martes, 2 de agosto de 2011

Primeiro día

A escapada lisboeta comezou cun madrugón atroz, que só en parte e dificilmente poderían compensar as miñas arengas e apelos ao heroísmo: para voar ás oito da mañá cumpría que nos erguésemos cando menos ás 5.00, habida conta que necesitábamos unha hora para chegar ao aeroporto e dúas máis de antelación ao se tratar dun voo internacional.
Total para nada: o noso avión era diminuto, sen aeromozas nin máis aló dunha ducia de asentos, non todos ocupados, así que pasamos os controis policiais nun tempo record e esperamos o embarque vagando como zombis polas salas e corredores vacíos, cos ollos cheos de sono.
Aquel avión tan pequeno non lle gustou nada á señorita Kaplan; tampouco a min, ao mellor por lembrarme aquelas avionetas que nas vellas películas de Tarzán sempre se esnafraban na selva, cousa que non comentei por razóns obvias; por facer algo, púxenme a devorar os sandwiches de queixo plastificados que nos deran nunha caixiña de cartón, e que a nena se negou de plano a probar.
Unha hora e media despois, sentados nun bus ateigado de adolescentes nórdicos e equipaxes de variadas formas e tamaños, mentres a señorita Kaplan se resistía a retrasar unha hora o seu reloxio (total, por uns poucos días...), atravesábamos as barriadas aínda adormecidas baixo o sol recente. Pronto apareceron os primeiros lugares coñecidos, que corrían ao noso pasar tan grandes e nítidos como os recordaba: o Campo Grande, o predio da Biblioteca Nacional, Entrecampos, as preciosas mansións e palacetes modernistas da Avenida da República, o Campo Pequeno, os monumentos ao Duque de Saldanha e ao Marqués de Pombal... 
Vinte anos despois, estaba de novo a camiñar polas calzadas de Lisboa, primeiro baixo as sombras dos plátanos e as tilias da Avenida e, unha vez rexistrados no hotel e liberados das maletas, á volta das fontes do Rossio, pola Rua Augusta, xunto ao Cais das Colunas, baixo as arcadas do Terreiro do Paço; de cando en vez ralentizaba o paso, admirándome de ver agora a miña filla camiñando ao meu lado, moi atenta a todo o que ía vendo na mañá soleada e ventosa.

Ningún comentario: