venres, 5 de marzo de 2010

Baile

Un aspecto interesantísimo das rupturas é analizar os comportamentos subseguintes de cada unha das partes; case todos os divorciados emprenden unha actividade nova que lles fai sentir que teñen o control ou que hai vida fóra daquela illa que ficou atrás; algúns desfanse de todo canto hai no armario para comezar de cero, renovando do perfume ás medias (Ambece) mentres a outra parte inicia vida a toda velocidade adquirindo un coche enorme; hai quen vende o antigo domicilio familiar (Mirinda) e quen se pon a dieta, quen se abandona ás latas e á comida conxelada e quen se atreve co pilates, quen aprende cousas inverosímiles e até quen abre un blog para contalo.
Saberán desculparme tanta enumeración para contar que Erg, amiga e colega do instituto, vai desde hai unhas semanas practicar bailes de salón; agora que por fin podo, engade mentres tomamos café. Leva separada desde o curso pasado: dixéramo ela mesma nunha garda, ese terrible momento de facelo público porque antes ou despois se vai saber e prefiro contarcho eu, e desde aquela a discreción ou o que fose non permitiu máis revelacións nin botou máis luz sobre a súa vida privada.
Agora fálame, café por medio, de bachatas e tangos e da rara sensación de ir e vir libremente, pero tamén dunha persoa que Erg sabe que eu coñezo porque algunha vez nos viu xuntos na rúa e que, a dicir dela, é o novo Fred Astaire, o rei da academia de danza, o imán de todas as ociosas asistentes.
Teño que pasar lista entre os amigos á procura de candidatos mentres Erg colabora dando pistas, como cando nas películas a policía elabora o retrato robot dun sospeitoso: alto coma min ou máis, fraco, con mosca no queixo, leva gravata que tira en canto chega e americana, sport pero formal, como se fose avogado ou de banca ou así.
Para sorpresa miña, descubro daquela que o mundo non é un val de lágrimas senón unha academia de bailes de salón onde Polis, dúas veces por semana, fai por superar secretamente o del a ritmo de salsa.

6 comentarios:

mariajesusparadela dixo...

Moi bo.

Sun Iou Miou dixo...

Esta mariajesus sempre se me adianta. Eu só lle ía engadir un ai:

Ai que bo!

O mundo é pequeno e gracioso.

Chousa da Alcandra dixo...

Para que despois digan que a vida é un tango.
(A quen o faga dende hoxe, poreille un link a este post seu)

Saúdos (tamén para Erg e o seu bailador)

peke dixo...

En fin, claro que moi bo; lamento non ser máis orixinal.

X dixo...

Hahaha, este Polis é previsiblemente sorprendente e perdóeseme a incongruencia, quen podía ser senón? É moi divertido imaxinalo alí, deixándose querer por unhas e outras en tangos apaixonados.
Moi boa a foto e o texto tamén, en fin, voulle ter que subir a nota nesta avaliación, estou a percibir en vostede unha mellora considerable no seu rendemento, ve como fixo ben en seguir o meu consello e deixarse de tanto tuenti :D

xenevra dixo...

A vida é un tango... ou un alalá, ou unha alborada, ou un aria de La Boheme. A vida é música que anhela ser escoitada e tocada, soa ou en compañía, tanto ten.
Deixo saúdo e outro tamén para o tangueiro do Chousa que sospeito gran bailador.