domingo, 24 de xuño de 2007

Xubilación

O mundo sorrí para min, amable e como domesticado: ao final de curso e o aprobado en inglés (a estas alturas, un aprobado rodeado de aprobados adolescentes sabe a gloria bendita) súmase a vindeira entrega do tobo, impecablemente pintado, segundo os cuartos, de amarelo, azul claro e violeta (Polis diría pexego, azul ceo e lila).
Incluso máis: o proxecto do Goberno de recoñecer a prestación social como un ano de cotización á Seguridade Social faime soñar uns minutos con que só me restan 12 anos para poderme xubilar anticipadamente.
O entusiasmo dura xusto até que me decato do moito que empezo a parecerme ao meu pai e ao meu avó cando releaban coas porcentaxes da pensión e os anos cotizados, e descubro que en canto me descoide darei en pensar que só me falta comprar unha boina e ir botar a partida, e intercambiar píldoras cos meus amigos durante o café, e falar dos nosos anos non polo nacemento senón polo ano das quintas.
Brrrrr!

4 comentarios:

Peke dixo...

Asegúrolle, Kaplan, que a xubilación dá para moito máis ca iso. :)

Laurindinha dixo...

Home, as boinas son moi favorecedoras... ;)

willy dixo...

o problema do futuro é que, sin querer, pensamos que cando chegue vai a atopar ás persoas que somos agora mesmo, e temo que iso non ocurre finalmente

X dixo...

Uisss, xa había tempo que non tocaba Kaplanmecoso. Non se preocupe, ha de avellentar ben.
Hoxe serei boíña e non preguntarei por ninguén nin polos planos de nada, nin por saber de que cor é nada, nadiña de nada :-)