martes, 23 de agosto de 2016

Kaukokaipuu

Así se chama en finés a necesidade repentina de viaxar, ou polo menos isto di un artigo de Verne, un dos suplementos de El País, onde tamén se descubre que existen nomes para outras emocións ou sensacións que carecen de nome na nosa lingua. Dalgunha xa teño falado repetidamente neste blog: awumbuk, por exemplo, é o vacío que quedaba e segue quedando tras marchar a señorita Kaplan moitos domingos, algo que como se ve non só senten os nativos de Papúa-Nova Guiné.
Confeso que teño sentido en diferentes ocasións oime, greng jai, e até algunha vez ijirashii, e por suposto, como non podía ser menos, abafo de han cada vez que me paro a pensar na situación política do país, coas eleccións aí tan perto.
Sen embargo, esta mañá acordei moi cedo e cun inesperado desexo de pirarme que non amoleceu coa lectura na cama de todas aquelas cousas sobre os lupanares de Pompeia; ao contrario: devecín por ler aquilo arrolado polo traqueteo do tren. No almorzo botei en falta o ritual do bufé, e os tres ou catro whatsapps que entraron pola noite procedían, respectivamente, de Centroeuropa, Torremolinos e o Caribe. Non chegaron as cousas ao estremo de tentar abrir a porta do cuarto coa tarxeta sanitaria; vestíndome, ao ir ao armario pola camisa chegou a min a voz muda da maleta e xa non houbo dúbida de que me vou nestes poucos días que restan; iso si, non decidín aínda onde.

Ningún comentario: