sábado, 30 de xullo de 2011

Memento mori

Cada noite adormecíamos coa marea de noticias económicas e os documentais que a televisión nos vertía no cuarto;  un día soubemos da morte do pintor Lucien, o neto de Freud
Cumpriume disimular o riso para explicarlle á señorita Kaplan, que cun ollo controlaba a tele e co outro devoraba un libro de Sherlock Holmes, que o finado nada tiña que ver co home dos supermercados.
Da morte de Amy Winehouse e a súa asunción ao ceo dos mitos falamos sen entrarmos en grandes profundidades; non sei se á señorita Kaplan lle servirían de moito as reviravoltas de Amy, completamente bébeda no último concerto en Belgrado, ou as fotos escolares que os xornais publicaban, para comprender o concepto de mito por morte prematura de que todos falaban. Pouco importa: sen ter ouvido falar antes dela, a nena interesouse por Amy como por unha vella coñecida, e cada mañá buscábamos nos xornais do hotel e polos postos de prensa da rúa os resultados da autopsia ou detalles do seu enterro.
Coa terrible matanza da Noruega sucedeu outra cousa diferente: non era só cuestión de palabras, de traducirlle á nena as noticias que escoitábamos nos informativos da televisión, de explicarlle onde estaba Noruega ou que facían eses rapaces naquela illa verde con forma de corazón.
Pronto comprendín que o que en realidade tentaba explicarlle a unha nena de once anos e polo que ela me preguntaba é algo para o que ningunha persoa de ben terá nunca explicación.

venres, 29 de xullo de 2011

Lisboa

Voltamos porfín.
Estamos xa cada un no seu poleiro, e atrás quedan uns días maravillosos, Lisboa arriba e abaixo, en que poucas cousas nos restou ver.
Para a señorita Kaplan a cidade foi todo un descubrimento: achouna enorme, bonita e luminosa, así o dixo; para min foi máis ben o reencontro cunha vella amiga, algo cambiada pero basicamente a mesma, que nesta ocasión se mostrou afectuosa e accesible mentres lle percorríamos as rúas, as prazas e os monumentos á procura de segredos, se ben é certo que a plena luz e en horario infantil.
O que máis me sorprendeu e até desesperou foron as interminables bichas nos sitios neurálxicos do turismo, claro que só estivera en Xullo unha vez e hai xa demasiados anos: apañar o 28 para subir a Alfama e o Castelo requiriu unha estratexia comparable ao desembarco de Normandía; subir ao elevador de Santa Justa foi descartado unha e outra vez até o último día, cando os astros nos foron benignos e a bicha era aceptable; agardar baixo o sol para comprar as entradas nos Jerónimos supuxo unha resignación e unha resistencia á calor dignas dun santo mártir; por non falarmos do complicado ascenso, e aínda máis complicado descenso, pola estreitísima escada de caracol da Torre de Belém, en que as fileiras dos que subían e baixaban atoaban angustiosamente o conduto, provocando o intercambio inevitable e involuntario de todo tipo de cousas, desde saúdos e desculpas a botellas de auga perdidas e variadas mostras de ADN.
Por contra, e como era de supoñer, outros lugares non menos prodixiosos aínda que si máis ignorados polas guías turísticas estaban practicamente vacíos. Pasounos co Museo Nacional de Arte Antiga, coa Estrela, co Museu do Chiado e mesmo coa Fundação Gulbenkian, no xardín da cal, e despois da visita matinal ás coleccións, acabamos facendo a sesta, estomballados na herba, xunto a outras familias con nenos.

martes, 19 de xullo de 2011

Até xa

As dúas maletas (a da señorita Kaplan e maila miña) están preparadas, os billetes de avión cos carnés de identidade dentro da vella carteira de todas as viaxes, o bonsai na de miña irmá para que mo regue, o reloxio programado para soar a unha hora inclemente, o ánimo ben disposto e a curiosidade pronta.
Mañá saímos para Lisboa. 

Até xa.

luns, 18 de xullo de 2011

75 anos

Mañá, 19 de Xullo, a fotografía que Agustí Centelles tirou deste garda de asalto enfrentándose aos sublevados no Carrer Diputació de Barcelona, cumpre 75 anos.
O local é hoxe unha farmacia rodeada de tendas e cafeterías, pero nas pedras da fachada os impactos das balas seguen aínda presentes de maneira indeleble.
Impresionoume esta fotomontaxe, que atopei google adiante; nunca foi máis certo que unha imaxe  vale máis que mil palabras.

sábado, 16 de xullo de 2011

Procrastinación

Como na canción de Fuxan os ventos: Procrastinar procrastinarei, apesar de que agora todas as cousas que adiei nas últimas semanas forman unha especie de muro insalvable contra o que me baten a enerxía e a vontade; iso si, sigo sendo un campión creando xustificacións e pretextos para calmar a conciencia, a saber: se non recollín onte os resultados das análises foi porque seguramente non estarían, como indicou a muller extractora.
Se non fun facer as gafas, aínda vendo menos que un moucho a mediodía, foi polo que lle vai gustar á señorita Kaplan axudarme a escoller unhas novas.
Se non me puxen a mirar colchóns para cambiar o que teño é porque terei máis tempo á volta, como se comprar tal cousa requirise meditalo unha eternidade e mais un pouquiño.
Se non me puxen a limpar os cristais das ventás está claro que é porque o tempo non acompañou, ninguén limpa cristais orvallando fóra.
Se non fun devolver os libros na Biblioteca é por se a nena o Luns quere coller algo para ler na viaxe.
E finalmente, se despois de dous anos aínda está sen pintar o teito da cociña será porque aínda queda moito(s) Verán(s) e até moita(s) vida(s) por diante, o que en definitiva me serve para xustificar non ter quedado con Tere Holmes para irmos cear por aí, nin con Calmo para posibles citas ou xantares eufemísticos, nin con Polis para intercambiarmos neuras, nin con aquela metade da miña axenda a quen prometín chamar un destes días para nos vermos e laretar un pouco ou o que fose.
Así van correndo os días, e xa estamos a metade de Xullo.

xoves, 14 de xullo de 2011

Reacciona

Fago un altiño entre tanto cadáver e tanto misterio para cambiar as tornas e ler Reacciona, un libro totalmente diferente, aínda que polas súas páxinas bulen delincuentes e ladróns tan perigosos e faltos de escrúpulos coma os das novelas, se non peores, e tramas aínda máis negras e máis temibles, principalmente porque son completamente reais e nos afectan a todos.
Da proposta do economista Juan Torres López copio o final do seu artigo, coas seguintes propostas de sentido común:

Veñen a por todos nós e non van parar até o teren todo se non lles facemos frente.
As mentiras e a fraude están claras así que o que cómpre facer tamén o está: dar a volta ao que nos veñen dicindo. [...] Habemos de reclamar que se investigue o comportamento e a responsabilidade dos banqueiros que produciron a crise e que enganaron a miles de clientes e o das autoridades, coma o mencionado Caruana, que ocultaron o que se xestaba e permitiron que a economía se viñese abaixo para que os bancos e as grandes empresas seguisen saíndo a flote. Hai que impedir que miles de familias sigan a perder as súas casas e os seus patrimonios pola avaricia e os enganos da banca e hai que poñer fin ás políticas de recortamentos de dereitos porque non é verdade que nos vaian sacar do pozo onde nos meteron os multimillonarios e os grandes capitais, senón que nos van afundir aínda máis. Hai que saír á rúa a reclamarmos xustiza e poñer fin a tanta mentira.
Aínda está vostede a tempo. Non se deixe enganar máis e reaccione dunha vez!

mércores, 13 de xullo de 2011

Postal

Teño recibido postais de tres continentes e desde os lugares máis previsibles, de Nova York a Varsovia e do Cairo a  Ushuaia, pero hai uns días chegoume unha desde un lugar impensable e talvez por iso é máis valiosa: o Cádavo.
Quen a asina é Teddy, e vale como recordatorio da agradabilísima xornada que pasamos un Luns cos manchegos J. e A. por unha Ithaca bimilenaria e ruinosa: o Parque parece que foi bombardeado, na Catedral bulen os obreiros levando bancos e botando lonas, e a unha das torres os andaimes déronlle aspecto de pagoda.
Aínda así, os amigos manchegos marcharon encantados: nin a Muralla nin a gastronomía, o que máis gratamente os sorprendeu foi o cinto verde que rodea a cidade, e do que percorremos varios kilómetros no seu 4x4 até acabarmos estomballados nunha terraza xunto ao río, entre bañistas adolescentes e ameneiros centenarios.

luns, 11 de xullo de 2011

Portomarín (porfín)

O orballo destes días non acabará nin moito menos coa seca pertinaz; como moito, serviu para refrescar algo os campos e apagar algún incendio nos montes.
Esta mesma seca, da que case ninguén fala pero que se fai evidente a pouco que un poña atención, é a que bebeu as augas do Miño en Belesar até deixar ben á vista as ruínas da vella vila de Portomarín, habitualmente mergulladas polo encoro.

Como lembrarán os que seguen as miñas peripecias por Ithaca e fóra dela, o terceiro fin de semana de Xuño pasado escapei con Polis a Portomarín; eu por fobia ao feirón romanoide, el por atenuar a resaca logo de trinta e seis horas vestido de castrexo. Despois de deixar o batmóbil á sombra na entrada da nova ponte, baixamos até a vella para atravesar o río ao abeiro dos xigantescos piares e camiñar polo malecón baixo o sol de xustiza, enterrando os pés no pó finísimo do camiño xunto ao cal se erguen muros parcialmente derrubados e sen grandeza, abafados pola grama que nos chega ao peito nalgunhas zonas, e sufrindo máis ou menos pacientemente os ataques de sanguinarios mosquitos kamikazes.

O río segue a ser fermoso, moito máis que cando o encoro se enche e engole os restos da ponte medieval destruída por unha enchente, a decimonónica que vimos de percorrer a pé, os malecóns en ambas beiras e as pesqueiras onde noutrora se capturaban anguías e lampreas.
A excursión acabou con nós, derreados e suorentos, repoñendo forzas nunha terraza dese parque temático xacobeo en que se converteu o Portomarín actual: rodeados de peregrinos de todas as cores, formas e sexos, e á sombra románica da igrexa-castelo de San Nicolás, que trasladaron pedra a pedra desde a ubicación orixinal como testemuñan os blocos puídos e aínda numerados, engulimos empanada e calamares á romana como se faltase unha hora para o fin do mundo.
Nas altas almeas, por riba da ábsida, unha parella de cegoñas reparaba o niño.

sábado, 9 de xullo de 2011

Facundo Cabral. In memoriam

"Cada mañá é unha boa noticia, cada neno que nace é unha boa noticia, cada home xusto é unha boa noticia, cada cantor é unha boa noticia, porque cada cantor é un soldado menos".
Hoxe houvo as peores noticias: un grupo de sicarios asasinou a tiros un home xusto, un cantor, esta mañá en Guatemala.

Portátil

A rei morto, rei posto: desde onte preside a mesa de traballo o novo portátil, e que dicir del que non sexa unha obviedade sobre o seu aspecto, rapidez e prestacións, empezando xa polo sistema operativo (efectivamente, como dixera o da tenda, moi versátil e intuitivo).
Devolto a miña irmá o xoguetiño que me prestara para saír do paso estas últimas semanas, agora só resta darlle pasaporte ao vello, que espera destino no sofá do estudio, taciturno coma un cadáver, e volver á normalidade da caza de películas, a organización das fotos e as actualizacións do blog; tamén para levar adiante dúas ou tres ideas que se me ocorreron.

venres, 8 de xullo de 2011

Codex Calixtinus

A cousa empezou coma unha novela de Petra Delicado: a noticia foi subindo nos informativos da radio até abrilos, e pouco a pouco empezaron as comparacións absurdas do códice desaparecido co Pórtico da Gloria e os cadros de Velázquez, e logo os detalles: cinco cámaras vixiaban a estancia e ningunha gravaba o manuscrito; as chaves estaban postas na porta da cámara de seguridade; o roubo descubriuse o Martes pero a última vez que se viu o códice foi o Xoves ou, talvez, o Venres pasado.
O señor deán conta que o buscaron por toda a Catedral, como se fose normal que un volume medieval de pergamiño avitelado saíse motu proprio a dar un garbeo polas naves da Basílica Metropolitana; ten aínda o susto ou a sorpresa metidos no corpo, e cando tenta xustificar o inxustificable, afirmando que durante oito séculos a igrexa soubo gardar o códice, parece que todo o mundo o escoita en realidade dicir que era o azar quen o gardaba.  

mércores, 6 de xullo de 2011

E agora, o cine

Hainas en cor e en branco e negro; infantís, xuvenís e para adultos; boas, regulares, menos boas e até algunha infumable (pero non tanto como para sentir vergoña de poñela aquí despois de sufrila máis ou menos en silencio, como as hemorroides); vistas por primeira vez e requetevistas; documentais e de ficción; históricas e futuristas; visionadas en soedade ou acompañado; na tele, no cine ou ben pirateadas; dobradas ou en V.O. con subtítulos.
A seguir, a tradicional listaxe coas películas vistas o último semestre.

domingo, 3 de xullo de 2011

Biopsia

A miña involuntaria vocación de chófer está a facer de min un asiduo do HULA, o flamante e enorme hospital, que á forza de visitas xa me vai parecendo igual de enorme pero menos flamante. Cando non levo a meus pais a visitar a tía O., record absoluto de ingresos, é que os levo a eles a faceren probas e recoñecementos que nos fan explorar os corredores, salas de espera e módulos polos catro puntos cardinais do labirinto.
A última visita foi Venres, para levar a meu pai a que lle fixesen unha biopsia de próstata; na sala había outros cinco ou seis octoxenarios á espera, o que animou un pouco a meu pai, que non as tiña todas consigo e desde hai días facía de tripas corazón cando non propuña directamente non ir: total, para que despois lle digan que non ten nada, porque el está estupendamente e esas probas son para vellos que van cen veces por día ao váter.
Seguramente ten razón, porque con 83 anos nunca estivo enfermo: nin unha gripe, nin unha caries, nin a tensión alta, nin un condenado virus que o tivese tres días na cama; tan só toma unhas pastillas porque disque hai trinta anos ten un pouco alto o colesterol.   
A enfermeira dixo que sangraría un pouco, e que o levásemos a urxencias se lle subía a febre, cousa que non sucedeu. Para a miña sorpresa, volvendo para a casa descubrín que seguen sen ter termómetro; miña mai, desde o asento de atrás, afirmou toda convencida que sempre soubo cando tíñamos febre, que os de mercurio eran tóxicos e os dixitais non eran de fiar.
Se notas que tes febre, avisas, díxenlle entón a meu pai; pero ao ollar para el decateime: tampouco sabía o que se sente cando un ten febre porque nunca tivo febre, e tivemos que explicarllo.

sábado, 2 de xullo de 2011

Semestre lector

Estamos a primeiros de Xullo e toca balance.
Empezaremos polo das lecturas do semestre, aproveitando que o post estaba a medio cocer no arquivo do blog, e que esta mesma mañá, ao acordar, rematei o último da listaxe, Némesis, unha novela negra de lectura ardua probablemente a partes iguais pola complexidade da obra, a pobre tradución e que a miña cabeza estivo en demasiados sitios á vez estes días de final de curso.
Polo demais, non haberá queixa en canto á variedade: da literatura xuvenil recomendada pola señorita Kaplan á poesía, dos Indignados ás novelas policíacas, entre as que, como contei aquí, abondaron especialmente as nórdicas (suecas, norueguesas, islandesas), e o gran descubrimento: Alicia G. Bartlett e as deliciosas aventuras de Petra Delicado, esa inspectora un pouco lercha que me ten namorado, bendita ela.

1. Poesía última de amor e enfermidade, de Lois Pereiro.
2. Mil cousas poden pasar, de Jacobo Fernández Serrano.
3. A filla do ladrón de bicicletas, de Teresa González Costa.
4. Los clásicos también pecan (La vida íntima de los grandes músicos), de Fernando Argenta.
5. La vuelta al mundo de un forro polar rojo, de Wolfgang Korn.
6. Menú de enganos, de Manuel Núñez Singala.
7. Indignádevos!, de Stéphane Hessel.
8.  Reckless. Carne de pedra, de Cornelia Funke.
9. La senda oscura, de Asa Larsson.
10. Riña de gatos, de Eduardo Mendoza.
11. Serpientes en el Paraíso, de Alicia Giménez Bartlett.
12. Ritos de muerte, de Alicia G. Bartlett.
13. El hombre del balcón, de Maj Sjöwal e Per Wahlöö.
14. El hombre del lago, de Arnaldur Indridason.
15. El silencio de los claustros, de Alicia Giménez Bartlett.
16. Leonora, de Elena Poniatowska.
17. Las marismas, de Arnaldur Indridason.
18. Nido vacío, de Alicia Giménez Bartlett.
19. Némesis, de Jo Nesbo.