mércores, 14 de setembro de 2016

Tres días

Sábado: A tan adiada expedición a Brigantia porfín sucedeu hoxe. Pola mañá, visita ao cemiterio de San Amaro baixo un ceo entoldado e ameazante; sen perder de vista o mar de chumbo que batía ao lonxe contra Seixo Branco, orvallou por nós sen clemencia e lentamente fomos descubrindo algunhas lápidas que nos interesaban. O enterrador, voluntarioso pero limitado, levounos a trote á de Curros e desculpouse cen veces por non saber das outras.
Pola tarde, no Ikea convertido en manicomio familiar, xantamos e compramos o armario de cociña para Venres, as copas para Venres, os caixóns de reciclaxe para Venres, a pota para Venres e os coitelos para Venres; para min, tan só un ridículo cepillo con ventosa para o lavalouza.

Domingo: Monumental resaca. Cura de sono e convalecencia a base de ibuprofeno tras deitármonos cando xa amañecía; coma dous vampiros, cumpriunos saír de novo ao escurecer á procura de algo que cear.

Luns: Vou a Atenas a levar a documentación do divorcio. A avogada, a mesma que nos tramitou a separación, tarda en recibirme; a cliente que me precede sae do despacho cos ollos chorosos. Cando entro empeza a comedia: a avogada dáme dous bicos como se fósemos intimísimos, di que se acorda perfectamente de min e que me atopa máis delgado; revisa os papeis que lle vou pasando e, ao ver o certificado de nacemento da nena, comenta que aquela caquita é agora toda unha señorita.
A avogada lévame tres anos (podo velo no título que ten colgado na parede) pero as súas mans, con veas e manchas na pel moi solta, son as dunha vella; a avogada ten un tic na cara que a fai parecer un rato mentres fedella nos papeis e musga os ollos cara á pantalla do ordenador e vai falando de exhortos e demais cousas do procedemento.
Penso en Polis, en se actuará así cos clientes no despacho, e daquela ocórreseme que terei que inventar algo para xustificar que non nos leve el o caso. Principalmente cando a avogada conclúe que nos vai saír baratiña a festa. Uns 600 ou 700, di; cada un, engade.

Ningún comentario: