domingo, 24 de xuño de 2007

Xubilación

O mundo sorrí para min, amable e como domesticado: ao final de curso e o aprobado en inglés (a estas alturas, un aprobado rodeado de aprobados adolescentes sabe a gloria bendita) súmase a vindeira entrega do tobo, impecablemente pintado, segundo os cuartos, de amarelo, azul claro e violeta (Polis diría pexego, azul ceo e lila).
Incluso máis: o proxecto do Goberno de recoñecer a prestación social como un ano de cotización á Seguridade Social faime soñar uns minutos con que só me restan 12 anos para poderme xubilar anticipadamente.
O entusiasmo dura xusto até que me decato do moito que empezo a parecerme ao meu pai e ao meu avó cando releaban coas porcentaxes da pensión e os anos cotizados, e descubro que en canto me descoide darei en pensar que só me falta comprar unha boina e ir botar a partida, e intercambiar píldoras cos meus amigos durante o café, e falar dos nosos anos non polo nacemento senón polo ano das quintas.
Brrrrr!

venres, 22 de xuño de 2007

Sete anos

Novamente floriu a lavanda que recollerei mañá...
Hoxe, exactamente a esta hora, a miña filla cumpre 7 anos.

Clave

Merezo ser flaxelado en praza pública, tal vez lapidado, exposto a escarnio e entregado a suplicio.
Tantos anos ás voltas coa Rede para finalmente cometer un erro de novato: esquecín a clave para entrar na miña conta de fotos. Sei que parece imposible, absurdo, pero precisamente por iso merezo ser atormentado e levar grillóns unha boa tempada.
Salvo a data de nacemento, que coincidía coa real, todo o demais fallou; mesmo non souben dar resposta á pregunta de seguranza, así que nen sei cal é o meu pasatempo favorito, pero desde logo non é ler, facer crucigramas, o sexo, o cine, nen tampouco tocar os c... entre outros que probei, por se acaso.
Canso de dar voltas polo labirinto que fun tecendo cos meus intentos, tomo a decisión de crear unha nova conta e ir subindo a ela, unha por unha, todas as fotos habidas e por haber, aínda que iso supoña horas e paciéncia. Eis o meu castigo.
O máis triste, sen embargo, é perder os comentarios que unha amiga fixera nas súas fotos favoritas.
Implorando desde aquí as súas desculpas, téndolle o látego para que se resarza á vontade.

luns, 18 de xuño de 2007

Mancha 2


A mancha australiana do meu teito transformouse nun gris e húmido continente africano á inversa (sen Madagascar) que avanza polo Norte en dirección á lámpada.
Á aprensión desta noite sucederon os contactos e as negociacións que están a converter o meu cuarto non sei moi ben se nun museo se nunha capela ardente; até agora, por aquí pasaron xa os viciños do quinto B (os donos) e os do quinto C (os colaterais), a presidenta da comunidade, a dona da casa, dous fontaneiros, e até a Pepiño Blanco, supoño que para levantar acta, co cadelo no colo.
Diagnóstico: unha fenda no piso da terraza que a ninguén prexudica salvo a min. Mañá virá o perito do seguro.
Tamén é mala sorte: despois de case dous anos vaise abrir esta fenda precisamente cando só me restan unhas poucas semanas de vivir aquí.

domingo, 17 de xuño de 2007

Mancha



O día amence líquido: acórdame cedo a cifra da choiva contra os cristais do dormitorio; cando porfin abro os ollos e son quen de fixalos nas cousas, delimítanme no teito, xusto sobre a cama e sobre min, unha grande mancha húmida.
A boa noticia é que ten a forma de Australia (Tasmania incluída).

A mala, que os viciños do quinto non están.

