Coñecín onte ao serán os viciños de enriba, os renovadores, os radicais, os arrincabañeiras.
Pasaron, máis que a se presentaren, a preguntaren cousas como cal é o piso do presidente, onde están os contadores ou que axencia nos administra.
En xeral, responden ao retrato robot dos habitantes deste portal: unha parella de recén casados a quen o escintilar da alianza delata na penumbra da escaleira, home e muller novos e polo de agora sen fillos, que compran a primeira vivenda, na que meterán os primeiros aforros conxuntos e os primeiros mobles procedentes dos agasallos e da lista de bodas dun casamento que culminou nun todo-incluído do que aínda gardan excelentes lembranzas e unha colección de fotos ilusionadas.
Así son e así as gardarán os que viven enfrente, os de embaixo, os do lado e as outras parellas coas que me cruzo no portal ou falo do tempo no ascensor: non sendo a solitaria señora maior do ático e a solitaria pseudo-Laura que non sei onde vive, é como se o círculo se cerrase á volta do solitario señor do cuarto, que nin se chama Dufayel nin ten os ósos de cristal nin queima os días pintando un mesmo cadro de Renoir.
4 comentarios:
Ás veces penso que pensarán os veciños se se visen retratados nese blog que len. Por sorte os meus veciños, creo que non len blogs nin nada que teña letras.
Uff, que sempre me esquezo, o anterior comentario é meu.
Saúdos.
X
Pregúntome que entrada farían os veciños sobre ese veciño que escribe.
Boh, señor Kaplan, mire que irse meter agora coa Lauriña...
Pois eu non son de Béxica, non vivo nun ático pero identíficome moito con esa señora maior...faga favor de mirarma, desde hoxe, con bos ollos ( e que non lle vaia dala risa)...
Publicar un comentario