Celebremos, como cada ano, a entrada no Mes-luns facendo unha listaxe de cousas urxentes a curto ou medio prazo. A saber:
- Corrixir o feixe de exames que, tristemente, esperan sobre a mesa. Aplicar con xenerosidade promocións, saldos e liquidacións (incruentas).
- Telefonar á avogada de Atenas, último domicilio conxugal, para notificarlle que xa reunín os papeis e que pode empezar os trámites no xulgado. Despois de trece anos, porfín o divorcio.
- Ocultar o anterior a Polis: non hai cousa que máis precise que unha lección maxistral sobre a parsimonia e a inconsciencia de ir deixando que as cousas se resolvan soas.
- Acabar de organizar as fotos de Madrid, Segovia e non sei cantas máis que hibernan na memoria do móbil e esperan acomodo definitivo.
- Dar unha opinión a Haddock sobre o seu libro, tendo en conta que despois de catro meses non lin máis que o Prólogo, a Nota do Autor e unhas poucas páxinas. O único que podo concluír ao respecto é que o tema é árido, o estilo escuro e o meu amigo escribiu todo aquilo de mala hostia e sen distanciarse. A procrastinación neste caso é unha desculpa feble, porque o libro ten menos de 150 páxinas.
- Facer de tripas corazón e, aproveitando que está comigo a señorita Kaplan, levar dunha vez as phalaenopsis ao sanatorio de orquídeas que a miña irmá ten montado na terraza. Estou farto de ver estas couves tan pouco decorativas no meu salón.
- Marcar dunha vez as clases de canto para este mes.
- Marcar encontros (con ou sen xantar mediante) con Tere Holmes, Polis, Fesore, Herg e Sibila.
Ningún comentario:
Publicar un comentario