Amosando publicacións coa etiqueta Brigantia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Brigantia. Amosar todas as publicacións

mércores, 14 de setembro de 2016

Tres días

Sábado: A tan adiada expedición a Brigantia porfín sucedeu hoxe. Pola mañá, visita ao cemiterio de San Amaro baixo un ceo entoldado e ameazante; sen perder de vista o mar de chumbo que batía ao lonxe contra Seixo Branco, orvallou por nós sen clemencia e lentamente fomos descubrindo algunhas lápidas que nos interesaban. O enterrador, voluntarioso pero limitado, levounos a trote á de Curros e desculpouse cen veces por non saber das outras.
Pola tarde, no Ikea convertido en manicomio familiar, xantamos e compramos o armario de cociña para Venres, as copas para Venres, os caixóns de reciclaxe para Venres, a pota para Venres e os coitelos para Venres; para min, tan só un ridículo cepillo con ventosa para o lavalouza.

Domingo: Monumental resaca. Cura de sono e convalecencia a base de ibuprofeno tras deitármonos cando xa amañecía; coma dous vampiros, cumpriunos saír de novo ao escurecer á procura de algo que cear.

Luns: Vou a Atenas a levar a documentación do divorcio. A avogada, a mesma que nos tramitou a separación, tarda en recibirme; a cliente que me precede sae do despacho cos ollos chorosos. Cando entro empeza a comedia: a avogada dáme dous bicos como se fósemos intimísimos, di que se acorda perfectamente de min e que me atopa máis delgado; revisa os papeis que lle vou pasando e, ao ver o certificado de nacemento da nena, comenta que aquela caquita é agora toda unha señorita.
A avogada lévame tres anos (podo velo no título que ten colgado na parede) pero as súas mans, con veas e manchas na pel moi solta, son as dunha vella; a avogada ten un tic na cara que a fai parecer un rato mentres fedella nos papeis e musga os ollos cara á pantalla do ordenador e vai falando de exhortos e demais cousas do procedemento.
Penso en Polis, en se actuará así cos clientes no despacho, e daquela ocórreseme que terei que inventar algo para xustificar que non nos leve el o caso. Principalmente cando a avogada conclúe que nos vai saír baratiña a festa. Uns 600 ou 700, di; cada un, engade.

domingo, 29 de agosto de 2010

Cancelación

Estame ben empregado: primeiro re-matei a defunta tía María e puxen a familia de loito cando o que sucedía era que viña Teddy pasar o finde aquí; outra vez foi porque ían vir Ambece e a súa amiga en ruta; outra díxenlle a Ártabro que estaba na Comarca visitando a Haddock e cadrou vir Haddock visitarme en Ithaca; logo, varias semanas, estivo aquí a señorita Kaplan.
Nin sequera notei nada raro cando o outro día falamos por teléfono de que Haddock e a moza se ven en fins de semana alternos, cando a filla de Haddock queda coa mai: igual que me pasa a min, dixo Ártabro, e eu rinlle a ocorrencia porque me pareceu graciosa.
Ben, pois este fin de semana que non está aquí comigo a miña filla, que non teño visitas de ningunha clase, e que tampouco teño pensado facer morrer de novo á coitada tía María, Ártabro responde unha mensaxe miña con outra: que, lamentándoo moito, hoxe non vai vir, que surxiron imprevistos, que sente non poderme falar agora, que xa me chamará para explicarmo.

luns, 25 de xaneiro de 2010

Estatua

Nos últimos días foron poucas as conversas en que alguén non me comentou que quitaran a ditosiña estatua, como se fose un ben moi prezado ou como se con ela se fose unha parte de nós que se resistía a marcharse.
Era unha estatua horrible dun home horrible, digna dun tempo tamén horrible que non damos borrado de nós, coma unha tinta negra e indeleble.
Para mostra, dous botóns: miña irmá xura e perxura que, cando íamos de cativos pasarmos os veráns a Brigantia, ela e as amigas xogaban ás casiñas á volta do adefesio, e que até lle pasaban por entre as pernas como se formasen unha porta, cousa toda esta que eu non lembro pero que, de ser certa, demostraría o valor da miña irmá e o moito que perdeu a Lexión por non aceptar mulleres, e é que a estatua era como para saír correndo.
O outro botón é de bragueta e débollo a Polis, ese gran entusiasta das historias inguinais, hai polo dúas décadas, nunha noite de farra brigantina: como o brutal modelo da estatua mutilada non só perdera no Rif un ollo e o brazo esquerdo senón tamén un testículo, Polis non sabía cal pero non importa, Celia Gámez, que foi recoñecida amante do xeneral moitos anos, coquetamente se refería a el como o meu perfumador.
Como soubo isto Polis nunca o cheguei a saber, ou se mo dixo xa non o lembro, pero a historia deu moito xogo aquela e outras noites.
Agora, ao mirar na foto que os xornais publicaron o vulto sinistro e fantasmal colgando dun guindastre, sorprende que un tipo que entrou na historia ao berro de Viva la Muerte! puidese ter un monumento nun país civilizado. Pero xa nos coñecemos.

