domingo, 3 de xullo de 2011

Biopsia

A miña involuntaria vocación de chófer está a facer de min un asiduo do HULA, o flamante e enorme hospital, que á forza de visitas xa me vai parecendo igual de enorme pero menos flamante. Cando non levo a meus pais a visitar a tía O., record absoluto de ingresos, é que os levo a eles a faceren probas e recoñecementos que nos fan explorar os corredores, salas de espera e módulos polos catro puntos cardinais do labirinto.
A última visita foi Venres, para levar a meu pai a que lle fixesen unha biopsia de próstata; na sala había outros cinco ou seis octoxenarios á espera, o que animou un pouco a meu pai, que non as tiña todas consigo e desde hai días facía de tripas corazón cando non propuña directamente non ir: total, para que despois lle digan que non ten nada, porque el está estupendamente e esas probas son para vellos que van cen veces por día ao váter.
Seguramente ten razón, porque con 83 anos nunca estivo enfermo: nin unha gripe, nin unha caries, nin a tensión alta, nin un condenado virus que o tivese tres días na cama; tan só toma unhas pastillas porque disque hai trinta anos ten un pouco alto o colesterol.   
A enfermeira dixo que sangraría un pouco, e que o levásemos a urxencias se lle subía a febre, cousa que non sucedeu. Para a miña sorpresa, volvendo para a casa descubrín que seguen sen ter termómetro; miña mai, desde o asento de atrás, afirmou toda convencida que sempre soubo cando tíñamos febre, que os de mercurio eran tóxicos e os dixitais non eran de fiar.
Se notas que tes febre, avisas, díxenlle entón a meu pai; pero ao ollar para el decateime: tampouco sabía o que se sente cando un ten febre porque nunca tivo febre, e tivemos que explicarllo.

Ningún comentario: