sábado, 14 de novembro de 2015

De cans e de gatos

Nós somos máis de gatos.
Lapidaria e contundente, digna de figurar en bronce nun frontispicio ou como epitafio se o verbo fose en pretérito, tal é a resposta o recordatorio via wasap da señorita Kaplan á foto que lle envío da nova mascota de Herg. O cachorro ten mes e medio e xa apunta maneiras: a foto móstrao vitorioso tras un dos seus primeiros combates; a vítima, o guepardo de trapo que eu mesmo lle regalei hai un par de días, non tivo a menor oportunidade e caeu no segundo asalto, segundo Herg me conta.
Estamos mergullados no alegre balbordo dunha cea da coral, rillando con abnegación un polbo demasiado duro entre cachelos gorentosos, e pasamos revista á nova vida da miña amiga: Herg xubilouse hai dous meses e eu fago esforzos para non volverlle dicir unha vez máis todo o que a boto en falta cada día no traballo. 
Non é unha máis entre aqueles que en ceas tan animadas coma esta se agasallou cun reloxo ou un cadro dun pintor local e moitas palmadiñas no lombo antes de desapareceren para sempre (algunha vez até felizmente, digámolo todo). Herg non. Así que envolvo a saudade en pantrigo e nas tellas da sobremesa e trágoa, acompañándoa con viño ou café, mentres me fala das súas clases de canto, do difícil que lle está sendo vender a casa que repinta e retoca pero nin por esas, daquel piso que visitou xunto ao Parque e rexeitou porque era inmenso para ela soa. Vaia, para nós os dous, corrixe.
Nun momento dado alguén reclama atención; no móbil que sostén le a terrible noticia dos atentados de París, e durante uns poucos segundos esténdese o silencio por riba da louza e o mantel manchado, pairando no ánimo de todos. Unha voz propón que cantemos, e o Rodaballo e o barco de Xamaica cargado de ron abriron o repertorio de rigor, mentres, moi lonxe de alí, o corazón de Europa se desangraba.

xoves, 8 de outubro de 2015

Aforismo

Como diría o outro, vida é o que pasa entre cada unha das veces que un, definitivamente, deixa de fumar para sempre.

domingo, 27 de setembro de 2015

Segredos

A miña irmá pídeme por wasap que non conte diante de meu cuñado que dentro de dúas semanas iremos todos comer o polbo, esa tradición.
A miña sobriña dime que non se me ocorra dicir diante da súa mai lle que trouxo de Holanda un queixiño de agasallo a seu pai (como se ve, as relacións entre os dous excónxuxes seguen tirantes dúas décadas despois do seu divorcio).
Por último, a miña mai espera que non se me escape diante de meu pai que á famosa pulpada invitan eles, como cada ano, esa tradición.
Non sei se é que falo demasiado ou que esta familia está inzada de segredos, unha de dúas.

martes, 18 de agosto de 2015