venres, 28 de agosto de 2009

De faros, molleiras e afonías

Case tan mudo coma o blogue estivo quen lles escribe tras a molleira do pasado Luns.
Efectivamente, fun a Brigantia coa señorita Kaplan e dous obxectivos: cumprir a miña promesa de levala a visitar a Torre (si, e tamén subirmos alá arriba) e recoller a Haddock e a filla para traelos connosco a Ithaca; ao paso, visitamos unha exposición de bodegóns, outra dunha Galiza virtual en que até fixemos de tiraboleiros, e por último comprobamos en propia pel como o mar da punta Herminia e o do cabo Sunion non poden ser máis diferentes: o día puxera mala cara en Ithaca, pero en Brigantia o vento e a chuvia que batían no Faro, na Caracola e nos paraugas xaponoides das dúas nenas leváronnos, prematuramente, ao Outono.
Non é preciso explicar quen de entre os catro ía máis desprotexido e exposto; tampouco, que ao chegar ao pé de Breogán nin siquera a min me facía graza o de ser consecuente coa estación, ou que o bon das sandalias é que a auga sae delas tan ben como entra; antes das seis, a proposta do retorno a Ithaca aprobábase por aclamación, e os catro, mollados coma catro pitos, corríamos á procura dunha paraxe de autobús que nos levase até o meu coche.

xoves, 6 de agosto de 2009

Rúas



Lido onte na prensa: en 1936, e como consecuencia dos novos tempos, a coruñesa rúa Liberdade cambiou o seu nome polo de rúa Disciplina.

Toda unha declaración de principios que resume en dúas palabras 40 anos de represión.

sábado, 27 de xuño de 2009

Torre de Hércules


Parabéns a todos: se antes foi a nosa muralla, agora é o noso faro o que deixa de ser noso para ser de toda a humanidade.

domingo, 1 de febreiro de 2009

Orzán

Onte xantando miña mai contou que soñara que o irmán máis vello dela se deitaba na mesma cama en que o bisavó durmía.
Esta mañá chamaron de Brigantia para anunciarnos que o irmán máis vello da miña mai e meu padriño morrera de madrugada, así que mañá o deitaremos no lugar mesmo en que dormen os avós e o bisavó.
Antes de saírmos para o tanatorio, procuro na memoria a máis antiga lembranza do meu tío, e a que atopo é a da primeira vez que vin o mar: foi un serán dourado de Xullo, no Orzán, e meu tío estaba alí para animarme a comprobar co dedo que aquela auga que corría en regos pola praia ao baixar a marea estaba realmente salgada.
Eu tiña máis ou menos os mesmos anos que ten agora a miña filla, e o mar pareceume moito máis grande e moito máis ruidoso do que imaxinara.
Antes de saírmos para Brigantia, pregúntome se esta noite o Faro alumará igual que as outras noites.

mércores, 20 de agosto de 2008

En Brigantia

Aproveitando un Xoves, nuboso pero estratexicamente instalado antes das dúas quincenas que pasará aquí a nena, e que nos colocarán no pequeno pesadelo de Setembro, fun a Brigantia.
A Ártabro debíalle unha explicación e un presente de aniversario. Tratábase ademais de visitar con el unha exposición de retratos decimonónicos e outra, conmemorativa da fundación da cidade, da que só me interesaron o cristo románico e as figuras que, expoliadas da catedral de Delfos, hoxendía adornarán algún recanto umbroso nun pazo tamén expoliado.
De resto, nada: cóntame Ártabro que as exposicións agora son só moreas de cousas variadas e sen máis entre elas que a coincidencia no tempo, case sen explicacións, porque as exposicións agora encárganse a empresas que tanto che montan unha exposición como unha feira goyesca ou un ardelucus.
A tarde correu polas zonas vellas da miña memoria, das miñas vacacións de neno: non fomos á praia nin ao faro, pero si camiñamos polo Parrote, o xardín de San Carlos, a praza de Azcárraga, onde xantamos. Nos Cantóns, heroes do cómic axexaban os paseantes. Na Rúa Real animei a Ártabro a comprar un par de zapatos, que eu nunca compraría e el desexaba (hoxe sei que os devolveu); en compensación, na cafetería da Fnac, ou pola vantaxe dos anos que me leva ou por me pillar desprevido, Átabro soubo darme a volta, de dentro a fóra, como a unha luva, e acabei psicoanalizado e contrito, indefenso con todas as costuras, forros e ganduxos á vista.
Volvendo para Ithaca de noite, tardísimo, pareceume que por algún motivo a autovía medía cen, talvez dous centos kilómetros máis do que pola mañá, pero a distancia até Ártabro era por contra algo menor.

xoves, 19 de maio de 2005

Outra boda na Coruña

Estamos todos invitados a unha boda este Sábado na Brigantia.
Por falta de tempo non poderei estar; e ben que me gustaria (con Vapin, con Polis, mesmo con Melómano, todos collidos da man, contra vento e marea).
Pero de todos xeitos, desde Ithaca, berrarei Que vivan os noivos!
E as noivas!
Que se biquen os padriños! Que se biquen as madriñas!
E tamén as testemuñas!
E os testemuños!
E a tod@s, moita sorte.