Amosando publicacións coa etiqueta Mascotas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Mascotas. Amosar todas as publicacións

domingo, 26 de marzo de 2017

Gatos

Onte, na sobremesa, ofrecéronme un gato, que rexeitei ao momento apesar de que a señorita Kaplan deu en poñer olliños e cara de pito mollado.
En realidade eran dous os gatos, a elixir: puiden quedar cos dous ou ben escoller entre un de ollos moi azuis que é birollo (o que delata probablemente a súa principesca orixe siamesa), e outro que ao parecer adora a auga, apesar de que quen mos ofrece (o rapaz da miña sobriña) os atopou á deriva no río, dentro dun saco.
De cinco que eran, cinco vulnerables pelotiñas de pelo, tres xa están colocados e só restan o gato birollo e o gato anfibio, que me miran moi serios desde a foto do móbil, como quen sabe que se retrata nun momento sumamente importante da súa vida.

sábado, 14 de novembro de 2015

De cans e de gatos

Nós somos máis de gatos.
Lapidaria e contundente, digna de figurar en bronce nun frontispicio ou como epitafio se o verbo fose en pretérito, tal é a resposta o recordatorio via wasap da señorita Kaplan á foto que lle envío da nova mascota de Herg. O cachorro ten mes e medio e xa apunta maneiras: a foto móstrao vitorioso tras un dos seus primeiros combates; a vítima, o guepardo de trapo que eu mesmo lle regalei hai un par de días, non tivo a menor oportunidade e caeu no segundo asalto, segundo Herg me conta.
Estamos mergullados no alegre balbordo dunha cea da coral, rillando con abnegación un polbo demasiado duro entre cachelos gorentosos, e pasamos revista á nova vida da miña amiga: Herg xubilouse hai dous meses e eu fago esforzos para non volverlle dicir unha vez máis todo o que a boto en falta cada día no traballo. 
Non é unha máis entre aqueles que en ceas tan animadas coma esta se agasallou cun reloxo ou un cadro dun pintor local e moitas palmadiñas no lombo antes de desapareceren para sempre (algunha vez até felizmente, digámolo todo). Herg non. Así que envolvo a saudade en pantrigo e nas tellas da sobremesa e trágoa, acompañándoa con viño ou café, mentres me fala das súas clases de canto, do difícil que lle está sendo vender a casa que repinta e retoca pero nin por esas, daquel piso que visitou xunto ao Parque e rexeitou porque era inmenso para ela soa. Vaia, para nós os dous, corrixe.
Nun momento dado alguén reclama atención; no móbil que sostén le a terrible noticia dos atentados de París, e durante uns poucos segundos esténdese o silencio por riba da louza e o mantel manchado, pairando no ánimo de todos. Unha voz propón que cantemos, e o Rodaballo e o barco de Xamaica cargado de ron abriron o repertorio de rigor, mentres, moi lonxe de alí, o corazón de Europa se desangraba.

