- No acuario nadan xa dous novos peixiños, brillantes, dourados, totalmente ignorantes da existencia e o final de inquilinos anteriores, e que polo momento non teñen nome; aquela tradición dos nomes homéricos está en perigo despois de que a señorita Kaplan, nun inexplicable arrebato de saudade, propuxese chamarlles Laa-Laa e Tinki-Winki (ou como queira que se escriban). As negociacións están abertas.
- Da visita a Delfos traio a promesa de recuncar e a evidencia de que (talvez) non sempre segundas partes foron malas: longas conversas sobre cine e música, unha carreira baixo o diluvio para chegarmos a tempo a unha película de pouco fiar que ao final acabou gustándonos, unha cea de deseño e un almorzo de churrería (Calmo é dos que teñen a neveira vacía), e, entre medias, unha dinámica case bélica de escaramuzas e combates onde pille, á boa de Deus.
- Dar dá a impresión de nos agacharmos un do outro tras un tecido de mensaxes, chamadas perdidas e emails nadalencos, pero hoxe mesmo tentarei devolverlle a Tere Holmes os libros de marras, non sendo o Ourizo, a quen darei unha oportunidade pouco esperanzada: o máis probable é que a película me gustase por eliminar toda a follarada que fai a novela irrespirable, sota, cabalo e rei, sen esa sobrecarga de neurose adolescente, repelentes burgueses á francesa e demais.
- A limpeza no rocho é imparable; meu pai está tan disposto como se do outro lado da porta, en vez de colchóns e caixas de inutilidades e porcarías, o que hai fose o tesouro dun faraón. Atopei, sen embargo, a desculpa perfecta: ten nove anos e medio e seguirá comigo aínda unha semana.
- A señorita Kaplan non cre xa nos Reis Magos. Eu supuña que isto redefinía o statu quo, pero estaba ben errado: se ben aceitou de mala gana vir comigo comprar os agasallos para o resto da familia, que imos colocando baixo a árbore, négase por completo a facer o mesmo cos dela. É máis, á miña pregunta de que che parece poñermos tamén os teus agasallos baixo a árbore para abrilos o día de Reis pola mañá, a señorita Kaplan respondeu laconicamente: Decepcionante.
luns, 4 de xaneiro de 2010
Andamos
Etiquetas:
Calmo,
Cine,
Delfos,
Mascotas,
Miró ilustrou,
Pais e fillos,
Rochos,
Señorita Kaplan
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario