sábado, 16 de xaneiro de 2010

Tías

A familia anda revolucionada e remordida: as irmás máis vellas de meu pai, altamente octoxenarias, anunciaron o Domingo que van deixar a casa para írense a unha residencia xeriátrica. Atrás quedan caídas, alarmas de madrugada, falsos mobbing, noites en branco e outros sobresaltos.
Non vai ser unha mudanza inmediata, porque non hai motivo de urxencia nin prazas vacantes, pero as miñas tías fixeron xa a petición, soltaron a bomba, e aquel agónico modelo de familia tradicional, que aínda sacode os tentáculos no fondo de todos, percutiu en cada casa como se as tías en verdade solicitasen a deportación para un campo de exterminio.
Meu pai cala e miña mai di que fan as coitadas de tripas corazón, que se autoconvencen pasando lista ás amigas que foron para alí ultimamente, dicindo o estupendo que é teren perruquería e salón de xogos, e ningunha falta de iren ao súper ou de faceren de comer cada día.
Mesmo a tía G., a muller máis negativa e pesimista deste mundo, empeza a crer nas vantaxes de se mudaren á residencia, apesar dos vellos, agora que lle aseguraron que poderá levar o novo televisor de 40' para ver no seu cuarto gayosos e novelas mentres a tía O. xoga abaixo á brisca e practica tai-chi.

8 comentarios:

mariajesusparadela dixo...

Supoño que se fai duro. A miña nai aguantou o tirón de non querer estar con ningunha filla, coa axuda dunha rapaza brasileira á que nunca llo agradeceremos bastante.

Xan dixo...

Os tempos, os seus recursos, as novas realidades cambian os hábitos de conduta. Ao abrirse un novo abanico de posibilidades afastadas do tradicional, o medo ao que dirán, a que os demais teñan a sensación de que abandonamos aos nosos familiares créanos desazón. O bo, é que se poida elixir, dentro do posible. Estar nunha Residencia non ten que significar abandono se o contacto é frecuente.

xenevra dixo...

Novos tempos nos circundan, mais somos teimudos e pretendemos xustificalos. Pouco a pouco van caendo falsas lendas sobre a escuridade e soidade destes lugares; falan entre eles e ven as súas amigas que forman panda, que xogan ás cartas, que comentan na tv, que bailan... mentres na casa morren co aburrimento. Aínda así, é duro dicir que te piras para unha resi porque hai máis ambiente que na casa. A estas idades!!!!

paideleo dixo...

Eu teño unha avoa nunha residencia e mireina mui ben cuidada. Supoño que será a millor opción en muitos casos.

Chousa da Alcandra dixo...

É curioso. Todos temos unha tía sumamente negativa e pesimista.
Con todo, eu quería moitísimo á miña tía C., que empezaba a ler o periódico sempre polas esquelas e rezaba cada día o responso a San Antón para que non nos mancásemos ningún sobriño. E o certo é que a vida foinos mancando, mais ou menos, moi levemente...

Maribel-bel dixo...

Eu quédome sempre coa idea de que nos xeriátricos se xoga as cartas, se ve a tv en compaña e se xoga a namorarse coma de 15. Non me parece ningunha crueldade, comparado con estar na casa sós, esperando a que cheguen os fillos o domingo comer e volten a marchar. Paréceme que os maiores cansan de estar sempre mirando para a porta. Biquiños

peke dixo...

Paréceme unha idea excelente en abstracto.
Aquí hai unha residencia de maiores e véxoos pola fiestra sentados sen facer nada; moitos están mal e moi deteriorados, pero os que aínda son minimamente autónomos saen pola vila e andan nos bares. Tamén vexo a moitos andaren sós.

zeltia dixo...

si, bueno.
estaren na casa sós non mola.
ser unha "carga" para os fillos, tampouco mola.
pero eu sei dalgunha vella que chora a cotío porque querería estar na casa da filla vendo medrar os netos "coma ten que ser" -referido pola filla que afoga cos remordimentos-

todos queremos chegar a vellos.
pero case todos os vellos están tristes.