sábado, 21 de febreiro de 2009

Socks

A lectura da prensa esta mañá déixame conmocionado e bastante aflito: Socks, o ilustre gato dos Clinton da Casa Branca, morreu aos 20 anos.
A necrolóxica informa, entre outros datos biográficos, de que o gato fora un agasallo do matrimonio á súa filla Chelsea cando Bill Clinton era gobernador de Arkansas, e que foi con eles á Casa Branca en 1993.
Desde que Clinton deixou a presidencia, Socks vivía en Hollywood coa ex-secretaria do presidente, e alí é onde, despois de tanta fazaña a que non pode bastar conta certa, veu a Morte chamar á súa porta.
O ceo dos gatos, ese cálido lugar onde corren ríos de leite morno, o sol sae tras montañas de atún e sardiña, sobre bosques de xurelos que regan choivas de camaróns e gambas, onde hai pelotas de papel de cores e nobelos de la que rolan por todas partes, e moreas de ratiños preguizáns e estúpidos a faceren a sesta sen cautelas, ese felino reino dos ceos, digo, ten desde hoxe un novo inquilino.
Rezarei por el á Sofía, a miña pobre gata, para que lle presente o Señor Don Gato, o trío de don Melitón, a Benito Bodoque, a gata Tola e até as Mininas. Descanse en paz.

3 comentarios:

X dixo...

Sofía? Gata? Onde está esa etiqueta? Ummm
Non cre que a Sofía ben merece un post?
Saúdos exquisitos.

Perry dixo...

Odio a los gatos.

Sun Iou Miou dixo...

Descansa en paz, até que em fim. E subscribo a X.

Gustoume a súa descrición do ceo dos gatos ao que sen ser gata me gustaría optar. O que non entendín é o que facía a gata da filla do ex-presidente a morrer coa ex-secretaria do ex-presidente... ou si: o sino dos animais regalados.