martes, 18 de maio de 2010

Crónicas de Boni

Cando a Boni veu vivir a este tobo eu supuxen que ser o macho alfa, o titular da hipoteca, o que trae o sustento e o primeiro en chegar terían algunha importancia á hora de organizar a vida aquí dentro. Nin moito menos.
Primeiro foi a señorita Kaplan a que caeu nas redes da cadela: a estas alturas, a nena segue a comportarse como diante do becerro de ouro, e eu xa estou a preguntarme algunha vez se tal adoración non será un sucedáneo da educación relixiosa que nunca lle demos.
Meus pais caeron no engado da Boni ao primeiro axotar da cauda fanada; agora, non só me cómpre ir xantar coa cadela cada día á casa deles senón que as comidas acaban nunha guerra civil: home, por un pouco de guiso... pero se son dous macarróns que quedaron de onte... a ver se lle gustan os calamares... Ás veces penso se aqueles dous amables anciáns que están a cebar na Boni non estarán suplantando os meus verdadeiros pais tras roubárenlles os corpos, como tantas veces no cine.
Como explicar daquela que unha muller que nunca quixo na casa máis animais que os que se podían comer limpe agora con verdadeira alegría e até con devoción as pociñas que vai deixando a cadela pola casa.
De min podo dicir que en tres semanas levo limpado máis merda da Boni que da señorita Kaplan nos dez anos que vai facer: desde hai uns días as cousas melloraron, é evidente, e salvo certos lamentables despistes a cadela vai facendo o que debe na rúa; o gran problema é que non a dou afastado de min, e acabei cedendo á chantaxe dos seus ganidos, choros e ladridos até converter a miña vida nun show no que actúo en exclusiva para a miña cadela ao longo do día: se coa Boni me deito e coa Boni me ergo, tamén a Boni está presente cando me visto e cando vou ao wc, cando actualizo este blog e cando poño a lavadora, cando vexo a tele e cando me ducho.
Como a Boni continúe a ladrar, como fai cada mañá cando vou para o traballo, acabarei por pedir permiso para levala comigo ao instituto. Iso ou solicitar unha excedencia.

martes, 11 de maio de 2010

Penúltimo

O mundo está revolto: a economía, a aviación e a xudicatura están patas arriba desde hai semanas, toda a xente o sabe.
Non sei se por causa das turbulencias bursátiles se polas cinzas islandesas ou por outro fenómeno inexplicable que ninguén investigará, o caso é que un dos peixes (esta vez o chamado Bond, James Bond) amenceu hoxe panza arriba.
O outro, coma unha viúva lexendaria, nada agora solitario e parece que tristemente na auga tolda, á volta das algas de plástico e o lidroso tótem ilicitano.
Actualización: Desde onte, 14 de Maio, o último peixe tampouco nada nada; acaba así a aventura das mascotas acuáticas.


martes, 4 de maio de 2010

Boni


Déixenme que llela presente: esta cadela con cariña de lástima vive connosco desde hai agora unha semana, transformándonos nunha manada un pouco patética (unha nena itinerante, dous peixes de cores e un servidor, a quen correspondeu ser o macho alfa) e poñendo patas arriba a vida no tobo.
Aí onde a ven, con ese ollar que parte a alma a un cosaco, non podo dar un paso sen que me veña atrás (agora mentres escribo aquí téñoa aos pés sobre a alfombra, latexante e durmida), e tanta dependencia convértese ás noites nun ruidoso problema que me ten os nervios coma cordas de guitarra; de deixala dentro da casa nin falar, polo menos mentres non controle os esfínteres, o que está a ser un noxento problema que me ten revoltos os dentros.
É certo que ter can mellora as relacións sociais, e que, paseando a cadela, nunha semana levo falado con máis descoñecidos que en todo un ano, pero aínda non acabo de verlle o beneficio a ter que escoitar pacientemente a vida de todo quisque mentres as nosas mascotas se ulen nun xardín.
A señorita Kaplan adora, literalmente, a Boni: acariña nela temerosamente, rífalle con mimo, levántalle as orellas, ofrécelle comida, ráñalle con coidado na barriga. A cadela vai superando o medo; a veterinaria non o puido dicir mellor: a maioría dos cans teñen o pánico nos ollos cando chegan pero esta pobriña desexaría, simplemente, desaparecer.

luns, 29 de marzo de 2010

De peixes e mentiras

Está visto que se colle antes a un mentiroso que a un coxo, como di o refrán.
Hai uns días (non foi polo dó que non postei, non crean) volveu darse no acuario o que os forenses chaman un escenario incompatible coa vida; como foi despois dunha limpeza integral, hai quen opina que o exterminio se debeu ao Ph da auga, outros que á temperatura, o caso é que os ciprínidos Menelao e Penélope acabaron reuníndose cos seus tocaios homéricos e deixándome a min co problema de como contarllo á señorita Kaplan sen amargarlle/me/nos o día do pai.
O que argallei foi calar coma unha tumba e substituír sen remorsos os finados por outros idénticos; como ademais a psicoloxía das carpas non é precisamente calidoscópica nin profunda, era de esperar que a señorita Kaplan non notase a menor diferenza.
Non contaba eu daquela con que na tenda onde comprei os outros decidisen arranxar o acuario porque vertía e non terán até o mes que vén; con que na outra tenda tradicional de mascotas onde nunca comprei non teñan peixes á venda; con que na do novo centro comercial só os tivesen polo de agora tropicais; e, por último, con que na do vello centro comercial os que tiñan estaban co punto blanco, que non sei o que é pero requere antibióticos. Non me restou outra que confesar.
Desde antonte dous novos peixes nadan á volta da Dama d' Elx, esperemos que con máis fortuna e vidas. Terminou o tempo dos clásicos mortais e comezou o dos modernos inmortais: dúas carpas de acción que se chaman, respectivamente, James [Bond] e Moneypenny.

luns, 4 de xaneiro de 2010

Andamos

  1. No acuario nadan xa dous novos peixiños, brillantes, dourados, totalmente ignorantes da existencia e o final de inquilinos anteriores, e que polo momento non teñen nome; aquela tradición dos nomes homéricos está en perigo despois de que a señorita Kaplan, nun inexplicable arrebato de saudade, propuxese chamarlles Laa-Laa e Tinki-Winki (ou como queira que se escriban). As negociacións están abertas.
  2. Da visita a Delfos traio a promesa de recuncar e a evidencia de que (talvez) non sempre segundas partes foron malas: longas conversas sobre cine e música, unha carreira baixo o diluvio para chegarmos a tempo a unha película de pouco fiar que ao final acabou gustándonos, unha cea de deseño e un almorzo de churrería (Calmo é dos que teñen a neveira vacía), e, entre medias, unha dinámica case bélica de escaramuzas e combates onde pille, á boa de Deus.
  3. Dar dá a impresión de nos agacharmos un do outro tras un tecido de mensaxes, chamadas perdidas e emails nadalencos, pero hoxe mesmo tentarei devolverlle a Tere Holmes os libros de marras, non sendo o Ourizo, a quen darei unha oportunidade pouco esperanzada: o máis probable é que a película me gustase por eliminar toda a follarada que fai a novela irrespirable, sota, cabalo e rei, sen esa sobrecarga de neurose adolescente, repelentes burgueses á francesa e demais.
  4. A limpeza no rocho é imparable; meu pai está tan disposto como se do outro lado da porta, en vez de colchóns e caixas de inutilidades e porcarías, o que hai fose o tesouro dun faraón. Atopei, sen embargo, a desculpa perfecta: ten nove anos e medio e seguirá comigo aínda unha semana.
  5. A señorita Kaplan non cre xa nos Reis Magos. Eu supuña que isto redefinía o statu quo, pero estaba ben errado: se ben aceitou de mala gana vir comigo comprar os agasallos para o resto da familia, que imos colocando baixo a árbore, négase por completo a facer o mesmo cos dela. É máis, á miña pregunta de que che parece poñermos tamén os teus agasallos baixo a árbore para abrilos o día de Reis pola mañá, a señorita Kaplan respondeu laconicamente: Decepcionante.

martes, 22 de decembro de 2009

Hecatombe

Contei onte como transcorrera a rutina dun fin de semana invernal cuxa lembranza non iría máis aló de pormos o Batman no nacemento, como a vez que a nena puxera, xunto ao boi e a mula, aqueles dous dinosaurios de plástico.
Pero o que non contei aínda é que o Domingo pola mañá sucedeu algo funesto; que Agamenón, Ulises, Aquiles e Héctor apareceron inexplicablemente mortos, todos á unha e sen ningún respeito pola épica.
A señorita Kaplan, moi observadora ela, decatouse de que, a diferenza das mortes dos peixes anteriores, nesta ocasión había un claro sospeitoso: o que renovara a auga do acuario, o último en dar de comer aos peixes, o mesmo que agora anda remoendo se será boa idea seguir a subvencionar unha tenda de mascotas.
Eu.

luns, 19 de outubro de 2009

Comunicado

A primeira baixa no acuario produciuse hoxe, e contra todo pronóstico non foi Carbón, o teléscópico negro, senón un sarasa chamado Cristal.
Hora da morte: entre as 12'30 da madrugada (cando fun para a cama ao final da película da TCM a vítima vivía e coleaba) e as 14'45, cando descubrín o corpo flotando boca arriba no acuario e sen sinais visibles de violencia.
Causa da morte: indeterminada.
A señorita Kaplan foi xa avisada, e o cadáver repousa a esta hora nun leito mortuorio de mondas de laranxa, pousos de café e restos de salada de onte.
D.E.P.

mércores, 7 de outubro de 2009

Peixes

Desde Sábado neste tobo xa vivimos cinco, sen contar a señorita Kaplan (que é itinerante, xa saben) e contando os catro inquilinos do acuario: as carpas Aquiles e Ulises, o sarasa (así lle chamou o señor da tenda, eu nin quito nin poño) Cristal, e un telescópico negro, que a nena chamou Carbón por motivos obvios.
Nin a bibliografía consultada sobre as bacterias, o amoníaco e o ciclo do nitróxeno (un folleto que me deu o vendedor dos peixes e a habitual morea de información contraditoria dos foros da Rede) nin o novo filtro, interior e supersilencioso, fixeron máis do que afastar un pouco a ameaza de tornárense as augas turvas e fedorentas.
E si, fico parvo véndoos nadar entre as ramiñas falsas, procurando os flocos de comida nos seixos ou mexendo as aletas á volta da Dama ibérica mergullada.

mércores, 30 de setembro de 2009

Dama

A habitación máis húmida do tobo, o acuario, está xa lista e á espera dos inquilinos.
Para ambientar aquel fondo non atopei nada que fose bonito, barato e adecuado: os barcos de xoguete flotan, e as cousas para acuarios que venden nas tendas son case máis caras que as de verdade.
Ao final, cando xa pensaba convencer a señorita Kaplan de que bastaba coas algas de plástico, que así os peixes terían máis espazo para nadar, a casualidade púxome ao alcance da man unha Dama-de-Elx-pisapapeis, absurda e pesada, pura marmolina 100% que meus pais me trouxeron do imserso e eu tiña agachada desde aquela, como se agachan os tesouros máis valiosos.
Agora tamén ela agarda, reciclada, entre seixos pequenos e algas de plástico o que van dicir meus pais cando a vexan alí dentro, escorada e submersa, igual que o testemuño dun antigo naufraxio.

luns, 28 de setembro de 2009

Acuario

A señorita Kaplan aprendeu ben a técnica de Bambi ou, tamén chamada máis enxebremente, do pitiño mollado, que practica con soltura cada vez que quere algo.
O último: un acuario para o seu santo.
Para desarmarme pasou lista entre os nenos da súa escola e demais coñecidos que o teñen; outros argumentos que manexa son que non só lle vai ser útil a ela para coñe a observación dos peixes en vivo e directo senón que até a min as carpas me farán muda compañía, mentres Toni Soprano e seu tío Junior se complican a vida.
Logo ela pon cara de boíña, e ao final xa están miña mai ofrecendo comprarlle os peixes (precisamente ela, que cando éramos pequenos non quixo na casa máis fauna que a comestible) e a miña irmá informando de promocións de acuarios.
Pois ben: a cousa xa está aquí e empezou a instalación co traslado, máis ben homérico, da enciclopedia que lle cederá o lugar, e a recolocación dos outros libros que estaban alí onde irá a enciclopedia; coa fura de taboleiros da libraría para que pasen cabos e tubos; coa compra de tres kilos de pedras de río negras e brancas; con aprender como funciona o sistema, a bomba, as bacterias, o ph da auga e non sei que máis.
A señorita Kaplan chama cada serán para saber dos progresos e asegurar a marcha do proxecto; se todo vai ben e atopamos un barquiño afundido ou un buzo (non o meu madelman, que non deixou de casar coa Barbie para acabar no fondo dun acuario), Venres iremos comprar uns peixes para os que a nena está xa a procurar nomes.
Cóntame hoxe por teléfono que, cando en coñe lles preguntaron se tiñan mascotas na casa, a señorita Kaplan orgullosamente respondeu que tiña varios peixiños nun acuario que coidamos ela e mais eu.
(A fin de contas, papá, só me adiantei unha semana, engadiu).

