xoves, 26 de febreiro de 2009

Interferencias


Tan identificado me sentín con estas dúas almas cándidas que ben podería dicir que foi como estar sentado entre os dous, abafado nese sofá coma o de cada casa en que batallamos cada día coas mentiras cochinas, as cortinas de fume, as falsas promesas, as calumnias, os insultos de taberna, as verdades roídas e a desvergoña evidente.

mércores, 25 de febreiro de 2009

Braga

Por un blogue que sigo entéirome de que a policía de Braga (non debía ser doutro xeito, pois en Braga estaban) confiscou, en nome da decencia e a moral e a pedido de pais de familia, cinco exemplares expostos na Feira do Livro que mostraban na capa A orixe do mundo, de Courbet. O xornal di tamén que a policía interveu para evitar desordes públicas, pois os rapaces bracarenses acudían en masa ao stand onde se expuña a obra.
E iso que os libros eran cinco e a feira estaba en Braga.
Por temor a que haxa aquí tumultos ou que Big Brother me colgue ante portas o letreiro de para adultos, só poñerei o enlace ao cadro; e como ilustración do post, unha decorosa, púdica e honesta Braga (dúas en realidade, e a pouco máis de colo cisne).

martes, 24 de febreiro de 2009

Daquela

De todo este rancio rivaival de tricornios, transistores, ucedés, adolfos e reis magos con que nos levan semanas bombardeando por terra, mar e aire, o que máis impactou á señorita Kaplan foi a meleniña que, segundo ela, lucían daquela os presentadores dos telediarios.
Tanto que até mo dixo cando onte á noite chamou, antes de se ir deitar, para contarme que fora difrazada de dama medieval.
Eu xa tremo con só pensar que fará ou dirá a miña filla o día que descubra nas fotos onde me chegaban a min o pelo e a barba non moito despois daqueles mesmos días vergoñentos.
Porque, unha vez máis, está claro que nós, os daquela, xa non somos os mesmos.

luns, 23 de febreiro de 2009

Os que aman

Máis de un dirá que para o pouco que lle gusta a este o Sanva ben que o arrastra polo blogue, pero este ano as cousas viñeron así dadas, e aínda que contemplo os que aman asomado ao meu balcón, logo non deixan de chamarme ou de vir polo tobo contarme cousas.
Este post debeu ter sido escrito e publicado o Luns pasado, cando os ecos da finde de San Valentín en Mondariz estaban frescos, pero andei liado, e até pensei que co paso dos días nunca o ía escribir, por reseso. Pero antonte ao serán viñeron os Polis a recontarme a historia que xa me contara miña irmá; iso si, esta vez desde un punto de vista masculino e desde un andar máis abaixo.
Que Polis e un amigo estaban a pasar a finde no balneario contoumo miña irmá, vía móbil, Sábado pola tarde, noticia de alcance que Domingo á noite, xa de volta, surxía esporadicamente entre saunas celta e finlandesa, baños xaponeses a 1ºC no exterior, catrocentas parellas dando conta dunha cea na que todo eran culleres e túrmix, todo deconstruído en copas altas, esmagadiño como para enfermos ou bebés, e os patés intragables, e o diminuto rolo de queixo de Arzúa intratable, e Polis e o seu amigo non quedaron a cear, pero volveron coincidir con eles almorzando ao día seguinte.
Que miña irmá e o meu cuñado pasaran a finde no balneario contoumo Polis, vía móbil, Luns ou Martes pola tarde, noticia de alcance que antonte ao serán, mentres se disfrazaban de romanos na miña casa, surxía esporadicamente entre baños turcos e saunas secas, camas máis anchas que longas e almorzos opíparos co campo de golf ao fondo, e a cidade a un paso (ben, dous pasos) para cear e tomar as copas lonxe de catrocentas parellas máis ben petardas e estiradas, claro que non o di pola miña irmá e o meu cuñado, faltaría.
Faltabas ti, di Polis, arranxando a perruca loira de matrona e moi mellorado; os sucesivos estratos de roupa e as tetas postizas fan que o peplo púrpura lle tire por popa. Si, faltaba eu, digo sostendo unha coroa de loureiro dourada mentres Encantador remanga o chándal por baixo da toga.
Véndoos marchar sinto case alivio: tampouco este ano me disfrazarei. Non me darían despegado da butaca e o deuvedé nunha noite polar nin con espátulas.

domingo, 22 de febreiro de 2009

Eu xa asinei, e ti?

Poucos días atrás, un grupo de cidadáns, con Avelino Pousa Antelo e Margarita Ledo Andión á frente, constituíron a plataforma cívica Se resides, decides para conseguir que o voto sexa un "dereito de residencia, non de sangue", dando así resposta ao amplo sentir cidadán crítico coas manifestas eivas do actual sistema electoral, que recoñece dereito pleno a colectivos que residen no exterior e cuxo único vínculo co país consiste precisamente no exercicio do dereito a voto, ao tempo que mingua, ou directamente nega, dereitos a colectivos que residen de forma permanente no país (mariñeiros, penados, inmigrantes)".
Por iso, berra alto e claro: Non votes por min, Arxentina! e logo asina aquí.

sábado, 21 de febreiro de 2009

After-shaving

Hoxe, despois de ler a lutuosa noticia (e sen que houbese relación), barbeeime: nunca dei atopado nin satisfacción nin vantaxe en facelo, así que desde moi novo só paso a folla á cara un par de veces por ano.
Admiraría, se me parecese admirable, a calada abnegación dos millóns de homes que cada mañá enxaboan, rasuran e repasan as meixelas, sen atenderen ao feito de que, minuto a minuto, ao final das súas vidas terán perdido días, semanas enteiras diante dun espello cunha gillette na man. Todos repiten que é un costume, e a maioría, que xa non se atrevería a saír á rúa sen barbear.
Retirada a escuma branca e os pelos, resistindo o ardor da loción, miro con aprensión a cara de dentro do espello, esa que (nunca fun coqueto) probablemente vexo menos que outras caras alleas: pálida, con puntos de sangue esparexidos baixo o nariz, no queixo, xunto á orella, cos ollos miopes e saltóns, con liñas máis profundas do que quixera á volta da boca, que xuraría non estaban a última vez, e esa pel que empeza lentamente a descolgar.
Demostrado: de nada serviría pasar a folla cada dous días para que non se vexan os pelos brancos da barba, que son cada vez máis. Nin creo que puidese con esa disciplina (non son meu pai).
Nin creo que me dese habituado a saír da casa sen barba (é case como ir descalzo ou sen camisa).

Socks

A lectura da prensa esta mañá déixame conmocionado e bastante aflito: Socks, o ilustre gato dos Clinton da Casa Branca, morreu aos 20 anos.
A necrolóxica informa, entre outros datos biográficos, de que o gato fora un agasallo do matrimonio á súa filla Chelsea cando Bill Clinton era gobernador de Arkansas, e que foi con eles á Casa Branca en 1993.
Desde que Clinton deixou a presidencia, Socks vivía en Hollywood coa ex-secretaria do presidente, e alí é onde, despois de tanta fazaña a que non pode bastar conta certa, veu a Morte chamar á súa porta.
O ceo dos gatos, ese cálido lugar onde corren ríos de leite morno, o sol sae tras montañas de atún e sardiña, sobre bosques de xurelos que regan choivas de camaróns e gambas, onde hai pelotas de papel de cores e nobelos de la que rolan por todas partes, e moreas de ratiños preguizáns e estúpidos a faceren a sesta sen cautelas, ese felino reino dos ceos, digo, ten desde hoxe un novo inquilino.
Rezarei por el á Sofía, a miña pobre gata, para que lle presente o Señor Don Gato, o trío de don Melitón, a Benito Bodoque, a gata Tola e até as Mininas. Descanse en paz.

venres, 20 de febreiro de 2009

Futurismo

 Hai hoxe un século, Marinetti publicaba o manifesto incendiario dos que cantaban o amor ao perigo, á enerxía e á temeridade; dos que afirmaban que o mundo se enriqueceu coa beleza da velocidade e a violencia, dos que consideraban que un áutomóbil de carreiras co capó adornado con tubos coma serpes de alento explosivo era máis belo cá Vitoria de Samotracia; dos que chamaban hixiene do mundo á guerra, dos que glorificaban o militarismo, o patriotismo, o aceno destrutor dos libertarios e o desprezo ás mulleres, sen saberen que pouco faltaba para que o tempo lles dese a razón; dos que cantaban as masas cegas e obedientes, as estacións con tellados de cristal e aceiro, as fábricas penduradas das nubes por fitas de fumes tóxicos, as pontes ximnastas, as locomotoras, o voo dos aeroplanos coa hélice tremolando ao vento coma unha bandeira.
Cen anos despois, o Futurismo está no cálido ceo das vangardas, e eu penso, mentres escribo esta nota para o meu blogue, que mellor así, que nin contigo nin sen ti (senón totalmente ao contrario).

