domingo, 23 de outubro de 2016

Kilómetros

8.00: O deber inescusable de carácter privado que teño marcado para as 12 permíteme durmir unha horiña máis. A casa está fría, principalmente despois da ducha. Tras o almorzo fumo dous cigarros; o último nin o termino: é a estúpida obsesión de non dar chegado. Antes das nove pillo o coche e poño rumbo a un xulgado nun punto equidistante entre Delfos e Manderley.

10.00: Asumindo que vou demasiado cedo, paro de camiño a tomar outro café e a comprar tabaco nunha tenda-estanco; o exceso de café e unha muller que tende roupa no aparcamento fanme a entrar de novo para comprobar que aínda sobreviven as espeluznantes placas turcas en retretes de posguerra; tal é así que volvo ao coche co estómago revolto.

12.00: A procuradora explícanos na porta do xulgado que a avogada non vai vir por culpa dunha endodoncia, e que a súa señoría tampouco estará presente porque en realidade non estamos citados; ao parecer, aténdennos de favor. O escaneado do convenio que mandamos é tan tenue que case non se le e hai que presentalo en papel para que a xuíza non o rexeite. Recoñecemos o documento e asinamos os poderes; o trámite non leva nin dez minutos.

12.15: Saímos do xulgado e camiñamos devagar ao sol, sen rumbo, entre persoas que se moven en todas direccións, algunhas cargando bolsas porque veñen do mercado. A carpeta de plástico vacía onde ía o convenio pasa das miñas mans ás dela, e sucesivamente viaxará entre as nosas mans durante case unha hora, coma un símbolo. Xa sentados nun banco, os vagos reproches, as réplicas e as contrarréplicas, esa inútil contabilidade dos miles de horas que ela pasou en consultas de pediatras e dentistas, en ensaios, en adestramentos e partidos, en cumpreanos, os miles de kilómetros que viaxei eu todos estes anos para recoller a nena en fins de semana alternos e insignificantes, esmorecen lentamente e, cos ollos húmidos, acabamos por nos centrarmos no que verdadeiramente importa, esa nena espléndida da que nos sentimos orgullosos. 

14.45: Espero por Venres fumando na entrada do centro comercial, despois de comprar algunha roupa de inverno e perderme varias veces. Mentres xantamos (bastante escasamente) nunha estraña pulpería ultramoderna, tan típica e enxebremente galega que até se esqueceron da lingua, cóntolle a aventura do xulgado e, moi por riba, o demais. El cóntame do cumpre que lle toca esta semana e organizamos algo para o serán do domingo.

17.00: Con bastante retraso sobre o previsto, saio para Manderley a recoller a señorita Kaplan, que espera xa coa maleta feita, a mochila cargada de libros e deberes cos que compartiremos o fin de semana e moitas ganas de me poñer ao día. En canto arrinca o coche, a señorita Kaplan empeza a súa disertación, que xa non parará practicamente até vermos asomar o sky line de Ithaca.

19.45: Instalada a nena, rodeada de todo o que a fai feliz (o móbil, a wifi, a tele, un libro, as zapatillas) saio a toda présa para o ensaio: co Tamborileiro abrimos a temporada de Nadal.

    Ningún comentario: