sábado, 7 de marzo de 2009

Pradolongo

Porfín vin Pradolongo (en copia non pirata), e levo horas remoendo se amablemente deixala correr, calando que se trata dun edén onde os bos son inevitablemente bos e os malos inevitablemente malos, ou aínda peores, onde se pode marcar unha liña que separe o ben do mal sen medo a errar, e onde a psicoloxía das personaxes ten unha profundidade e unha variedade de matices digna de Barrio Sésamo.
A fotografía e a banda sonora son desde logo excelentes, as paisaxes sublimes, atinado o emprego do dialecto oriental, pero os mozos protagonistas actúan forzados e imposibles: fan o que se lles manda, obedientes e adestrados, sen sentir. As escenas de sexo son trapalleiras, puerís e inverosímiles, como pensadas para reforzar a idea de que esta non é unha película para o Xabarín, onde queira que se atope. Que resta? A paisaxe e a banda sonora.
Se entendemos que normalizar o cine galego é facer películas, daquela estamos normalizando o noso cine.
Se entendemos que normalizar o cine galego é facer un bon cine, daquela estamos aínda empezando camiño. (E, vostedes perdoarán, queda moito por andar)

4 comentarios:

X dixo...

Mirareina, que conste que é vostede o primeiro en poñerma mal.

Peke dixo...

É a primeira noticia que teño (vostedes perdoarán a desinformación), pero gustoume o enlace que puxo. Claro que se de amores adolescentes se trata, eu xa vou un pouco resesa.

Sun Iou Miou dixo...

Non a vin pero visto o visto, non hai máis que falar: grazas por me aforrar o desgusto.

Perry dixo...

A mí me gustó, ya ve.