Amosando publicacións coa etiqueta Otorrinos e logopedas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Otorrinos e logopedas. Amosar todas as publicacións

martes, 6 de decembro de 2005

De profundis

A tose, telúrica, que teño desde hai un par de días remexe agora non sei que seixos embolsados no meu peito.
Na gorxa medráronme silveiras que, con espiñas feroces, rabuñan a larinxe cada vez que trago o fluxo de areas en que se transformou a miña saliva.
Un alvanel minúsculo e incansable fura a cada pouco dentro do meu cranio: sen piedade nen festivos, hoxe concentra minuciosamente maza e cincel no parietal esquerdo.
Por nariz teño unha billa pingante e mal fechada; choromico dos ollos e apenas podo ouvir, e esta voz que sobrecolle a quen está ao outro lado da liña non é a miña, con certeza, porque eu aínda estou vivo.
Mañá, se algo resta de min, voltarei ao médico.

martes, 15 de febreiro de 2005

The rain in Spain...

A sesión de logopedia de hoxe debeu nunha tertulia de café, pero sen café.
Primeiro improvisamos unha versión ao revés de My fair lady, en que obviamente eu facía de Eliza Doolittle: a logopeda Higgins, tras obrigarme a xemer, miar, carpir, alasar e entoar maa, mee, mii, caaasa, caaama, etc. diante dunha vela acesa, e cando xa eu esperaba que me enchese a boca de pedriñas, pediume que enumerase unha por unha as vilas da provincia que máis me gustaban.
Como lembraba poucas, confesei que aínda que estiven destinado en varias vilas preferia vivir na cidade, e que ese foi un dos motivos do meu divorcio.
Aí ela dixo que se notaba muito que eu era un urbanícola, riu un pouco tontamente, e foi o pretexto para falarmos de nós mesmos, dos nosos estados civís, dos nosos divorcios, das nosas biografías máis recentes.
Saín do despacho lembrando o tempo das pasantías, cando conseguía perder a clase sacando unha conversación afortunada, e, ao ver a mañá espléndida, dei por suposto que apesar do que dixeron os homes do tempo, estes días en España só vai chover na meseta.

xoves, 3 de febreiro de 2005

Diglósia

Empecei xa as miñas sesións de logopédia, e con elas a miña decepción: detesto ir.
Máis que polo que se trata nelas (de momento case todo está vedado e para sempre) pola própia señora logopeda.
A sesión de onte consistiu nunha feroz versión dos dez mandamentos que a logopeda me foi escrevendo á medida que deseñaba unha gris visión do meu futuro, a saber:
Empregarás un ton moderado ao falar.
Non fumarás nen estarás exposto a fumes.
Non falarás en sítios ruidosos.
Non competirás coa conversación.
Non berrarás.
Non cantarás.
Tratarás de evitar a tose e a carraspeira.
Evitarás levantar pesos cando falares.
Non atenuarás a voz falando baixo.
Non consumirás bebidas frias nen demasiado quentes.
Utilizarás as cavidades de resonáncia.
Beberás líquidos abundantes.
Tomarás infusións de tomentelo e rosmariño.
Evitarás no ambiente a presenza de xiz, pó, lixívia, amoniaco, verniz, sulfato...
Evitarás as contracturas musculares.
E, finalmente, respirarás correctamente con predomínio da inspiración nasal e diafragmática.

Todos estes mandamentos encerran-se en dous, que son: deixarás de facer algunhas das cousas que sempre che gustou facer, e agora vai resultar que a miña mai tiña razón cando me berraba por tomar café con xelo.

Pero o que máis me fixo deprimir foi o tema da diglósia. Despois de desculpar-se várias veces, esta muller que fala un galego impecável en todos os aspectos, escreve exclusivamente en castelán por non cometer faltas de ortografia!!!

martes, 1 de febreiro de 2005

Mariconadas

Acabo de regresar do otorrino: di que está preocupado polas miñas cordas vocais, renóvame a baixa e envíame sen vagar a un logopeda ("Vostede ten que aprender como falar sen forzar a voz, e deixarse de mariconadas").
Na casa, desde o Parlamento e através da radio, a voz do lehendakari; fóra, os operarios de R esfórzanse en converter a miña nunha rúa de Bagdad, pero sen mortos nin explosións, aínda que pouco falta para iso.

Ambece non está na casa. Pouco a pouco voume convertendo no seu chófer; onte, levándoa novamente á Citroen, cóntame que o seu ex lles presentou a súa nova noiva aos nenos este Domingo, e que se enfadou porque eles non lle quixeron dar un bico.
Que opino? Pois que algúns de nós algunhas veces só pensan coa punta do c..., digo para que se calme.
Aínda así, Ambece chamoulle de todo mentres duraba o traxecto.

Se un milagre non o remedia, pronto ela vai ter que ser a miña choferesa: o carteiro (que sempre chama máis de dúas veces) tróuxome esta mañá unha nova carta de tráfico. Aquí ten outra multa, dime cando lle abro a porta recén levantado e cos pelos alvorotados, e penso se tanta familiaridade será adecuada.
Unha vez aberta a carta resulta ser, non unha nova multa, senón a secuela da única, a de Setembro, notificándome a retirada do permiso de circulación por un mes.
Como farei para cumprir coas visitas quincenais á miña filla? Como a recollerei en Manderley para levala a Ithaca, e á inversa, e logo regresar eu para Atenas?
Sinceramente, non o sei.
Sen embargo, non me sinto en absoluto vencido.
Se eu fose cristián, entendería que Deus me está probando, e supoño que sería un consolo para min.
Como non o son, e non creo que haxa ningunha conspiración contra min, debo supoñer que sairei adiante.
Como di o meu otorrino, debo tirar para adiante e deixarme de mariconadas.

luns, 24 de xaneiro de 2005

Febre

Por primeira vez este curso, pero por enésima nos últimos anos, estou de baixa. A causa é o andazo de gripe que percorre España e que, despois inmobilizarme con febre e a molestia acostumada, desde Xoves me está a afectar a gorxa.
Por iso este fin de semana non vin á miña filla, e por iso cheguei a pensar este fin de semana se non estaría a tolear á forza de estar só e de non poder falar con ninguén debido á case total falta de voz.
Como Papillón incomunicado, pero ademais afónico.
Miña mai chamou cada día, pero a conversación facíase absurda porque, para que eu non falase ela trataba de adiviñar o que eu lle ía dicir, pero non acertaba case nunca. Primeiro ofreceume viren os dous para coidaren de min, despois, diante da relativa melloría, que fose eu para Ithaca, á casa deles; eu negueime nos dous casos: esta é a miña casa, e un Robinson non pode renderse por tan pouco.
Que sería daquela do meu orgullo?

Tamén chamaron Ti e Ilu, que onte me convenceu para ir tomar café na súa casa. Había tanto que non ía, e tanto que non percorría aqueles suburbios de Atenas, que acabei perdéndome e Ilu tivo que virme buscar.
Falamos longamente, mesmo eu, frustrado porque case non daba entendido o que me dicía o marido de Ilu mentres me pirateaba películas en DVD. Trouxen Goodbye Lenin, Alta fidelidad, Vértigo e Manhattan, e empeñei a miña palabra de pasarlle os meus fondos cinematográficos para que mos piratee.
A Ilu, que ía e viña pola casa, non creo que lle interese nada de todo isto; mesmo a min chegou a desbordarme aquela obsesión compiladora. Pensei, de camiño á casa, se esta afección de P. non será un substitutivo dalgunha cousa, algo que suple unha carencia.
Igual que un neno a outro, P. ensinoume os lotes de DVDs gravados, as coleccións de música (pirateada ou non), os libros, as caixas de catálogos do CGAC arrumados no garaxe. E por tras da nosa conversación, dificultada pola miña falta de ouvido, aquela especie de pesar, aquel desgosto contra case todo: o traballo, Atenas, a literatura fácil (falamos, como non, de Follet, do Código Da Vinci, de Caneiro), a mediocridade intelectual que nos afoga...
P. é fermoso, e fermosa a súa madurez, e esta fermosura sen dúbida se incrementa coa pose, coa actitude de profundo orgullo, mesmo de soberba, do que mantén o corazón puro e a mente imaculada.
P. é Lord Byron envellecido, coa neve do tempo asomando na barba e nas cellas.