martes, 17 de febreiro de 2009

Nocilla

Hai uns poucos anos, Ruíz Zafón era o autor dunha mala novela que, coma outras malas novelas, tiña sen embargo o punto de resultar entretida e satisfacer eses primarios instintos dos lectores lentos e preguizáns coma min, que darían anos de vida por ler novelas de mil páxinas dunha sentada.
Agora Ruíz Zafón volve con outra mala novela, mira que mo advertiu Tere Holmes, a propietaria do enxendro, ao prestarmo hai meses, esta vez é un carallazo de órdago e proporcións bíblicas que me ameaza desde a mesa de noite cando me deito e cando me ergo, porque o teño á deriva.
Sen renunciar de todo aínda ao anxo xogantín, zapeo por sen moito éxito até chegar á primeira das nocillas de Fernández Mallo, da que gosto tanto como da outra, ou sexa, moito. Na contraportada preséntana como zapping literario e docuficción; eu vexo nela a curiosidade indisciplinada por isto e aquilo e o de acolá que inzan a maioría dos blogues que me interesan.
Onte á noite, mentres sentía o anxo hroña que hroña na mesa, atopei dentro da nocilla este texto, que copio, traduzo e envío para que sirva de consolo a Teddy.

Ano 2054. Os meus netos están a explorar o faiado da miña casa. Descobren unha carta datada no 2004 e un CD-ROM. A carta di que este disco CD-ROM que teñen entre as súas mans contén un documento no que se dá a chave para herdar a miña fortuna. Os meus netos teñen unha viva curiosidade por ler o CD, pero xamais viron un salvo nas vellas películas. Mesmo cando localizasen un lector de discos axeitado,como darían feito funcionar os programas necesarios para a interpretación do disco? Como poderían ler o meu anticuado documento dixital?Dentro de 50 anos o único directamente lexible será a carta.
Jeff Rothemberg

luns, 16 de febreiro de 2009

San Valentín (I hate)


Non sei o dixen algunha vez, pero odio teimosamente o San Valentín; non o santo, que bastante ten o pobre, senón a histérica celebración dos corazóns hipertrofiados de todo tipo, das tarxetas con música, dos agasallos previsibles, das ceas románticas, das flores en celofán e demais arrepíos. Nunca deixei os cartos niso, así vai a economía, porque o amor, polo que recordo, hai que construílo cada día do ano, e non precisamente arranxalo nun Sábado de mediados de Febreiro, a golpe de bombóns e tal.
A miña filla resolveuno á súa maneira na tarxeta que, por non poder esperar ao Sábado, me entregou o Venres ao recollela: "Feliz día de San Valentín. O día de San Valentin non só é para querer os mozos senón tamén para querer aos pais, amigos, profes... Mándoche este postal porque che quero".

venres, 13 de febreiro de 2009

xoves, 12 de febreiro de 2009

Oficio

Aprendo con rapidez o oficio e, máis cedo ou máis tarde, o baixapelis deixará de ter segredos para min.
Mentres copio e copio, sigo a pensar que non pode non ser delito, habida conta que non engorda nin é pecado nin me dá remorsos.
Desta vez, por exemplo, tras enxergar con cautela o descargado e de eliminar versións que unían a un título tan versátil palabras inverosímiles nun clásico como lesbianas, orgasmo ou ninfómanas, para cando na finde veña a señorita Kaplan non só as catro fillas dos March irán unha vez máis á tenda do señor Grace polos agasallos de Nadal, senón que nada impedirá a unha emperatriz en prácticas acudir á nosa cita, así que a nós xa nos cómpre írmonos preparando para unha brusca subida da glicosa en sangue.

mércores, 11 de febreiro de 2009

Perdas

Teddy cóntame que é un home (case) sen pasado: o seu hard drive colapsou ou algo, de maneira que agora Teddy non dá entrado na maior parte das carpetas que encheu e gardou, durante meses e meses, naquelas profundas sentinas.
Dentro delas hai música e películas, pero principalmente as fotos, todas elas: as que tirou comigo son a menor das perdas, entre outras cousas porque teño copia, pero poden perderse para sempre centos ou miles de fotos de paisaxes da nosa terra, de praias portuguesas e mediterráneas, de monumentos, de bosques, de estacións de tren, de museos, de ceas con amigos, de piscinas, de habitacións de hotel, de dunas, de caras con resaca, de xantares de xubilacións, de paradores nacionais, de beixos apaixonados, de festas de aniversario, de antigos noivos, de solpores, de nacementos fluviais, de dólmenes megalíticos, de casas natais de escritores, de gatos, de amigos que marcharon para sempre, de amigas torrando ao sol, de paxaros e árbores, de coches antigos, de grandes igrexas e de capelas diminutas.
Teddy está triste pero así e todo sabe rir das broncas que escoita (tamén a min) cada vez que o conta, farto de que nas tendas polas que vai non lle dean máis solución que a de facer copias e máis copias de seguridade.
Teddy di que vai gardar o couso no conxelador, dentro dun túper, como se supón que fixeron con Walt Disney, até que dentro de cinco, dez, vinte anos, a informática teña progresado tanto que abrir as carpetas será un xogo de nenos, e daquela sairemos todos daquel cofre escuro noviños, fermosos, case inmortais.
Así ri Teddy na miña casa da súa perda e eu río tamén, sentíndolle o optimismo admirable e próximo, mentres fóra o temporal zoa furiosamente. Que así sexa, lle desexo.

domingo, 8 de febreiro de 2009

Alerta

Mañá outra vez toca fin do mundo.
Protección Civil prevé precipitacións que poderán acumular ata 40 litros por metro cadrado en 12 horas, e refachos de compoñente sudoeste de máis de 100 quilómetros á hora, co que se recomenda evitar os desprazamentos, retirar obxectos que poidan caer á rúa desde balcóns, fiestras e tellados, e afastarse de edificios en ruína ou construción, árbores e paneis publicitarios.
Estaremos, pois, en alerta laranxa e as aulas están suspendidas, co que me erguerei máis tarde pero non tanto como para non saír a comprar unhas cousas nas rebaixas se non me desgraza algunha tella voadora e o vento non me leva consigo: hei de renovar o fondo de armario e inxectar algo de liquidez nunha economía glacial, case meteorolóxica.
Despois do xantar tomarei café aquí cun Teddy en plena migración, desafiando o temporal.
(O que me recorda que mañá teño que comprar café, ir á famacia e comprar pastas).

sábado, 7 de febreiro de 2009

Vergoña

A que pasei onte pola tarde cando Cam me chamou, toda divertida, para avisarme de que, na película sobre o miliciano de Capa que lle pasei dentro do lapis de memoria, non había nin sombra nin iceberg, seguramente porque a calor o derretera.
Efectivamente, despois comprobei que nin o home da película parecía un miliciano, nin a muller unha madriña de guerra, nin un mauser o que manipulaban con tanta desenvoltura; tampouco me pareceu que ao final da película os protagonistas acabasen casando.
Nin Polis nin Haddock, que tanta louvanza fixeron do tal programa, me previñeran sobre este tipo de achados, dos que máis tarde atopo outro, camuflado en Brideshead.
Como Cam, aínda me pregunto que tería pasado se chegamos a poñer a película aos nosos alumnos no Instituto?

venres, 6 de febreiro de 2009

De re domestica

Tal e como predixeron os meteorólogos, e por enésima vez este Inverno, Ithaca amenceu hoxe nevada.
A nova fronte, anunciada case como a apocalipse que acabará o que Klaus deixou a medias, vacíame a axenda e, sen visita da Señorita Kaplan, ponme diante un panorama doméstico e solitario: cómpreme limpar a casa, desde logo; montar unha estante que o outro día comprei para organizar o rocho; procesar a montaña de roupa que agarda no cestón; recortar os gomos aos bonsais; e ver algo do cine que estas últimas semanas me foi entrando polas comportas do tera a un ritmo inconstante de miles de fotogramas por minuto.
E é que, a estas alturas, no seu profundo estómago de cetáceo cibernético dormen xa máis estrelas que as que hai no firmamento.

mércores, 4 de febreiro de 2009

Familias


Sei que en todas as casas cocen fabas, pero desde o velorio non se me vai da cabeza a frase con que Tolstoi fixo comezar Ana Karenina; en realidade sen que teña moito que ver coa miña familia materna, que afortunadamente só se reúne en bodas, bautizos e, como agora, funerais.
Non tiña razón meu primo cando, ao cuarto asalto no corredor do tanatorio, comentou que nos parecemos á familia de Falcon Crest, pero sen viñedos.
De certo, quen sabe se pola pena, o pobre exaxeraba: estou en condicións de afirmar que ningún de nós ten tampouco un mordomo chinés.

domingo, 1 de febreiro de 2009

Orzán

Onte xantando miña mai contou que soñara que o irmán máis vello dela se deitaba na mesma cama en que o bisavó durmía.
Esta mañá chamaron de Brigantia para anunciarnos que o irmán máis vello da miña mai e meu padriño morrera de madrugada, así que mañá o deitaremos no lugar mesmo en que dormen os avós e o bisavó.
Antes de saírmos para o tanatorio, procuro na memoria a máis antiga lembranza do meu tío, e a que atopo é a da primeira vez que vin o mar: foi un serán dourado de Xullo, no Orzán, e meu tío estaba alí para animarme a comprobar co dedo que aquela auga que corría en regos pola praia ao baixar a marea estaba realmente salgada.
Eu tiña máis ou menos os mesmos anos que ten agora a miña filla, e o mar pareceume moito máis grande e moito máis ruidoso do que imaxinara.
Antes de saírmos para Brigantia, pregúntome se esta noite o Faro alumará igual que as outras noites.