 5 anos da súa morte.

xoves, 30 de marzo de 2006

2666

Cos anos, e talvez co aumento da preguiza, un vai lendo menos; ou quizá a paciéncia míngua e varre do horizonte aqueles rios de lento e seguro transcorrer, os lagos remansados e profundos da novela decimonónica, os camiños nada directos a Swann, a Yoknapatawpha, á Casa do Ramalhete, á desgraza dos Karenin.
Sen embargo, desde hai máis de seis meses, con raras excepcións, abandono a miña illa cada noite para entrar nesa estraña casa con centos de cuartos, salas e corredores, chea de voces e de recordos, de histórias reais na ficción e de fantasmas soñados ou intuídos por personaxes soñados ou intuídos por un autor soñado ou intuído por quen isto aqui escreve, que á sua vez é soñado ou intuído por quen a Ithaca se achega.
Lin algunhas críticas respeito na Rede: a maioria son de compromiso, nada profundas agora que Bolaño morreu; outras descalifican por farragosa e inutilmente extensa unha novela que, como a mesma vida, non aceita límites no que ofrece.
Os límites somos nós quen os pomos.
E eu estes dias, aproveitando a reclusión da gripe e a mudez obrigada, fago travesia extra: interno-me no labirinto de voces desde que acordo pola mañá até perto do meiodia, sen outra compaña fóra do livro que o bater do vento e a choiva contra a xanela do cuarto, e hoxe reparo con sorpresa en que, dous dias máis, e estarei fóra desta auténtica colmea, destes catro díxitos estraños en que vivin muitos meses, muitas vidas.
Talvez 2666.