venres, 6 de marzo de 2009

Gatos


Definitivamente, perdín a paciencia e o interese polo Zafón abandonado na mesa de noite baixo unha capa de pó, e non sei ben como acabei lendo o libro de Mankell que lle trouxeron os Reis á nena.
Por suposto, nada de asasinatos (iso virá agora, co seguinte): disfrutei, aínda que é verdade que as peripecias de Lukas na procura do seu gato pluviófilo me puxeron un pouco cardíaco; ao mellor porque tamén eu tiven unha vez unha gata completamente negra que de día se me adormecía no colo mentres víamos a tele ou corrixía (eu), e de noite patrullaba a casa coma unha centinela.

sábado, 21 de febreiro de 2009

Socks

A lectura da prensa esta mañá déixame conmocionado e bastante aflito: Socks, o ilustre gato dos Clinton da Casa Branca, morreu aos 20 anos.
A necrolóxica informa, entre outros datos biográficos, de que o gato fora un agasallo do matrimonio á súa filla Chelsea cando Bill Clinton era gobernador de Arkansas, e que foi con eles á Casa Branca en 1993.
Desde que Clinton deixou a presidencia, Socks vivía en Hollywood coa ex-secretaria do presidente, e alí é onde, despois de tanta fazaña a que non pode bastar conta certa, veu a Morte chamar á súa porta.
O ceo dos gatos, ese cálido lugar onde corren ríos de leite morno, o sol sae tras montañas de atún e sardiña, sobre bosques de xurelos que regan choivas de camaróns e gambas, onde hai pelotas de papel de cores e nobelos de la que rolan por todas partes, e moreas de ratiños preguizáns e estúpidos a faceren a sesta sen cautelas, ese felino reino dos ceos, digo, ten desde hoxe un novo inquilino.
Rezarei por el á Sofía, a miña pobre gata, para que lle presente o Señor Don Gato, o trío de don Melitón, a Benito Bodoque, a gata Tola e até as Mininas. Descanse en paz.

venres, 9 de febreiro de 2007

Auséncias

Non puido ser. A viciña clónica sai a pasear o cadeliño vestido cun abrigo de cadros escoceses e pára-me intrigada: quere saber como lle vai á Blu, agora que non a sente ganir con desespero durante as mañás.
Repito-lle a floreada história que empecei a contar hai dias aos outros viciños, cando a cadela deu en laiar-se cada vez que eu marchava para o traballo e facia acordar antes de tempo as colombianas de Patrick Suskind, e encollia o corazón do matrimónio de abaixo, e poñia en pé de guerra o can escocés que agora mira para min con ollos desorbitados.
Non é certo que a Blu volvese co seu amo, que se fora seguramente de viaxe e talvez regresou un dia destes á sua casa no campo, esa en cuxo xardin pode unha cadela coma esta correr até perder o alento, cozar co pelello mollado contra as árvores e desabafar a impaciéncia pola falta do amo perseguindo os gatos e os esquios.
Tampouco é certo que vaia volver á estreiteza desta vivenda, dos horários e auséncias ás que nunca se deu afeito.
Por consello do veterinário, a pobre Blu volveu á protectora, a soñar outra vez o seu destino, unha casa no campo e unha família que nunca máis a deixará soíña.

xoves, 25 de xaneiro de 2007

Blu

Falei aqui hai dias do meu desexo de compartir casa e vida cun cadeliño; tamén da miña visita á protectora para elexer un, chamado Blu, do que solicitei a adopción.
Pois ben, desde onte percorre os cuartos da casa, corre a min en canto me sente levantar, seguramente temeroso de que o soño remate, acostuma-se á nova comida e a unha cama muito máis branda que o cemento en que dormia, e vai perdendo ese cheiro infamante dos cans abandonados.
Mesmo recupera parte da sua identidade, porque o que na protectora me deron por macho, na realidade é unha amantísima cadela que non se afasta de min un segundo.
Mentres me dorme aos pés, leo un estraño manual de instrucións canino que me prestou o veterinário; entre espectaculares fotos a cor de saudáveis animais, o autor recomenda-me ser o xefe da manada: comerei eu primeiro, esquecerei a expresión por favor, non consentirei insubordinacións nen caprichos, emitirei ordes con claridade e firmeza, e actuarei con paciéncia, xustiza e temperanza.
Amén.

domingo, 14 de xaneiro de 2007

Mascota

Como esta blogue leva uns dias indo a estilo vaicheboa, non contei ainda que, fiel á máxima bíblica (non é bon que o home estea só) ando á procura dun compañeiro, dunha mascota que percorra comigo as ruas e os dias de Ithaca.
Como son consciente de que conviver cun tigre azul non é unha boa idea (duvido que a caseira e os viciños o aceitasen), e despois de buscar sen resultado entre os coñecidos, provo nun tristísimo lugar con reminiscéncias de prisión e orfanato. Xa me previñera Ti, e asi foi: encolleu-se-me o corazón mentres seguia ao encargado pola plataforma de cemento, esquivando cagadas, entre o balbordo de ladridos, até o canil onde o candidato esperava encerrado xunto a outros catro. Dous deles, esquivos, nen se achegaron á cancela; descarto dous, preciosos, un por ter demasiado pelo para viver dentro dun piso, e o outro porque a coxeira apenas lle deixa andar; o último, que me lambe a mao através dos ferros oxidados, chama-se Blu.
O encargado vai-me explicando os trámites da adopción, asi lle chama, mentres desfacemos o camiño; teño que facer esforzos por entender o que me di porque o alvoroto que forman os cans do pátio principal cando pasamos é enorme.

sábado, 27 de maio de 2006

Trio

Levo algun tempo pensando ofrecer a Polis unha mascota: un siamés de ollos azuis que reine maxestuosamente no dormitório-zen e no resto dos espazos da casa renovada, un cadeliño, menos impetuoso que a Lula, para que obrigue o amo a dar longas camiñadas polo parque, mesmo unha tartaruga á imaxe da RickyMartin da miña sobriña.
Descubro que a idea é recíproca cando Polis me ofrece compartir a sua mascota, o mozancón engominado do colacao, tras argallaren os dous montar un trio para este finde.
Tampouco ía ser a primeira vez, argumenta Polis; certamente non o seria, pero digo non. Ademais de ter comigo a miña filla, non estou con ánimo de que bailemos nós xa todos tres, ai amigos, so nengunha avelaneira florida.

luns, 6 de marzo de 2006

Nietzsche

Pouco a pouco, esta blog vai-se povoando de finados.
Inteiro-me deste por Nican, que me chama para contar-mo: hai poucos dias soterraron no claustro da Catedral o que fora profesor meu de Filosofia en 2º, coengo e carca, do que apenas gardo unha lembranza: Nietzsche, home intelixentísimo, e un demente; fixen-se vostedes que mantiña tratos carnais coa sua própia irmá, non lles digo máis...
E non nos dixo: entrou a saco a batallar contra o materialismo histórico, e daquel demo incestuoso nunca máis se soubo.
Anos despois, o Inverno anterior a Lisboa, Nietzsche seria o tema da inacabável tese de Laura; tamén o nome do seu cadeliño coxo e agradecido, aquel que unha mañá recollemos nunha estrada comarcal baixo a choiva.