luns, 29 de marzo de 2010

De peixes e mentiras

Está visto que se colle antes a un mentiroso que a un coxo, como di o refrán.
Hai uns días (non foi polo dó que non postei, non crean) volveu darse no acuario o que os forenses chaman un escenario incompatible coa vida; como foi despois dunha limpeza integral, hai quen opina que o exterminio se debeu ao Ph da auga, outros que á temperatura, o caso é que os ciprínidos Menelao e Penélope acabaron reuníndose cos seus tocaios homéricos e deixándome a min co problema de como contarllo á señorita Kaplan sen amargarlle/me/nos o día do pai.
O que argallei foi calar coma unha tumba e substituír sen remorsos os finados por outros idénticos; como ademais a psicoloxía das carpas non é precisamente calidoscópica nin profunda, era de esperar que a señorita Kaplan non notase a menor diferenza.
Non contaba eu daquela con que na tenda onde comprei os outros decidisen arranxar o acuario porque vertía e non terán até o mes que vén; con que na outra tenda tradicional de mascotas onde nunca comprei non teñan peixes á venda; con que na do novo centro comercial só os tivesen polo de agora tropicais; e, por último, con que na do vello centro comercial os que tiñan estaban co punto blanco, que non sei o que é pero requere antibióticos. Non me restou outra que confesar.
Desde antonte dous novos peixes nadan á volta da Dama d' Elx, esperemos que con máis fortuna e vidas. Terminou o tempo dos clásicos mortais e comezou o dos modernos inmortais: dúas carpas de acción que se chaman, respectivamente, James [Bond] e Moneypenny.

6 comentarios:

mariajesusparadela dixo...

Non tal o PH. Éralle o nome, dígollo eu. Xa verá . Os novos vanlle ser de por vida.

Dilaida dixo...

Hai anos, a min pasoume algo parecido, pero foi cun canario. Un día apareceu morto. Aproveitei que estaban as miñas fillas na escola e fun mercar outro, a min parecía igual, pero cando chegaron da escola, a miña filla maior foi onda el e díxolle: "Que tal Ricardiño, portouse ben mamá?".
E o paxaro comezou a bater as ás asustado.
Entón ela dime: Mamá que lle fixeches ao Ricardiño, que non quere falar comigo e ten as ás de cor máis escura.
E ao final tiven que confesar que o outro morrera.

Chousa da Alcandra dixo...

Mira por onde fun ver do website das Novo Centro Comercial (aborrezo tanto as grandes superficies comerciais que nin se me ocurre entrar nos seus espazos virtuais).

Agardo o mellor destino para os nadadores James e Moneypenny (anda que bautizando quédanse soiños por Ítaca eh...)

Sun Iou Miou dixo...

Ui, non sei se fixo ben, señor Kaplan: estes peixes non morren, estes veñen con licenza para matar!

peke dixo...

Vaia!, non sabía que o seu blog estivese en español.

Zeltia dixo...

pobre james bond!, parece que o nome non foi moi axeitado!