martes, 8 de xaneiro de 2013

Os Reis

A señorita Kaplan marca o calendario: como o pasado era ano par foi un vello pirado (se era o Apalpador ou Santa Claus aínda está por ver) o que nos trouxo os presentes o día de Nadal; e como este é impar e a nena está con súa mai, na mañá de Reis non hai baixo a árbore nin celofán nin papeis de cores, nin máis sorpresa que algunha penuxe facendo compaña á planta carnívora con que me agasallou a miña sobriña, non sei se con algunha intención oculta.Fixen tempo dando voltas pola casa; preparei o almorzo, seguro de que o teléfono había de soar a medio da torrada ou pillándome coas mans na mandarina; decidinme a chamar eu e, cando finalmente o teléfono deixou de comunicar, resultou que a nena saíra á procura dos agasallos na casa da súa avoa.
Dubidando se meterme na ducha (basta facelo para que chame, pensei), acabei voltando para a cama a ler aquela pequena maravilla, e nin por esas: o teléfono permaneceu mudo e impasible. De xeito que a mañá de Reis decorreu sen máis Reis que os do viciño a colgar da súa ventá, xeados baixo a néboa; horas despois na de miña irmá, no tradicional xantar que despide as festas, asomou O Outro unha vez máis pola tele, que xa perdemos a conta: miña mai di que o atopa desmellorado e fofo, o que acorda clamores antimonárquicos e pouco elegantes solicitudes de abdicación mentres roemos no leitonciño asado e bebemos do godello.
Á tarde, cando xa empezaba a pensar que vería a súa foto nos sucesos, a señorita Kaplan chamou porfín para enumerar como de pasada os libros recibidos e rapidamente describir con minuciosidade de inventario os xerseis, as blusas, a saia vintage (xuro que tal dixo) e a preciosa maleta que desde a semana próxima nos vai acompañar in itinere.
Dous días despois creo que hai unha relación directa entre a idade da nena e o tempo que tardou en coller o teléfono para contarme os seus Reis; a esta teoría, confésoo, non é alleo o repunante de Polis, que está convencido de que dentro de dous anos, o próximo que for impar, a señorita Kaplan non vai chamar até o día seguinte.

Ningún comentario: