Amosando publicacións coa etiqueta Cambio climático. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cambio climático. Amosar todas as publicacións

luns, 3 de outubro de 2011

Calor

Lembra a miña mai que, sendo nós pequenos, ía tanta calor un Domingo das Mozas que toda a familia decidiu romper a tradición e acordaron fuxir das barracas  e dos temibles parentes da aldea xantando o polbo á beira do Miño.
Naquel tempo sen coches, cando chegaba o Verán, os lugueses pillaban o bus e ían de merenda aos prados da Tolda e as Saamasas; cargados con toneladas de comida, garrafóns de viño, parasoles floreados, mantas nas que deitarse sobre a herba, nenos, sillas encartables e demais impedimenta nómada, serían dignos figurantes dunha película do neorrealismo italiano.
A miña mai lembra tamén que aquel tórrido Domingo das Mozas campestre acabou en treboada e diluvio, con todas as merendas levantadas á présa e a xente correndo nunha revolución de mantas e parasoles e nenos que quedaban atrás e fiambreiras abandonadas na estampida ao autobús.
De facerlle caso, non será cousa do cambio climático o anticiclón que converte a cidade nestes días previos ao Sanfroilán nunha forxa e aos seus poboadores e visitantes en tristes sombras suorentas.
Tampouco daquela será cousa da crise o decepcionante programa das festas, de perfil máis ben baixo,  con só dous concertos destacados e de pago, nin o sorprendente cartaz anunciador, coas rodas de polbo sobrevoando a cidade intramuros como naves interestelares en misión de recoñecemento.
Aínda así, para o fin de semana próximo estarán a señorita Kaplan e os Haddock: o pai, a filla e, se as autoridades da illa o permiten, a máis recente señora Haddock na que será a súa primeira visita á terra dos seus devanceiros.     

martes, 5 de xaneiro de 2010

sábado, 29 de marzo de 2008

Apagón

Hoxe non apaguei, finalmente.
E non por me esquecer ou por non me parecer interminable unha hora enteira á lus do candil, man sobre man.
Empeza a sublevarme tanto rollo guai, tanto lamento institucional e tanta pedagoxía progre a min, que separo o lixo, que teño lámparas de baixo consumo por toda a casa, que fecho a billa ao lavar os dentes, que cargo a tope lavadora e lavapratos, que non uso o wc como papeleira, que desconecto o cargador do móbil se non o uso, que na compra evito bolsas e envases, e que non me deito sen asegurarme antes de que a tele está completamente apagada.
E como non vexo sentido a saltar unha cea para xustificar a vidorra que nos pegamos todo o ano, creo que por esta gañei o dereito a non apagar durante esa hora.

venres, 7 de decembro de 2007

De pós e pés

Se o outro ten un primo físico que lle fai desconfiar do cambio climático, eu teño un cuñado castellano que me fai acreditar nel a pies justillos, como el mesmo diría.
Por riba do que se conta por aí da aparición de doenzas tropicais onde nunca antes se tiñan visto, dos osos que xa non hibernan, da supervivencia de mosquitos e moscas fóra de temporada, ou das plantas que botan flores cando non corresponde, o meu cuñado desvélanos durante o xantar unha evidencia indiscutible.
A estas alturas de Decembro aínda está a usar os pós desodorizantes para os pés, afirma, como se estivese nos tórridos días do pleno Agosto.

domingo, 20 de maio de 2007

Temperatura

De acordo que a Primavera é de seu volúbel, pero en catro días de Maio viñéronnos visitar cos seus rigores Agosto e Novembro.
Se isto non é cousa do cambio climático de marras, baixe Deus a velo.

mércores, 16 de agosto de 2006

Lugosi

Hai quen asegura deste cavaleiro que morreu tal dia coma hoxe de 1956 (esquecido, pobre e demente), pero á vista das circunstáncias, toda dúvida é razoável.
De momento, esta noite Vapin, Ti, Tere Holmes e eu, despois de cear, pasaremos con el a velada.