sábado, 16 de xuño de 2007

1977

Como case todo o mundo, vivo estes días a grande vaga de saudade pola conmemoración das tres décadas (deus!) das primeiras eleccións; a televisión ben que se ocupa de botarlle leña a ese lume, e así o Xoves inexplicablemente quedei callado até as tantas diante da pantalla, os exames fermentando mentres, para ver tristes imaxes en branco e negro de políticos hoxe inverosímiles con aquelas gafas de pasta, os traxes raiados, o bigotiño, a breve liña branca do pano no peto xunto á lapela.
Daquela tiña once anos; o curso, 6º de EXB, achegábase ao final como se achega este, e eu manobraba para que me comprasen a BH de carreiras que sustituíse a oxidada bici herdada do meu primo; así sería en parte, porque non foi de carreiras senón unha de paseo sen marchas para compartir coa miña irmá.
Das semanas previas lembro discusións na mesa e os libros de texto tatuados con adhesivos da propaganda electoral que íamos pedir nas sedes dos partidos ou que cambiábamos como se fosen cromos; mesmo conseguín un cartaz xigantesco, este que ilustra o post, para a parede do meu cuarto.
Do día da votación, a vergoña que sentín cando meu avó saltou a bicha dicindo que estaba poñéndose malo e que non podía respirar, o que nos obrigou a saír a fume de carozo, despois de meter os sobres nas urnas, para que non lle pedisen unha ambulancia.
Media hora máis tarde, tomando o chiquito cos amigos no Bodegón El Orensano (fronte á Catedral, hoxe alí hai un local de copas), afirmaría que levaba 41 anos esperando votar outra vez aos socialistas e que xa estaba vello para perder a mañá parado nunha bicha.

venres, 15 de xuño de 2007

Vivo

Á vista do clamor popular, é mester dar noticias antes de que alguén pense que morreu novamente o blog ou que morrín eu mesmo e me envíen axuda á casa.
Ando tan abafado de traballo que non teño vagar suficiente para poñerme a facer posts, non sei moi ben onde teño a cabeza, ando canso todo o día, pero sigo vivo.
Iso si, nun mundo proceloso e aborrecido: mentres agardo pola nota que me darán en inglés vexo medrar e multiplicarse sobre a miña mesa e dentro do cartafolio, como seguindo unha orde divina, os exames que corrixo en tardes interminables. Repaso e axudo a corrixir unidades didácticas a compañeiras que van á oposición, descubrindo cada día cousas inauditas sobre a lactose, a tundra ou o ablativo absoluto.
Por se non bastase, o futuro tobo está case terminado: os obreiros afánanse agora en pintar o garaxe e retocar o portal, unha vez que as vivendas están xa listas; cómpre, pois, preparar os papeis e buscar a máis guapa moza do baile.

Mentres, o tempo volveu mudar: diluvia sobre Ithaca como no Inverno, e Teddy, desde a súa terra, chama para dicir que está na cama con gripe, esa zorra.

martes, 5 de xuño de 2007

Uns e outros estarán satisfeitos, pero o día non pode ser máis triste.

sábado, 2 de xuño de 2007

Escapo!

Acábanseme os víveres. Teño a neveira que dá pena, pero o peor é que estou farto de dar voltas no tobo, vestido de chándal, como se fose poñer un ovo. O móbil está mudo hai horas. A miña filla, contaxiada telepaticamente de amigdalite, non veu este finde. O cesto de roupa para pasar o ferro fai sinais como un náufrago. A butaca, tras tantas horas sentado nela, repéleme como o asento dun fakir...
Antes que tomar dun golpe os sete sobres de augmentine que me restan ou abrir a chave do gas ou bañarme co secador de pelo conectado, fago memoria de como se viste unha persoa normal, de como se acende un coche, e entón decídome...
... e escapo!

venres, 1 de xuño de 2007

Friquis

Contei xa que Encantador, o mozo de Polis, é unha especie de neno grande e peludo, diríase todo de algodón, que non ten ósos, cun piso intramuros polo que aínda non pasei ateigado de xogos e tebeos, e que colecciona antigos xoguetes de lata. Todo isto resulta inaudito nun home habituado a entreter as súas mañás en hipotecas, créditos e fondos de investimento, non sendo que tamén lles atope ese lado lúdico que está claro terán por algún sitio; a gravata e a americana fan o resto.
O que non dixen é que se trata dun friki que lentamente está convertendo ao meu amigo; teño probas do que digo. Hoxe, mentres tomábamos aquí café (el só e eu con augmentine), contoume que están de cumpremés: tres meses levan xuntos, e para celebralo foron cear por aí e logo na intimidade entregáronse os presentes.
Que se regalaron?
Pois Encantador a Polis unha desas maravillosas e utilísimas máquinas para cervexa a presión que non deben faltar en ningunha casa. Como xa antes lle tiña regalado unha máquina de bolas de chicle, imaxino que as expendedoras de tabaco e condóns estarán xa en camiño.
E Polis a Encantador?
Un decorativo Mazinger Z de un metro e pico, en resina de alta calidade e con todos os detalles, que ao parecer lle custou unha gónada atopalo porque está esgotado, pero que ninguén dubide de que valeu a pena porque é un pasote. House, House, que te pasas...

Con tantas emocións, en canto Polis marchou decateime de que outra vez esquecera volverlle as chaves.